REMEDIOS TRADICIONAIS CONTRA A CICLOXÉNESE

O  meu último artigo publicado no Diario de Pontevedra o pasado domingo 16 de febreiro, no suplemento “Revista”.

REMEDIOS CONTRA A CICLOXENESE

Remedios tradicionais contra a cicloxénese

Rafael Quintía Pereira

 

Calquera sociedade agrogandeira e mariñeira, como era a galega ata hai unhas décadas, depende do tempo meteorolóxico para a súa supervivencia. A fertilidade da terra, a correcta floración das plantas, que os froitos saian adiante, as colleitas ou boa marcha do gando depende de que ter o clima axeitado a cada época do ano. Algo similar ocorre con quen vive da pesca e do marisqueo. Esta dependencia do tempo climático e a inseguridade que sempre produce levounos a desenvolver toda unha serie de mecanismos simbólicos e rituais para intentar influír e alterar a súa marcha natural no noso beneficio. A cultura abrolla así como un mecanismo na procura do dominio da natureza e das súas forzas. Este proceso foi e é algo común en todas as culturas do mundo, de igual xeito que o era —e nalgunhas aínda o é—  a existencia de determinadas personaxes que se institúen en supostos xestores ou intermediarios entre o home a as forzas naturais, xente á que se lle atribúe a capacidade de alterar ou modificar o clima. Co cristianismo estas virtudes pasaron aos santos, e aparecen, deste xeito, santos especializados na xestión do tempo aos que se lles pedía a súa divina intermediación e ofrecíanselles en troques rezos e ofrendas. Son dabondo coñecidos os ritos nos que un determinado santo é mollado para propiciar a chegada das choivas.  Sen ir máis lonxe iso acontecía hai unhas décadas con san Roque en Salcedo.

 DSC_4312

Pero os santos e as virxe non só son invocados para propiciar o permutar do tempo senón tamén para protexernos contra os danos que este poida producir. A Beizón de San Francisco, por exemplo, preserva, entre outros males, dos raios, trebóns, lumes, pestes, e perigos do mar. Lévase escrita nunha pequena estampa e di así:“El señor te bendiga y te guarde. Te muestre su rostro y tenga misericordia de ti. Te mire benignamente y conceda la paz. El señor te bendiga hermano (e o nome da persoa a quen vai destinada)”. Non esquezamos tampouco os rezos a Santo Antonio ou a Santa Bárbara, protectora contra raios e tormentas pois, como di o dito, só nos acordamos de Santa Bárbara cando trona. Estampas coa súa efixie ou oracións como a que segue son armas protectoras contra o trebón:“Santa Bárbara bendita, que en el Cielo estás escrita, en papel y agua bendita, guarda el pan y guarda el vino y a la gente de camino”.

santa bárbara

Para facer mudar os ventos e a tempestade era un costume estendido en moitos santuarios costeiros de Galicia o rito de cambiar a tella. Na capela dos Praceres de Pontevedra, na da Nosa Señora da Lanzada ou na ermida da  Nosa Señora da Renda, en Poio, cando o vento non era favorable para a navegación e existía perigo de naufraxio, acudíase a estas ermidas  a cambiar a tella, é dicir, a darlle a volta a unha tella do templo e orientala no sentido contrario ao vento dominante, intentando con este xesto simbólico favorecer que os mariñeiros chegasen a salvo a terra. Algo similar acontecía con determinadas pedrafitas e moreóns de pedras —os Santiños— que se erguían ou deitaban segundo o clima que se procurase.

 OLYMPUS DIGITAL CAMERA

Se intentar cambiar o tempo era algo de suma importancia non o era menos o protexerse da acción maligna das forzas da natureza cando estas se desatan sen control. O perigo destrutivo do pedrazo, e sobre todo o medo á tormenta e a acción do raio deu orixe a toda unha panoplia de amuletos, ritos e oracións para intentar protexerse da destrución que nos campos e nos bens podían causar estas cicloxéneses do noso tempo. As pedras do raio  é posiblemente o amuleto máis popular e antigo relacionado coa protección do poder do raio: segundo a crenza popular, son as puntas dos raios que caen á terra e que, pola súa orixe celeste, pasan a ser importantes obxectos valedores aos que se lles outorgan propiedades portentosas de protección, non só contra os trebóns e o raio senón tamén contra calquera mal súbito. Prismas de seixo cristalizado, determinados fósiles, machadiños e puntas de frecha neolíticas eran confundidas coas puntas do raio. Este tipo de amuletos xa se coñecían en tempo dos romanos co nome de fulgurita, e os autores clásicos como Plinio refírense a ela a miúdo co nome de ceraunia. Ademais de na terra, tamén se dicía que se podían atopar no interior dos carballos. Así se cre do carballo de Santa Margarida do que as crónicas contan que era xeneroso neste tipo de pedras protectoras. En Galicia era habitual colocar estas pedras entre a cachotería das cortes e casas co aquel de protexer a vivenda, os seus habitantes e os animais da destrutora acción das tormentas, e tamén para preservar o gando da enfermidade. Outro xeito de usalas para protexerse do raio era colocalas na ventá cando viña a tormenta.

VLUU L100, M100  / Samsung L100, M100

O Ramo do Domingo de Ramos era outro deses amuletos protectores contra o trebón. Composto de loureiro, oliveira, mirra, romeu, malvarrosa e acivro,  este ramo bendícese na misa parroquial do Domingo de Ramos e gárdase para queimar nos días de tormenta. No Xoves Santo séguense levando as velas á igrexa para bendicilas e despois gárdanse como poderosos amuletos para acendelas os días de tormenta e manter a casa protexida da acción do raio.  O mesmo ocorre coas velas da Candeloria; estas candeas, queimadas na misa da Candeloria, son gardadas como poderosos amuletos capaces de esconxurar e protexer do trono e da tormenta.

OLYMPUS DIGITAL CAMERA

A famosa cruz de Caravaca é outro potente amuleto polivalente que protexe contra as tormentas e hai incluso quen di que pode predicilas. En moitos lugares ponse a pa do forno fóra da casa, estratexicamente colocada  diante da porta, da ventá ou apoiada na parede da casa para protexerse da tormenta. Noutros lugares o que se coloca é a vasoira detrás da porta ou a pa e a vasoira facendo unha cruz.

VLUU L100, M100  / Samsung L100, M100

Seixos apotropaicos son colocados protexendo ventás, portas e mesmo incrustados entre a cachotería das casas tradicionais galegas, sobre todo nas do interior do país, como amuleto protector da vivenda. Os seixos cumiais, pedras máis ou menos talladas que se porían nos cumios dos tellados, tiñan a función de atraer a fartura e bonanza, de salvagardar a saúde dos que viven na casa e do gando e tamén de protexer contra a acción maligna do raio e da tormenta. Noutros sitios era costume pór unha botella de auga bendita no pincho do tellado para manter a casa a salvo do raio: así facían en Estribela.

seixos cumiais contra as tormentas

A Auga do Sábado Santo emprégase para bendicir a casa, os campos, os froitos e os animais domésticos co obxecto de mantelos libres de todo mal, como a acción perniciosa das forzas da natureza. Non só había que manter a casa e as xentes a salvo, tamén era necesario protexer os animais. Na parroquia de Salcedo, por exemplo, para protexer as galiñas  púñase unha lima vella baixo as pallas do niño cando había tormenta. O poderoso son da campá tamén pode afastar e desfacer as tormentas; de feito moitas campás levan a inscrición en latín “Tespestatem fugo” e eran tanxidas polas mans espertas dos campaneiros cando se achegaba o trebón para facelo escorrentar.

campá tempestatem 

Son só algúns exemplos da nosa rica cultura inmaterial que, como cultura que é, intenta sempre dar unha resposta ás nosas necesidades, anhelos e medos existenciais. Exemplos de como o pobo crea cultura para poder vivir e existir. Unha mostra máis de que por dura que sexa a tormenta, por fortes que sexan os ventos, por moito dano que faga o raio ou as mil cicloxéneses explosivas que nos sacoden nestes tempos revoltos, os galegos —como seres humanos que somos— sempre teremos algo ao que aferrarnos para capear o temporal, e ese algo marabilloso é a nosa cultura e todos os fascinantes mecanismos que nos ofrece. Acendan unha vela da Candeloria, poñan unha pedra do raio na fiestra e avisen o campaneiro para que lles dea duro aos sinos que seica vén outra cicloxénese pero desta vez vainos coller preparados.

DSC_4306

Advertisements

2 Respostas

  1. Oes, Rafa, toda a vida foi galerna, ou ciclón, ou furacán; e dicían os vellinhos que naquela cantiga dos nenos:
    .- Oh, oh, ro, ro, o mininho oh
    atranca no cu, morreron os vellinhos
    e quedamos eu e tú

    E así foi, agora este novo adxetivo parezme máis ao Pp que pra non chamarlle as cousas polo seu nome, chámanlle doutra. O fin é o mesmo, deben pensar eles…Seica lle chamamos así, poidera ser que a cousa xa non sexa tanto e ca xente pense que non é pra tanto
    Así aparvamos ao pobo mentres nos roubamos tudo e removemos de sito as pedras con gravuras
    Breves saúdos :|´

    • Concordo contigo querido amigo, de aí a retranca do título do artigo e por iso digo que agora lle chaman cicloxénese ao que sempre foi un ciclón ou similar.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

%d bloggers like this: