• BENVIDOS Ó BLOG DE RAFA QUINTÍA

  • SOBRE O AUTOR

  • © Fotografías blog: Rafa Quintía

  • A LINGUAXE DAS CAMPÁS. ETNOGRAFÍA DOS SINOS

  • MARIÑA: DE DEUSA A SANTA

  • MONTE DAS CROAS: ANTROPOLOXÍA DUN CASTRO

  • ANÁLISE ESTRUTURAL E SIMBÓLICA DO MITO DA MOURA

  • LA HISTORIA DE GALICIA EN 50 LUGARES

  • USO SIMBÓLICO DO CUARZO NA CULTURA GALEGA. Aspectos etnográficos e arqueolóxicos

  • PATRIMONIO INMATERIAL DE SAN MARTIÑO DE SALCEDO

  • ALICORNIO. O PODER DO CORNO DE UNICORNIO NA MEDICINA TRADICIONAL GALEGA

  • A NOSA SEÑORA DA LANZADA. Estudio antropológico de un santuario costero.

  • PARA CANTAR VEÑO EU! Unha viaxe pola cultura musical galega da man dos Chichisos

  • DE VELLO, GAITEIRO! Biografía do grupo de música tradicional Os Chichisos

  • DEUSES, MITOS E RITOS DO MONTE DO SEIXO. Unha proposta interpretativa en clave céltica.

  • Á SOMBRA DE BOUZA PANDA. Poemario de trincheira e maldizer

  • MADAMAS E GALÁNS. HISTORIA DO ENTROIDO DE COBRES

  • MUÍÑOS, A MEMORIA DA AUGA.

  • Documental “SETE CAMIÑOS. ENCRUCILLADA DO TEMPO”

  • Documental “COMUNEIROS. Cen anos de vida e loita polo monte de Salcedo”

  • Documental “Monte do Seixo. A Montaña Máxica”.

  • Curtametraxe documental “NOITE DE REIS COS CHICHISOS”

  • A PEDRA DO FUNDAMENTO

  • “FEITO NA CASA”

  • “FOL DE VELENO. Anuario de Antropoloxía e Historia de Galiza”. Nº6

  • “FOL DE VELENO. Anuario de Antropoloxía e Historia de Galiza”. Nº5

  • “FOL DE VELENO. Anuario de Antropoloxía e Historia de Galiza”. Nº4

  • “FOL DE VELENO. Anuario de Antropoloxía e Historia de Galiza”. Nº3

  • “FOL DE VELENO. Anuario de Antropoloxía e Historia de Galiza”. Nº2

  • “FOL DE VELENO. Revista de Etnografía e Historia de Galiza”. Nº1

  • ALBIÓN GALAICA

  • “GALICIA ENCANTADA: O país das mil e unha marabillas”

  • “OS MOUROS E AS MOURAS: MÁXICOS ENIGMÁTICOS DA MITOLOXÍA POPULAR”. Actas das V Xornadas de literartura de tradición oral.

  • POEMARIO DOS GAFOS. Obra colectiva.

  • CATÁLOGO-GUÍA do Espazo Natural e Arqueolóxico dos Sete Camiños

  • AS PONTES DE PONTEVEDRA. Libro da exposición do mesmo nome. (Obra colectiva)

  • ATAS DAS JORNADAS DA LITERATURA GALAICO-PORTUGUESA 2012-2014

  • ACTAS DAS II XORNADAS SOBRE O ENTROIDO DE GALIZA

  • ACTAS DAS I XORNADAS SOBRE O ENTROIDO DE GALIZA

  • ENTRADAS POR ORDE CRONOLÓXICA

  • CONTADOR

    • 116,568 hits
  • Follow Á Sombra de Bouza Panda on WordPress.com

LENDAS E HISTORIAS MARABILLOSAS DA IGREXA PARROQUIAL DE SANTA MARÍA DE LAMAS

Esta semana publicaba na Revista Electrónica de Investigación da web Galicia Encantada o artigo titulado “Lendas e historias marabillosas da igrexa parroquial de Santa María de Lamas”. Aquí deixo a ligazón ó artigo para a súa consulta ou descarga.

Revista electrónica de investigación Galicia Encantada /nº 9/ ano 2013 / ISSN 1887-2859.

LIGAZÓN:

http://www.galiciaencantada.com/dentro.asp?c=0&id=2321

DESCARGA O ARTIGO EN PDF:

http://www.galiciaencantada.com/archivos/docs/Lendas%20e%20historias%20marabillosas%20da%20igrexa%20de%20Santa%20Mar%C3%ADa%20de%20Lamas.pdf

A continuación achego o texto completo do artigo.

Lendas e historias marabillosas da igrexa parroquial de Santa María de Lamas

Rafael Quintía Pereira

 DSC_8099 - copia

Ás veces, cando un percorre os camiños desta terra nosa, unha simple visita a un lugar pode converterse nunha auténtica aventura cultural e nunha lección maxistral sobre como somos e como vemos o mundo os galegos. Iso foi o que me aconteceu a min un día de setembro cando decidín achegarme á parroquia de Santa María de Lamas, no concello coruñés de Boqueixón.

DSC_8063

A igrexa de Santa María de Lamas é unha desas igrexas rurais galegas que gardan fantásticos tesouros, e non falo de tesouros monetarios, nin de xoias, nin de ouro senón de tesouros etnográficos e antropolóxicos. De estilo barroco, o templo de Santa María de Lamas comezou a edificarse  no século XVIII e sufriu numerosas remodelacións ata acada-lo aspecto que hoxe ten. No século XIX,  levántase a fachada actual do edificio, en datas posteriores reformouse a capela maior, eleváronse as paredes orixinais e realizouse a obra da sancristía, polo que pouco se mantén do edificio orixinario levantado entre os anos 1716 e 1718. Ata aquí a historia arquitectónica da igrexa. Agora comeza a historia popular, a que a min realmente me importa por todo o que nos conta de nós mesmos.

DSC_8078 - copia

Segundo me relatou  Víctor Curros, sancristán e campaneiro de Santa María de Lamas, cando se ergueu a torre campanario da igrexa foi necesario construír unha inmensa rampla de terra e madeira de  máis de 400 metros de longo e que daban a volta ó edificio ascendendo ata o campanario. Por esta rampla, tal como se di que se fixeron as pirámides de Exipto, subían os canteiros cos carros de bois para ir depositando as pedras correspondentes nos distintos niveis da obra a medida que ía medrando o edificio. Era tal a envergadura da obra que a rampla tiña que rodear todo o campanario para que os carros de bois puidesen da-la volta e emprende-lo camiño de descenso. Non sei que hai de certo e que hai de mito neste relato, o que si sei é que non é o primeiro lugar onde recollo esta técnica construtiva propia dos faraóns aplicada á construción dunha das nosas igrexas galegas. Sen ir máis lonxe, o mesmo me contaron da igrexa parroquial de San Martiño de Salcedo, a miña parroquia. Postos a imaxinar, poderiamos pensar que quizais os nosos canteiros —os míticos arghinas— aprenderon o seu milenario saber do mesmísimo arquitecto exipcio Imhotep. Cousas máis raras se viron… Pero afastémo-las fantasías propias e continuemos co noso percorrido polas lendas deste marabilloso templo.

DSC_8054

Se un deambula polo templo de Lamas decatarase de que nunha das súas paredes, ó lado esquerdo mirando cara ó Retablo Maior e a carón do retablo do Santo Cristo, hai un marco cun diploma. É o certificado dunha das reliquias que atesoura esta parroquia: un lignus crucis, isto é, un anaco da cruz na que crucificaron a Xesús Cristo.

DSC_8066

Non me pregunten como se certifica a autenticidade desta reliquia porque non o sei, o caso é que a teñen e certificada. Segundo me contou o sancristán, trátase dunha reliquia de adquisición recente e que, por motivos de seguridade, custodia o actual párroco na súa casa. Imaxino que se mercou  para que axudará aínda máis a reforza-la devoción que xa de por si se ten pola imaxe do milagreiro Santo Cristo de Lamas. Quen queira coñece-los exemplos dos seus prodixios non ten máis que le-lo cadriño que, a xeito de banda deseñada, dá conta dun dos seus milagres máis famoso. Velaquí o texto do milagre:

DSC_8056 - copia

En 12 de septiembre de 1946 hallandose a las puertas de la muerte un Señor Cura, se presentó de rodillas delante de la ymagen de este Santísimo Christo una Herrmana del enfermo, y haviendo hecho oración con la maior devoción y humildad suplincandole le concediese la salud en cuio caso le ofrecería un buei. De regreso a su casa le hallo con mejoría que a pocos días recupero la salud, y mui luego fue entregado dicho buei que se invirtio con mas limosnas en la obra de su Altar.

DSC_0882 - copia

Pero a reliquia máis interesante de Santa María de Lamas, polo exótica e infrecuente dela, non é o lignus crucis senón a fantástica reliquia dun anaco do vestido da Virxe María, aí é nada. O anaquiño de vestido —o cal puiden ver e fotografar para deleite de quen aquí escribe— está pegado por debaixo da pedra de ara que está incrustada no Altar maior. Unha lámina rosácea de material xa irrecoñecible agóchase a salvo das miradas indiscretas baixo aquela pedra de ara —potentísimo obxecto de poder na nosa cultura popular— Deus sabe dende hai canto tempo.

DSC_8111 - copia

Imaxinen o que faría Dan Brown con esta historia…un anaco do vestido da Virxe María nunha igrexa perdida de Galicia! Como chegaría á nosa terra esta fantástica reliquia? Quen a trouxo? Serían os templarios que se asentaron en Ponferrada? Ou serían os discípulos de Santiago que tras atracar co corpo santo en Padrón —ou Iria Flavia—  cruzaron estas terras de Boqueixón, á sombra do sagrado e mítico Pico Sacro e baixo a mirada atenta da raíña Lupa? Faga cada quen as súas propias conxecturas, os materiais son de abondo saborosos é maleables.

DSC_8074

Contareilles agora un feito non menos extraordinario e misterioso: a descomposición diabólica da imaxe  da santa tutelar da parroquia. Segundo contan os veciños,  a imaxe de Santa María venerada en  Lamas foi vítima dun fenómeno paranormal, da noite á mañá  a cara desta vella imaxe de madeira foise desfacendo pouco a pouco ata quedar a pobre virxe sen cara e cun burato podrecido de lado a lado da cabeza. O máis curioso do feito é que este mal só lle afectou á súa faciana, pois o corpo permaneceu intacto. Tiven a sorte na miña pescuda de poder ve-la imaxe maldita. Grazas, dito sexa de paso, ó amigo Víctor Curros que tivo a sensibilidade de recuperar e gardar esta valiosa imaxe. Poden crerme cando lles digo que a imaxe da santa sen rostro mete medo, case tanto como o que deberon senti-los pobres veciños da parroquia ó ver esvaecerse a face pura e anxelical da súa virxe.

santa maria lamas

A xente da parroquia, ante tal estraño fenómeno, achacouno á acción do maligno, a cousa do demo, así que decidiron chimpar fóra a imaxe da súa patroa e encargar unha nova imaxe de substitución. Velaí un mostra máis do pragmatismo relixioso dos galegos. Se unha imaxe non serve, guindámola ó lixo e traemos outra. Non sei que pensará a ortodoxia cristiá sobre  o pecado da idolatría cando ve exemplos coma este. Imaxino que mellor será non ver e deixa-lo tema así, se funcionou case dous mil anos —malia á insistencia de San Martiño de Dumio—  por algo será.

DSC_8068

Os fenómenos extraordinarios ou sucesos misteriosos non remataron aquí. Contan os veciños de Lamas que o día que  se trouxo, con toda solemnidade e boato, a nova imaxe da virxe no intre en que se introduciu a imaxe no templo e se depositou sobre o seu altar o ceo cubriuse de negro e desatouse unha brutal tormenta. Un certeiro e destrutivo raio, como se dun castigo divino se tratase, impactou contra a torre do campanario destruíndo parte dos seus muros e abrindo un fondo burato na súa estrutura. Dende entón a xente bautizou ese pozo insondable como o Forno do Demo, e din que quen se asome á súa escura boca poderá escoitar un ronquido infernal que ven dende o máis fondo do burato.

DSC_8079

Estas obras de remodelación das que falei ó principio deron lugar a moitas máis lendas, como a das lápidas romanas desaparecidas baixo o novo chan de baldosas, amosando unha vez máis  o enorme poder imaxinativo e creador dos galegos cando navegamos polo  mundo dos símbolos e dos mitos. Cunqueiro non naceu aquí por casualidade. Pois ben, como diciamos, nunha destas obras eleváronse as paredes do templo e a súa cuberta o que creou un espazo entre a vella cúpula de pedra e o novo teito, un espazo ó que se pode acceder dende a torre do campanario e que hoxe é acubillo de curuxas e outras criaturas. É por esta falsa cúpula por onde se pode acceder  ó Forno do Demo. Imaxinan vostedes un templo cristián no que existe un lugar que se chama o Forno do Demo? Pois velaí está, sobre a fermosa cúpula policromada do templo, o burato negro e insondable onde se escoita o ruxido do averno e quen sabe se os berros das ánimas que alí padecen. Así mo contaron, e así volo conto.

DSC_8072 - copia

Non foi este o único suceso acontecido a unha imaxe santa da parroquia. A talla de pedra da santa tutelar da parroquia que loce na fachada do templo sufriu un descoñecido accidente que tivo como consecuencia a súa decapitación. Hoxe a imaxe da Santa María de Lamas preséntasenos con cabeza renovada e branco resplandecente, que contrasta co corpo traballado polo tempo e vestido polo lique e o brión. Pero o verdadeiramente sorprendente non é a súa nova faciana senón a lenda que narra a orixe desta imaxe. É crenza popular que a imaxe da santa apareceu milagrosamente a carón dunha fonte, de aí que hoxe se lle coñeza como a Fonte Santa. Como a fonte está no linde entre as parroquias de Lamas e Sergunde, os veciños non tiñan claro a que parroquia debería de pertence-la imaxe da virxe polo que decidiron recorrer a unha sorte de xuízo de Deus. E así, coa intención de soluciona-lo conflito, xuntaron unha xugada de bois —un de cada parroquia— e fixeron un carro con madeira de ámbalas dúas parroquias, Lamas e Sergunde. Unha vez finalizado o carro e postos os bois, montaron a imaxe da virxe e dixeron: para onde tire o carro, de aí é a santa. Foi deste xeito como os veciños de Santa María de Lamas se fixeron coa imaxe que hoxe nos recibe sobre a porta principal da súa igrexa parroquial.

DSC_8090 - copia

Se ata agora falamos de virxes e de santas que sufriron a acción do maligno, voulles falar agora doutra cuxa historia é todo o contrario. Fálolles da virxe da Inmaculada Concepción. Na parroquia consérvase unha pequena imaxe desta virxe que era requirida cada vez que unha muller se puña de parto. Cando acontecía un destes feitos, os veciños ían colle-la imaxe da virxe da Inmaculada Concepción e levábanlla a parturente para que, grazas a divina intervención ou protección da imaxe, o parto chegara a bo fin e a criatura nacera sen problemas e sen riscos para a nai ou para ela mesma. Un exemplo máis dos riscos que corrían antano as mulleres ó parir e que fixo que se idearan toda unha serie de mecanismos simbólicos protectores co aquel de salvagardar a nai e fillo. Un exemplo que nos fala tamén da importancia que tiña a fertilidade nas antigas sociedades rurais e agrarias.  Hai xa tempo que ninguén demanda a poderosa imaxe protectora das parturentes pero ela, coma sempre, alí segue, gardada na vella casa reitoral á espera de quen a poida necesitar.

DSC_0892

Non quero rematar este relato, esta auténtica viaxe polas lendas e as crenzas tecidas ó redor da igrexa de Santa María de Lamas, sen mencionar un elemento artístico que coido non debería pasar desapercibido a quen visite o lugar. Refírome ó cruceiro barroco de Lamas, fermosa e requintada cruz de granito erixida no século XIX, e que ten como curiosidade o seu  varal circular cuxa decoración vexetal espiralada dá a sensación de que un xigante, quen sabe se habitante no Burato dos Mouros do Pico Sacro,  retorceu coas súas mans ata darlle o peculiar aspecto que ten. Quen teña tempo e ganas pode intentar atopar entre os adobíos vexetais do cruceiro o que eu penso que é unha representación de Adan e Eva que agochados entra a pétrea vexetación observan no alto  a imaxe do Crucificado e, no seu reverso, a divina Piedade.

DSC_8107 - copia

Máis son os tesouros que garda este templo, e infinitos os que, como en cada unha das nosas parroquias e aldeas, se agochan en Santa María de Lamas. Non hai tempo para máis nin hai que revelar nunca tódolos segredos pois a verdadeira aventura, o verdadeiro coñecemento está na busca e iso é un camiño que cómpre percorrer persoalmente. Vivimos nunha terra fascinante, nun universo simbólico e mítico digno de ser coñecido se realmente queremos saber quen somos, digno de protexer se queremos ser dignos do valioso legado que os nosos devanceiros nos legaron, e digno de dar a coñecer e valorar se queremos seguir sendo o que somos. A verdade e a nosa realidade cultural como pobo están aí fóra e un paseo por unha aldea, unha conversa nunha taberna ou unha visita á igrexa parroquial pode ser un bo sitio para comeza-la aventura da súa descuberta. Boa sorte e boa viaxe!

DSC_8070 - copia

Agradecementos:

O meu agradecemento a Víctor Curros pola súa amabilidade e por toda a información achegada.

Se todo isto lles pareceu, como a min, algo fascinante agarden uns días e poderán velo cos seus propios ollos. Proximamente en Á sombra de Bouza Panda  estrearémo-lo audiovisual “Santa María de Lamas, unha parroquia con lenda”.

 

Advertisements
%d bloggers like this: