Daily Archives: 11 Febreiro 2014
A HISTORIA DOS UNICORNIOS CREADOS POLA MAN DO HOME
Os que sigan este blog ou coñezan o meu traballo etnográfico saben da miña predilección polos alicornios e, en xeral, por todos aqueles amuletos de orixe animal ou natural. Xa vai camiño dunha década que ando na procura desta “fauna apotropaica”. Cando traballaba no meu libro “Alicornio” e estaba a documenta-las referencias históricas sobre a orixe do mito do unicornio topei cunha serie de novas que falaban de unicornios reais, pero non froito da natureza senón da man humana. Velaquí a historia deses unicornios.
(Fonte da imaxe: http://www.blackgate.com/2011/12/27/the-natural-history-of-unicorns/)
No século pasado tivemos noticia dun feito que podía dar luz ó misterio da orixe da besta unicorne cando o Príncipe de Gales recibiu como agasallo varias cabuxas do Nepal que tiñan un só corno na fronte. Estes raros espécimes foron exhibidos no London Zoological Gardens en 1906. Finalmente se soubo que estes animais non eran resultado da natureza senón da acción dos pastores nepalís que xuntaban os cornos das cabuxas cando eran novas para que, co paso do tempo, os apéndices cóneos se fusionasen nun único corno. O fin desta práctica era acadar mellores prezos de venda xa que estes animais eran demandados polas súas supostas boas calidades para guia-lo rabaño. Rumores de prácticas similares foron recollidas tamén en África o que podería xustifica-lo porqué de que o emperador de Etiopía, segundo as crónicas, tivese estes unicornios.
(Fonte da imaxe: http://www.sideshowworld.com)
Tales rumores foron coñecidos polo Dr. W. Franklin Dove da Universidade de Maine quen en 1933, tendo en conta o xeito de crecemento dos cornos e a súa distancia, realizou un experimento para probar que a teoría de Cuvier era errada. Para face-la proba colleu un becerro ó que lle extirpou os dous cornos para despois volver implantarlle os dous cornos xuntos no medio da fronte coa intención de que ámbalas dúas hastas se fusionasen nunha a medida que medraba o animal.
(Fonte da imaxe: http://blogs.scientificamerican.com)
Feito que logrou con éxito, obtendo un touro cun único e robusto corno duns 30 cm. de longo no medio da fronte. Este corno dáballe ó animal unha gran vantaxe defensiva e dotábao dun poderoso ariete fronte ós rivais e en pouco tempo este touro acabou converténdose no líder da manda. Pero o efecto máis curioso do experimento foi que o animal tamén trocou o seu carácter e ó sentirse seguro pola arma que portaba volveuse máis dócil e de modais máis suaves e tranquilos, tal e como se contaba que era o temperamento do unicornio.
(Fonte da imaxe: http://www.newscientist.com)
O Dr. Dove publicou os resultados do seu experimento nun artigo titulado The Physiology of Horn Growth no Journal of Experimental Zoology (Vol. 69, núm. 3); en xaneiro de 1935, e noutro artigo titulado Artificial Production of the Fabulous Unicorn no Scientific Monthly (Vol. 42; páx. 431-436) publicado en maio de 1936.
(Fonte da imaxe: http://blogs.scientificamerican.com)
Pero este non foi o único caso dun unicornio creado pola man do home. Aló polo 1980 os medios de comunicación norteamericanos fixéronse eco da noticia de que un verdadeiro unicornio estaba a ser exhibido polas feiras e festivais alternativos de tódolos EEUU.
(Fonte da imaxe: http://www.sideshowworld.com)
Pouco despois, no 1984, sóubose que se trataba dunha fraude. O suposto unicornio real non era máis ca unha cabuxa unicornio producida en California seguindo o método do Dr. Dove por Otter G’Zell e Morning Glory pertencentes ó movemento hippie e membros da Igrexa Pagá.
(Fonte da imaxe: http://www.unicorngarden.com)
Otter G´Zell patentaría baixo o número de patente 4429685 de EEUU na data de febreiro de 1984 o invento que relata o método para crear unicornios e que pode ser consultada na páxina www.freepatentsonline.com.
(Fonte da imaxe: http://www.unicorngarden.com)
Vemos pois, nesta historia, como o home non se conforma con crar mitos senón que, ás veces, ten a necesidade de facer reais eses mitos. Non sabemos se existíu algunha vez unha besta cun só corno na fronte, dito isto con permiso do rinoceronte indio que si o ten. O que si sabemos é que os seres humanos tivemos a necesidade de crer neles, e de crealos non só na mente senón na realidade. Velaí outra facena fascinante da cultura.
The Dream. Obra do artista Damien Hirst (2008).
(Fonte da imaxe: http://www.damienhirst.com/the-dream)
E agora, queridos amigos, se queredes saber máis historias sobre unicornios e alicornios teredes que le-lo meu libro “Alicornio. O poder do corno de unicornio na medicina tradicional galega” ou acudir a algunha das charlas e presentacións que estamos a dar nesta particular peregrinaxe polo país a cabalo de unicornios.