• BENVIDOS Ó BLOG DE RAFA QUINTÍA

  • SOBRE O AUTOR

  • © Fotografías blog: Rafa Quintía

  • A LINGUAXE DAS CAMPÁS. ETNOGRAFÍA DOS SINOS

  • MARIÑA: DE DEUSA A SANTA

  • MONTE DAS CROAS: ANTROPOLOXÍA DUN CASTRO

  • ANÁLISE ESTRUTURAL E SIMBÓLICA DO MITO DA MOURA

  • LA HISTORIA DE GALICIA EN 50 LUGARES

  • USO SIMBÓLICO DO CUARZO NA CULTURA GALEGA. Aspectos etnográficos e arqueolóxicos

  • PATRIMONIO INMATERIAL DE SAN MARTIÑO DE SALCEDO

  • ALICORNIO. O PODER DO CORNO DE UNICORNIO NA MEDICINA TRADICIONAL GALEGA

  • A NOSA SEÑORA DA LANZADA. Estudio antropológico de un santuario costero.

  • PARA CANTAR VEÑO EU! Unha viaxe pola cultura musical galega da man dos Chichisos

  • DE VELLO, GAITEIRO! Biografía do grupo de música tradicional Os Chichisos

  • DEUSES, MITOS E RITOS DO MONTE DO SEIXO. Unha proposta interpretativa en clave céltica.

  • Á SOMBRA DE BOUZA PANDA. Poemario de trincheira e maldizer

  • MADAMAS E GALÁNS. HISTORIA DO ENTROIDO DE COBRES

  • MUÍÑOS, A MEMORIA DA AUGA.

  • Documental “SETE CAMIÑOS. ENCRUCILLADA DO TEMPO”

  • Documental “COMUNEIROS. Cen anos de vida e loita polo monte de Salcedo”

  • Documental “Monte do Seixo. A Montaña Máxica”.

  • Curtametraxe documental “NOITE DE REIS COS CHICHISOS”

  • A PEDRA DO FUNDAMENTO

  • “FEITO NA CASA”

  • “FOL DE VELENO. Anuario de Antropoloxía e Historia de Galiza”. Nº6

  • “FOL DE VELENO. Anuario de Antropoloxía e Historia de Galiza”. Nº5

  • “FOL DE VELENO. Anuario de Antropoloxía e Historia de Galiza”. Nº4

  • “FOL DE VELENO. Anuario de Antropoloxía e Historia de Galiza”. Nº3

  • “FOL DE VELENO. Anuario de Antropoloxía e Historia de Galiza”. Nº2

  • “FOL DE VELENO. Revista de Etnografía e Historia de Galiza”. Nº1

  • ALBIÓN GALAICA

  • “GALICIA ENCANTADA: O país das mil e unha marabillas”

  • “OS MOUROS E AS MOURAS: MÁXICOS ENIGMÁTICOS DA MITOLOXÍA POPULAR”. Actas das V Xornadas de literartura de tradición oral.

  • POEMARIO DOS GAFOS. Obra colectiva.

  • CATÁLOGO-GUÍA do Espazo Natural e Arqueolóxico dos Sete Camiños

  • AS PONTES DE PONTEVEDRA. Libro da exposición do mesmo nome. (Obra colectiva)

  • ATAS DAS JORNADAS DA LITERATURA GALAICO-PORTUGUESA 2012-2014

  • ACTAS DAS II XORNADAS SOBRE O ENTROIDO DE GALIZA

  • ACTAS DAS I XORNADAS SOBRE O ENTROIDO DE GALIZA

  • ENTRADAS POR ORDE CRONOLÓXICA

  • CONTADOR

    • 117,273 hits
  • Follow Á Sombra de Bouza Panda on WordPress.com

AS ILLAS ATLÁNTICAS E A MIGRACIÓN DAS ALMAS Á TERRA DOS MORTOS

ARTIGO PUBLICADO O PASADO DOMINGO 30 DE XUÑO NA REVISTA ADINA, DO DIARIO DE AROUSA.

ADINA 6-7_Página_1

ADINA 6-7_Página_2

DESCARGA-LO ARTIGO EN PDF:

ADINA 6-7

“As Illas Atlánticas e a migración das almas á Terra dos Mortos”

 

Rafael Quintía Pereira

Cando nas últimas décadas do século XX se escavou a necrópole precristiá do castro da Lanzada os arqueólogos atopáronse con diferentes tumbas onde os cadáveres, ademais do seu correspondente enxoval mortuorio, foron enterrados con moedas nos ollos. Este peculiar e fascinante rito funerario remítenos á mitoloxía e á relixiosidade grecolatina, onde os defuntos eran enterrados cun obolus posto debaixo da lingua ou nos ollos para que as súas almas puidesen pagarlle ó barqueiro Caronte o servizo de cruzalos a través do río Aqueronte para chegar ó mundo subterráneo do Hades.  Algúns autores clásicos como Virxilio refirense a este río co nome de Estixia. Segundo estas crenzas, aqueles defuntos que non tiñan cartos suficientes, ou cuxos amigos e familiares rexeitasen face-los ritos apropiados do enterro —cítese: a ofrenda mortuoria dos obolus— tiñan que agardar durante cen anos na ribeira do Aqueronte ata que Caronte accedía a levalos sen cobrarlles. Ó outro lado do río Aqueronte vixiaba o Can Cerbero, horrible can de tres cabezas. Máis alá de Cerbero os defuntos entraban na terra dos mortos.

moeda para caronteObolus atopado no xacemento da Lanzada

O sorprendente da nosa cultura tradicional é que podemos atopar un interesantísimo exemplo etnográfico destas crenzas relacionadas con cruza-la lagoa Estixia e o tributo ó barqueiro Caronte nunha fermosa tradición que existía en San Salvador de Manín, no concello ourensán de Lobios. Había nesta parroquia un lugar que estaba separado da igrexa polo río Limia —identificado polos romanos co río Lethes—, polo que era necesario cruzar en barca para poder achegarse ó templo. Cando había un enterro e se chegaba co defunto para montalo na barca, era costume que o parente máis achegado puxese sobre o peito do morto un anaco de pan á vez que dicía: “para pasar o Xordán”.

Buscando similitudes no noso ámbito atlántico atopamos que na Bretaña, por exemplo, crese que as almas dos mortos parten da Baie des Trépassés, na finisterre bretoa. O poeta Aogust Brizeux dicía que as areas tan brancas e finas desta praia estaban formadas polos ósos moídos e polas cinzas dos defuntos que dende aquí partían cara ó Outro Mundo. O mesmo poderiamos dicir das areas da Lanzada, coa peculiaridade de que nestes areais de Noalla si se atoparon realmente numerosos ósos que proviñan da antiga  necrópole que aquí se erixiu. O amigo e antropólogo galego José Luis Cardero cóntanos que, na tradición bretoa, os tremener —literalmente “barqueiros dos mortos”— eran os encargados de conduci-lo mortos  ata esta praia da Bretaña. Procopio de Cesarea recolleu unha lenda sobre estes barqueiros de almas. Así nolo conta falando ó respecto da illa de Brittia, considerada como morada dos mortos:

 Os habitantes deste lugar din que lles toca por quendas a obriga de transporta-las almas….E a altas horas da noite senten que chaman ás súas portas e escoitan unha voz imprecisa que os convoca a esta tarefa. E eles, sen titubear un momento, saltan do leito e encamíñanse cara á praia, sen comprende-la necesidade que os empuxa a facer tal cousa, pero, con todo, impelidos a iso. Aí ven esquifes xa dispostos sen que haxa ninguén neles; sen embargo, non son os seus propios, senón outros distintos, nos cales se embarcan e botan man dos remos. E senten que os botes van cargados cun grande número de pasaxeiros e móllanos as ondas ata o borde…Sen embargo, non ven nada e despois dunha hora de remar, atracan en Brittia. Porén, cando fan a viaxe nos seus propios esquifes, sen usar velas senón só remos, dificilmente fan o traxecto nunha noite e un día. Así que chegaron á illa e descargados parten a toda velocidade, cos botes voltos repentinamente lixeiros levantándose por riba das ondas.

 barca na Lanzada

Pois ben, as lendas desta zona da costa do Salnés inciden neste aspecto da Lanzada como punto de partida ó Máis Alá. As lendas recollidas en Noalla narran como as almas en pena da Santa Compaña saían do antigo cemiterio e, baixando polos campos de Barreira, dirixíanse ó Campo da Lanzada para embarcarse rumbo á Illa de Ons, morada das almas dos defuntos. Outras versións falan de que A Vela —que é como aquí se lle coñece a Santa Compaña— tras saír de Adro Vello, en Noalla, dirixíase cara á  enseada da illa da Toxa e terminaba nos illotes que hai próximos á costa. Outras veces víase chegar pola punta de San Vicente do Mar, na hoxe península do Grove pero antano tamén illa. O realmente interesante destas lendas é comprobar como tódalas versións coinciden no mesmo: en que a procesión de ánimas parte do antigo cemiterio de Noalla e tras pasar pola Lanzada dirixíanse a unha illa, xa sexa esta a illa de Ons, a antiga illa do Grove, a illa da Toxa ou os pequenos illotes rochosos próximos á costa. En Hío (península do Morrazo), segundo recolleu Aparicio Casado, din os vellos referíndose á Santa Compaña: “aí vai a gracia de Dios, de Hío a Donón”, sendo o Facho de Donón outra desas finisterras atlánticas de onde parten as almas ó Máis Alá.

 campo da Lanzada

Os veciños de Noalla contan, como puiden comprobar de persoas que afirman ter visto esta procesión de ánimas, que a Compaña ía por riba do mar rodeada de numerosas e resplandecente luces vermellas e brancas que a facían visible na noite escura coma se de fogos artificiais se tratase. Pola súa banda, os veciños de Ons estaban convencidos de que a persoa viva que levaba o fanal presidindo a comitiva da Compaña sempre era un veciño de Noalla, pois desta parroquia é de onde partía a terrorífica confraría fúnebre.  Tamén se conta que os mouros do barrio de Mourelos están enterrados na necrópole da Lanzada. Curiosamente a punta da praia de Foxos oposta á ermida da Nosa Señora da Lanzada chámase Porto Mouro, topónimo, quen sabe, se inspirado nesa conexión mítica entre esas almas dos mouros e o seu porto de partida ó Alén. Dicían os habitantes de Ons que os primeiros en ver chega-la fúnebre comitiva eran os mariñeiros que pescaban nas augas preto da illa e que observaban en silencio e temerosos o achegamento da procesión das almas en pena. Unha luz vermella marcaba o camiño que seguían as ánimas sobre o mar e cando chegaban a terra non deixaban pegadas sobre a area pois  desprazábanse polo ar ó berro de “Dios en ave”.

Pero, retomemos agora o carreiro marcado no comezo deste artigo. A noción dunha terra mítica onde o deus da morte reina sobre os mortos está presente tanto na mitoloxía céltica como na grega. Na grega é Cronos o deus que reina sobre os mortos no Tártaro, na mitoloxía celta atopamos o seu equivalente en Tethra, o deus dos Fomoré. Luis Monteagudo identificou no seu día as seis illas dos deuses das que nos fala Plinio —as VI insulae deorum— coas dúas illas Cíes, a illa de Ons, a de Onceta, a illa de Sálvora e a illa de Arousa. Estas serían as míticas illas nas que,  segundo o clásico romano, se situaba a morada dos deuses e dos mortos. Estas son as illas rexidas pola nosa indíxena versión do Cronos heleno e do Tethra céltico, o deus da morte, da noite e do Alén, o noso deus galaico Berobreo, ó que se lle adicaron ducias de aras votivas no facho de Donón. Curiosamente, tanto Cíes como Ons ou, máis no interior da ría, Tambo foron dende a antigüidade lugar de culto e de retiro espiritual. As ruínas dos diferentes eremitorios do primeiro cristianismo e os pequenos mosteiros erguidos polas comunidades que alí se estableceron son testemuño material desta tradición.

 VLUU L100, M100  / Samsung L100, M100

Alonso Romero e Fernández de la Cigoña cóntanos que os poboadores da illa de Sálvora pensaban que cando morría un habitante da illa a súa alma transformábase nunha ave e emprendía o voo para cruzar dende Sálvora ata o illote de Noro, pois neste lugar moraba a Santa Compaña. Esta procesión de mortos transformábase nunha bandada de paxaros que emprendía o seu voo sobre o espazo mariño que separaba a illa de Sálvora da de Noro. Na tradición céltica as aves son as portadoras das almas dos mortos, son, xa que logo, seres psicopompos. Alonso Romero explica que na illa de Ons crese que a alma dos que morren se despraza polo mar ata a illa de Onceta, ou cara ó Oeste ata o lugar das sombras e a morte. Segundo Aparicio Casado, para os mortos dos lugares costeiros as illas representan o final do camiño, así para os veciños de Bueu ese final estaría nas illas de Ons, mentres que para os veciños da Escusa (Poio) estaría na illa de Tambo.

 VLUU L100, M100  / Samsung L100, M100

En todas estas lendas de procesións de almas rumbo a Ons quizais estea o pouso desas crenzas precristiás que nos falan das illas do Paraíso e da última viaxe por mar que debemos emprender rumbo á nosa última morada. E, de igual xeito que podemos intuílo no célebre santuario de Santo André de Teixido ou nas narracións populares cargadas de simbolismo escatolóxico e concepcións transcendentes froito de milleiros de anos de mestizaxe relixiosa, podemos intuír tamén en toda esta mitoloxía local do Salnés a importancia simbólica da costa da Lanzada como porto final de embarque ó Alén, un Alén situado nas nosas Illas Atlánticas.

Hoxe, aínda hai moitos   mariñeiros  que cren que os moribundos non falecen ata que chega a baixamar, posiblemente pola crenza de que a forza do refluxo do mar axudaría a partir ós defuntos no seu camiño ó Outro Mundo. Tamén na tradición bretoa se cre que a alma abandona a terra co refluxo da marea. A crenza, sen dúbida, vén de antigo pois xa Plinio, facéndose eco de Aristóteles, dicía que ningún animal morre se non é levado co refluxo, e que tal fenómeno foi observado no Océano e se aprecia tamén para o home.

 solpor no santuario da Lanzada

Quero rematar este percorrido mítico cunha cita de “A Odisea” de Homero onde, ó referirse ó lugar onde van parar os pretendentes de Penélope, tras ser matados por Ulises di:

Abaixo no humidal pasaron camiños modulados, os regatos do Océano e foron pasando e pasaron a Rocha Branca e as Portas Occidentais do Sol e pasaron a Terra dos Sonos, e enseguida chegaron ós campos de Asphodel, onde os mortos, os desfeitos dos mortais, teñen a súa morada.

Advertisements

Unha resposta

  1. Reblogueó esto en AsturGalicia Noticiasy comentado:
    Add your thoughts here… (optional)

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

%d bloggers like this: