• BENVIDOS Ó BLOG DE RAFA QUINTÍA

  • SOBRE O AUTOR

  • © Fotografías blog: Rafa Quintía

  • MARIÑA: DE DEUSA A SANTA

  • MONTE DAS CROAS: ANTROPOLOXÍA DUN CASTRO

  • ANÁLISE ESTRUTURAL E SIMBÓLICA DO MITO DA MOURA

  • LA HISTORIA DE GALICIA EN 50 LUGARES

  • USO SIMBÓLICO DO CUARZO NA CULTURA GALEGA. Aspectos etnográficos e arqueolóxicos

  • PATRIMONIO INMATERIAL DE SAN MARTIÑO DE SALCEDO

  • ALICORNIO. O PODER DO CORNO DE UNICORNIO NA MEDICINA TRADICIONAL GALEGA

  • A NOSA SEÑORA DA LANZADA. Estudio antropológico de un santuario costero.

  • PARA CANTAR VEÑO EU! Unha viaxe pola cultura musical galega da man dos Chichisos

  • DE VELLO, GAITEIRO! Biografía do grupo de música tradicional Os Chichisos

  • DEUSES, MITOS E RITOS DO MONTE DO SEIXO. Unha proposta interpretativa en clave céltica.

  • Á SOMBRA DE BOUZA PANDA. Poemario de trincheira e maldizer

  • MUÍÑOS, A MEMORIA DA AUGA.

  • Documental “SETE CAMIÑOS. ENCRUCILLADA DO TEMPO”

  • Documental “COMUNEIROS. Cen anos de vida e loita polo monte de Salcedo”

  • Documental “Monte do Seixo. A Montaña Máxica”.

  • Curtametraxe documental “NOITE DE REIS COS CHICHISOS”

  • A PEDRA DO FUNDAMENTO

  • “FEITO NA CASA”

  • “FOL DE VELENO. Anuario de Antropoloxía e Historia de Galiza”. Nº6

  • “FOL DE VELENO. Anuario de Antropoloxía e Historia de Galiza”. Nº5

  • “FOL DE VELENO. Anuario de Antropoloxía e Historia de Galiza”. Nº4

  • “FOL DE VELENO. Anuario de Antropoloxía e Historia de Galiza”. Nº3

  • “FOL DE VELENO. Anuario de Antropoloxía e Historia de Galiza”. Nº2

  • “FOL DE VELENO. Revista de Etnografía e Historia de Galiza”. Nº1

  • ALBIÓN GALAICA

  • “GALICIA ENCANTADA: O país das mil e unha marabillas”

  • “OS MOUROS E AS MOURAS: MÁXICOS ENIGMÁTICOS DA MITOLOXÍA POPULAR”. Actas das V Xornadas de literartura de tradición oral.

  • POEMARIO DOS GAFOS. Obra colectiva.

  • CATÁLOGO-GUÍA do Espazo Natural e Arqueolóxico dos Sete Camiños

  • AS PONTES DE PONTEVEDRA. Libro da exposición do mesmo nome. (Obra colectiva)

  • ATAS DAS JORNADAS DA LITERATURA GALAICO-PORTUGUESA 2012-2014

  • ACTAS DAS II XORNADAS SOBRE O ENTROIDO DE GALIZA

  • ACTAS DAS I XORNADAS SOBRE O ENTROIDO DE GALIZA

  • ENTRADAS POR ORDE CRONOLÓXICA

  • CONTADOR

    • 114,139 hits
  • Follow Á Sombra de Bouza Panda on WordPress.com

O MUNDO DAS ÁNIMAS, OS DEFUNTOS E A NOITE DE DEFUNTOS NA TRADICIÓN GALEGA

ARTIGO PUBLICADO NO “BOLETÍN DE AEDA Nº14. NOV. 2013.” PUBLICACIÓN DA ASOCIACIÓN DE PROFESIONALES DE LA NARRACIÓN ORAL EN ESPAÑA.

VERSIÓN EN GALEGO:

http://narracionoral.es/index.php/gl/noticias-e-documentos/411-o-mundo-das-animas-os-defuntos-e-a-noite-de-defuntos-na-tradicion-galega

VERSIÓN EN CASTELÁN:

http://narracionoral.es/index.php/es/documentos/tradicion-oral/410-el-mundo-de-las-animas-los-difuntos-y-la-noche-de-difuntos-en-la-tradicion-gallega

logo

O mundo das ánimas, os defuntos e a Noite de Defuntos na tradición galega

 

Dalgún xeito poderiamos dicir que a idea galega de familia non se pode acoutar nin no tempo nin no espazo e que a crenza moderna de que a morte é o final ou que o mundo dos vivos e o dos mortos son planos estancos e inconexos son ideas que non operaban no campo da cultura tradicional galega, pois no noso mundo cultural, eminentemente simbólico, os membros falecidos da familia tamén conviven cos vivos nunha relación que transcende a dimensión temporal e terreal. Esta convivencia e relación é unha relación simbiótica, dun intercambio mutuo que podemos observar en múltiples prácticas e crenzas relacionadas co mundo dos defuntos e das ánimas. E digo que é simbiótica porque  ás ánimas —igual ca ós santos— pídenselles favores pero tamén se roga por elas e se pon en marcha todo un enorme artellamento de prácticas que buscan, en última instancia, axudar a estas almas a saír do Purgatorio e a acada-la paz eterna.

VLUU L100, M100  / Samsung L100, M100

A relación coas ánimas

Xa que logo, ás ánimas pídenselles favores, a intermediación para solucionar un conflito ou a súa intercesión para acadar unha sandación ou solucionar un problema grave. Posiblemente isto se deba á crenza de que as ánimas benditas, sobre todo aquelas que xa saíron do Purgatorio,  teñen unha posición privilexiada e un certo poder para axuda-los vivos  pois están xa máis perto do ceo e de Deus e iso sempre confire poder, privilexios e capacidade de intervir no noso mundo. A este respecto, teño recollido moitos testemuños que acreditan esa fe no poder benefactor das ánimas ou nas almiñas dos defuntos, como me dicía unha informante: “eu ás ánimas téñolles moita fe, ós santos non pero ás ánimas….”

DSC_4774En troques, a xente tamén se esforzaba por axuda-las ánimas que están no Purgatorio. Ofrécenselles misas, fánselles ofrendas nos petos de ánimas ou rézaselles na casa, entre outros moitos costumes. Por exemplo, ata hai uns anos os domingos e festas de gardar acudíase á misa, acendíanse velas ofrecidas para os defuntos e dábanselles responsos. Á saída da misa  facíase a poxa dos polos, bolos de pan e demais ofrendas que os fregueses traían para as ánimas dos defuntos. Non faltaba quen quería deixar no testamento un legado a favor das ánimas, era o chamado “quinto das ánimas”, que servía para pagar misas e responsos en sufraxio da ánima do finado. Cada ano, coincidindo co Día de Defuntos, celebrábase un acto litúrxico xeral por tódalas almas dos defuntos da parroquia que estaban no Purgatorio. Tamén había, e hai, novenas, e en moitos lugares de Galicia facíase un bolo de pan e levábase ó adro da igrexa para darlle á xente, era o “Pan das ánimas”. Estes bolos eran para dar de comer ó saí-los asistentes da misa e para repartilos entre os pobres. Pola Candeloria bendicíanse as velas que se levaban para a casa —e aínda se levan— para pólas na man dos agonizantes ou para acendelas no mes de Santos.

VLUU L100, M100  / Samsung L100, M100En Xoves Santo lévanse as velas á igrexa para bendicilas e despois gárdanse como poderosos amuletos para acendelas os días de tormenta e mante-la casa protexida da acción do raio. Estas velas antigamente gardábanse tamén para ilumina-lo viático. A influencia das ánimas chegaba a cousas tales como a chamada “espiga das ánimas”, que eran unhas espigas de millo especiais, desas que tiñan varios fillos, e  que se gardaban á parte das da colleita. As espigas das ánimas deixábanse dun ano para outro penduradas dunha trade da corte, acción que, ás veces, se acompañaba da sentenza: “polas almiñas dos que faltan desta casa”.

VLUU L100, M100  / Samsung L100, M100Tamén era frecuente que estas espigas especiais fosen usadas como amuletos sandadores para darlles de comer ás vacas que tiñan problemas para parir ou para expulsa-la placenta  tralo parto. Coa introdución das novas variantes melloradas de millo americano xa non é tan doado atopar estas espigas “con moitos fillos ou almiñas”, mais antigamente eran máis abondosas e era tabú usalas pois tamén se adoitaba ofrecérllelas ás almas dos defuntos a xeito de exvoto. Por exemplo, moitos veciños das parroquias do concello de Pontevedra achegábanse ata a Capela das Ánimas, na vila de Pontevedra, para ofrecer estas espigas polas almas dos seus defuntos. Os petos de ánimas e os esmoleiros tamén gardan unha estreita relación con estas crenzas, pois neles fanse ofrendas para a salvación dos defuntos. Malia que os tempos mudan, aínda hoxe son moitos os momentos do ano e os acontecementos sociais  nos que a lembranza das ánimas se fai especialmente presente.

OLYMPUS DIGITAL CAMERACapela das Ánimas. Pontevedra.

A visita das ánimas

As ánimas son, asemade, ambivalentes, é dicir, poden ser boas ou vir con malas intencións. Como dixemos, as ánimas poden interceder por nós ante a divindade e mesmo poden axudarnos nos nosos males ou problemas da vida cotiá, pero as ánimas tamén poden vir a pedir xustiza, vinganza, a amola-los vivos ou a aterrorizalos. E digo vir porque as ánimas —tras pasa-las portas do Alén— teñen a capacidade de volver a este mundo. Como explica o antropólogo Marcial Gondar, as ánimas poden vir a este mundo de distintos xeitos, ben como individuos ou ben como grupo, o caso da Compaña. Cando se aparecen como individuos poden facelo baixo a aparencia que tiñan en vida —figura humana—, ou en forma de animal, por exemplo é moi habitual facelo como abella ou avelaíña e existe a crenza en Galicia de que as bolboretas nocturnas de cor branca que podemos ver nas nosas casas  son ánimas que saen do Purgatorio e as negras son as ánimas que veñen pedir que lles recen oracións para axudalas nas súa salvación. As ánimas tamén poden vir en forma de ruídos, sombras ou luces e tamén poden materializarse en algo inanimado como unha pedra. Cando estas se nos presentan poden  facelo dun xeito directo, como ocorre nas aparicións ou cando se introducen no corpo dunha persoa, cítese o caso dos chamados “corpos abertos”. Pero as ánimas tamén se nos poden presentar dun xeito indirecto e isto é o que ocorre cando as cousas na casa comezan a ir mal: cando hai desgrazas, malas colleitas, mortes de animais, accidentes  ou enfermidades era habitual atribuír estes sucesos á presenza dunha ánima.

AVELAÍÑA

Datas para o contacto cos que están no Alén: a Noite de Defuntos

Existen determinadas datas do ano no que é máis fácil o transo entre ámbolos dous mundos, o do Alén e o terreal. Por exemplo, existe a crenza de que as ánimas do Purgatorio adoitan baixar á Terra, sobre todo pola noite e en datas sinaladas como son a Noite Boa e a Noite de Defuntos. Era práctica habitual en Galicia, e aínda o segue a ser en moitos lugares do noso territorio, que pola Noite de Defuntos non se recollese a mesa pois as ánimas dos nosos defuntos viñan visita-la casa esa noite e había que deixarlles algo por se tiñan fame. Polo mesmo motivo adoitábase deixa-lo lume da lareira aceso, pois é ben sabido que as ánimas, malia que se representan ardendo nas chamas, soen ter frío e por iso se achegan pola noite ó lume da lareira do que fora o seu fogar. O mesmo se facía na Noite Boa, incluso había xente que cando chegaba a cea puñan un prato na mesa  por cada membro da familia falecido. Podemos dicir, xa que logo, que a Noite de Defuntos é unha noite máxica. E digo máxica porque existe a crenza de que esta noite, igual que acontece coa de San Xoán, ábrense as portas do Máis Aló e o mundo dos vivos e o mundo dos mortos atópanse máis perto ca nunca. Este é o único momento do ano no que desaparece o veo que separa este mundo dos vivos do outro, do Alén, e por iso é posible o tránsito dun ó outro mundo. Era por tanto unha noite adimensional e atemporal e, así, pasado, presente e futuro xúntanse nesta celebración. Son precisamente as circunstancias liminais que rodean esta noite as que permiten que os membros defuntos da familia poidan volver a camiñar entre os vivos e veñan visita-los seus antigos fogares na terra.

CEMITERIO 2
Por motivos de extensión, non vou entrar neste artigo a falar da orixe da festa dos mortos e dos seus diferentes substratos precristiáns, tan só vou dicir que foi no século IX cando a Igrexa destinou o primeiro de novembro ó día de Tódolos Santos e no século XII o día seguinte como Día de Defuntos, cristianizando deste xeito as antigas festas pagás dos mortos. En Galicia os nenos  percorrían nestas datas as casas da aldea pedindo carne, pan, viño e doces, que gardaban nas súas bolsas para consumilos despois nas súas casas. Este costume, que hoxe nos parece propio do Halloween americano pero que nace en Europa, era tradición común en Galicia ata tal punto que no século XVI o inquisidor, humanista e bispo de Mondoñedo Frei Antonio de Guevara sancionou este tradicional costume  que para el era descoñecido:

Constounos pola visita que o día de Tódolos Santos e o día seguinte de Defuntos andan tódolos mozos da freguesía a pedir polas portas e danlles pan e carne e viño e freixós e pixóns e outras cousas, e que piden así os fillos dos ricos que os pobres; e por ser máis este rito xentil que cristián, ordenamos e mandamos que, de aquí en diante, ningún mozo vaia aqueles dous días de porta en porta a pedir, senón que o beneficiado, o reitor e o primiclero e outro que nomease a freguesía pidan aquel pan e todo o demais que lles deran ou repartan na igrexa o Día dos finados entre os pobres e necesitados, so pena que o pai ou a nai que enviara o seu fillo a pedir aqueles días pague mil marabedís[…]

VLUU L100, M100  / Samsung L100, M100Ademais deste costume dos nenos de ir pedir polas casas  tamén existía a tradición de preparar comida para os defuntos que nos viñan visitar esa noite máxica. O mesmo bispo de Mondoñedo fai os seguintes comentarios escandalizado ó respecto destes ritos:

[…] achamos ter costume en moitas partes deste noso bispado que nos mortuorios que fan, e o Día dos finados, que é outro día de Tódolos Santos, comen e beben e poñen mesas dentro das igrexas e o que é peor, poñen xerros e pratos encima dos altares facendo aparador deles. Ordenamos e mandamos que ninguén sexa ousado nos semellantes mortuorios e honras e Días de finados comer nin beber nas igrexas, so pena que pague cada un dous ducados e o cura que o consente catro.

DSC02878Malia as prohibicións e os intentos anatemizantes da Igrexa, moitas destas crenzas e tradicións perduraron ata os nosos días mesturadas co cristianismo e integradas como algo normal e típico da Noite de Defuntos. Na actualidade, os católicos celebran  o 31 de outubro a véspera de Tódolos Santos. Recordan nestas datas os seus mortos, por Defuntos hai novenas, visitan os cemiterios, adornan as tumbas  e acenden candeas que lles serven de guía ós defuntos e que teñen que estar prendidas ata que se consuman para que atopen a saída do purgatorio. Acéndense tamén lampadas de aceite sobre as lápidas dos nosos falecidos e crese que cando unha destas lampadas se consome indica que unha ánima do purgatorio alcanzou, por fin, a luz.

 LÁPIDAS

Os magostos

Unha celebración tradicional de Galicia que está estreitamente relacionada co que estamos a explicar é o magosto que tamén ten un simbolismo de festa dedicada ós nosos defuntos, non por nada a súa celebración coincide co mes de Santos. Polo San Martiño, no mes de novembro, as castañas xa maduras empezan a abri-los ourizos e a caer ó chan. Comeza entón a época dos magostos en Galicia. Esta celebración simbólico-culinaria cínguese normalmente ás datas comprendidas entre o 1 de novembro —Día de Tódolos Santos— e o 11 de novembro —festividade de San Martiño—, aínda que tamén se poden celebrar nos días anteriores ou posteriores a estas datas ou mesmo dende mediados de outubro ata mediados de novembro. O portugués Leite de Vasconcelos consideraba o magosto como un vestixio dun antigo sacrificio en honor dos mortos e refire que en Barqueiros era tradición preparar, a media noite, unha mesa con castañas para que os defuntos da familia fosen comer; ó día seguinte ninguén tocaba esas castañas pois críase que estaban “babadas dos defuntos”. Tamén nos magüestus asturianos se adoitaba deixa-las castañas que sobraban para que as comesen os defuntos.

DSC_0237En canto ó aspecto simbólico dos froitos típicos do magosto, a castaña podería simboliza-la inmortalidade ó ser un froito que provén dunha árbore de longa vida. En Galicia era costume —e aínda o é en moitas aldeas de Ourense— durante estas celebracións mancha-la cara coa borralla do lume. Alexander Carmichael fálanos da celebración da festividade céltica do Samaín en Escocia durante o século XIX e afirma que na véspera desta data se acendían fogueiras nos claros do bosque para a celebración dunha especie de xuntanza lúdica da que se volvía coa cara manchada pola borralla das cinzas da fogueira, práctica que buscaba simular unha aparencia fantasmal que asustase os veciños cando, xa entrada a noite, volvían para as aldeas. Curiosamente, é o mesmo costume que aínda se mantén na celebración dos magostos na nosa terra.  Nos magostos tamén era frecuente a realización doutros tipos de xogos como saltar por riba da fogueira para purificarse —como se fai na noite de San Xoán—, contar historias ou cantar e bailar.

DSCF4829

As ánimas como mensaxeiras de desgrazas

Nas crenzas da nosa cultura popular, a morte non acostuma presentarse de súpeto senón que antes adoita avisar, é dicir, pénsase que a morte e as desgrazas van sempre precedidas dunha serie de avisos, agoiros ou sinais. Na sociedade tradicional había xente capacitada para ler estes agoiros e para ver e percibir con antelación os sinais da desgraza. Figuras como os vedoiros ou os corpos abertos tiñan o don da visión e podían acceder a esta información privilexiada. Pero existían tamén toda unha serie de sinais que podían ser interpretados por calquera persoa, sucesos, sons, presenzas que eran rapidamente interpretadas como o aviso de que unha morte ou un grande mal ía acontecer. Moitos deste avisos de morte eran atribuídos ás ánimas.

VLUU L100, M100  / Samsung L100, M100Existe a crenza en Galicia de que se se sente ruído sobre o tellado, como de areas ou pequenos croios ó bater sobre el, significa que proximamente caerá enfermo ou morrerá alguén desa casa. O mesmo ocorre se se escoitan tombos ou golpes inexplicables sobre o tellado. Na cultura popular galega os golpes de pedras batendo sobre o tellado téñense identificado coa presenza da Santa Compaña. Tanto cando se escoitan ruídos estraños polo tellado como calquera outro ruído que irrompa no silencio nocturno do fogar a crenza popular  é que as almas están inquedas e iso sempre é sinal de que algo malo vai acontecer. Expresións como as seguintes reflicten claramente esta crenza: “Andan as almiñas revoltas, non teñen paz” ou “Aínda non encontraron o camiño que retornan á casa”.

VLUU L100, M100  / Samsung L100, M100Sen lugar a dúbidas é a Compaña —mal chamada santa— o fenómeno cultural dentro do ámbito da morte, os defuntos e as almas en pena que volven do Alén que máis impacto tivo nos galegos. Para resumilo brevemente, a Compaña é  a procesión de ánimas en pena que saen pola noite a percorreren camiños e corredoiras anunciando a futura morte dun veciño. A procesión de mortos vai encabezada por un vivo que porta a cruz e o caldeiro e auga bendita. Detrás vai a confraría de ánimas que adoita vestir sudarios ou  túnicas brancas con carapucha e ilumina o seu paso con cirios que, ás veces, son ósos de morto acesos. Os vivos condenados a camiñaren cada noite coa Compaña verán mingua-la súa saúde: unha extrema fraqueza e palidez inundará os seus corpos e non acadarán descanso noite ningunha ata que sexan quen de pasarlle a terrorífica carga a outro desgraciado. A Compaña vén reclama-la alma de alguén que vai morrer, a reprochar ou castiga-las faltas cometidas polos vivos ou para anunciarlle a quen se topa con ela a morte dalgún coñecido ou dun mesmo. Cando un se atopa coa Compaña non debe mirala directamente, nin escoita-lo que lle diga, nin tomar nada que lle ofreza, como por exemplo unha vela, a cruz ou o caldeiro de auga bendita, pois se che ofrecen unha destas cousas e a colles terás que ir con eles na procesión ata que llo poidas dar a outro incauto co que te atopes. Para protexerse do seu encontro hai varias estratexias: saír fuxindo sería o máis natural e aconsellable pero se iso non é posible sempre se pode botar un no chan boca abaixo, refuxiarse ó abeiro dun cruceiro ou facer cun pau un risco de Salomón, unha pentalfa ou un círculo no chan e meterse dentro e, nunca está de máis,  rezar.

OLYMPUS DIGITAL CAMERA

O perigo dos defuntos

Non só as ánimas poden ser perigosas, o mesmo ocorre cos defuntos, sobre todo nese impás que precede a súa morte. Ese medo leva parello toda unha serie de ritos e crenzas que se poñen en marcha no momento do falecemento dunha persoa. Era frecuente tapa-los espellos da casa cando había un falecemento. Había tamén que atarlle a boca ó defunto para que non se lle abrise. Á parte dun posible sentido estético á hora de presenta-lo cadáver, pode ter relación coa idea de impedir que a alma do morto escape pola súa boca e fique presa na casa.

OLYMPUS DIGITAL CAMERATamén se botaban os animais  fóra da corte para evitar que estes caesen vítimas do aire do defunto. Despois do enterro había que afumarse. A roupa tamén se afuma pasándoa polo lume purificador. Había costume de levantar e senta-lo enfermo cando pasaba un morto por diante da casa. Quizais para evitar que este levase consigo o enfermo se o vía deitado e como a piques de morrer. Existía a crenza de que os defuntos podían produci-lo mal da sombra de defunto ou aire de defunto. Para evita-lo temido mal había que tomar unha serie de precaucións como por exemplo, a relacionada co tabú de que as embarazadas non podían ir a un enterro pois corrían o risco de colle-lo “aire de defunto”. Tamén se protexía os máis cativos —os seres máis vulnerables a estes males— da sombra do cadaleito ou do aire dos defuntos: dentro destes mecanismos de protección infantil os amuletos xogaban un papel importantísimo.

DSC_4576Non quero rematar este artigo sen facer fincapé na estreita relación que existe na cultura galega entre os vivos e os mortos, no xeito natural no que a morte se integraba dentro da vida como algo visible e sempre presente. Un mecanismo intelixente e práctico de estar alerta e de entender e aceptar a frugalidade do noso transo por este mundo terreal. Un xeito de integrar socialmente a dor da perda dun ser querido e un marabilloso mecanismo psicolóxico de superación do dolo, de superación dos traumas que pode causa-la morte e, nunha sociedade rural acostumada ó sacrificio e á carestía, unha ferramenta de esperanza nunha vida mellor, aínda que fose no Outro Mundo. Hoxe, co esvaecemento do mundo rural e tradicional, todo iso estase a perder. Os mortos foron relegados a un lugar escuro e esquecido e foron convertidos case en tabú. Os cemiterios afastados do adro da igrexa onde se facían as festas: as ánimas e o mundo do defunto pasaron a ser algo feo, a esquecer e  do que mellor non falar, e menos aínda se é ós nenos non vaia ser que os traumaticemos, e todo aquel mecanismo social de cobertura emocional fronte á desgraza da morte foi substituído por psicólogos de pago. É o prezo dos tempos que corren, tan só agardo que cando chegue o meu tempo de partir non me pidan contas noutro lado, non sabería que dicirlles. 

 OLYMPUS DIGITAL CAMERA

 

Por Rafael Quintía Pereira  (Antropólogo)

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

%d bloggers like this: