• BENVIDOS Ó BLOG DE RAFA QUINTÍA

  • SOBRE O AUTOR

  • © Fotografías blog: Rafa Quintía

  • MARIÑA: DE DEUSA A SANTA

  • MONTE DAS CROAS: ANTROPOLOXÍA DUN CASTRO

  • ANÁLISE ESTRUTURAL E SIMBÓLICA DO MITO DA MOURA

  • LA HISTORIA DE GALICIA EN 50 LUGARES

  • USO SIMBÓLICO DO CUARZO NA CULTURA GALEGA. Aspectos etnográficos e arqueolóxicos

  • PATRIMONIO INMATERIAL DE SAN MARTIÑO DE SALCEDO

  • ALICORNIO. O PODER DO CORNO DE UNICORNIO NA MEDICINA TRADICIONAL GALEGA

  • A NOSA SEÑORA DA LANZADA. Estudio antropológico de un santuario costero.

  • PARA CANTAR VEÑO EU! Unha viaxe pola cultura musical galega da man dos Chichisos

  • DE VELLO, GAITEIRO! Biografía do grupo de música tradicional Os Chichisos

  • DEUSES, MITOS E RITOS DO MONTE DO SEIXO. Unha proposta interpretativa en clave céltica.

  • Á SOMBRA DE BOUZA PANDA. Poemario de trincheira e maldizer

  • MUÍÑOS, A MEMORIA DA AUGA.

  • Documental “SETE CAMIÑOS. ENCRUCILLADA DO TEMPO”

  • Documental “COMUNEIROS. Cen anos de vida e loita polo monte de Salcedo”

  • Documental “Monte do Seixo. A Montaña Máxica”.

  • Curtametraxe documental “NOITE DE REIS COS CHICHISOS”

  • A PEDRA DO FUNDAMENTO

  • “FEITO NA CASA”

  • “FOL DE VELENO. Anuario de Antropoloxía e Historia de Galiza”. Nº6

  • “FOL DE VELENO. Anuario de Antropoloxía e Historia de Galiza”. Nº5

  • “FOL DE VELENO. Anuario de Antropoloxía e Historia de Galiza”. Nº4

  • “FOL DE VELENO. Anuario de Antropoloxía e Historia de Galiza”. Nº3

  • “FOL DE VELENO. Anuario de Antropoloxía e Historia de Galiza”. Nº2

  • “FOL DE VELENO. Revista de Etnografía e Historia de Galiza”. Nº1

  • ALBIÓN GALAICA

  • “GALICIA ENCANTADA: O país das mil e unha marabillas”

  • “OS MOUROS E AS MOURAS: MÁXICOS ENIGMÁTICOS DA MITOLOXÍA POPULAR”. Actas das V Xornadas de literartura de tradición oral.

  • POEMARIO DOS GAFOS. Obra colectiva.

  • CATÁLOGO-GUÍA do Espazo Natural e Arqueolóxico dos Sete Camiños

  • AS PONTES DE PONTEVEDRA. Libro da exposición do mesmo nome. (Obra colectiva)

  • ATAS DAS JORNADAS DA LITERATURA GALAICO-PORTUGUESA 2012-2014

  • ACTAS DAS II XORNADAS SOBRE O ENTROIDO DE GALIZA

  • ACTAS DAS I XORNADAS SOBRE O ENTROIDO DE GALIZA

  • ENTRADAS POR ORDE CRONOLÓXICA

  • CONTADOR

    • 113,341 hits
  • Follow Á Sombra de Bouza Panda on WordPress.com

O REGRESO DO DEUS VESTIO ALONIECO

Agora que xa está dispoñible en pdf na web da asociación Cedofeita, aquí vos deixo o meu artigo publicado na revista Cedofeita que se distribuiu neste ano 2014.

ARTIGO PUBLICADO NA REVISTA CEDOFEITA Nº17 (Novembro 2013)

alonieco_Página_1

alonieco_Página_2

alonieco_Página_3

alonieco_Página_4

O REGRESO DO DEUS VESTIO ALONIECO

 

Recentemente, coa apertura do edificio do Museo Provincial de Pontevedra adicado á arqueoloxía, os amantes da nosa historia puidemos por fin atoparnos de novo cunha das pezas máis interesantes e raras da arte galaica ou, como se veu en chamar, da plástica castrexa. Despois de moitos anos perdido e esquecido nos sotos do vello museo da Boa Vila o fillo pródigo volveu ás vitrinas das que non tería que ter saído nunca. Baste lembrar que a última vez que foi visto en público coido que sucedeu no ano 1991 co gallo da exposición “Galicia no tempo”. Despois do famoso evento perdéuselle a pista. As miñas tentativas de velo no museo foron en van, iso si, ofrecéronme a posibilidade de poder ver unha foto da peza, que dito sexa de paso pertence ao patrimonio arqueolóxico colectivo do todos nós.   Se a estas alturas non saben de quen lles falo, refírome ao baixorrelevo do deus Vestio Alonieco, en palabras de Antonio Blanco Freijeiro, o único deus galaico que se presenta nunha imaxe non romanizada senón enxebre. Pero quen era ese misterioso deus e cal é a historia dete relevo de granito de apenas 67 x 47 cm? Vaiamos por partes.

Vestio Alonieco

Baixo relevo identificado co deus Vestio Alonieco

Nos anos corenta do pasado século, concretamente no 1944, atopáronse incrustados nun muro da parroquia de Lourizán un baixo relevo dun ser antropomorfo e cornudo coñecido polos veciños da zona como “O Demo”. A criatura tiña unhas mans enormemente grandes e amosaba os seus brazos estendidos coma se quixese darlle un abrazo —ou quen sabe se un susto— a quen se achegaba ao seu encontro.  O rústico relevo, de aspecto castrexo, apareceu fóra de contexto arqueolóxico, aínda que próximo a un castro e unha necrópole, entre outros restos, e xunto a el un anaco de ara anepígrafa e dúas aras dedicadas a Vestio Alonieco. De aí que se identificase o ser do relevo coa deidade citada nas aras. Reproducimos a continuación ambos os dous epígrafes segundo transcripción de Baños Rodríguez, un dos cales estaba incompleto:

DEO V-

ESTIO

ALONI

ECO AR-

AM P(osuit) SEV-

ERA

DEO

VESTI-

[o A] LONI

[E] CO A-

[ram p(osuit)]

 Aras dedicadas a Vestio Alonieco

Aras dedicadas a Vestio Alonieco

Cando soubo García Alén da existencia de tal “demo” fixo que o levasen para o Museo de Pontevedra onde ficou ata a actualidade. Vexamos agora que podemos saber sobre ese deus de potente nome:  Vestio Alnoieco?

Para algúns investigadores Vestio Alonieco estaría asociado ao touro ou a unha divindade astral de tipo cnóctico e podería ser un deus das montañas, ao igual que semellan selo Albocelus (atopado en Vila Real, Portugal), Albocus (en Alonsos, Ourense) ou  outras deidades relacionadas coas montañas como Candeberonius Caeduradius (de Vila Nova da Mares, Braga), I.O.M. Candiedo (en Galicia) ou Iupiter Candamius (no convento Astur), todos eles deuses das montañas asimilados ao Xúpiter romano.

DSC_0175 - copia

Representacións do deus Zeus

Antonio Blanco Freijeiro advirte as semellanzas entre  o nome indíxena de Vestio e o da Vesta romana e o da Hestia grega. Polo que intúe que Vestio podería vir da mesma raíz indoeuropea que estas deidades clásicas e corresponder, como ocorre con elas, a un deus do lume do fogar ou do lume celeste e do raio. A testa coroada por cornos do deus de Lourizán poderían ser atributo dunha deidade celeste e do fogar, tal e como eran Zeus para os gregos e Xúpiter para os romanos. En moitas relixións este tipo de divindade asóciase a un touro, xa polo vigor físico e xenésico do animal como pola súa identificación co Touro celeste: a constelación de Tauro. É por iso que existe nestas mitoloxías sagradas a idea dun touro astral servidor e acompañante do deus do ceo, do raio e da tempestade. Engade Blanco Freijeiro que, pola posible etimoloxía do seu nome e pola súa hastada cabeza, Vestio Alonieco podería identificarse co que os gregos chamaron un theós taurókranos. Mais, dito todo isto, o citado autor conclúe que a nosa particular deidade non manifesta influxo mediterráneo ningún, e que semella máis un numen céltico que rexería sobre unha comunidade indíxena, pois o patronimio Alonieco, que segue o nome Vestio, ten carácter étnico e probablemente se referiría a un castro ou conxunto deles.

 Caldeiro de Gundestrup con representación do deus celta Cernunnos

Deus Cernunnos no caldeiro de Gundestrup

En canto á relación entre deuses celestes e touros explica o historiador Pena Graña que  o tarvos tribhih kraman-os, “touro de tres pasos”, parece ser un epíteto temático indoeuropeo do Sol que circunda o orbe tripartito, cruza ao amencer o ceo ascendendo ata o mediodía, decae á tarde ata o ocaso no océano occidental, e morrendo penetra no inframundo pola noite ata o orto do día seguinte onde volve a nacer.  O Sol aparecería entón representado como un touro solar —ás veces con tres cornos— que dando tres pasos circunvala o mundo, unha relación que explicaría o porque dos atributos córneos dunha deidade celeste e, quizais, tamén o porque das esvásticas —motivos decorativos relacionados simbolicamente co Sol— que aparecen nunha das aras dedicadas a Vestio Alonieco.

 VLUU L100, M100  / Samsung L100, M100

Bronce votivo con representacións de touros

Afondando máis na posible relación de Vestio Alonieco cos touros, podemos traer a colación o escritor grego Diodoro cando fala nun dos seus textos da existencia en Iberia do culto aos touros e di que as vacas son animais sagrados para  estes pobos. Posiblemente esteamos fronte a un culto indíxena vinculado á gandería —base da economía de moitas destas comunidades— e á fecundación. Algúns dos bronces votivos atopados na Península Ibérica, como o carro do museo de Guimarães e os procedentes de Castelo, os verracos ou as pinturas de Numancia onde se representan touros e danzas, serían indicativos deste culto ao touro. Ademais, para algúns historiadores é probable a existencia de certa relación entre o touro e Marte, como ocorría na Galia, o que explicaría a existencia de bronces como o que se expón no Museo Nacional de Arqueoloxía de Madrid e que representa a Marte portando un casco de tres cornos e sobre a súa coiraza un bóvido.

 Ara dedicada a Marte

Ara dedicada a Marte

Outros autores asimilaron o peculiar ser do relevo co deus Ares, con Mercurio, co céltico e cornudo Cernunnos ou incluso co Minotauro cretense. Curiosamente hai quen tamén quixo ver no veciño petróglifo do labirinto de Mogor unha representación do labirinto cretense. Outros investigadores interpretan a testa cornuda de Vestio Alonieco como unha coroa floral. Xa que logo, temos interpretacións para todos os gustos.

VLUU L100, M100  / Samsung L100, M100Labirinto de Mogor 

Francisco Calo Lourido lembra un traballo de Benolt sobre un estudo icónico de Mercurio que demostra que sobre esta figura foi representado moitas veces o demo cristián. Esta idea viría reforzada pola identificación que fixo o pobo deste relevo cunha representación do diaño, de aí o alcume de “O Demo” co que se referían á imaxe de Vestio Alonieco.  Para Calo Lourido o noso deus cornudo podería ser: un Mercurio otónico, psicopompo e unicnum no Noroeste mais moitas veces representado nos medios romanizados europeos e que, polo tipo de labra, tanto pode ser feito no século I d.C. como no século III d.C.

 Representacións do deus Mercurio

Representacións do deus Mercurio

Segundo López Cuebillas o relevo deste ídolo cornudo aparecido en Lourizán, de grandes mans estendidas, comparte atributos co deus pancéltico Lug, pois un dos epítetos de Lug é Lamfada, en gaélico “o de longos brazos”.  Estableceríase así unha relación entre o noso Vestio Alonieco e o céltico Lug. Lug, Lugh ou Lugus é o deus pancelta por antonomasia, identificado co Mercurio galorromano, tal como nos conta Xulio César na súa obra De bello Gallico. É un deus de suma importancia no panteón céltico. Trátase dun deus trifuncional, mago, guerreiro, artista, artesán…que domina todos os saberes e é inventor de todas as artes, como o é o Mercurio latino. É un deus de carácter solar, luminoso, heroico e guerreiro. O santuario de Peñalba de Villastar, en Teruel, sería un dos máis importantes centros dedicados a este deus, o que confirma a extensión do seu culto na Península Ibérica. Pero cómpre lembrar que cinco das sete epigrafías atopadas en Europa que posiblemente fagan referencia a este deus foron atopadas en Galicia —unha en Outeiro de Rei, outra en Sober, outra en Ferreira de Pantón e dúas máis en Lugo cidade— o que testemuña o seu culto na Gallaecia. J.C. Bermejo, no seu estudo sobre os deuses dos camiños no noroeste hispano, sospeita que é o deus pancéltico Lug quen se manifesta baixo a aparencia dos Lares Viales, que teñen grandes coincidencias tamén co deus Mercurio. O seu nome provén do termo indoeuropeo Leuk que significa “brillante”, “luminoso”, “branco”, polo que posúe un aspecto solar, aínda que non se trata propiamente dun deus solar.

 OLYMPUS DIGITAL CAMERA

Ara dedicada ao deus Luc

En relación co que acabamos de dicir podemos citar  un deus galaico identificado con Xúpiter e relacionado tamén cunha divindade celeste habitante das montañas. Falamos de Iovi Candamio ou Xupiter Opyimo Candiedo da raíz Kand “brillar”, que posiblemente daría nome á serra do Candán, epíteto tamén relacionado coa etimoloxía da serra do Cando. Este epíteto Leuk —luminoso— pode amosar a conexión de Lug con este deus galaicorromano Candamio, non só polo sentido de luminosidade que revela tanto o epíteto de Lug como a raíz Kand, senón pola pervivencia na toponimia actual de diversos lugares montañosos con nomes parecidos como Candanedo (entre León e Asturias), serra do Candán, ou a serra do Cando. García Quintela sinala que o culto a Lug nas Galias se asocia aos altos cumios, cousa que puido ocorrer aquí en Galicia, do mesmo xeito que ocorreu no santuario de Penalba de Villastar, na montaña turolense. O propio San Martiño de Dumio, no seu  De Correctione  Rusticorum, fala aló polo século VI da existencia de divindades ás que se lles rendía culto nas montañas, acto, segundo a nova fe cristiá, reprobable e castigable.

Entón o demo ou os diaños, os seus ministros, que foron botados do ceo ó ver os homes, que por ignorancia desprezaron o seu Creador, empezaron a servilo por medio das criaturas. E empezaron a manifestarse en diversas figuras, a falar con eles e pedirlles que lles ofrecesen sacrificios nos montes altos e nos bosques frondosos, e a honralos como a Deus, póndolles os nomes de homes malvados, que levaran unha vida de toda clase de crimes e de maldades.

                                                                               Martiño de Dumio

 OLYMPUS DIGITAL CAMERA

Vemos, xa que logo, que moitos historiadores vinculan a Vestio Alonieco cun antigo deus da montaña e tamén cun deus celeste ou solar. Montaña que, pola localización onde se atopou o ídolo —na parroquia de Lourizán— , non pode ser outra que a cordal do Morrazo e os cumios de Salcedo,  Lourizán e Marín. Teriamos entón —con toda a prudencia necesaria que esta hipótese suscita— que Vestio Alonieco podería ser a antiga divindade rectora das nosas montañas e, en consecuencia, poderiamos pensar que os montes de San Martiño, Catadoiro e Pornedo tiveron no pasado un carácter sacro, algo, por outra banda, que non sería de estrañar tendo en conta o universo relixioso no que se movían os antigos poboadores destas terras e os testemuños epigráficos atopados na Gallaecia e que fan referencia ao carácter sagrado de moitas montañas como, por exemplo, o monte Larouco. Velaí unha simple hipótese con base nas relacións establecidas por moitos investigadores entre Vestio Alonieco e unha deidade das montañas.

Pero o tema de Vestio Alonieco dá para máis e abre outras vías aínda máis interesantes. O historiador André Pena Graña identifica o noso deus de Lourizán con Bero-Briegoco  (O da Alta Casa), unha divindade que aparece nos epígrafes das estelas atopadas no santuario galaicorromano do Facho de Donón. Para este historiador Bero sería un deus dos mortos, en honor ao cal os devotos que se libraron da morte adicaron as numerosas aras votivas que cubrían o santuario de Donón. Xa que logo, Berobreo significaría o “Señor da Alta Casa (dos mortos)”, o deus do Alén. Segundo esta interpretación, Vestio Alonieco (que podemos traducir polo deus Vestio dos Allóns) corresponderíase co deus cornudo que recibe as almas no Alén, e por iso se representa cos brazos abertos en sinal de acollida. Tería tamén, como xa apuntamos, un carácter psicopompo, isto é, de guía das almas cara ao Outro Mundo.  O epíteto Vestio (do inglés Guest e alemán Gast, hóspede,  hospedeiro) significaría “o hospedeiro”, o gardián e o porteiro da cidade celeste, da Illa dos Benaventurados para os gregos, en definitiva, do Máis Alá.

 VLUU L100, M100  / Samsung L100, M100

Facho de Donón

E, precisamente, fronte a esas illas atlánticas, identificadas polos antigos como as Illas dos Deuses, onde se erguen os montes do Morrazo a cuxos pés apareceu o misterioso relevo do deus cornudo. E dende eses cumios, cos seus privilexiados miradoiros, podemos presenciar cada día o espectáculo inigualable de ver morrer o Sol nas augas do Océano, o mesmo Océano que agocha a morada final das nosas almas.

Todo iso, e moito máis, evoca o relevo do deus atopado en Lourizán. Todo iso nos conta coa súa pétrea mirada. Quizais nunca saibamos os segredos que agocha Vestio Alonieco tras esas mans xigantescas de polgares invertidos. Quizais nunca cheguemos a saber quen era realmente o ser que hai dous mil anos alguén —nós mesmos— decidiu labrar naquela laxe de granito. Pero do que si podemos estar certos é de que merece a pena intentalo, cómpre percorrer o carreiro encriptado do noso vello e moderno mundo simbólico e aínda que só sexa por iso, pola aventura de procurar saber de onde vimos, ben merece estar exposto no lugar que lle correponde. Vestio Alonieco está de volta e agardemos que esta vez sexa para quedar.

CAM00605

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

%d bloggers like this: