Monthly Archives: Setembro 2014
XORNADAS SOBRE O CASTRO DAS CROAS
Finalizada a campaña de escavación do castro do monte das Croas, o concello de Pontevedra pon en marcha estas xornadas para divulgar os diferentes aspectos deste xacemento arqueolóxico. Para quen estea interesado, mañá teño o pracer de compartir charla e mesa co antropólogo Buenaventura Aparicio Casado. Desta volta falaremos dos aspectos máis etnográficos e antropolóxicos do castro das Croas.
Máis información na web:
MOMENTOS DA CONFERENCIA (actualización do post)
(Fotos da web http://salcedonotempo.eu/)
CADERNO DE CAMPO Nº9
Vimos de publicar o novo número do CADERNO DE CAMPO nº9, o boletín informativo da SAGA. correspondente ao último cuatrimestre.
Podedes consultalo tamén, ou descargalo libremente, dende a web da SAGA, o noso blog ou dende a paltaforma:
http://issuu.com/cadernodecampo/docs/caderno_de_campo_n__9._agosto_2014
CANDO OS FILLOS DE RAGNAR LODBROK ATACARON GALICIA
A miña fascinación polo mundo escandinavo e dos viquingos vén de lonxe. Quen non xogou de neno aos viquingos despois de ver en Sesión de Tarde aquela mítica película de Kirk Douglas e dirixida por Richard Fleischer: “Os Viquingos”. Lembro tamén —tería eu dez anos— ir á Romaría Viquinga de Catoira e ver chegar correndo pola ribeira, pois a marea coincidirá en baixamar, a aqueles enxebres e caricaturizados viquingos do país, enlameados e berrando coma tolos, con moita vontade, máis alcohol aínda e pouco rigor histórico, mentres miles de turistas intentaban interpretar aquel espectáculo lúdico, festivo, gastronómico e teatral máis próximo a unha performance da Fura dels Baus que a unha representación histórica. Lembro tamén como presumía cos meus amigos grazas ao machado, a lanza e o escudo de madeira que me fixera o meu avó, e como non ao meu casco azul de viquingo de Catoira, iso si, de plástico e cornudo, malia que os orixinais non foran nin unha cousa nin a outra.
Con esta herdanza infantil, mestura do mito, o fantástico, o histórico e a creatividade dun neno comprenderán que, co paso dos anos, o meu interese polo tema non minguara senón todo o contrario. Un interese que se avivou hai un par de anos cando tiven a oportunidade de participar na escavación arqueolóxica da Torre dos Mouros, en Carnota. Unha interesante e enriquecedora experiencia de arqueoloxía social promovida polo concello de Carnota, dirixida polo arqueólogo Antón Malde e pilotada a nivel de comunicación e divulgación polo xornalista Manuel Gago. Naquel proxecto da Torre dos Mouros sacouse á luz as ruínas do que posiblemente fose unha fortaleza altomedieval construída polas xentes que habitaban nestas costas para protexerse, precisamente, deses temibles e devastadores ataques viquingos que en distintas vagas asolaron o litoral galaico entre os séculos IX e XI.
Fortaleza da Torre dos Mouros. Carnota
Precisamente foi o amigo Manuel Gago quen hai catro anos, e no seu interesante blog Capítulo Cero, publicou unha serie de artigos sobre estes viquingos, coñecidos en Galicia como Lordomani, e que achegou a moitos cibernautas galegos a este apaixonante mundo daqueles homes e mulleres do norte que cruzaban o mar a cabalo de dragóns . Véxase:
http://www.manuelgago.org/blog/index.php/2010/07/04/na-procura-dos-lordomani-iii-viquingos-e-nobles/
Aló polo ano 2012 eu mesmo colgaba neste blog un artigo que escribirá para a Revista Adina e na que falaba de xeografías míticas do Grove vinculadas a mouros e viquingos.
http://www.manuelgago.org/blog/index.php/2010/07/04/na-procura-dos-lordomani-iii-viquingos-e-nobles/
Casco saxón. Britsih Museum
Como estamos a falar nun blog, agardo saiban desculpar o meu ton cómplice e distendido, mais cóntolles todo isto para ir contextualizando o tema, e para que imaxinen agora o que goza un servidor coa serie “Vikings” que o canal Historia vén de realizar. Imaxino que serán moitos os que sigan esta serie histórica que narra as aventuras do viquingo Ragnar Lodbrok. Imaxino tamén que moitos coñecerán a historia das razzias normandas nas costas galegas e o terror que estes chamados piratas causaban nas xentes da vella Gallaecia, pero o que quizais non coñeza todo o mundo é que existe una fascinante conexión entre ambas as dúas cousas. Pero, vaiamos por partes.
Ás veces, unha pequena casualidade fai espertar nun un interese por coñecer máis sobre determinados temas, por buscar ligazóns ocultas, por rañar na cortiza a ver que sae debaixo. Iso foi o que me aconteceu a min a raíz do visionado dun capítulo da citada serie “Vikings” na que se vía a Ragnar Lodbrok loitando en combate singular contra o conde Haraldson e portando un escudo co que semellaba a bandeira galega. Obviamente non é máis que una casualidade froito dos distintos motivos decorativos dos escudos pois, nin daquela existía a nosa actual bandeira galega nin os viquingos chegaran aínda a Jacobsland, a vella e rica Galicia, a terra de Santiago.
O caso é que a raíz dese pequeno e curioso detalle púxenme a buscar na miña biblioteca libros e artigos que falaran das vagas de ataques viquingos ás costas galegas intentando buscar, se é que había, algunha conexión entre o televisivo viquingo e a nosa terra. Foi así como din cun interesante artigo que tiña arquivado do historiador José Carlos Sánchez Prado publicado no Anuario Brigantino do ano 2013 e que leva por título “Los ataques vikingos y su influencia en la Galicia de los siglos IX-XI”. Neste traballo faise un documentado percorrido polos distintos ataques sufridos por Galicia entre os séculos IX e XII . A sorpresa apareceu cando cheguei a unha frase que cito literalmente: Entre las sagas que tratan la presencia normanda en Galicia, habría que destacar: la Saga de Ragnar Lodbrog y sus hijos. Sobre el famoso pirata que conquistó París en el año 845 y sus descendientes que realizaron numerosas expediciones piráticas por el Atlántico y el Mediterráneo.
Comecei entón a tirar do fío para identificar cal dos fillos de Ragnar fora o responsable dos saqueos de Galicia e cando puido ter acontecido tal suceso. A resposta non tardou en chegar: o responsable do ataque a Galicia nos anos 859 ata 862 fora Bjorn Ragnarsson, tamén coñecido como Bjorn Costado de Ferro, o fillo maior e guaperas de Ragnar na serie.
Bjorn Costado de ferro na serie “Vikings”
Fálase normalmente de cinco grandes invasións viquingas a Galicia, aínda que cada unha destas vagas podería dividirse en diferentes ataques. Malia que as fontes son diversas e ás veces contraditorias poderiamos fixar aproximadamente as seguintes datas:
O primeiro ataque acontecería no ano 844. Segundo as distintas fontes, no verán do ano 844 unha flota viquinga, que viña de saquear as costas francesas e de pasar o inverno na illa de Noirmountier, chegan ás costas galegas onde o rei Ramiro I failles fronte no lugar de Faro de Brigantium, queimando setenta naves viquingas e infrinxindo un duro castigo aos normandos. Os superviventes destes combates continuaron o seu navegar polo Atlántico saqueando ao seu paso Cádiz, Sevilla, Niebla e outras cidades da conca do Guadalquivir ata que o exército de Abd al-Rahman II logrou expulsalos dos seus dominios.
Quizais algún de vostedes lembre aquela película protagonizada por Antonio Banderas e titulada “O guerreiro número 13”. Preguntarán vostedes, que ten que ver isto con Galicia, pois vexamos. A película, que catalogaríamos como de cine fantástico e de acción, conta as aventuras do poeta musulman al-Gazal, quen foi mandado como embaixador de Abd-al-Rahman II á corte dos normandos para establecer relacións diplomáticas co eles. Segundo os historiadores, o relato de al-Gazal ten visos de ser histórico e a súa viaxe tería acontecería con motivo dos ataques viquingos do ano 844. Cóntase tamén que, transcorridos nove meses da súa partida, o embaixador al-Gazal regresou da corte normanda —situada segundo uns historiadores en Irlanda e segundo outros en Dinamarca— non sen antes pasar por Santiago de Compostela, aínda que diso non se fala na película de Banderas. Outra vez Galicia e curiosa parada para un musulmán.
Pero continuemos o relato dos ataques viquingos a Galicia. Nalgunhas crónicas locais cóntase que estes viquingos, despois de ser derrotados polo rei Ramiro I, penetran polo río Ulla e saquean Chantada, destruíndo as fortalezas de Merlán e Castro de San Sebastián, atacando tamén a fortaleza de Castro Candade, que resistiu os envites e na que estaban refuxiados os nobres da zona agardando os reforzos do rei. Foi Vicente Risco e Manuel Murguía os primeiros que barallaron a posibilidade de que ao mando destes primeiros viquingos estivese Bjorn Costado de Ferro, o fillo de Ragnar Lodbrok. Non andaban moi errados estes eruditos galegos pero as datas non coinciden, así que o caudillo normando que comandou o primeiro ataque a Galicia non puido ser o fillo de Ragnar.
No ano 858 tería lugar a segunda vaga de ataques normandos e desta vez si podemos confirmar a presenza de Bjorn Ragnrasson. No ano 859 e durante tres anos Bjorn Ragnarsson e o seu irmán Hastein comandaron unha expedición de saqueo polas costas galegas, portuguesas, andaluzas, catalás, francesas, italianas, chegando incluso ata as Illas Baleares e a Grecia. Na súa viaxe de regreso a expedición xa só contaba con menos da metade dos cen barcos cos que partirán tres anos antes. No seu regreso pasaron tamén por Galicia pero sería Pamplona a que desta vez sufriría a ferocidade dos seus ataques. Na cidade navarra secuestraron o rei de Navarra, García Iñiguez, que tivo que pagar 90.000 denarios polo seu rescate
Obxectos viquingos. British Museum
Os homes e mulleres( pois hoxe se sabe que un grande porcentaxe dos guerreiros viquingos eran mulleres) de Bjorn Ragnarsson viñan, seguramente, atraídos polas riquezas da cidade santa de Compostela. Penetraron, posiblemente, pola ría de Arousa, porta fluvial de Iria Flavia, que sería saqueada. Intentaron tamén tomar Santiago de Compostela, que tivo que pagar tributo para evitar o saqueo. Finalmente, un exército cristián dirixido polo conde don Pedro conseguir expulsar os normandos, que continuaron camiño cara a Portugal, saqueando Lisboa .
No ano 968 viría a terceira e máis grande vaga de ataques normando pero desta volta os galegos xa estaban máis preparados. O bispo de Compostela, Sisnando, fortificara a cidade do apóstolo, construiría a fortaleza da Lanzada para controlar o acceso natural por mar á ría de Arousa e, en definitiva, a Compostela. Foi durante estes ataques normandos do 968 cando morrería o bispo Sisnando dun frechazo na batalla de Fornelos, un 29 de marzo. Tamén foi neste tempo onde debemos situar o famoso milagre atribuído ao bispo San Gonzalo que foi quen de, cos seus rezos e a axuda divina, afundir toda unha flota normanda fronte as costas de Lugo.
Ruínas da fortaleza da Lanzada
Despois viría a cuarta vaga de ataques, entre os anos 1008 e 1014, co saqueo de Tui e as incursións polo Miño, posiblemente dirixidos por Olaf Haraldson, que no 1018 chegaría a ser rei de Noruega e santo.
Río Miño dende a catedral fortaleza de Tui
No 1028 regresan os viquingos e desta vez ao mando do famoso Ulf o Galego. Atacan a ría de Arousa e enfróntanse ao bispo Cresconio, quen xa construíra as Torres do Oeste en Catoira e que foi quen de derrotar e expulsar os temibles normandos.
Houbo durante o século XII algúns ataques esporádicos pero é nestas datas que podemos dar por finalizado o tempo do terror causado polos homes do norte. Pero voltemos ao fillo de Ragnar.
Alfaias viquingas. British Museum
Björn Ragnarsson, tamén coñecido como Björn Järnsida (Björn Costado de Ferro) foi un rei viquingo sueco que gobernou durante parte do século VIII d.C. e fundou a dinastía sueca da Casa de Munsö. No século XVIII uns anticuarios localizaron un túmulo na illa de Munsö que sería identificado como a tumba real de Björn Järnsidas: o Björn Järnsidas hög. Así que se alguén quere coñecer a suposta tumba, ou mámoa, daquel viquingo que tanto terror causou ao nosos devanceiros tan só ten que ir á Illa de Munsö e alí cantarlle as corenta ao fachendoso normando.
Suposto túmulo de Bjorn Ragnarsson. (Fonte: http://es.wikipedia.org)
Pero se lles parece fascinante o que acabamos de contar, cando menos a min mo parece, agarden ao que vén agora. Yago no seu artigo “Viquingos na ría de Neda na Crónica Sampiri” (Revista de Neda, nº4, pp.59-60) explica como o seu avó lle contaba a historia daquel rei viquingo que fora derrotado naquela costa de Neda fronte as penas do Preguntoiro.
Na Crónica Sampiri (866-982) cóntase como o rei normando Guthröth desembarcou en Galicia no ano 968 ao mando de cen barcos. Durante tres anos os homes do norte saquearon Galicia impunemente ata que o conde Gonzalo Sánchez, por mandato do bispo de Compostela San Rosendo, e ao fronte dun grande exército interceptounos en terras ferrolás, cando xa regresaban confiados aos seus barcos co botín obtido nas súas razzias. Velaí a crónica histórica do relato oral que contaba aquel paisano de Neda. Outra mostra máis do potencial da nosa cultura inmaterial e do valor, non so antropolóxico senón tamén histórico, de moitos dos nosos relatos orais.
Máis poderiamos contar, pero coido que é mellor deixalo para a próxima tempada da serie “Vikings”. Tan só agardo que, agora, cando se senten fronte a televisión a ver as andanzas destes homes e mulleres do norte, lembren o que aquí aconteceu hai xa mil anos e o que aquí fixeron os fillos de Ragnar Lodbrok, Quen sabe se algún de nós, de vostedes, aínda leva algo de sangue daqueles normandos, da linaxe de Ragnar Lodbrok…non por nada chaman no Morrazo viquingos a todos os loiros. Se é así, non se preocupen moito. Herdanzas peores levamos. Ao fin e ao cabo, só facían o que facían moitos outros naqueles tempos de violencia, guerras, inxustizas e inestabilidades políticas e sociais, e senón que llo pregunten aos labregos daqueles tempos.
MAÑÁ FAREMOS UNHA VISITA GUIADA AO MONTE DAS CROAS
Aqui vos deixo a información desta visita segundo recolle a web do proxecto: http://salcedonotempo.eu
Dentro do programa de dinamización e participación na intervención arqueolóxica do Monte das Croas, o martes 9 ás 11.00 horas, haberá unha nova visita guiada por Rafa Quintía que se centrará nos aspectos antropolóxicos, etnográficos e nos usos sociais e rituais do espazo.
No proceso de estudo do Castro, ademais dos aspectos arqueolóxicos, cobra un importante papel a análise dos significados e usos que foi adquirindo este espazo ao longo do tempo.
A visita guiada está aberta a todas as persoas interesadas e non é necesaria a inscrición previa.