“AS XOIAS QUE NOS FIXERON HUMANOS”. ARTIGO PUBLICADO NA REVISTA ALENTO

“AS XOIAS QUE NOS FIXERON HUMANOS”. Artigo publicado no nº3 (agosto 2013)  da revista ALENTO.

Alento3-version-ok 1

Alento3-version-ok 8

Alento3-version-ok 9

DESCARGA-LO ARTIGO EN PDF:

AS XOIAS QUE NOS FIXERON HUMANOS

“AS XOIAS QUE NOS FIXERON HUMANOS”

 Rafael Quintía Pereira

Nunha visión simplificadora e puramente materialista, defínese a xoiería como a arte do traballo dos metais nobres e das pedras preciosas con finalidade ornamental. Pero as xoias son algo máis ca mero ornamento e a súa orixe poderiamos buscala incluso antes do nacemento da Idade dos Metais no 3500 a.C. O sentido da estética, da harmonía, da beleza con todo o subxectivo e cultural que iso implica forma parte da visión do ser humano dende a noite dos tempos. As propias mostras escultóricas do paleolítico superior xa amosan un sentido da estética, da harmonía da forma e, posiblemente, un canon de beleza que nos está a falar dun home que xa pensa coma nós, dun home simbólico. É precisamente neste contexto onde nacen os primeiros elementos que poderiamos denominar xoias ou, se se prefire, protoxoias. Pero a idea da creación da xoia, o motor desencadeante dese proceso “artístico” que deu lugar ás primeiras xoias, vai máis aló do puramente estético e ornamental, desbordaba o mero adobío para penetrar no mundo do simbólico, da maxia e da relixión.

 colar de cairos

As primeiras mostras que temos destas “primitivas” xoias veñen dese contexto arqueolóxico do paleolítico e eran alfaias feitas con cunchas de moluscos, cairos, dentes, garras, marfil, ósos, fósiles, madeira, pedras (como o acibeche, a limonita ou o ámbar) e, incluso, arxila. Eran todos eles elementos da natureza, de orixe animal, vexetal ou mineral, polo que moitas delas eran xoias vivas que conservaban parte da esencia do ser do que proviñan. Precisamente por iso, probablemente estas primitivas xoias eran tamén amuletos protectores e obxectos sandadores. Atraídos pola aparencia destes soportes naturais, aqueles primeiros artesáns elaboraron tamén representacións de dentes e cunchas, e incluso de pequenos animais como os coleópteros, traballando materiais como o marfil, a pedra ou as hastas dos cérvidos. Unhas xoias que adornaban con diversas marcas e deseños xeométricos labrados sobre os propios obxectos ornamentais e que despois engarzaban en colares, colgantes, pulseiras e mesmo aneis.

 colar de cunchas e pedras

Ademais de como elementos ornamentais e amuletos, todos estes adornos primitivos posiblemente serviron tamén para expresar simbolicamente a propia identidade do individuo que as portaba ou, quizais, do grupo social ó que pertencía. Polo que cumprían unha dobre función: por unha banda individualizadora, ó servir para diferenciarse dentro do grupo, e por outra banda integradora, ó servir como símbolos de pertenza a unha comunidade da que sentirse parte integrante.

 OLYMPUS DIGITAL CAMERA

Pero por que son tan importantes estas protoxoias? A resposta é ben clara. Porque nos transmiten o pensamento do home, porque expresan os seus anhelos, medos, esperanzas e desexos, porque nos falan dunha linguaxe simbólica que naceu con nós nas cavernas, á luz das fogueiras, dos relatos ancestrais e dos primeiros grupos sociais. Elas contan historias sobre un tempo que xa pasou pero no que aínda nos podemos recoñecer porque a nosa mente pouco ou nada cambiou dende que camiñabamos pola terra cubertos con peles de animais e adornados con colgantes de ósos e pedras. Naquel máxico intre, xa perdido na escuridade do tempo, en que un ser humano decidiu engarzar un dente de lobo nunha corda de coiro, aquel sagrado instante en que unha muller pendurou do seu pescozo unha colar feito con cunchas e caracois de mar, o día en que un pai agasallou o seu fillo cunha figuriña tallada nun garabullo de madeira, ese día fixémonos humanos, espertamos como seres simbólicos cunha capacidade cognitiva ilimitada e un cerebro capaz de crear as maiores marabillas pero tamén de comete-las maiores barbaries. Diso nos falan as xoias, do que fomos e do que somos. Son o espello da nosa alma e da nosa condición humana, aquilo que nos separou dos animais, que nos vinculou ós deuses, ás forzas da natureza e ó Máis Alá. En definitiva, o fío de Ariadna que nos sacou da escuridade da cova para levarnos á luz dunha nova existencia como seres humanos, como o que hoxe somos todos nós.

 colar de colmillos e contas

Iso foi o que ocorreu na xa afastada noite do paleolítico. Coa chegada do neolítico o home fíxose sedentario, naceu a agricultura e a domesticación dos animais e con este cambio unha nova forma de organización social e de estar no mundo. O espertar da Idade dos Metais traería consigo o nacemento da xoia tal e como hoxe a coñecemos, pero iso xa é outra historia.

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

%d bloggers like this: