FALANDO DA FESTA DO SAN XOÁN EN LA VOZ DE GALICIA

ARTIGO PUBLICADO O PASADO 21 DE XUÑO NO ESPECIAL DE LA VOZ DE GALICIA DEDICADO Á FESTA DE SAN XOÁN.

Documento1

Documento1 - copia

O VALOR DA NOITE DE SAN XOÁN NA CULTURA POPULAR GALEGA

 

Por Rafael Quintía

Antropólogo

 

Cando nos achegamos ó estudo antropolóxico da festa de San Xoán cómpre saber que a importancia cultural desta festa vén da man do seu carácter solsticial,  unha data crucial nos calendarios agrarios. Lembremos que a astronomía foi un importante motor relixioso dos pobos dende tempos do neolítico. A relación dos homes cos astros debeuse en parte ás inquedanzas que lles producían certos fenómenos astronómicos pero, sobre todo,  ó uso das estrelas e dos ciclos dos corpos celestes para artellar un calendario agrícola e gandeiro e como compás para orientarse nas viaxes que emprendían. A observación do ciclo do ano solar, no que se repiten determinados fenómenos climatolóxicos e ecolóxicos que condicionan a actividade humana, e o estudo da bóveda celeste foron as ferramentas usadas para defini-lo calendario que lles indicaba ós pobos da antigüidade cando sementar, cando face-la recolleita, cando era o tempo de aparea-lo gando ou de levalo ós novos pastos ou cando o tempo de botarse á mar na procura da pesca. Estas datas especiais do calendario marcáronse con festas e aí está a orixe da festividade que hoxe celebramos baixo a advocación de San Xoán.

O Sol sempre foi fonte de vida, símbolo de fertilidade e, xa que logo, de divindade. No plano simbólico, a véspera do 24 de xuño representa o triunfo da luz sobre as tebras e as  fogueiras de San Xoán rememoran ese día máis longo do ano, o solsticio de verán. Por iso moitos pobos da antigüidade celebraron estas datas tan especiais no seu calendario, festas nas cales os ritos ígneos adoitaban estar presentes. O cristianismo teimou en encadrala na súa esfera relixiosa e, deste xeito, a festa pasou a dedicarse a San Xoán Evanxelista, santo cristián que fora queimado no seu martirio, pero conservando moitos dos atributos e crenzas das antigas celebracións.

O feito de ser unha noite fronteiriza no plano temporal, a partir da cal os días empezan a minguar, confírelle a esta data, na cultura tradicional galega, un carácter liminal e máxico que fai posible que ocorran cousas —ou que nós lle atribuamos determinados fenómenos ou creacións culturais— que non terían lugar noutras datas do ano, de aí que esta noite solsticial sexa propicia para as curacións milagreiras, para a purificación, para os ritos de protección —como o de saltar por riba do lume ou lavarse coa auga das herbas de San Xoán—, para as adiviñacións e os oráculos, para a presenza de seres féericos como as mouras ou de seres malignos como as bruxas, e para outros prodixios da natureza, como ver danza-lo sol na mañanciña de San Xoán.

Unha festividade na que a auga, o lume e a vexetación cobran especial protagonismo, despregando unha panoplia de símbolos, ritos e crenzas que amosan a riqueza e a fondura da nosa cultura tradicional. Velaí a maxia desta noite e a potencia da nosa tradición.

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

%d bloggers like this: