Daily Archives: 27 Xaneiro 2014

“AS LENDAS QUE FALAN DE NÓS”. Artigo en La Voz de Galicia

Este domingo 26 publicouse en La Voz de Galicia unha reportaxe sobre lendas da ría de Pontevedra que incluía o meu artigo “As lendas que falan de nós”, unha reflexión sobre o significado e a importancia destes relatos míticos.

artigo lendas la voz 2

artigo lendas la voz de galicia

artigo lendas la voz de galicia - copia

“As lendas que falan de nós”

Rafael Quintía Pereira (Antropólogo)

Os galegos, como calquera ser humano, vivimos nun mundo culturalmente construído. A cultura, xa que logo, é a nosa ferramenta para ser e para estar polo que me atrevería a dicir que para o homo sapiens non hai vida fóra da cultura. A cultura é, sobre todo, unha armazón simbólica e as lendas e os mitos están feitos de símbolos; de aí a súa importancia, porque nos contan como somos e como estamos no mundo.

Galicia é unha terra xenerosa en mitos e lendas, en montes sacros, en pedras máxicas, fontes milagreiras, furnas misteriosas, en encantos e tesouros. Un país habitado tamén por seres míticos e cheo de lugares onde se produce a comuñón entre o mundo real e o fantástico, entre o terreal e o espiritual, entre o Aquén e o Alén. Son xeografías especiais que atesouran a nosa riqueza material e, sobre todo, inmaterial. Unha cultura inmaterial de relatos tecidos ao redor da paisaxe, que falan das nosas crenzas e de como os galegos vemos o mundo. En definitiva, son un máxico espello onde reflectir a nosa cultura como pobo.

Os cumios das montañas, as fonduras do mar, a escuridade dunha cova, a espesura dun bosque, os abismos dun cantil, as rochas peculiares ou as ruínas aqueolóxicas atribuídas popularmente a uns misteriosos pobadores —os mouros— son dende a antigüidade lugares que exercen no home un poder de mitificación e, ás veces, de transformación, pois nos fan ver o mundo e interactuar con el dun xeito distinto ao habitual. Por iso buscamos nos mitos un xeito de explicalos e de interpretalos. Uns foron vistos como lugares onde deuses, virxes ou santos facían acto de presenza; outros son dominio dos defuntos; nalgúns habitan seres feéricos e outras criaturas e moitos foron inspiración das máis creativas historias.

As lendas de mouros e mouras, os tesouros encantados, as cidades asolagadas, as criaturas fantásticas que moran nas covas, os enigmáticos túneles subterráneos e todo o universo mitolóxico alicerzado sobre o noso patrimonio arqueolóxico e natural constitúen unha moi valiosa herdanza cultural que nos informa acerca da sociedade que os creou e que os transmitiu, de xeito oral, xeración tras xeración. Estas historias —a nosa primixenia literatura— falan nunha linguaxe simbólica pero, nalgúns casos, tamén poden conter lembranzas de feitos pasados. A paisaxe convértese, así, nun complexo sistema de crenzas culturais e espirituais interrelacionadas nunha trama que une o home coa natureza, o sagrado co profano, o humano co sobrenatural e o mítico co cotián. Velaí a maxia e o valor deste patrimonio que herdamos e que temos a obriga de conservar e transmitir.

A %d blogueros les gusta esto: