Monthly Archives: Marzo 2013
ARTIGO PUBLICADO NO BOLETÍN Nº6 DA AEDA, ASOCIACIÓN DE PROFESIONALES DE LA NARRACIÓN ORAL EN ESPAÑA
Podedes descargar nesta ligazón a versión en castelán e en galego do artigo “O Con da Ventureira e as viaxes ó Máis Alá” publicado no Boletín nº6 de marzo da AEDA, Asociación de Profesionales de la Narración Oral en España.
http://narracionoral.es/index.php/es/documentos/boletines-y-noticias/boletines
Versión en castelán:
Versión en galego:
A VIAXE DO SOL
ARTIGO PUBLICADO O DOMINGO 24 DE MARZO NA REVISTA ADINA QUE SE EDITA CO DIARIO DE AROUSA
A VIAXE DO SOL
Rafael Quintía Pereira
A existencia do Sol determina as estacións que conforman o clima e o ecosistema dun determinado lugar. O home viuse na obriga de se adaptar a estes fenómenos para poder subsistir, cultivando a terra e facendo os cambios necesarios para que o cultivado dese froitos. Esta dependencia do Sol, que xunto coa auga fai xermina-los campos e renace-la natureza, daría orixe a toda unha serie de crenzas de carácter espiritual ou relixioso. E así o Sol pasou a ser considerado fonte de vida, símbolo de divindade ou símbolo do tránsito das almas e da resurrección.
Moitas das crenzas galegas reflicten aínda a vella idea que asocia o Sol coa fertilidade. Existe un dito en galego que recolle esta relación e que fai referencia á idade na que a muller chega á menopausa: “xa che pasou o Sol pola porta”. Outras coplas fan fincapé nesta vinculación Sol-fertilidade:
O Sol cando nace arraia
e a ti non te arraiou;
coitada de ti meniña
cando de ti se olvidou.
Tamén o cristianismo herdou parte destas crenzas. Antonio Fraguas recolle na súa obra “Galicia Máxica“ a seguinte copla que se escoitaba, entre outras, nas romarías da Lanzada e da Peneda:
No seo da Virxe Nai
encarnou diviña gracia;
entrou e saleu por Ela,
como o Sol pola vidraza.
Esta é unha cantiga, bastante estendida en Galicia e Portugal, que ten a súa orixe no teólogo medieval Pedro Lombardo e incluso foi incorporada polo rei Afonso X “O Sabio”. Desta copla existe outra versión adaptada á Virxe da Lanzada que di así:
Miña Virxe da Lanzada,
miña Virxe lanzadeira,
éntralle o Sol pola porta,
sálelle pola vidrieira.
O raio de Sol, elemento de vida e creación, relaciónase coa encarnación da Virxe, pois este pasa a través do cristal sen rompelo nin lixalo, de igual xeito que o Espírito Santo encarnou en María sen que esta perdese a súa pureza e virxindade.
Unha das características das sociedades célticas era a súa relación co Sol e a importancia que este tiña dentro do seu corpo de crenzas relixiosas. Xa os xeógrafos grecorromanos sitúan nas terras de Fisterra o Promontorium Nerium e o Ara Solis, altar de culto solar que puido ser destruído no proceso de cristianización do antigo mundo pagán. As crónicas dos historiadores Orosio e Floro contan o pavor que se apoderou das tropas de Décimo Xunio Bruto O Galaico ó chegar a Fisterra e presencia-lo Solpor ou a morte do Sol no inmenso océano.
Décimo Bruto, percorrida toda a costa do Océano como vencedor, un pouco máis aló dos célticos e lusitanos e os pobos de toda Callaecia e o río do esquecemento, pánico dos Soldados, non retirou os seus estandartes antes de descubrir, non sen certo medo e horror de sacrilexio, o Sol que cae no mar e o lume xurdindo da auga.
Floro
O Sol nace e morre no transcurso dun día e nace e morre tamén no transcurso dun ano. As doce horas do día e da noite correspóndense tamén cos doce meses do ano. A súa enorme potencia e poder fixo, xa dende a primitiva deidade solar indoeuropea, que se asociase a un fecundo xabaril, a un león ou a un touro. Segundo o arqueólogo e historiador André Pena, o trisquel representaría a circunvalación do Orbe Tripartito polo potente Sol, identificado este como un touro solar que dando tres pasos —Tarvostrigaranus— circunvala o mundo. No primeiro paso abarcaría e tomaría posesión do ceo, no segundo paso percorrería e tomaría posesión do mar e, viaxando ó Hades, ó Sidh ou ó Alén, penetraría e posuiría as profundidades da terra no seu terceiro paso. Estes tres pasos do Sol, un do ceo, outro do mar e outro da terra, a través da circunvalatoria viaxe do tarvos polo Orbe Tripartito expresaría a idea que os celtas tiñan do día e do ano solar, dividido nunha metade clara e noutra metade escura.
O Sol xurde polo oriente e continúa polo mediodía. Despois no ocaso chega ó Océano e somérxese; misteriosamente segue o seu curso baixo a terra, e volve aparecer de novo polo oriente.
Isidoro
Esta crenza dos pasos do Sol perdurou en Galicia e así entre os nosos pescadores existía a expresión “dar volta o Sol” para referirse ós días da segunda quincena de decembro, comprendidos entre o 19 e o 24, datas nas que entra a sardiña nas rías galegas, e que se considera que é o tempo en que dá volta o Sol, é dicir, cando comezan a medra-los días.
Os touros, diciamos, foron venerados pola súa forza, vinculados ós bois como símbolos da fortaleza polos seus dotes como animais de labranza e de abundancia na agricultura. En virtude da súa virilidade o touro relaciónase sempre co Sol creador. As imaxes de touros celtas —como os consagrados no santuario Beire-Le-Châter, en Francia— adoitaban representarse con tres cornos, aumentando así o valor simbólico do corno como icona da agresividade e da fertilidade. Pero o touro tamén ten un lado sombrío e psychopompos (guía de almas ó Máis Alá), polo que pode aparecer protexendo os mortos na súa viaxe ó Alén. Deste xeito o touro tricorne tamén formaba parte do enxoval funerario de tumbas celtas europeas e, en ocasións, das de nenos. Casualidades, ou non, existe na nosa ría de Pontevedra unha figura lendaria que casaría perfectamente co que acabamos de dicir, refírome á lenda que fala dese Touro negro que sae da illa de Ons rumbo a terra firme para levar consigo as almas dos defuntos. Dise que este labor de recolleitador de almas acontece sempre nas horas nas que comeza a baixamar, xa que é o instante en que os moribundos dan o seu último alento.
Algúns arqueólogos teñen interpretado os petróglifos que representan esvásticas, círculos sinxelos e algúns concéntricos como soles favorecedores da fecundidade. Para Luís Monteagudo o culto ou veneración ó Sol parece probado polos gravados soliformes. Segundo o profesor Monteagudo é probable que moitos dos círculos concéntricos dos petróglifos galegos sexan símbolos solares e teñan a súa orixe na espiral. Esta espiral representaría tamén a secuencia da traxectoria descrita en cada período do ano polo Sol, que cada día vai cambiando os seus puntos de nacemento e posta e, en consecuencia, a súa traxectoria: máis cara ó norte dende o solsticio de inverno ó de verán e máis cara ó sur dende o solsticio de verán ó seguinte de inverno, é dicir, que cada xiro da espiral representaría a traxectoria do Sol durante tódolos días dun mes incluíndo a metade visible do traxecto (por riba das “augas superiores”) e a continuación, despois de cada posta, a invisible (por debaixo das “augas inferiores”). A existencia destes gravados soliformes na arte rupestre de Galicia estaría en consonancia con ese valor relixioso e esa importancia do Sol na cultura galaica.
O antropólogo Aparicio Casado recolleu unha crenza dos mariñeiros do Salnés que entronca con todo isto que estamos contando. Segundo contan os mariñeiros, cando o Sol se pon no horizonte —sobre todo neses días de calor e certa brétema — no último momento en que empeza a mergullarse no mar o astro rei adopta a forma dunha barca ardente sobre a que se deita para ser levado ás profundidades do Océano, é a Barca do Sol. Obviamente, este feito, que puiden verificar persoalmente e incluso fotografar, trátase dun efecto visual onde a forma alongada e aplanada que adopta o Sol é froito dunha deformación óptica producida pola luz alaranxada do Sol, o seu reflexo sobre as augas e o efecto da brétema a través da que se filtra a imaxe esvaecida do Sol no solpor. Pero, independentemente de que o efecto teña unha explicación dentro das leis da física, non resta valor ningún ó feito de que tal percepción fose mitificada e reinterpretada baixo unha estrutura de crenzas populares que reflicten esa ancestral idea da viaxe do Sol a través do mar.
O Sol adoptando a forma de braca ou copa nun solpor sobre o mar da Lanzada
Viaxe que, pola potencia vivificadora e/ou divinización do Sol, equiparouse á viaxe que emprenden as nosas almas unha vez morto o corpo terreal. E é, curiosamente, na illa de Ons, esa illa da que sae o touro recadador de almas e o lugar ó que se dirixe, segundo as lendas locais, a Santa Compaña cando parte do Campo da Lanzada, onde podemos atopar un topónimo como o de Porto do Sol, quizais porque precisamente é esta terra no horizonte atlántico o destino das nosas almas e o punto polo que morre o Sol cada día ou, dito doutro xeito, o porto no que se embarca diariamente na súa barca solar. Velaí a maxia e o tesouro da nosa literatura oral, das nosas lendas e dos nosos mitos.