• BENVIDOS Ó BLOG DE RAFA QUINTÍA

  • SOBRE O AUTOR

  • © Fotografías blog: Rafa Quintía

  • MARIÑA: DE DEUSA A SANTA

  • MONTE DAS CROAS: ANTROPOLOXÍA DUN CASTRO

  • ANÁLISE ESTRUTURAL E SIMBÓLICA DO MITO DA MOURA

  • LA HISTORIA DE GALICIA EN 50 LUGARES

  • USO SIMBÓLICO DO CUARZO NA CULTURA GALEGA. Aspectos etnográficos e arqueolóxicos

  • PATRIMONIO INMATERIAL DE SAN MARTIÑO DE SALCEDO

  • ALICORNIO. O PODER DO CORNO DE UNICORNIO NA MEDICINA TRADICIONAL GALEGA

  • A NOSA SEÑORA DA LANZADA. Estudio antropológico de un santuario costero.

  • PARA CANTAR VEÑO EU! Unha viaxe pola cultura musical galega da man dos Chichisos

  • DE VELLO, GAITEIRO! Biografía do grupo de música tradicional Os Chichisos

  • DEUSES, MITOS E RITOS DO MONTE DO SEIXO. Unha proposta interpretativa en clave céltica.

  • Á SOMBRA DE BOUZA PANDA. Poemario de trincheira e maldizer

  • MUÍÑOS, A MEMORIA DA AUGA.

  • Documental “SETE CAMIÑOS. ENCRUCILLADA DO TEMPO”

  • Documental “COMUNEIROS. Cen anos de vida e loita polo monte de Salcedo”

  • Documental “Monte do Seixo. A Montaña Máxica”.

  • Curtametraxe documental “NOITE DE REIS COS CHICHISOS”

  • A PEDRA DO FUNDAMENTO

  • “FEITO NA CASA”

  • “FOL DE VELENO. Anuario de Antropoloxía e Historia de Galiza”. Nº6

  • “FOL DE VELENO. Anuario de Antropoloxía e Historia de Galiza”. Nº5

  • “FOL DE VELENO. Anuario de Antropoloxía e Historia de Galiza”. Nº4

  • “FOL DE VELENO. Anuario de Antropoloxía e Historia de Galiza”. Nº3

  • “FOL DE VELENO. Anuario de Antropoloxía e Historia de Galiza”. Nº2

  • “FOL DE VELENO. Revista de Etnografía e Historia de Galiza”. Nº1

  • ALBIÓN GALAICA

  • “GALICIA ENCANTADA: O país das mil e unha marabillas”

  • “OS MOUROS E AS MOURAS: MÁXICOS ENIGMÁTICOS DA MITOLOXÍA POPULAR”. Actas das V Xornadas de literartura de tradición oral.

  • POEMARIO DOS GAFOS. Obra colectiva.

  • CATÁLOGO-GUÍA do Espazo Natural e Arqueolóxico dos Sete Camiños

  • AS PONTES DE PONTEVEDRA. Libro da exposición do mesmo nome. (Obra colectiva)

  • ATAS DAS JORNADAS DA LITERATURA GALAICO-PORTUGUESA 2012-2014

  • ACTAS DAS II XORNADAS SOBRE O ENTROIDO DE GALIZA

  • ACTAS DAS I XORNADAS SOBRE O ENTROIDO DE GALIZA

  • ENTRADAS POR ORDE CRONOLÓXICA

  • CONTADOR

    • 114,229 hits
  • Follow Á Sombra de Bouza Panda on WordPress.com

OS CONS DA GARDA. Unha historia de mouros e viquingos

ARTIGO PUBLICADO NA REVISTA DE ADINA Nº64, QUE SE EDITA CO DIARIO DE AROUSA DO 30/12/2012.

UNHA HISTORIA DE MOUROS E VIQUINGOS

OS CONS DA GARDA.
Unha historia de mouros e viquingos

Rafael Quintía Pereira

Contan os vellos de San Vicente do Mar que no Con da Garda, ou Cons da Garda, habitaban os mouros. Non imaxino mellor fortaleza natural que eses impresionantes pelouros inzados de abrigos, pasadoiros e espenucas para alberga-la nosa raza mítica e os seus fantásticos tesouros.

garda

O mundo da mourindade é un mundo subterráneo. Os mouros habitan baixo a croa dos castros, nas mámoas, nas covas. No imaxinario popular, eles construíron as mámoas, os petróglifos, os castros e case tódolos restos arqueolóxicos e as ruínas antigas. Son símbolos dunha natureza salvaxe que se opón á cultura presente na aldea. Eles fabricaron e usaron as pías dos penedos para recolle-la auga do ceo, para usalas como mesas, como bebedoiros e tamén como altares de sacrificio. Construíron cadeiras e tronos de pedra para os seus reis, cortellos para o seu gando, pazos, torres, castros. Obras que lles confiren poderes titánicos, misteriosos e sobrehumanos. Poderes taumatúrxicos para crear prodixios. En Galicia, xa que logo, calquera construción ou ruína de orixe descoñecida ou penedo que non semella natural son para a nosa xente “cousas de mouros”, son do tempo dos mouros. Pero, por que pensa a xente que nestes fantásticos penedos de San Vicente habitaron os mouros? Será porque a súa feitura colosal e os seus acubillos fan pensar que foron construídos por seres míticos e sobrehumanos? Ou pode ter que ver con algún antigo uso deste espazo e cunha posterior identificación del como un antigo asentamento ou xacemento arqueolóxico? Vexamos que podemos descubrir ó respecto.

galería

O primeiro que chama a atención é o interesante microtopónimo “Con da Garda” xa que este podería facer referencia a un antigo lugar de vixilancia ou garda costeira. A súa privilexiada situación no alto do monte de San Vicente do Mar, cunha altura de 95 metros sobre o nivel do mar e con total dominio visual da bocana das rías de Pontevedra e de Arousa, da enseada do Grove e das Illas Atlánticas —Cíes, Ons, Sálvora e Cortegada— fai deste outeiro o mellor sitio para albisca-lo horizonte e todo o que podería vir por el. Ademais, os refuxios naturais que ofrecen estes penedos da zona de Pedras Negras son lugar idóneo para refuxiarse ou agocharse en caso de ataque. E digo ataque porque é ben sabido que estas costas, e a antiga illa do Grove, foron obxecto de saqueo e sufriron as bagas de piratas viquingos e sarracenos. Non por nada erixiu o arcebispo Xelmírez as Torres do Oeste para protexe-la ría de Arousa e o camiño marítimo a Compostela. Moitos anos antes del, o bispo Sisnando II construíra xa na costa de Noalla a fortaleza da Nosa Señora da Lançata, o mesmo bispo que entregou a igrexa de San Vicente do Grove, coas súas terras e habitantes, ó mosteiro de San Martiño Pinario. Non só normandos e berberiscos atacaron estas terras, séculos máis tarde, aló polo XVIII, os piratas ingleses volverían sementa-lo terror nestas costas cando menos en dúas ocasións, no ano 1799 e no 1801.

mar

Pero foron sen dúbida os normandos os que máis mortes e saqueos causaron na, ata hai douscentos anos, illa do Grove. Para desgraza dos seus habitantes, O Grove quedaba na rota de acceso á ría de Arousa, verdadeira autoestrada mariña que deixaba os piratas ás mesmas portas de Compostela e dos seus ansiados tesouros e riquezas. No ano 844 os normandos atacaron a ría de Arousa, incluído O Grove. Entre o 856 e o 861 volveron ataca-lo Salnés. En 968, o danés Gunderedo, cunha expedición de máis de cen barcos e miles de homes, chegou ó Salnés a través da ría de Arousa, onde permaneceu por dous anos preparando o ataque a Compostela, tempo que aproveitou para cometer roubos e saqueos, entre eles en terras do Grove. Non acabaron aquí as escaramuzas dos viquingos, entre o 1048 e o 1066 o danés Ulf, alcumado “o galego” polas súas campañas de saqueo en Galicia, volveu ataca-la illa do Grove. O terror que causaron os viquingos callou fondo no pobo.

gran sala 3

Durante moitos anos a nosa costa estivo a mercé dos saqueos destes pobos do norte. Así o testemuñan as crónicas da época. Un terror que quedou gravado na memoria do pobo ata o punto de pasar a formar parte dos seus relatos populares e das súas cantigas. Sabemos que o folclore musical e, en concreto, as cantigas, as coplas e os romances recollen as inquedanzas, as alegrías e as penas da vida da xente. Pero non só recollen os distintos aspectos da vida en sociedade senón tamén determinados feitos históricos, sucesos ou traxedias que deixaron unha fonda pegada na memoria colectiva do pobo e que en forma de cantiga serven para transmitírllelos ás futuras xeracións. Deste xeito, a literatura oral tradicional amósase como unha fonte máis da investigación histórica.

DSC_5714

A cantiga da que lles vou falar é unha cantiga posiblemente medieval, que José Ojea atopou no convento de Celanova e que o escritor coruñés Bernardo Barreiro (1850-1904) recolleu no seu libro Brujos y astrólogos de la Inquisición de Galicia y el famoso libro de San Cipriano. A cantiga, como adoita ocorrer, debeu sufriu cambios e modificacións ó longo do tempo e na súa versión actual —de hai 100 anos— amosa certas variantes dialectais da zona de Ourense. O autor pon en relación esta cantiga cos saqueos de Cangas por parte dos piratas sarracenos pero o transfundo histórico pode ser incluso anterior e, cando menos, reflicte moi significativamente o xeito que o pobo tiña de protexerse e agocharse fronte a estes ataques que se viñan repetindo dende o século VIII. Transcribo a continuación a devandita cantiga:

Polo camiño ehí vén un home
aínda vén lonxe, lonxe, lonxe…
Eu non sei si anda ou si corre,
porque vén lonxe, lonxe, lonxe
Quen fora galgo,
quen fora paxaro,
quen fora vento!

Fai moito tempo que nos deixou
alá para lonxe, lonxe, lonxe…
Anda na guerra, polo Señor
alá moi lonxe, lonxe, lonxe.
Quen fora galgo,
quen fora paxaro,
quen fora vento!

Viñeron os mouros arrenegados…
lá moi lonxe, lonxe, lonxe…
Todo levaron e nós fuxemos
alá lonxe, lonxe, lonxe
Quen fora galgo,
quen fora paxaro,
quen fora vento!

Aqueles homes eran us demus…
lá moi lonxe, lonxe, lonxe…
Todo levaron e nós fuxemos
alá lonxe, lonxe, lonxe
Quen fora galgo,
quen fora paxaro,
quen fora vento!

O altariño do noso Dios
que mora lonxe, lonxe, lonxe,
quedou coma noitiña sin sol
fuxido lonxe, lonxe, lonxe
Quen fora galgo,
quen fora paxaro,
quen fora vento!

Entre penedos i entre touzas
alá lonxe, lonxe, lonxe
levamos o Cristo coutras cousas
alá para lonxe, lonxe, lonxe
Quen fora galgo,
quen fora paxaro,
quen fora vento!

I os mouros arrenegados
foron detrás lonxe, lonxe, lonxe
I aquiles penedos rodeados
era moi lonxe, lonxe, lonxe.
Quen fora galgo,
quen fora paxaro,
quen fora vento!

Pobres de nós todos berraban
alá moi lonxe, lonxe, lonxe,
válenos Crsito, apelidaban,
era moi lonxe, lonxe, lonxe.
Quen fora galgo,
quen fora paxaro,
quen fora vento!

E Cristo apelidaban
alá moi lonxe, lonxe, lonxe.
Mira que ises por ti non chaman,
decíamos lonxe, lonxe, lonxe.
Quen fora galgo,
quen fora paxaro,
quen fora vento!

Xa dos penedos na buratiña
alá moi lonxe, lonxe, lonxe,
víanse as caras de tal xentiña
alá lonxe, lonxe, lonxe
Quen fora galgo,
quen fora paxaro,
quen fora vento!

Cristo, Cristo, todos a unha
dixemos lonxe, lonxe,lonxe.
I esmagada aquela xentiña
quedou alá lonxe, lonxe, lonxe.
Quen fora galgo,
quen fora paxaro,
quen fora vento!

Ben ti vin vir polo camiño
Alá lonxe, lonxe,lonxe.
O Cristo amparounos, meu queridiño,
E fóronse lonxe, lonxe, lonxe.

Os versos desta antiga cantiga falan claramente dese pánico das xentes ante os ataques piratas, de como tiñan que fuxir ós montes buscando refuxio en covas e espenucas coa única esperanza de que eses bárbaros homes vidos, uns do frío e outros de terras berberiscas, regresasen axiña ás súas afastadas terras sen derramar máis sangue inocente. Hai historiadores que pensan que O Grove quedou case despoboado debido á fuxida dos seus habitantes, a raíz de todos estes saqueos e ataques continuos. Eu quero pensar que moitos deses veciños do Grove buscaron protección e agocho entre os penedos dos Cons da Garda. Dende o alto daquelas rochas vixiaron durante séculos o horizonte, sempre atentos por se aparecía un barco pirata de Albión, unha vela berberisca ou a silueta daqueles temibles dragóns do mar, os drakkar viquingos. Foi seguramente ese uso o que deu nome ós penedos, un lugar onde gardarse dos ataques e un lugar onde facer garda.

DSC_5706

A península do Grove estivo poboada dende cando menos a Idade do Bronce. Continuaría poboada na Idade do Ferro, os restos de castros como o Castriño ou a Cidadella do monte da Siradella así o testemuñan. Posteriormente, xa en época romana, construiríanse unha necrópole en Cantodorxo e a vila cuxas ruínas hoxe podemos ver en Adro Vello. Unhas ruínas que serían utilizadas na idade media como camposanto e para erguer unha igrexa visigoda. Pero é posible que moitos séculos antes da Idade do Bronce, do Ferro e da chegada dos romanos outras comunidades humanas se asentasen nesta illa, quizais buscando os recursos pesqueiros e marisqueiros nos que esta comarca era, e aínda é , tan rica. Dende logo, os abrigos que forman os cons de San Vicente son fantásticos candidatos para teren albergado estas hipotéticas primitivas poboacións pois aquí a natureza e a súa xenerosa xeoloxía xa daban feitos os acubillos necesarios para o establecemento dun espazo habitacional.

tunel

Hoxe estes penedos seguen sendo lugar de refuxio e de xogo dos rapaces da zona: chozas, cabanas improvisadas, cacharros e mobles vellos aparecen esparexidos por estes abrigos. Cando vexo os restos das fogueiras que aparecen nas espenucas máis grandes e esas marcas do fume na pedra non podo deixar de pensar que, quizais, á calor de lumes similares hai xa miles de anos outros homes buscaron refuxio nestes inmensos penedos. Quizais eses mesmos homes que o tempo e a imaxinación do pobo convertería en mouros, os mouros que vivían nos Cons da Garda.

cons da garda

 

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

%d bloggers like this: