Monthly Archives: Maio 2013

CONCERTO DIDÁCTICO NO CEIP SAN MARTIÑO DE SALCEDO

P1060661

O pasado venres 26 de abril Os Chichisos tivémo-lo pracer de dar un concerto didáctico no CEIP San Martiño de Salcedo dentro dos actos da  Semana da Lectura, este ano adicada á música.

P1060663

De esquerda dereita os membros dos Chichisos: Paco, Rafa, Toño, Belén e Xosé

Dun xeito divertido, participativo e didáctico amosámoslle ós cativos os diferentes instrumentos empregados habitualmente na música tradicional galega. Gaitas, requintas, pitos, frautas, trompa, ocarinas, pandeiros, pandeiretas, pandeiras, tamboril, bombo, charrasco, tarrañolas, castañolas e un longo etc foron postos a disposición dos nenos para que os coñeceran, escoitaran o seu son e intentaran eles mesmos facelos soar.

P1060668

P1060693

P1060682

P1060697

Tamén puideron ver e tocar unha pequena mostra de utensilios e ferramentas instrumentalizadas que se empregaban como elementos de percusión para acompaña-lo canto e o baile, cítense, por exemplo, a lata de pemento, a tixola, os paus, as cunchas, a botella de anís, as culleres, as piñas….

P1060724

P1060708

e non faltou tampouco algúns instrumentos típicos dos folións do Entroido como as carracas, o corno, a bucina ou o bucio.

P1060676

P1060672

Amosámoslle, ademais,  ós rapaces uns exemplos  da nosa riqueza musical en canto a ritmos e puideron aprender a distinguir —ou cando menos intentalo—  un ritmo de muiñeira, de xota, de pasodobre, de vals ou de rumba, entre outros.

P1060727

P1060713

O compañeiro Xosé ensinoulles ós nenos algún punto básico de muiñeira e a súa ilusión e ganas de bailar fixeron o resto.

P1060739

P1060737

Tras tocar varias pezas acompañados dunha improvisada banda de percusionistas voluntarios e voluntariosos —incluídos algúns profesores— como final de festa, acabamos todos cantando A saia da Carolina.

P1060667

P1060703

P1060725

Foi para nós un auténtico pracer tocar para un público tan agradecido e entregado. Estou certo de que grandes músicos sairán de entre toda esa esperanzadora rapazada. Moitas grazas tamén ós profesores e á dirección do CEIP San Martiño por ter pensado en nós para desenvolver esta actividade.

P1060712

P1060730

P1060736

 Fotografías propiedade do CEIP San Martiño.

Para saber máis sobre o estupendo traballo didáctico e educativo que fai este centro de ENSINO PÚBLICO xa cinco veces premiado véxase a súa web:

http://salcedoteca.blogspot.com.es/

ACTAS DAS V XORNADAS DE LITERATURA DE TRADICIÓN ORAL “OS MOUROS E AS MOURAS: MÁXICOS ENIGMÁTICOS DA MITOLOXÍA POPULAR”

portada actas xornadas

Xa están dispoñibles na web da Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELGA) as actas das  V XORNADAS DE LITERATURA DE TRADICIÓN ORAL “OS MOUROS E AS MOURAS: MÁXICOS ENIGMÁTICOS DA MITOLOXÍA POPULAR”.

Véxase a ligazón: http://www.aelg.org/resources/polafias/publications/1365005017196VXornLitOralMouras-os_2012.pdf

cartaz ponencia mouras

DESCARGAR RELATORIO:

RELATORIO MOUROS E MOURAS, NA PROCURA DE NÓS MESMOS

Deixo aquí o texto en pdf do meu relatorio para que quera descargalo.

 

XEOGRAFÍAS DO HORROR I: SACHSENHAUSEN

campos

Aquela fría mañá de abril do 1994 o tren parou con puntualidade alemá na súa estación de Oranienburg. Saín á rúa e alí mesmo collín un autobús que me deixou moi perto do meu destino. Baixei do vehículo e encamiñei os meus pasos cara o campo de concentración de Sachsenhausen, na Alemaña do Leste, apenas a 30 km de Berlín, a Welthauptstadt Germania soñada por Hitler. O frío, como unha broma macabra, facía que o meu alento arremedase o fume que algún día saíu dos fornos crematorios daquel campo construído polos nazis en 1936 para confinar e exterminar a opositores políticos, socialistas, xudeus, xitanos, homosexuais e tamén exiliados republicanos españois.

marcas

Un campo polo que pasaron máis de 140.000 persoas e do que moitos miles (cando menos 30.000) non saíron xamais. Un campo que sería reutilizado polos soviéticos ata o 1950 como campo de prisioneiros onde recluíron a militares alemáns, funcionarios do partido nazi, colaboracionistas e incluso soldados prisioneiros dos aliados occidentais.

Sachsenhausen(foto de arquivo)

 Campo Sachsenhausen 1944

(Fonte: http://www.elholocausto.net)

Entrei no campo tranquilo, con interese histórico e certa curiosidade morbosa. Malia que no recinto había máis visitantes —seino polas fotos que saquei alí e porque non fun só— teño a lembranza de ter percorrido o campo na máis absoluta soidade e silencio, envolto nunha sorte de nube de irrealidade que a cada paso se ía facendo máis densa e escura, mergullado nunha atmosfera pesada e sombría que pouco a pouco me calaba os ósos como o vento siberiano que no inverno azoutaba estas terras xa acaroadas a Polonia.

forcas

(foto de arquivo)

Por moito que rebusco na miña memoria non lembro ter falado con ninguén alí dentro ni terme cruzado con outros visitantes, e iso é algo que me fai pensar en como determinados lugares inflúen na nosa percepción —suxestionándonos quero pensar— e alterando ó noso xeito de percibi-la realidade, o espazo e o tempo.

 barracóns

Visitei os barracóns de prisioneiros, as celas de castigo, o depósito de cadáveres… Paseei sen rumbo polo interior do recinto, pisei a pista onde miles de prisioneiros tiñan que marchar ata 40 km cada día sobre distintas superficies para proba-las botas militares que despois usarían os soldados do III Reich nos frontes de media Europa. Continuei deambulando, cada vez máis aturdido, parei diante dos postes onde cravaban e penduraban os prisioneiros escarmentados e sentín unha aguilloada no peito.

monumento

Mirei ó meu redor, ó fondo erguíase impoñente o monumento ás vítimas do nazismo, á esquerda, iluminados pola luz grisácea daquela fría mañá puiden ve-los alicerces en ruínas e estruturas enferruxados do que foran en tempo uns fornos crematorios e tamén o lugar onde estiveran as cámaras de gas.

fornos

A poucos metros de min, un par de coroas de flores vermellas coma o sangue derramado descansaba sobre un paredón feito de troncos onde foron fusilados 18.000 prisioneiros.

 paredón

Nun curruncho do campo próximo á alambrada electrificada, atopábase a antiga enfermería que gardaba intactos, como testemuños mudos do horror, os utensilios quirúrxicos, que aqueles homes da esvástica inmersos na tolemia do fanatismo, empregaron para face-los seus sádicos experimentos médicos. Verdugos disfrazados de científicos dirixidos por Werner Fischer probaron naqueles desgraciados prisioneiros vacinas, soros e medicamentos para o tratamento de enfermidades contaxiosas como a malaria, o tifo, a tuberculose, a febre tifoidea, a febre amarela ou a hepatite infecciosa. Tamén someteron ós presos a experimentos con fósxeno, gas mostaza  e outras probas de resistencia física como as probas de aguante á conxelación.

BERLÍN EXPONE LAS FOTOS PRIVADAS DEL PRIMER COMANDANTE NAZI DE SACHSENHAUSEN

(foto de arquivo)

As parades daquel santuario da dor adobiábanse con fotos de experimentos e cos rostros dos pobres desgraciados que sufriron nas súas carnes a barbarie daqueles mal chamados médicos nazis. Fotos que amosaban os rostros de homes, mulleres e nenos cuxos ollos viron cara a cara a faciana do mal, o rostro que ninguén querería ver xamais. Uns ollos que agora me observaban e berraban dende as paredes daquela enfermería reconvertida no inferno facendo que tivese que fuxir de alí coa alma fendida.

escanear0007 - copia

Un silencio enorme, case aplastante como unha lousa mortuoria de mármore negro asfixia o visitante que percorre aquel universo espazo-temporal do terror. Camiñei cara á porta escoitando tan só o son das miñas pegadas sobre a terra. A mesma terra que outros pisaron antes con menos sorte ca min. A mesma terra e o mesmo aire que conten todo o horror que cabe na alma e na mente do ser humano.

 alambradas

Camiñei cara á porta do campo, un cínico “Arbeit macht frei” (o traballo fai libre) daba a benvida a aquel recito tenebroso. Crucei aquela porta de ferro pechándoa tras de min, como intentando conter ou reter todo o mal que había dentro, o mesmo que había fóra e co que xantamos cada día a golpe de noticias no televexo. Senteime na beirarrúa e chorei. 

porta

CADERNO DE CAMPO Nº5. ABRIL 2013

Acabamos de publica-lo novo número do boletín informativo da SAGA: “Caderno de campo”. Aquí o tendes para consulta on line ou descarga. Recoméndovos este número polo interesante artigo do amigo Xabier Moure.

LIGAZÓN:

A %d blogueros les gusta esto: