AS PENAS DE RODAS E O SEU XEMELGO AUSTRALIANO

Xa teño falado noutras ocasións sobre as similitudes culturais que se dan entre diferentes pobos da Terra e en diferentes épocas do tempo. Estes paralelos culturais, como xa teño explicado,  pódense xenerar en poboacións que non teñen contacto cultural, de feito así acontece en moitas ocasións. A explicación é clara, somos o mesmo Homo Sapiens en todo o mundo, cos mesmos mecanismo neuronais e as mesmas necesidades, medos e anhelos, de aí que a mesmas cuestións se xeneren, a miúdo, mesmas solucións ou elaboracións culturais.

5813028003_6f318c1fbb_mFonte: http://ec.aciprensa.com

De igual xeito, podemos atopar tamén os mesmos símbolos ao longo do tempo e de todo o planeta, sen necesidade de recorrer a unha orixe común ou a unha teoría defusionista, aínda que ás veces ese sexa o motivo. No tema dos símbolos o problema se complica, pois cómpre ter claro que unha cousa é o signo e outra o seu significado, xa que logo, podemos ter signos iguais en distintas culturas pero con significados moi diferentes segundo se desenvolvan nunha cultura ou noutra. Incluso o mesmo signo ou símbolo pode mudar o seu significado co transcorrer do tempo. Temos un exemplo claro disto último no caso da esvástica.

esvastica - copiaPois ben, de igual xeito que existen estas coincidencias simbólicas e estes paralelos culturais tamén existen xeografías peculiares, formacións rochosas raras e estrañas que se repiten ao longo do noso planeta azul. Ás veces as similitudes son moi marcadas, posiblemente porque os efectos de climatoloxías similares sobre xeoloxías similares produce efectos moi parecidos. Mais outras veces cabería preguntarnos se esas similitudes non se deberán a unha acción intencionada e deliberada do home para construír determinados espazos monumentais.

DSC_8312Tamén adoita acontecer que este tipo de paisaxes similares e peculiares acaban sendo o lenzo sobre os que os pobos constrúen as máis diversas lendas e mitos, sendo moi recorrendo, asemade, que estas xeografías de apariencia artificiosa e monumental sexan atribuídas á man ou acción de deuses ou outros entidades sobrenaturais.

Levo documentado moitos exemplos sobre isto, pero hoxe quero falarlles dun en particular que atopa o seu paralelo nas nosas antípodas. Refírome ás Penas de Rodas, en Lugo, os colosos da Terra Cha, pero imos pouco a pouco.

DSC_8192Os cons de Penas de Rodas, no concello lugués de Outeiro de Rei, configuran un exemplo de xeografía que perfectamente podería ser un ancestral lugar para a hierofanía. Nunha penechaira de altura, as dúas moles pétreas dispóñense cabaleiras sobre un rochedo plano que fai de podio ao que semella un altar ou santuario rupestre. Aos pés dos dous bolos graníticos esténdese unha chaira que ben puido ser lugar de agregación e romaxe. Moitos son os indicios que nos fan pensar que este lugar puido ser na antigüidade un importante santuario. A existencia de pías artificiais en penedas da contorna, o seu emprazamento fronteirizo, a existencia dunha antiga feira de gando na aldea veciña, cuxo nome non por nada é Feira, a orinetación dos penedos e outros elementos mási que aperecen espallados pola zona. Incluso hoxe as Penas de Rodas seguen exercendo a función de lugar de agregación ou reunión pois, ademais dos moitos excursionistas e xentes que se achegan na fin de semana a comer a carón destes colosais penedos, dende hai uns trinta anos a A.C. Pena de Rodas organiza o domingo anterior ao doce de agosto unha romaxe ata estes posible santuario.

OLYMPUS DIGITAL CAMERAHai un feito que non podemos deixar de citar que é a orientación solsticial que presentan estes penedos. Coa chegada do solsticio de verán o Sol ponse entre os dous penedos agasallándonos cun espectáculo digno dun documental sobre Stonehenge. O arquitecto Carlos Sánchez-Montaña ten varios traballos ao respecto (véxase o seu blog: http://aspenasderodas.blogspot.com.es)

1308731748_1Fonte: http://aspenasderodas.blogspot.com.es

Se damos por feito que esta formación é natural  —froito da acción bioxeoquímica da auga sobre o granito— e que a súa colocación tamén é natural, o fenómeno astronómico non sería máis ca unha casualidade, extraordinaria pero froito do azar ou da man do reloxeiro cósmico. Pero se temos en conta todo o contexto e elementos deste posible santuario, o perfecto da orientación e o feito de que a Europa atlántica está chea de megálitos deste tamaño —e moito máis grandes e pesados—  que foron ergueitos polo home en tempos do neolítico e do calcolítico, non é absurdo, senón todo o contrario, pensar que os enormes bolos graníticos de Penas de Rodas puideron ser colocados nesa localización e dese xeito de forma intencionada, malia que na natureza existan tamén formacións similares. Segundo Sánchez-Montaña, a orixe dos bolos é natural pero a súa posición é totalmente artificial, e foi realizada pola man do home de acordo cun proxecto xeométrico determinado e cunha intención clara: servir, posiblemente, como altar en rituais e tamén como estación astronómica para a predición das datas claves do ciclo agrícola e poder  establecer así un calendario agropecuario.

OLYMPUS DIGITAL CAMERAOutro dato interesante sobre este tripo de formacións peculiares, diciamos,  é que a miúdo foron mitificadas. Iso foi o que ocorreu coas Penas de Rodas pois, segundo a lenda, unha destas pedras está chea de ouro e outra de alquitrán, de forma que non se sabe cal das dúas ten cada cousa. Conta a crenza que se se rompese a que ten alquitrán asolagaría e quedaría destruído toda a contorna das penas, de aí que non houbese canteiro ou veciño que se atrevese a fender as pedras malia o tesouro que agocha. Tesouro, que como non pode ser doutra xeito, debeu pertencer á nosa raza mítica por excelencia: os mouros. Tamén se conta por Gaioso que as penas son obra do demo ou dun trasno que aínda está esperando polos homes capaces de movelas.

DSC_8200

Pois ben, a xeografía fascinante de Pena de Rodas ten o seu alter ego na Devil´s Marbles de Australia. Ao igual que as galegas, as Devil´s Marble ou  Bolas do Demo son enormes rochas de granito que se atopan dispersas por un val perto de Wauchope e no Territorio do Norte.

Devils_Marbles libre wikipediaFonte: http://en.wikipedia.org

As Bolas do Demo son coñecidas en lingua aborixe como Karlu Karlu, que significa Rochas Redondas —véxase a similitude entre Pena de Rodas e Rochas Redondas— e se atopan no territorio aborixe das tribos Warumungu, Kaytetye, Alyawarra e Warlpiri.

devils-marbles 2Fonte:http://southernson.com

Os aborixes consideran a Karlu Karlu un lugar especial, un sitio sagrado que forma parte das súas cosmogonías, e así está catalogado, como un auténtico Aboriginal Sacred Site. De igual xeito que ocorre coas Penas de Rodas, as Karlu Karlu tamén son protagonistas de antigas lendas onde os seres míticos están presentes. Existe unha lenda etiolóxica que conta que as Bolas do Demo foron creadas por Arrange, un antigo antepasado mítico dos aborixes. Seica un día andaba Arrange paseando pola zona mentres ía facendo unha trenza no cabelo cando, en medio do seu labor de perruqueiro improvisado, tirou unha guedella de pelo ao chan. Segundo a tradición, desta guedella de cabelo naceron as descomunais pedras de Devil´s Marbles. Unha vez realizado o prodixio, e como se se tratase dunha vella moura que constrúe megálitos mentres fía,  Arrange regresou ao seu lugar de orixe, no outeiro Ayleparrarntenhe, onde aínda vive.

422-047_Devils_Marbles_AUSFonte: http://www.courtneymilne.com

Velaí a réplica australiana ás nosas impoñentes Penas de Rodas, velaí dúas xeografías naturais mitificadas pola súa fasquía marabillosa, dúas formacións idénticas atribuídas a seres sobrenaturais e dous lugares, case poderíamos asegurar, considerados sagrados polos poboadores primixenios destas terras tan afastadas do noso mundo. Velaí, pois e malia a man edificadora da natureza, outra mostra máis da maxia da cultura e do seu poder construtivo e creador.

OLYMPUS DIGITAL CAMERA

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

%d bloggers like this: