NÓS E A FIN DO MUNDO

Seica hoxe faise obrigado falar da Fin do Mundo. Estiven agardando ata esta tarde para face-lo post, non fora ser que o traballo  fose inutil. En vista de que por agora a cousa segue igual,  aló imos.

DSC_6801

Códice maia de Madrid. Museo de América

Son moitos os que ó longo da historia prediciron a fin do mundo. E moitos foron, en vista dos resultados, os que erraron nas súas predicións. Como curiosidade ó respecto, na miña biblioteca teño un libro que merquei non hai moito nunha libraría de ocasión que leva por título: “Fin del mundo año 1999”, de Chales Berlitz, aquel autor dos 70 famoso polos seus libros sobre o  Triángulo das Bermudas. Nesta “sesuda” obra, que merquei como brincadeira en vista da súa capacidade de videncia,  Berlitz analiza as Centurias de Nostradamus e chega á conclusión de que a fin do mundo acontecerá no ano 1999.  Seica non andou moi fino neste traballo ou quizais a culpa foi de Nostradamus.

escanear0014

O ano 1000 quedou marcado na historia como o referente en canto ó medo colectivo a Fin do Mundo. A troca de milenio levou consigo o xurdimento daquel pensamento milenarista, ancorado na idea da apocalipse e da chegada do final dos tempos.

27B3x1024y768

Hai xa doce anos, coincidindo coa chegada do ano 2000 e co cambio de era —aínda que este acontecería no 2001— volvemos sufri-lo furor do temor á Fin dos Días. O medo ó que se deu en chama-lo “efecto 2000” e o caos orixinado por que o software dos equipos informáticos non estivese preparado para o cambio de díxitos orixinado co transo do 1999 ó 2000 fixo correr ríos de tinta, gastarse miles de millóns de euros e provocou que moita xente no mundo volvese a vivir atemorizada pola posibilidade de que o seu mundo desaparecese do día á mañá.

DSC_6557

Neste ano 2012 desatouse de novo a febre da fin do mundo, unha pandemia cíclica alimentada por unha mala interpretación dunha suposta profecía maia que apuntaba o 21 de decembro como o día da apocalipse final, isto é, hoxe mesmo. Os que se molestaron en informarse un pouco saben que tal profecía non foi tal, e que esta errónea crenza nace dunha malintencionada interpretación de varias estelas maias nas que se di que nesta data acabará a conta longa do seu calendario —que comezou no ano 3114 a.C.—, abríndose, xa que logo, unha nova etapa temporal marcada na súa mitoloxía pola chegada do Quinto Sol. Vamos, que acaba o calendario e hai que empezar con outro.

OLYMPUS DIGITAL CAMERA

Estela maia de Cobá. México

En Occidente, debido ó xudeocristianismo, temos unha concepción lineal do tempo na que o pasado antecede ó presente e este ó futuro, nunha secuencia cronolóxica que podemos ilustrar como un vector de liña temporal. Noutras culturas, como era a Maia, o concepto do tempo é distinto, teñen unha concepción circular na que pasado, presente e futuro poden interactuar en distintos planos como círculos concéntricos e chegar, incluso a solaparse. Na cultura tradicional galega, ou cando un analiza as nosas lendas, os nosos mitos e fala coa xente, podemos chegar a pensar que tamén  nós temos un concepto peculiar do tempo, onde, ás veces, non está claro que é pasado e que é presente, e todo tempo pasado convértese nun tempo nebuloso onde acontecementos de épocas dispares suceden nun mesmo presente histórico. Hai uns días, falando cunha veciña dunha aldea de Lugo, comentábame ó respecto dun penedo con lendas de mouros, que estes mouros loitaran na Gurra Mundial e que saqueaban o ouro do señor feudal do castelo de Donalbai e despois agochaban estas riquezas nun penedo onde habitaba unha moura coa que se encontraran algúns veciños, entre eles os criados do castelo. Velaí, pois, un exemplo de pasado mítico onde a cronoloxía histórica se nos amosa como un totum revolutum.

VLUU L100, M100  / Samsung L100, M100

A Besta da Apocalipse

Pero volvamos ó tema do medo a fin do mundo A nosa terra non foi allea a estes agoiros de destrución. A crenza na apocalipse forma parte da nosa cultura, cando menos dende a chegada do cristianismo onde ben claramente anunciada no Novo Testamento, aínda que sen especificar unha data concreta, por aquilo de non vai ser que non acerte e despois perda credibilidade.

Y cayó del cielo sobre los hombres granizo, o pedrisco, del grandor como de un talento; y los hombres blasfemaron de Dios por la plaga del pedrisco, plaga que fue en extremo grande.

O Día da Ira. Libro da Apocalipse

gallows

Tamén algúns vedoiros, videntes, místicos e iluminados varios achegaron o seu grao de area para manter vivo o temor ó fin do mundo. Temos un exemplo nas profecías de Fátima nas que, supostamente, sor Lucía predicía o comezo da II Guerra Mundial.

Cando vexades unha noite iluminada por unha luz descoñecida, sabede que ese é o grande sinal que vos vai dar Deus de que vai comezar a castiga-lo mundo polos seus crimes con guerras, fame e persecucións da Igrexa e do Santo Pai.

Newspaper_fatima

Fonte: http://commons.wikimedia.org

Pero moitas outras personaxes, incluso do noso folclore tradicional,  vaticinaron tamén o final dos días. O mítico Tecelán de Carballás, sabio e vedoiro da Terra de Montes,faría o mesmo nun pasado impreciso, irrompendo nas casas e sentando ó carón da lareira sobre o seu caxato para contar historias e lanza-la súa profecía sobre o futuro e a fin do mundo. Aínda hai na aldea de Barro de Arén (Cerdedo) quen se di descendente deste misterioso personaxe, feito que nos amosa o que pode ser un interesante  exemplo de xenealoxía mítica. Segundo recolleu o escritor Calros Solla, o Tecelán predixo que a fin do mundo chegaría cando:

Cando o Seixo se vexa cruzado de estradas,

cando os coches anden sen cabalos

e as persoas vaian polo ar,

a xente non se entenderá unha coa outra,

non haberá pai por fillo nin fillo por pai…

Cando isto aconteza, axiña ha chegar a fin do mundo.

OLYMPUS DIGITAL CAMERA

Unha profecía que se repite en moitas zonas de Galicia e de Europa, e cunhas palabras e sinais moi similares: o avance imparable da modernización e da industrialización co cambio social que iso conleva; o caos e as loitas entre irmáns, pais e fillos; a confusión xeneralizada e os prodixios sobrehumanos son sempre sinal de que algo malo vai acontecer.

wreck-of-dunbar

En 1488 naceu nunha cova de Knaresborough, North Yorkshire (Inglaterra) unha nena chamada Úrsula Sontheil que acabaría sendo unha famosa vidente coñecida como a Nai Shipton. Esta vidente inglesa faríase famosa por predeci-la fin dos tempo e fíxoo nestes termos:

O castigo virá cando as pinturas parezan estar vivas e mobibles, cando os carros vaian sen cabalose. isto virá cando os pensamentos voen ó redor da terra nun pestanexar. Cando longos túneles sexan feitos para maquinas sen cabalos, Cando o home poida voar no ar e circular baixo o mar, cando a auga e o lume fagan marabillas , cando ata os pobres poidan ler libros e cando moitos impostos sexan aplicados pola guerra. […] O castigo será xusto, e os sinais estarán á vista de todos. Cando a humanidade cometa os seus máis atroces actos. Cando o home pense só na avaricia e camiñe como sonámbulo, sen mirar.

Xuzguen vostedes as similitudes dos presxios os dos sinais da chegada do final dos tempos, e é tan só un exemplo dos centos que poderiamos citar.

ruins-in-mainz

Hai un tempo, e co gallo dun acto cultural ó que asistín, unha veciña das parroquia Lourizán, veterana mariscadora do antano fabuloso banco dos Praceres, fíxome esta desacougante revelación:

Arden os montes,

secan as fontes,

as carreteras polo monte,

os avións a voar,

a fin do mundo

está a chegar.

Aí é nada. En vista de como está o panorama, en vista de que as fontes do monte de San Martiño de Salcedo xa non dan auga; de que Galicia é cada verán unha xigantesca fogueira; de que xa non hai un km2 de natureza onde non pase unha estrada, autovía, autoestrada, liña férrea do Ave, pista de servizo a un parque eólico ou camiño forestal e de que o noso ceo está cruzado cada día por milleiros de avións, poden imaxinar como me quedou o corpo.

fonte da prata

 

A Fonte da Prata sen auga, no monte de Salcedo (Pontevedra)

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

%d bloggers like this: