• BENVIDOS Ó BLOG DE RAFA QUINTÍA

  • SOBRE O AUTOR

  • © Fotografías blog: Rafa Quintía

  • MARIÑA: DE DEUSA A SANTA

  • MONTE DAS CROAS: ANTROPOLOXÍA DUN CASTRO

  • ANÁLISE ESTRUTURAL E SIMBÓLICA DO MITO DA MOURA

  • LA HISTORIA DE GALICIA EN 50 LUGARES

  • USO SIMBÓLICO DO CUARZO NA CULTURA GALEGA. Aspectos etnográficos e arqueolóxicos

  • PATRIMONIO INMATERIAL DE SAN MARTIÑO DE SALCEDO

  • ALICORNIO. O PODER DO CORNO DE UNICORNIO NA MEDICINA TRADICIONAL GALEGA

  • A NOSA SEÑORA DA LANZADA. Estudio antropológico de un santuario costero.

  • PARA CANTAR VEÑO EU! Unha viaxe pola cultura musical galega da man dos Chichisos

  • DE VELLO, GAITEIRO! Biografía do grupo de música tradicional Os Chichisos

  • DEUSES, MITOS E RITOS DO MONTE DO SEIXO. Unha proposta interpretativa en clave céltica.

  • Á SOMBRA DE BOUZA PANDA. Poemario de trincheira e maldizer

  • MUÍÑOS, A MEMORIA DA AUGA.

  • Documental “SETE CAMIÑOS. ENCRUCILLADA DO TEMPO”

  • Documental “COMUNEIROS. Cen anos de vida e loita polo monte de Salcedo”

  • Documental “Monte do Seixo. A Montaña Máxica”.

  • Curtametraxe documental “NOITE DE REIS COS CHICHISOS”

  • A PEDRA DO FUNDAMENTO

  • “FEITO NA CASA”

  • “FOL DE VELENO. Anuario de Antropoloxía e Historia de Galiza”. Nº6

  • “FOL DE VELENO. Anuario de Antropoloxía e Historia de Galiza”. Nº5

  • “FOL DE VELENO. Anuario de Antropoloxía e Historia de Galiza”. Nº4

  • “FOL DE VELENO. Anuario de Antropoloxía e Historia de Galiza”. Nº3

  • “FOL DE VELENO. Anuario de Antropoloxía e Historia de Galiza”. Nº2

  • “FOL DE VELENO. Revista de Etnografía e Historia de Galiza”. Nº1

  • ALBIÓN GALAICA

  • “GALICIA ENCANTADA: O país das mil e unha marabillas”

  • “OS MOUROS E AS MOURAS: MÁXICOS ENIGMÁTICOS DA MITOLOXÍA POPULAR”. Actas das V Xornadas de literartura de tradición oral.

  • POEMARIO DOS GAFOS. Obra colectiva.

  • CATÁLOGO-GUÍA do Espazo Natural e Arqueolóxico dos Sete Camiños

  • AS PONTES DE PONTEVEDRA. Libro da exposición do mesmo nome. (Obra colectiva)

  • ATAS DAS JORNADAS DA LITERATURA GALAICO-PORTUGUESA 2012-2014

  • ACTAS DAS II XORNADAS SOBRE O ENTROIDO DE GALIZA

  • ACTAS DAS I XORNADAS SOBRE O ENTROIDO DE GALIZA

  • ENTRADAS POR ORDE CRONOLÓXICA

  • CONTADOR

    • 114,200 hits
  • Follow Á Sombra de Bouza Panda on WordPress.com

SAN MARTIÑO DE TOURS, O SANTO LEXIONARIO DA MIÑA PARROQUIA

A parroquia foi no mundo rural galego o núcleo básico de ordenamento territorial, a auténtica unidade social asentada nun territorio perfectamente delimitado, identificado e recoñecido polos seus veciños. Malia que a parroquia ten unha orixe eclesiástica — o Código do Dereito Canónico defínea como a unidade básica de delimitación territorial da Igrexa, agrupados xerarquicamente en arciprestados— co tempo tomou un novo significado como a unidade administrativa básica para regula-la participación veciñal. A parroquia tamén ten un compoñente económico e agrario pois facilita a organización da actividade agraria tradicional e do aproveitamento dos recursos comúns, dos cales o monte comunal é un bo exemplo.

San Martiño de Salcedo, igrexa parroquial

O termo parroquia ven do  latín  parochia e do grego  paroikía, que significa “habitación” ou “reunión de habitantes”, sendo  paroikos o “veciño” e  paroikein  “residir”.  No senso etimolóxico, forman a parroquia, xa que logo,  os que  viven xuntos ou os que habitan en veciñanza.

A partir das Cortes de Cádiz de 1812 tivo lugar a caída do Antigo Réxime e a implantación dunha nova administración de corte liberal. Estes cambios políticos, económicos e sociais desembocaron na formación dos modernos concellos tomando como base de referencia a parroquia. Os concellos, á súa vez, forman parte das comarcas, moitas das cales corresponden coas antigas trebas galaicas xa mencionadas nos textos clásicos.

Parroquias de Galicia

Ó longo dos séculos este peculiar microcosmos galaico foi testemuño de moitos cambios políticos, económicos e sociais pero para os galegos a parroquia seguiu sendo a súa referencia identitaria, a súa patria chica. Así que cando lle preguntas a un galego onde vive, agás que viva na cidade, ou lle preguntas de onde é dirache que é do lugar de tal, da parroquia tal que, por imperativo legal, pertence ó concello X.  Por exemplo, do lugar do Cruceiro, da parroquia de San Martiño de Salcedo, concello de Pontevedra.

Hoxe en día en Galicia hai 3.792  parroquias segundo o nomenclátor oficial de topónimos, e cada unha ten un santo patrón, xeralmente único pero, ás veces, poden ser dous ou incluso hai algunha parroquia, sobre todo urbana e de recente creación, que non ten patrón. E como hoxe é 11 de novembro, voulles falar de San Martiño, o patrón da miña parroquia, porque un galego sen parroquia e como un barco sen temón.

 

San Martiño de Tours é o patrón de Salcedo, e como tal, e obxecto de moito cariño e devoción popular por parte dos veciños da parroquia. A súa festa celébrase o 11 de novembro. Polo San Martiño era costume na miña parroquia e antigamente, matar unha tenreira para a comida familiar do día do patrón. Algunhas familias, as máis ricas, mataban unha pequena para eles sos, outras xuntábanse dúas ou tres familias para face-la matanza dunha vaca en conxunto e reparti-lo animal a medias. Cando non había tantos posibles o que se sacrificaba era unha cabra ou un carneiro.

Tamén había costume de coce-lo “pan da festa” que era de trigo, ou a “bola da festa”, que se facía de millo con fariña moi fina por riba. Esta bola regalábase ós amigos doutras parroquias. Actualmente,  nalgunhas parroquias galegas como a de Borela en Cotobade, aínda existe o costume de face-lo Bolo de San Martiño, unha bolo feita con fariña de trigo, millo e centeo e que tamén leva froitos secos.

 

Hoxe en día, os veciños de Salcedo seguen a celebra-lo día do seu patrón con grandes comidas familiares pero xa se perdeu parte da ritualidade destes banquetes festivos. Na actualidade xa ninguén coce o pan ou a bola da festa, nin existe o costume de facer un determinado menú, nin matar un becerro como se facía hai cen anos. Pero si se mantén a tradición dos magostos tan típica desta época do ano e, por exemplo, este domingo — día do patrón— asáronse castañas para toda a xente que, con motivo da misa e da procesión,  acudiu pola mañá ó atrio da igrexa. 

 

Altar maior da igrexa de San Martiño de Salcedo

Pero falemos agora de quen era ese famoso santo que dá nome, como advocación, a moitas parroquias galegas. Iconograficamente, San Martiño represéntase montado a cabalo e cortando a súa capa coa espada para darlle a metade ó mendigo que figura sempre ós seus pés. Esta representación correspóndese  a un episodio da súa vida que narra como nun inverno do ano 337 estando Martiño en Amiens como lexionario romano atopa no camiño un pobre morto de frío ó que decide dálle a metade da súa capa para que se abrigase.  Contan que na noite seguinte a este xesto de bondade e en agradecemento polo seu  acto, Cristo se lle apareceu  en soños vestido coa metade da capa que lle dera o mendigo  e lle dixo:  “Martíño, hoxe cubríchesme coa túa capa”.


Este feito deu orixe ó termo “capilla”· para designa-los pequenos lugares de culto, pois a media capa de San Martiño foi gardada coma unha reliquia nun pequeno santuario construído ex profeso ó que ían moitos devotos coa idea de “ir orar onde está a capilla”.

Segundo a súa haxiografía, o santo naceu en Sabaria, actual Hungría, no ano 316 e morreu en Candes, Francia, no ano 397. Foi fillo dun tribuno militar romano, e fixo carreira militar no exército  romano ata a súa conversión ó cristianismo, momento no que abandonou o exército e únese ós discípulos de San Hilario de Poitiers para dedicarse á vida relixiosa. Realizou un intenso labor de apostolado e de loita contra o paganismo e fundou numerosas parroquias na Galia, especialmente entre as comunidades campesiñas.

Un sol outonal ilumina a igrexa de Salcedo

Para algúns investigadores a súa actitude de tolerancia cos priscilianistas pode ser unha das causas da súa popularidade na Gallaecia pois, pese a manter unha postura crítica co priscilianismo, opúxose á execución de Prisciliano e á posterior represión dos seus seguidores. Esta postura levouno  a enfrontarse co bispo Ithacio, partidario da acción represiva, e pediu clemencia ó mesmo emperador Máximo para os seguidores de Prisciliano acusados de herexes. San Martiño foi un dos santos máis populares na Idade Media. A súa festividade  celébrase cada ano en moitas vilas e aldeas galegas e son numerosas as parroquias e dioceses baixo a súa advocación. San Martiño de Dumio, evanxelizador do Reino Suevo de Galicia tamén se puxo baixo a advocación de Martiño de Tours.

Hoxe, San Martiño de Tours é patrón, entre outros, dos soldados, os tecedores, os traballadores do téxtil, dos mendigos, dos presos e dos gansos.

En Galicia existen entre 102 e 163 advocacións distintas, segundo  se consideren iguais ou distintas certas advocacións con nomes similares. Das once advocacións con máis parroquias San Martiño é a cuarta en número de parroquias con esa advocación, cun total de 238 e cunha porcentaxe sobre o total dun 6,3 %.

Para Xosé Manuel González Reboredo, coordinador do Instituto de Estudos das Identidades del Museo do Pobo Galego, a  conexión entre Galicia e  San Martiño débese en parte a unha lenda que se remonta ó reino suevo de Galicia, o primeiro reino de Europa, dito sexa de paso. Segundo recolle Gregorio de Tours (538-673), a conversión dos suevos debeuse a un milagre de San Martiño, e por iso o fixeron patrón da diocese de Ourense. Parece ser que a Carriarico,  rei suevo de Gallaecia (século VI), enfermoulle o seu fillo Miro. Procurando salva-lo seu primoxénito, e coñecedor dos milagres que facía o santo, Carriarico mandou edificar unha igrexa en honra de San Martiño e enviou mensaxeiros a  Tours para que trouxesen a reliquia do santo e o seu fillo a  tocara  e puidese curarse. Chegaron as reliquias a Ourense e o fillo do rei curou  co que o rei Suevo e todo o seu pobo convertéronse no ano 550 ó cristianismo tal e como prometera. Esta lenda indicaría que xa no século V-VI había na nosa terra un certo culto a este santo.

 
Se ben isto é o que conta a lenda, a conversión dos galaicos  á relixión cristiá remóntase ó século IV. No ano 313  o emperador Constantino I co seu edicto de Milán legaliza a relixión cristiá. No ano 380 co edicto de Tesalónica o cristianismo convértese na relixión oficial do Imperio Romano de Occidente. A partir deste momento as elites  galaico-romanas foron abandonando os seus cultos e deuses e adoptando progresivamente o cristianismo. Foi neste século IV cando aparecen as primeiras sés episcopais da Igrexa galega. A medida que se ían formando as comunidades cristiás, estas elixían un santo titular e así van aparecendo moitos dos santos patróns das nosas parroquias. Por iso os santos venerados nas parroquias galegas teñen unha orixe bastante antiga e non hai practicamente advocacións de santos canonizados nos últimos séculos. Os santos cuxo culto comezou no século VI son os máis numerosos nas advocacións das parroquias galegas, contabilizando un 58 %, seguíndolle ás advocacións datadas no século VII (un 25%), as do século V (un 11%) e as máis antigas do século IV (cun 5%). Tamén hai advocacións que se corresponden a santos de orixe descoñecida, posiblemente orixinados nun proceso de cristianización de persoas ou deuses de culto precristián.

 

San Martiño, pois, é un deses santos máis antigos, cuxo culto chegou á nosa terra da man daquel primitivo cristianismo galaico do século IV. E dende entón o santo da “capilla” e o cabalo acompaña o noso calendario marcando a chegada do inverno, o tempo dos magostos e o tempo de honra-los nosos mortos, e so por iso ben vale unha misa e unha procesión.

 

 

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

%d bloggers like this: