PUBLÍCASE “ALICORNIO. O PODER DO CORNO DE UNICORNIO NA MEDICINA TRADICIONAL GALEGA”

DSC_0658

Hoxe é un día de felicidade para min. Despois de oito anos de traballo por fin ve a luz o meu último libro “Alicornio. O poder do corno de unicornio na medicina tradicional galega”. Atrás fican infinitas horas de investigación, ducias de entrevistas e viaxes por todo o país na procura dos misteriosos alicornios. Quedan tamén atrás as peripecias editoriais e máis dunha promesa incumplida. Remata o libro pero non a miña particular aventura de afondar nos misterios do obxecto de poder, ó meu entender,  maís fabuloso da tradición galega. Quero dar publicamente o meu agradecemento a todos aqueles que me axudaron neste traballo, aparecedes debidamente citados no libro.  Grazas primeiramente ós meus informantes -auténticos valedores deste tesouro etnográfico-,  a aqueles que me facilitaron o acceso a eles apadriñándome nas miñas pesquisas en terras das que non era veciño, ós que me cederon imaxes, ós meus queridos amigos Paco Sutil e João Bieites e á miña irmá Myriam polos debuxos realizados para esta obra, ós compañeiros da Sociedade Antropolóxica Galega por considerar que merecía a pena publicar este traballo e ó admirado Antonio Reigosa polo seu xeneroso e entrañable prólogo. Moitas grazas a todos, compañeiros.

Se algún está interesado neste traballo pode pórse en contacto comigo a través deste blog ou ben remitirse á Sociedade Antropolóxica Galega a través do seu blog.

miniatura portada alicornio - copia

ALICORNIO. O PODER DO CORNO DE UNICORNIO NA MEDICINA TRADICIONAL GALEGA

Datos técnicos:
Autor: Rafael Quintía Pereira
Editorial: Sociedade Antropolóxica Galega
Impresión: Branco e negro
Tamaño:20.5×15
370 páxinas
Ano: 2013
I.S.B.N.: 978- 84-616-5814-5

O unicornio é, posiblemente, un dos animais míticos máis universais. Ó seu corno –o alicornio- atribúenselle dende a máis remota antigüidade propiedades sandadoras contra tódolos velenos e moitos máis prodixios. En Galicia, a crenza nos poderes curativos do alicornio callou fondo converténdose a máxica hasta no amuleto por excelencia para cura-lo mal de pezoña e outras doenzas da pel. Neste traballo etnográfico o autor fai un extenso percorrido polo mundo do alicornio e as súas virtudes e ofrécenos unha viaxe na procura dalgúns dos poderosos alicornios que aínda están activos na nosa terra.

%d bloggers like this: