• BENVIDOS Ó BLOG DE RAFA QUINTÍA

  • SOBRE O AUTOR

  • © Fotografías blog: Rafa Quintía

  • MARIÑA: DE DEUSA A SANTA

  • MONTE DAS CROAS: ANTROPOLOXÍA DUN CASTRO

  • ANÁLISE ESTRUTURAL E SIMBÓLICA DO MITO DA MOURA

  • LA HISTORIA DE GALICIA EN 50 LUGARES

  • USO SIMBÓLICO DO CUARZO NA CULTURA GALEGA. Aspectos etnográficos e arqueolóxicos

  • PATRIMONIO INMATERIAL DE SAN MARTIÑO DE SALCEDO

  • ALICORNIO. O PODER DO CORNO DE UNICORNIO NA MEDICINA TRADICIONAL GALEGA

  • A NOSA SEÑORA DA LANZADA. Estudio antropológico de un santuario costero.

  • PARA CANTAR VEÑO EU! Unha viaxe pola cultura musical galega da man dos Chichisos

  • DE VELLO, GAITEIRO! Biografía do grupo de música tradicional Os Chichisos

  • DEUSES, MITOS E RITOS DO MONTE DO SEIXO. Unha proposta interpretativa en clave céltica.

  • Á SOMBRA DE BOUZA PANDA. Poemario de trincheira e maldizer

  • MUÍÑOS, A MEMORIA DA AUGA.

  • Documental “SETE CAMIÑOS. ENCRUCILLADA DO TEMPO”

  • Documental “COMUNEIROS. Cen anos de vida e loita polo monte de Salcedo”

  • Documental “Monte do Seixo. A Montaña Máxica”.

  • Curtametraxe documental “NOITE DE REIS COS CHICHISOS”

  • A PEDRA DO FUNDAMENTO

  • “FEITO NA CASA”

  • “FOL DE VELENO. Anuario de Antropoloxía e Historia de Galiza”. Nº6

  • “FOL DE VELENO. Anuario de Antropoloxía e Historia de Galiza”. Nº5

  • “FOL DE VELENO. Anuario de Antropoloxía e Historia de Galiza”. Nº4

  • “FOL DE VELENO. Anuario de Antropoloxía e Historia de Galiza”. Nº3

  • “FOL DE VELENO. Anuario de Antropoloxía e Historia de Galiza”. Nº2

  • “FOL DE VELENO. Revista de Etnografía e Historia de Galiza”. Nº1

  • ALBIÓN GALAICA

  • “GALICIA ENCANTADA: O país das mil e unha marabillas”

  • “OS MOUROS E AS MOURAS: MÁXICOS ENIGMÁTICOS DA MITOLOXÍA POPULAR”. Actas das V Xornadas de literartura de tradición oral.

  • POEMARIO DOS GAFOS. Obra colectiva.

  • CATÁLOGO-GUÍA do Espazo Natural e Arqueolóxico dos Sete Camiños

  • AS PONTES DE PONTEVEDRA. Libro da exposición do mesmo nome. (Obra colectiva)

  • ATAS DAS JORNADAS DA LITERATURA GALAICO-PORTUGUESA 2012-2014

  • ACTAS DAS II XORNADAS SOBRE O ENTROIDO DE GALIZA

  • ACTAS DAS I XORNADAS SOBRE O ENTROIDO DE GALIZA

  • ENTRADAS POR ORDE CRONOLÓXICA

  • CONTADOR

    • 114,139 hits
  • Follow Á Sombra de Bouza Panda on WordPress.com

OS CANTOS DE NADAL E OS CANTOS DE REIS

ARTIGO PUBLICADO O DÍA  24/12/2012  NO “DIARIO DE PONTEVEDRA”

OS CANTOS DE REIS E DE NADAL

A tradición dos Cantos de Nadal e dos Cantares de Reis

 Rafael Quintía Pereira

 

os nenos cantores

Dende hai xa algunha década moitas asociacións culturais do país teiman en recuperar e manter viva —onde non se perdeu— a fermosa tradición, tan propia antano do Nadal en Galicia, de ir de casa en casa cantando panxoliñas e pedindo o aguinaldo. En Pontevedra a asociación cultural Os Chichisos, á que me honro en pertencer, leva xa 15 anos con este labor de recuperación, achegándolles ás xentes da Boa Vila este ancestral costume do noso Nadal e converténdose hoxe en día nunha das estampas típicas destas datas na nosa cidade. Nestes anos Os Chichisos, acompañados de ducias de cativos, levámo-los Cantos de Reis polas rúas e prazas de Pontevedra e de Vigo; polas parroquias de Tomeza, Salcedo,  Bértola e Figueirido e incluso participamos no festival de cantos de Reis que cada ano se celebra en Boimorto, A Coruña.

Houbo un tempo, que eu aínda lembro, en que foi tradición habitual nas nosas parroquias ir cantar polas casas nestas festas de Nadal. Grupos de mozas e de mozos percorrían a aldea ou parroquia cantando panxoliñas, cantos de Nadal e cantares de Reis, todas elas fermosas pezas de literatura popular que foron transmitidas oralmente ó longo dos séculos. A cambio do seu cantar, a mocidade solicitaba o aguinaldo, xeralmente en especie (viño, chourizos, touciño, doces, lambetadas, etc.), que despois consumían todos xuntos facendo unha festa ou foliada.

Os Reises cantamos pedindo aguinaldo

chourizas, touciño pra face-lo caldo.

Pra face-lo caldo,  pra face-lo caldo,

chourizas, touciño pedindo o aguinaldo

VLUU L100, M100  / Samsung L100, M100

En Noite Boa, á saída da Misa do Galo, os mozos percorrían a aldea cantando “panxoliñas” ou “nadais” e pedindo o aguinaldo. O día de Nadal facían outro tanto. Na Noite Vella saíase a cantar polas casas os “manueis” e as “xaneiras”. Vicente Risco di que en certos lugares tamén se queimaba un moneco para despedi-lo ano. O moneco levábase en procesión polas aldeas e finalmente queimábase na eira. Nalgunhas zonas de Galicia como en Verín, ou no occidente de Asturias (Ibias), saían máscaras como as do Entroido, sendo o Nadal, dalgún xeito, o preludio da festividade do Entroido. Aínda que o tipo de composición mudase para cada data, a tradición de reunírense os mozos da aldea para iren cantar de casa en casa estas pezas tradicionais era a mesma por todo o país, e o obxectivo tamén era o mesmo: conseguir algo de xantar e algunhas lambetadas para face-la festa. Diciamos pois que en Nadal cantábanse “panxoliñas” ou “nadais”, en Fin de Ano as “xaneiras”, “manueis” ou “aninovos” e a véspera de Reis os “cantares de Reis” ou “aguinaldos”.

 DSC_3927

Normalmente os temas das cancións estaban relacionadas co tempo do Nadal e co nacemento de Xesús Cristo. No caso dos cantos de Reis a temática adoita xirar arredor da visita e da adoración dos Reis Magos a Cristo, a fuxida da Sagrada Familia a Exipto ou a viaxe de Nazaret a Belén que fixeron Xosé e María e as peripecias sufridas na procura dun lugar onde parir. Poderiamos dicir que moitos destes cantos son versións populares de pasaxes narradas nos Evanxeos. É interesante destacar que case a totalidade dos cantos de Reis relatan unha viaxe ou falan dun camiño.

Cara a Belén camiña

unha nena ocupada,

fermosa en canto a ela

san Xosé a acompaña.

 

Independentemente de que na Biblia se narren moitas viaxes efectuadas pola Sagrada Familia, é posible que esta temática especial  teña tamén certa relación con que o Nadal coincide co período de mínima potencia solar e co intre no que o Sol comeza o seu renacemento cíclico a partir do solsticio de inverno. O Sol viaxa constantemente, nace, faise forte e esplendoroso e morre cada día e cada ano e o camiño representa a busca dunha nova vida. Por iso, dalgún xeito metafórico e simbólico, estes cantos representarían esa viaxe mítica do Sol nun tempo de renovación cíclica como o que se produce no Nadal, datas propicias para o nacemento do Salvador, datas do Sol Invicto.

 OLYMPUS DIGITAL CAMERA

Os cantos de Reis soen comezar cunhas estrofas de presentación dos “reiseiros” nas que se pedía permiso ou licenza para cantar na casa.

 

De lonxe viñemos

os que aquí chegamos,

se nos dan licenza

os Reises cantamos.

 

A continuación viña o propio relato, ou canto de Reis, e adoitaban finalizar cunha estrofa de loubanza ós da casa onde se cantaba en caso de obte-lo aguinaldo desexado, pero tamén podía rematar dun xeito ferinte, e mesmo insultante, no caso contrario, facéndolles saber ós veciños quen estaba menos disposto a comparti-los seus alimentos.

Cantámosche os Reises

do quiquiriquí

se non nos das nada

caghámosche aquí.

 

De seguido tocábase unha xota ou unha muiñeira e convidábase os da casa a danzar.

Estes tipos de cantos de Nadal son melodías longas e lentas, cantadas case sen respirar, dun xeito solemne, con multitude de mordentes e adornos propiciados pola gaita. Conforman un estilo propio de canto, guturais, pisando os finais de estrofa cos comezos. Polas letras e melodías destes cantos percíbese que son de corte culto e posiblemente teñan que ver con cantos  gregorianos e cantares relixiosos dos séculos XV e XVI que foron adaptados e  transformados polo pobo. Moitos deles son en castelán ou castrapo debido á súa orixe nos textos bíblicos ou eucarísticos, que eran sempre nesta lingua, cando non en latín. Outras veces, aínda que foxen en galego, se a casa onde se cantaba era de “señoritos”, trocábase nos cantos o galego polo castelán para agrada-los anfitrións.

image282

Os cantos de Reis eran interpretados por cuadrillas ou xugadas de homes, mozos e nenos que percorrían as casas dando a boa nova cantando. Nalgunhas parroquias tamén participaban as mulleres aínda que cando casaban adoitaban deixar de ir cantar polas casas. Estes grupos de reiceiros compóñense dun gaiteiro e dun ou varios cantores e incorporan, ocasionalmente, percusión e instrumentos varios, sobre todo instrumentos denominados humildes (botella de anís, cunchas, paus, piñas, etc.) que eran os que se podían atopar facilmente nas aldeas.  Pola zona sur da provincia de Pontevedra conservan a súa propia tradición de cantos de Nadal. As rondallas e os Ranchos de Reis son a expresión típica destas comarcas. Das rondallas temos constancia documentada xa no 1920. Estes grupos percorrían a aldea os días 6 e 7 de xaneiro acompañados de instrumentos e pedindo a vontade polas casas e adoitaban tocar muiñeiras, fandangos e pasodobres. Os músicos da rondalla visten dun xeito uniformado, levan capas, usan boina e preside a comitiva un abandeirado. Os Ranchos de Reis son típicos de Redondela, Ponteareas, Mondariz, Salceda de Caselas e outras localidades da comarca do Condado. Saen o 6 de xaneiro e percorren as rúas entoando cantigas populares ó ritmo das pandeiretas e doutros instrumentos que acompañan as danzas. As danzas tamén son unha expresión cultural e musical propia do ciclo do Nadal e de Reis, sobre todo as denominadas “danzas brancas” pola preeminencia desta cor —símbolo de pureza— na vestimenta dos danzantes. As danzas que se executan son xeralmente de paus, arcos, cintas ou castañolas. Adoitaban executarse na procesión ou á saída da igrexa, onde tamén había costume de cantar estas cantigas de Nadal no transcurso da misa. No caso das danzas de paus de cintas é interesante menciona-lo seu posible significado solar vinculado ó ciclo anual do Sol: nelas dánzase ó redor dun pau central con fitas de cores que son sostidas polos danzantes que se entrecruzan e trazan círculos cada vez máis pequenos mentres as van trenzando sobre este eixo ata quedaren tódalas fitas trenzadas no pau. Despois, destrenzanas ata abriren totalmente o colorido círculo de fitas simbolizando, dalgún xeito, o renacer anual do Sol tralo solsticio de inverno.  O feito de que os danzantes leven espellos e obxectos reflectantes nas súas coroas incide aínda máis no carácter solar do baile.

 danza de pau e cintas

Vemos, xa que logo, que en torno ás datas do Nadal se tecían toda unha serie de fermosas tradicións onde a música, o canto e a danza tomaban protagonismo, como o facían en case tódolos eventos sociais da vida tradicional do galego. Hoxe,  moitas das vellas tradicións e dos antigos ritos perdéronse e outras van camiño de esmorecer, pero aínda hai xente que se resiste a perder parte do que conforma a nosa identidade como pobo e, paseniñamente, co seu calado traballo fan posible que se manteña vivo o antergo lume da nosa cultura popular que, como o máxico Tizón de Nadal, quenta, protexe e alumea nun tempo de tebras e futuro incerto.

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

%d bloggers like this: