• BENVIDOS Ó BLOG DE RAFA QUINTÍA

  • SOBRE O AUTOR

  • © Fotografías blog: Rafa Quintía

  • MARIÑA: DE DEUSA A SANTA

  • MONTE DAS CROAS: ANTROPOLOXÍA DUN CASTRO

  • ANÁLISE ESTRUTURAL E SIMBÓLICA DO MITO DA MOURA

  • LA HISTORIA DE GALICIA EN 50 LUGARES

  • USO SIMBÓLICO DO CUARZO NA CULTURA GALEGA. Aspectos etnográficos e arqueolóxicos

  • PATRIMONIO INMATERIAL DE SAN MARTIÑO DE SALCEDO

  • ALICORNIO. O PODER DO CORNO DE UNICORNIO NA MEDICINA TRADICIONAL GALEGA

  • A NOSA SEÑORA DA LANZADA. Estudio antropológico de un santuario costero.

  • PARA CANTAR VEÑO EU! Unha viaxe pola cultura musical galega da man dos Chichisos

  • DE VELLO, GAITEIRO! Biografía do grupo de música tradicional Os Chichisos

  • DEUSES, MITOS E RITOS DO MONTE DO SEIXO. Unha proposta interpretativa en clave céltica.

  • Á SOMBRA DE BOUZA PANDA. Poemario de trincheira e maldizer

  • MUÍÑOS, A MEMORIA DA AUGA.

  • Documental “SETE CAMIÑOS. ENCRUCILLADA DO TEMPO”

  • Documental “COMUNEIROS. Cen anos de vida e loita polo monte de Salcedo”

  • Documental “Monte do Seixo. A Montaña Máxica”.

  • Curtametraxe documental “NOITE DE REIS COS CHICHISOS”

  • A PEDRA DO FUNDAMENTO

  • “FEITO NA CASA”

  • “FOL DE VELENO. Anuario de Antropoloxía e Historia de Galiza”. Nº6

  • “FOL DE VELENO. Anuario de Antropoloxía e Historia de Galiza”. Nº5

  • “FOL DE VELENO. Anuario de Antropoloxía e Historia de Galiza”. Nº4

  • “FOL DE VELENO. Anuario de Antropoloxía e Historia de Galiza”. Nº3

  • “FOL DE VELENO. Anuario de Antropoloxía e Historia de Galiza”. Nº2

  • “FOL DE VELENO. Revista de Etnografía e Historia de Galiza”. Nº1

  • ALBIÓN GALAICA

  • “GALICIA ENCANTADA: O país das mil e unha marabillas”

  • “OS MOUROS E AS MOURAS: MÁXICOS ENIGMÁTICOS DA MITOLOXÍA POPULAR”. Actas das V Xornadas de literartura de tradición oral.

  • POEMARIO DOS GAFOS. Obra colectiva.

  • CATÁLOGO-GUÍA do Espazo Natural e Arqueolóxico dos Sete Camiños

  • AS PONTES DE PONTEVEDRA. Libro da exposición do mesmo nome. (Obra colectiva)

  • ATAS DAS JORNADAS DA LITERATURA GALAICO-PORTUGUESA 2012-2014

  • ACTAS DAS II XORNADAS SOBRE O ENTROIDO DE GALIZA

  • ACTAS DAS I XORNADAS SOBRE O ENTROIDO DE GALIZA

  • ENTRADAS POR ORDE CRONOLÓXICA

  • CONTADOR

    • 112,624 hits
  • Follow Á Sombra de Bouza Panda on WordPress.com

“OS VELLOS ENTROIDOS QUE VEÑEN”: ENTREVISTA NO PORTAL “CULTURAGALEGA.ORG”

Un entrevista que me fixeron dende o portal Culturagalega.org co gallo das “II Xornadas sobre o Entroido de Galiza”.

culturagalega

Os vellos entroidos que veñen

Cada vez son máis a iniciativas que pulan por recobrar festas de Entroido por todo o país. A volta do Merdeiro de Vigo, o Entroido Ribeirao de Lugo ou o retorno a Compostela dos Xenerais do Ulla son só algúns exemplos recentes dunha tendencia cada vez máis forte. No entanto, a ansia de espectáculo ou o excesivo particularismo poden deturpar estas celebracións. Rafael Quintía, da Sociedade Antropolóxica Galega, fala con nós sobre estes procesos ao abeiro da II Xornadas sobre o Entroido en Galicia.

O interese polo Entroido tradicional está a medrar. Ben o saben desde a Sociedade Antropolóxica Galega (SAGA) que viron como a asistencia ás súas II Xornadas sobre o Entroido, que se celebraron a pasada semana en Pontevedra, medrou. Segundo apunta Rafael Quintía, antropólogo e presidente da asociación, este encontro “Cada vez está a espertar máis interese”, e salientan a necesidade de análises deste tipo sobre unha das nosas festas máis populares. “Pensamos que está todo feito e no entanto está todo aínda por facer. Hai moi poucas monografías sobre o tema e unha variedade inmensa de festas”. Con vistas a paliar este baleiro é que se desenvolveu esta iniciativa, que este ano abordou, entre outras cuestións, a música destas festas ou a recuperación do Entroido Riberao, no Sur de Lugo.

Recuperacións
Para alén do interese polos antigos entroidos, desde SAGA verifican unha tendencia crecente a recuperar estas celebracións por todo o país. “Existen particularidades a nivel local e parroquial, mantéñense en moitos lugares e alí onde se perdeu aínda vive xente que os lembra”, sinala Quintía. Isto abre unhas posibilidades para o revitalizar a festa que, segundo, recoñece, “aproveita moita xente. Hai toda unha corrente de recuperación da cultura tradicional que tamén é unha reacción á globalización”. Entre os exemplos dos últimos anos temos a recuperación dos Xenerais do Ulla para o Entroido compostelán, os merdeiros de Vigo ou os troteiros de Bande entre moitos outros.

A vertente urbana
Malia a esta tendencia, os investigadores da SAGA advirten que “seguen a se facer cousas absurdas. Este ano en Cangas anunciouse un Entroido veneciano. Cando temos entroidos fascinantes por descubrir e recuperar, replicamos os de fora”. Na axenda próxima atopamos tamén casos como a representación Entroido de Tenerife que visita Sada. Esta tendencia a imitar outros carnavais non é nova e pódese verificar nos entroidos urbanos do país, que manteñen desde os anos oitenta o esquema de desfiles de disfraces e de grupos de música e baile copiados de Europa ou do Brasil.

Fusión
Precisamente en ocasións dáse unha fusión que sitúa as máscaras e traxes galegos no marco de celebracións deste tipo. “Facer desfiles con máscaras tradicionais como se fosen de comparsas e converter o Entroido nun espectáculo turístico é desvirtualo. Non cómpre forzar algo que xa é vistoso e espectacular por si”, advirte este antropólogo. No entanto, sinala que “non ten moito sentido converter o Entroido nunha atracción. Ver un desfile cigarróns ou ir a Laza e protestar porque te manchen non ten moito sentido. Do que se trata é de xogar, correr ou facer farrapadas, é algo participativo”. Fronte a estes modelos nos que as figuras tradicionais se integraron en programas de carácter máis urbano, Quintía apunta que “en Vigo fíxose un traballo moi bo co Merdeiro, cunha investigación previa e sen o integrar coas comparsas, a evitar facer diso un espectáculo”.

A promoción turística
O recoñecemento internacional que están a acadar festas como as de Xinzo e Verín, co seu correspondente fluxo de turistas, fai que en ocasións as propostas de recuperación de Entroido se fagan pensando en atraer visitantes foráneos. Isto, advirte Quintía, pode deturpar a festa tradicional. “Desde os medios poténciase a imaxe de Entroidos como os desa construción que é o Triángulo Máxico de Ourense”, unha denominación promocional que non se corresponde coa realidade tradicional dunha área na que se conservan moitas máis formas da celebración. Esa promoción dá en ocasións en procesos de imitación e levan a propostas como as xa comentadas. Tamén existe o caso de iniciativas como a Festa da Pita de Ourense ou as Gárgolas de Celanova na que se crean novas máscaras que, ao tempo que implican a poboación local, outórganlle tamén un elemento diferenciador á festividade.

O espectador crea o espectáculo
Mesmo sen optar por este tipo de fusións, a promoción turística dos eventos acaban por influír no xeito no que se celebran as festas. A imaxes dos peliqueiros a se abrir camiño por unha Laza ateigada de turistas dan boa idea desta transformación. Segundo explica Quintía, “son festas locais, e se aparecen nunha aldea 5.000 persoas a ollar como o fas, iso condiciona o xeito de actuar. É como se na cea de Noiteboa na túa casa aparecen cen persoas a ollar como ceas, ao final si que se convirte un pouco en espectáculo. É certo que hai que integrar estes entroidos nos tempos actuais e dalos a coñecer, pero sen os desvirtuar”.

Entroidos pendentes
Para alén de festas que recuperar, Quintía está convencido de que fican aínda moitas festas por descubrir, tanto para a investigación como para o público. “Ao se converter algúns en espectáculo a xente olla tamén cara a outros lugares menos masificados. Agora, por exemplo, semella que están a ter algo máis de visibilidade os entroidos ribeiraos, que son espectaculares e manteñen elementos moi autóctonos”. A maiores, destaca “os entroidos de Trives, Manzaneda ou Viana, que me fascinan. Fan grandes folións con danzantes que xiran sobre si mesmos ao ritmo da percusión, é algo moi pouco coñecido. Tamén en Viana teñen os folións e os boteiros e sacan a figura da mula”.

Particularismo
En paralelo á tendencia a recuperar as peculiaridades de cada Entroido, dáse tamén unha certa atomización dos esforzos por comprender a festa en conxunto, intercambiar experiencias e promocionala. “A xente tende a pensar que o seu Entroido é único e que non hai nada semellante en ningures, e no entanto o Entroido galego ten trazos semellantes a moitos outros do Estado e de Europa”, advirte. Un parentesco que é, ao tempo, unha oportunidade de difusión. “Nós cedemos fondos para o Museo das Civilizacións Europeas de Marsella, e agora mesmo hai alá unha exposición que ten como imaxe un cigarrón”. Polo momento, segundo sinalan desde SAGA, o noso Entroido “é pouco coñecido fóra, pensamos que as cousas de cada lugar non teñen que ver con outras e entón non damos unha visión de conxunto, e isto ten un potencial cultural enorme”. Segundo Quintía, “Potenciar o Entroido galego non é levar uns cigarróns e sacar unha foto no stand de FITUR. Cómpre unha actuación decidida das administracións, neste momento aínda non temos un Museo do Entroido, que é fundamental para que se coñeza”.

A práctica: Marcón
Para alén da teoría, a SAGA quere contribuír tamén na recuperación das festas máis próximas. As Xornadas sobre Entroido acolleron a presentación do proxecto de recuperación do Entroido de Marcón, en Pontevedra, na que está involucrado este colectivo. “É unha idea que temos que desenvolver ao longo do vindeiro ano e para a que é imprescindible a colaboración dos colectivos locais. O etnógrafo Xosé Anxo Rosales fixo recollidas na parroquia e viu que ata os anos 60 había un Entroido tradicional que tiña toda unha serie de personaxes como os labregos, que levaban un traxe branco, un estoque, un mantón e un sombreiro cónico e danzaban fronte a un boneco. Percorrían as casas da parroquia pedindo polas casas, e aínda hai persoas ue os lembran e se poden reconstruír os personaxes, os traxes e todo”. A intención da asociación, sempre a contar coa participación dos veciños, e recuperar esta festa e, como se facía cando estaba activa, levala tamén ata o centro de Pontevedra nun dos días de Entroido. “Fai falla que haxa veciños que queiran coller ese testemuño e lle dean sentido. Senón estaríamos a facer unha recreación”, conclúe. Quizais para o vindeiro ano haxa que engadir un novo Entroido á lista dos que están de volta.

 

NOTA ACLARATORIA:

Coñecedor da sensibilidade que hai cara ás distintas máscaras do Entrodio galego e as súas particularidades, quero corrixir un erro que figura no texto do artigo:  a imaxe que ilustra a fachada e o cartaz da exposición no Museo das Civilizacións Europeas de Marsella é un PELIQUEIRO e non un CIGARRÓN. Dito queda.

 

%d bloggers like this: