PREGÓN DE “BENVIDA AO MAIO” DE PONTEVEDRA

20150420050419_slide-maios_v211144980_10205518077729039_636818123922008926_o

Este primeiro de maio tiven o honor de ter sido convidado polo Concello de Pontevedra para dar o pregón de “Benvida ao Maio” que abre o concurso anual de maios e que se celebra, dende hai lustros, na vila de Pontevedra.

IMG-20150430-WA0000

Para os que me pedíchedes o texto da “Benvida ao maio” aquí volo deixo. Graciñas a todos polas mostras de afecto recibidas.

PREGON

Benvida ao Maio

Benvidas pontevedresas, benvidos pontevedreses, veciños das parroquias que ennobrecen esta vila. Benvidos todos os que hoxe estamos aquí reunidos, nesta nobre ágora que é a Praza da Ferrería, neste torreiro de pedra para dar a benvida ao Maio e acoller o seu alento de vida no seo da Boa Vila.

Aquí vén o maio

florido e galán,

tódalas rapazas

amores lle dan.

E aínda que non sexa eu a moura fermosa de loiros cabelos, a costureiriña bonita de alferga de ouro, nin a labrega belida vestida de flores e hedras, caeu en min este ano o honor de anunciar a chegada do Maio, e a boa fe que o fago con orgullo e emoción.  Así que alá imos.

Érguete maio

Moito durmiches

Que pasou o cuco

E tin non o viches.

Pode alguén ter maior honra que dar a benvida á vida? Pode alguén anunciar feito máis celebrado que o esplendor da natureza, que o espertar da Nai Terra no seu anual rito rexenerador?

Invoquemos, pois, as forzas da natureza para esconxurar todo mal e toda ameaza. Loubemos as  virtudes da Terra que todo dá para abrirlle os brazos ao Maio, para acollelo na alma do pobo labrego, do pobo que cuspe Terra na fala incluso cando fala con lingua allea.

Na roda do tempo

Hoxe volve o maio

Como volve o cuco

Ao cabo dun ano.

Houbo un tempo en que toda Galiza se enchía de Maios, de Maias, de Ramos de Maio, de Árbores de maio, de Coroas e Cruces de Maio… de Maios humanos que percorrendo as parroquias anunciaban con ledicia a chegada da Nai que calquera fillo da terra agarda. Un tempo ancorado xa na miña infancia no que eu mesmo percorrín os rueiros de Salcedo levando o Maio de casa en casa.

Aí vén o maio

Cargado de flores.

Aí vén o maio

Sementando amores.

 Houbo un tempo e un país que cada ano se vestía de fiúncho, de carrasco, de margaritas e papillóns, de rosas e calas, de laranxas e ovos.

Este mes de Maio

É o mes das flores.

Cando os paxariños

Ven os seus amores.

Pois co Maio a primavera acada o seu máximo esplendor, e Pontevedra renace adobiada de Maios e Coroas. Engalanada de verde e ouro, esperta a Boa Vila do seu letargo invernal e co son dos paus, coas voces dos nenos, cos cantos das mozas pousa os seus ollos antergos nas lombas verdescentes da Fracha, nos cumios renacidos de San Martiño, de Santa María, de Santo André de Xeve.

Unha Pontevedra que soubo gardar, ao longo dos anos, o tesouro florido da nosa cultura tradicional mentres noutros lugares dilapidábamos a riqueza herdada de xeración en xeración.

Pontevedra boa vila

Daslle o Maio a quen pasa.

Remato xa e quero facelo lembrando as verbas do noso ilustre poeta Manuel Curros Enríquez cando, naquel poemario “Aires da miña terra” dicía:

Eu sonvos o probe

Do pobo gallego,

Para min nin hai Maio,

Para min sempre é inverno.

Dende aquí, co poder da auga da vella fonte da Ferrería, coa forza do mar de Lourizán, coa frescura do río de Tomeza, co arrecendo da carrasquiña do monte das Croas, co orgullo da Penalonga de Marcón, coa virtude do aceite de San Benitiño de Lérez e das candeas de San Brais, invoco de novo o espírito da Terra e do Maio para romper esa negra fada do pobo galego, para que dende hoxe sempre sexa Maio para Galiza, Maio de vida, Maio de esperanza, Maio para todos nós.

Eiquí está o maio

Co seu poderío.

Líbranos do trono

E do señorío.

 

Eiquí esta o maio

Para nos liberar

Do que é abusón

Ou quere abusar.

Non hai Maio sen ledicia, sen cantos, sen sátira ou sen risas. Así que nestes tempos incertos, de crise,  roubos e saqueos. Nestes tempos de volta á barbarie onde os imbéciles e escuros abrollan como o negro chapapote, chámote Maio canda nós, imploro o teu poder e a forza anovada que traes para librarnos de tanto mal e dos ratos que nos comen o millo da paneira.

Eu son o Maio

Do pobo galego

Sen bruxas nin trasgos

Nin caciques nin cregos.

E ata aquí chegou a benvida. Nin eu teño máis que contarlles nin eu podo máis contare. Tan só me queda unha cousa que dicirlles:

E víchelo Maio

E víchelo ben

E víchelo Maio

Ata o ano que vén.

Moitas grazas e que Vivan os Maios de Pontevedra!!

Rafa Quintía Pereira

1 de maio de 2015

pregon 2

jpg

Recibindo un fermoso agasallo de mans da concelleira de Festas Carme Dasilva (Foto: La Voz de Galicia)

DSCF4514

11144980_10205518077769040_8593232587510511281_o

Fotografías cortesía de Toño Vázquez, Miguel Àngelo Bieites e Carlos Fraguas.

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

%d bloggers like this: