• BENVIDOS Ó BLOG DE RAFA QUINTÍA

  • SOBRE O AUTOR

  • © Fotografías blog: Rafa Quintía

  • MARIÑA: DE DEUSA A SANTA

  • MONTE DAS CROAS: ANTROPOLOXÍA DUN CASTRO

  • ANÁLISE ESTRUTURAL E SIMBÓLICA DO MITO DA MOURA

  • LA HISTORIA DE GALICIA EN 50 LUGARES

  • USO SIMBÓLICO DO CUARZO NA CULTURA GALEGA. Aspectos etnográficos e arqueolóxicos

  • PATRIMONIO INMATERIAL DE SAN MARTIÑO DE SALCEDO

  • ALICORNIO. O PODER DO CORNO DE UNICORNIO NA MEDICINA TRADICIONAL GALEGA

  • A NOSA SEÑORA DA LANZADA. Estudio antropológico de un santuario costero.

  • PARA CANTAR VEÑO EU! Unha viaxe pola cultura musical galega da man dos Chichisos

  • DE VELLO, GAITEIRO! Biografía do grupo de música tradicional Os Chichisos

  • DEUSES, MITOS E RITOS DO MONTE DO SEIXO. Unha proposta interpretativa en clave céltica.

  • Á SOMBRA DE BOUZA PANDA. Poemario de trincheira e maldizer

  • MUÍÑOS, A MEMORIA DA AUGA.

  • Documental “SETE CAMIÑOS. ENCRUCILLADA DO TEMPO”

  • Documental “COMUNEIROS. Cen anos de vida e loita polo monte de Salcedo”

  • Documental “Monte do Seixo. A Montaña Máxica”.

  • Curtametraxe documental “NOITE DE REIS COS CHICHISOS”

  • A PEDRA DO FUNDAMENTO

  • “FEITO NA CASA”

  • “FOL DE VELENO. Anuario de Antropoloxía e Historia de Galiza”. Nº6

  • “FOL DE VELENO. Anuario de Antropoloxía e Historia de Galiza”. Nº5

  • “FOL DE VELENO. Anuario de Antropoloxía e Historia de Galiza”. Nº4

  • “FOL DE VELENO. Anuario de Antropoloxía e Historia de Galiza”. Nº3

  • “FOL DE VELENO. Anuario de Antropoloxía e Historia de Galiza”. Nº2

  • “FOL DE VELENO. Revista de Etnografía e Historia de Galiza”. Nº1

  • ALBIÓN GALAICA

  • “GALICIA ENCANTADA: O país das mil e unha marabillas”

  • “OS MOUROS E AS MOURAS: MÁXICOS ENIGMÁTICOS DA MITOLOXÍA POPULAR”. Actas das V Xornadas de literartura de tradición oral.

  • POEMARIO DOS GAFOS. Obra colectiva.

  • CATÁLOGO-GUÍA do Espazo Natural e Arqueolóxico dos Sete Camiños

  • AS PONTES DE PONTEVEDRA. Libro da exposición do mesmo nome. (Obra colectiva)

  • ATAS DAS JORNADAS DA LITERATURA GALAICO-PORTUGUESA 2012-2014

  • ACTAS DAS II XORNADAS SOBRE O ENTROIDO DE GALIZA

  • ACTAS DAS I XORNADAS SOBRE O ENTROIDO DE GALIZA

  • ENTRADAS POR ORDE CRONOLÓXICA

  • CONTADOR

    • 114,139 hits
  • Follow Á Sombra de Bouza Panda on WordPress.com

ARTIGO “RITOS E CRENZAS DA NOITE DE SAN XOÁN”. PUBLICADO NO DIARIO DE PONTEVEDRA

ARTIGO PUBLICADO NO DIARIO DE PONTEVEDRA O VENRES 21 DE XUÑO DE 2013.

SUP21SUP006_1 - copia

SUP21SUP007_1 - copia

Ritos e crenzas das Noite de San Xoán

Rafael Quintía

Chega o tempo do San Xoán, e con el as fogueiras, as sardiñas asadas, a recollida de herbas milagreiras e a apertura de todo o universo mítico e ritual que envolve esta noite solsticial. Falemos un pouco, pois, destas máxicas datas.

O Sol é fonte de vida e símbolo de divindade. A véspera do 24 de xuño representa o triunfo da luz sobre as tebras. É o solsticio de verán, cando o día é máis longo e a noite máis curta. A partir desa data os días empezan a minguar. É a única noite na que reinan as forzas secretas da natureza, o que lle confire o carácter dunha noite máxica, onde é posible que ocorran cousas que en datas normais non poderían suceder, por iso é unha noite propicia para as curacións, as adiviñacións, os oráculos e outros prodixios, xa o di a copla popular: Salto por riba do lume de San Xoán pra que non me morda nin cobra nin can.

Os romanos celebraban nestas datas as festas neptuniais, o mesmo fixeron os gregos que celebraban o solsticio de verán acendendo fogueiras purificadoras. Os celtas celebraban o Beltaine en maio, festa onde os lumes adquirían grande protagonismo. Co cristianismo a festa pasou a dedicarse a San Xoán Evanxelista, pois o santo cristiá foi queimado no seu martirio e así os ritos ígneos seguiron celebrándose —a ollos da Igrexa, ligados simbolicamente ó martirio do santo— e as crenzas asociadas ó carácter liminar e máxico desta noite perduraron ata os nosos días.

As fogueiras de San Xoán, xa que logo, rememoran o día máis longo do ano, o solsticio de verán. Nesta noite recóllense diferentes herbas aromáticas —as herbas de San Xoán— que se deixan en auga toda a noite á intemperie para lavarse con elas a primeira hora do día seguinte. Nalgúns lugares de Galicia, como recollín no concello coruñés de Mesía, estas herbas de San Xoán unha vez secas espállanse diante da porta da corte ou nos campos con fins protectores. A noite das fogueiras sáltase tres veces por riba do lume para purificarse e obter saúde todo o ano, colócanse determinadas plantas nas fiestras e portas para impedi-la entrada dos malos espíritos ou a acción maléfica de bruxas e outras entidades escuras. Se temos unha árbore froiteira que non dá froito esta é a noite adecuada para pegarlle unha malleira cun pau e asegurarse, deste xeito, que a árbore comece a producir. As mozas que querían coñecer cal sería o oficio do seu futuro marido deixaban, na noite de San Xoán, un vaso de auga ó sereo no que botaran unha clara de ovo e unha xema. Á mañá seguinte, segundo a forma que adoptase o preparado —ben a forma dun barco ben a dalgunha ferramenta, por exemplo— podíase adiviña-lo oficio do futuro esposos. O mesmo método serve, segundo me contaron na parroquia de Salcedo, para adiviña-lo que está por vir. Vemos como nesta noite meiga, propicia para feitizos e adiviñacións, entran en xogo —ademais dos astros— os elementos naturais como a auga, o lume e as plantas.

Jesús Rodríguez López, no seu traballo Supersticiones de Galicia y preocupaciones vulgares, de 1910, conta a crenza de que quen se bañase no mar na noite de San Xoán ás doce en punto e recibise nove ondas quedaría purificado das súas enfermidades, e sobre todo, contra a rabia. A praia da Lanzada é famosa polos baños que con fins rexenerativos e propiciatorios da fertilidade se realizan na noite de San Xoán.

Nosa Virxe da Lanzada
ven da ribeira do mar
de tomar a nove ondas
na alborada de San Xoán.

Cipriano Torre Enciso

Ocultos na escuridade da noite de San Xoán, os mozos percorren a parroquia collendo cancelas, carros, arados e outros apeiros de labranza, que despois deixan agochados nos camiños, no adro da igrexa ou no río. Segundo o antropólogo Mariño Ferro, estes actos lúdicos semellan un rito de desorde a través dos cais por unha noite quedan abolidos os dereitos de propiedade privada e calquera pode colle-las cousas dos veciños. É o momento no que reina simbolicamente o caos para que a realidade quede renovada, como corresponde ó tempo solsticial no que se celebra o San Xoán.

No amencer do día de San Xoán o Sol baila no ceo. Popularmente dise que baila de felicidade pola festa do santo. Non é o único prodixio que ocorre este día. As mouras dos nosos penedos e castros, as donas que habitan nas fontes encantadas e as lavandeiras saen dos seus agochos e déixanse ver nesta máxica noite. Pero quizais o máis máxico e prodixioso desta noite de San Xoán sexa que por unhas horas, cando miramos hipnóticos o lume, cando danzamos ó seu carón ou saltamos por riba das súas brasas volvemos a un tempo que críamos desaparecido, o tempo en que nos fixemos homes ó calor e á luz da lumbre, ó pasado no que habitando en covas empezamos a construí-la nosa cultura ó abeiro do fogar que o lume nos deu.

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

%d bloggers like this: