CONCERTO DIDÁCTICO NO CEIP SAN MARTIÑO DE SALCEDO
O pasado venres 26 de abril Os Chichisos tivémo-lo pracer de dar un concerto didáctico no CEIP San Martiño de Salcedo dentro dos actos da Semana da Lectura, este ano adicada á música.
De esquerda dereita os membros dos Chichisos: Paco, Rafa, Toño, Belén e Xosé
Dun xeito divertido, participativo e didáctico amosámoslle ós cativos os diferentes instrumentos empregados habitualmente na música tradicional galega. Gaitas, requintas, pitos, frautas, trompa, ocarinas, pandeiros, pandeiretas, pandeiras, tamboril, bombo, charrasco, tarrañolas, castañolas e un longo etc foron postos a disposición dos nenos para que os coñeceran, escoitaran o seu son e intentaran eles mesmos facelos soar.
Tamén puideron ver e tocar unha pequena mostra de utensilios e ferramentas instrumentalizadas que se empregaban como elementos de percusión para acompaña-lo canto e o baile, cítense, por exemplo, a lata de pemento, a tixola, os paus, as cunchas, a botella de anís, as culleres, as piñas….
e non faltou tampouco algúns instrumentos típicos dos folións do Entroido como as carracas, o corno, a bucina ou o bucio.
Amosámoslle, ademais, ós rapaces uns exemplos da nosa riqueza musical en canto a ritmos e puideron aprender a distinguir —ou cando menos intentalo— un ritmo de muiñeira, de xota, de pasodobre, de vals ou de rumba, entre outros.
O compañeiro Xosé ensinoulles ós nenos algún punto básico de muiñeira e a súa ilusión e ganas de bailar fixeron o resto.
Tras tocar varias pezas acompañados dunha improvisada banda de percusionistas voluntarios e voluntariosos —incluídos algúns profesores— como final de festa, acabamos todos cantando A saia da Carolina.
Foi para nós un auténtico pracer tocar para un público tan agradecido e entregado. Estou certo de que grandes músicos sairán de entre toda esa esperanzadora rapazada. Moitas grazas tamén ós profesores e á dirección do CEIP San Martiño por ter pensado en nós para desenvolver esta actividade.
Fotografías propiedade do CEIP San Martiño.
Para saber máis sobre o estupendo traballo didáctico e educativo que fai este centro de ENSINO PÚBLICO xa cinco veces premiado véxase a súa web:
http://salcedoteca.blogspot.com.es/
Posted on 8 Maio 2013, in 01. ANTROPOLOXÍA E ETNOGRAFÍA, 07. PRESENTACIÓNS, CHARLAS E CONFERENCIAS, 10. SAN MARTIÑO DE SALCEDO. Bookmark the permalink. 1 comentario.
Reblogueó esto en Asturgalicia Noticias.