ENTREVISTA NO XORNAL SERMOS GALIZA CO GALLO DE TER RECIBIDO O XX PREMIO VICENTE RISCO CIENCIAS SOCIAIS

Document-page-001Document-page-002

Document-page-003

 

Texto da entrevista:

– Empecemos polo básico. Que é unha moura?
– É a figura máis importante da mitoloxía galega sen lugar a dúbidas. E individualizada e diferenciada do que é o concepto xenérico de mouros, porque aínda que a veces se confundan, a figura da moura galega é diferente, e con personalidade propia. E máis importante polas características simbólicas que ten e pola serie de atributos que nos fan pensar nunha orixe moi arcaica deste mito e comparable e vencellado a outras deidades doutros esquemas mitolóxicos dos pobos da terra.

– Para min é unha figura case descoñecida, pero si escoitei falar dos mouros ligados aos castros.
– Todo o patrimonio arqueolóxico galego está vencellado ao patrimonio inmaterial. Por exemplo, as lendas de mouros é a raza mítica á que se lle atribúe a construción dos castros, das mámoas, de calquera xacemento antigo que a xente identifica como algo que non fixeron eles nin os seus devanceiros. Dentro desta categoría están as mouras, que están moi unidas aos dolmens, ás mámoas, elas son as construtoras dos dolmens, portando as grandes pedras, mentres fían na roca e aleitan un neno. Tamén se lle atribúe ás mouras a creación dos castros, e que habitan debaixo deles, ou baixo os petróglifos, e tamén en determinados elementos da natureza, elementos cunha carga simbólica grande, como as augas, os pozos, as fervenzas, as correntes de auga, os grandes penedos, son xeografías míticas da mouras que se identificaron desde antigo como lugares da presenza do divino, de portas de acceso ao máis alá, como poden ser as augas ou as covas. E como o noso patrimonio arqueóloxico é tan rico, existen lendas de mouras por todo o territorio. E ademais tamén se lle atribúen a creación de paisaxes naturais, que iso é algo que se trata menos, como o nacemento do río Miño no pedregal de Irimía, creado por unha moura na súa faceta da vella, a cantara da moura, no concello da Veiga, ou mesmo hai fenómenos culturais atribuídos á moura, como a introdución da primeira planta de vide na comarca da zona do Támega, ou incluso da creación das levadas de auga e dos sistemas de regadío en zonas do sur de Pontevedra. Estas deusas aparecen na mitoloxía de toda a Terra.

“Todo o patrimonio arqueolóxico galego está vencellado ao patrimonio inmaterial”

– Cal é a diferencia entre as mouras e os mouros?
– A primeira diferenza é que á moura nos referimos a ela de xeito individual. Aínda que poida aparecer en tríades, que é unha característica tamén das antigas deidades. E cando falamos de mouros falamos en xenérico, non existe unha descrición tan detallada dos seus atributos. Normalmente a moura é normalmente unha muller fermosa, nova, adoita parecerse en entornos naturais, peiteando os cabelos con peite dourado, en determinadas épocas do ano, como a Noite de San Xoán. Ou como unha dama soberana, ou ás veces coa fasquía da vella, de aí sae o arco da vella, esa vella que peneira a xiada no inverno, que crea os elementos e que domina as forzas da natureza. A moura ten unha personalidade propia, perfectamente descrita nas lendas, cos seus atributos específicos, capacidade de transformarse en serpe, que ademais ten varios alteregos, varias fasquías diferentes, varias funcionalidades, fundamentalmente tres: rapaza nova, señora e vella.

– Isto conecta a nosa mitoloxía con outras do noso entorno, sobre todo atlántico, non?
– Hai unha serie de similitudes con outras figuras da mitoloxía europea e atlántica, pero non só. Eu no traballo documento semellanzas no seu aspecto de vella civilizadora en mitoloxías tan afastadas como de pobos da Amazonía ou de Asia e mesmo de Australia. É o que se chama un mitema, unha unidade mínima de mito que se reproduce en distintos sistemas mitolóxicos, a imaxe dunha muller vella, unha deusa creadora da natureza e da civilización. E iso repítese en todos os pobos da terra.

“Documento semellanzas no seu aspecto de vella civilizadora en mitoloxías tan afastadas como de pobos da Amazonía ou de Asia e mesmo de Australia”

– Con que culturas europeas temos máis similitudes a este nivel?
– O máis estuado sempre foi co folclore irlandés, escocés e bretón. Hai grandes similitudes co folclore das illas británicas, pero tamén co Occidente e co norte da Península Ibérica e mesmo existen lendas de mouras e figuras similares no folclore marroquí, neste caso de raíz bereber. Pero o que está máis desenvolvido é o do arco atlántico porque pertencemos á mesma área cultural, pero xa che digo que podemos extendelas a gran parte de Europa e puntualmente a outras zonas de fóra.

– En canto ao estudo, como o levaches adiante? Supoño que fixeches traballo de campo…
– Eu levo moito tempo documentando temas de patrimonio documental. Teño moito material e lendas recollidas en distintas zonas de Galiza, material bibliográfico e, sobre todo, a min o que me interesaba moito era visitar as propias xeografías míticas asociadas á moura, que normalmente non se fai, ir aos lugares onde hai un penedo vinculado a unha lenda de moura, onde hai unha mámoa, un petróglifo, un río… Documentar, ver como son, que peculiaridades teñen e se combina traballo de campo, de recollida de patrimonio inmaterial, traballo de análise en gabinete e traballo documental.

Podes ver este artigo na próxima dirección http://www.sermosgaliza.gal/articulo/cultura/moura-figura-mais-importante-da-mitoloxia-galega/20160112192044044010.html

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

%d bloggers like this: