Monthly Archives: Xaneiro 2016

AS MOURAS QUE ME FIXERON GAÑAR O “XX PREMIO VICENTE RISCO DE CIENCIAS SOCIAIS”

premio-risco-g

Pois si, parece que ao final as mouras conxuraron e fixeron cos seus encantamentos que este servidor fose agraciado co XX Premio Vicente Risco de Ciencias Sociais polo seu traballo “Análise estrutural e simbólica do mito da moura galega”. Como poden imaxinar, a ledicia que me invade é inmensa.

Recibir un premio sempre é unha satisfacción pero cando este galardón leva o nome do pai da antropoloxía en Galicia a honra aínda é maior. Se ademais, a iso se lle suma que o premio é por un traballo de investigación sobre patrimonio inmaterial e mitoloxía galega a miña alegría non podería ser máis grande.

Para un antropólogo coma min, outsider, que non traballa nas institucións académicas ou na administración, sentir que se recoñece o seu traballo é o maior premio que un pode recibir. Saber que os temas de antropoloxía clásica, como é o caso da mitoloxía, seguen a gozar de recoñecemento e importancia faille a un pensar que non todo está perdido no campo da valorización da nosa cultura inmaterial.

É por iso que quero agradecer este prestixioso galardón aos membros do xurado que tiveron a ben considerar o meu traballo digno de tal merecemento, e máis sabendo o nivel dos traballos e dos investigadores que se presentan a este premio de Ciencias Sociais. Así que as miñas máis sinceras grazas ao xurado composto por Fernando Acuña Castroviejo en representación do Concello de Castro Caldelas, Antonio Blanco Rodríguez e Xosé María Eguileta Franco en representación da Fundación Vicente Risco, Humberto Miguel dos Santos Martins e Timothy Leonard Koehnen en representación da CETRAD da Universidade de Trás-os-Montes e Alto Douro (UTAD), Francisco Fernández Rei en representación da Fundación Sotelo Blanco e Teresa Devesa Graña representante do Concello de Allaríz que delega a súa función en Antonio Blanco Rodríguez.

Quero tamén destacar, valorar e agradecer o traballo das institucións que promoven este importante certame, polo seu labor a prol do fomento e dignificación da investigación antropolóxica e histórica no noso país.

Nestes momentos de ledicia quero lembrarme tamén de toda esa xente que me ten axudado nestes anos de traballo, aos informantes que me quixeron facer dignos da súa confianza, confidencias e sabedoría; aos compañeiros e compañeiras da A.C. Os Chichisos cos que me mergullei no mundo da nosa cultura musical tradicional; aos amigos cos que compartimos traballos naquel xa mítico Grupo de Estudos Etnográficos Serpe Bichoca; aos compañeiros da Sociedade Antropolóxica Galega polo apoio, ilusión e aventuras (e as que nos quedan); a todos aqueles que confiaron e confían no meu traballo e, como non, á miña familia e os meus amigos por estar sempre aí.

Por último, o meu sentido agradecemento á nosa Moura galega por darme permiso para desvelar parte dos seus segredos.

http://www.elcorreogallego.es/tendencias/ecg/acta-do-xurado-do-xx-premio-vicente-risco-ciencias-sociais/idEdicion-2016-01-11/idNoticia-973842/

http://www.sermosgaliza.gal/articulo/cultura/estudo-mouras-ganador-do-vicente-risco-ciencias-sociais/20160111171012043974.html

http://www.elcorreogallego.es/tendencias/ecg/unha-obra-mito-da-moura-galega-gana-xx-premio-vicente-risco/idEdicion-2016-01-11/idNoticia-973807/

sotelo blanco edicións-page-001

Acta do xurado do XX Premio Vicente Risco de Ciencias Sociais-page-001

Un estudo sobre as mouras, gañador do Vicente Risco de Ciencias Sociais-page-001

Unha obra sobre o mito da moura galega, gaña o XX premio Vicente Risco -page-001

CANDO CASTELAO BEBEU NA FONTE DE PAMOURO

Hoxe cúmprense 66 ano do pasamento de Alfonso Daniel R. Castelao. Sirva este relato como a miña sentida homenaxe.

99000100.01

Castelao fotografiado por Pintos. 1931. Fonte: http://www.museo.depo.es

CANDO CASTELAO BEBEU NA FONTE DE PAMOURO

No ano 1916 Castelao trasládase a Pontevedra para ocupa-la súa praza como funcionario de estatística. Aquí viviu durante 20 anos e, á parte da súa vida cultural e política, soubo descubrir e gozar coma ninguén da beleza e da calma dos máxicos recunchos agochados nas nosas parroquias. Xa estando no exilio en Bos Aires, lembrando os seus anos pontevedreses, escribiu uns emotivos e fermosos textos sobre esta cidade e os seus arredores, recollidos no seu libro “As Cruces de Pedra na Galiza”. A continuación reproducimos ese fragmento do libro:

castelao_caricatura

Castelao, autocaricatura

Eu vivín longos anos de ledicia en Pontevedra, aferrado á fermosura dos seus arredores, coma quen non pode desprenderse dos brazos mornos dunha noiva. Eu débolle a Pontevedra o mellor da miña vida e agora padezo saudades da súa paisaxe, tristuras de non vela i espranzas de retornar a ela.

Empezo a ser vello e a vivir de recordos. Algunhas veces acode á miña memoria un cantar de requintada morriña.

Vai tan lonxe a mocedade, está tan perto o meu fin, que ás veces sinto vontade de poñer loito por min. Pero non é que eu enloite o meu esprito porque a mocedade fuxise de min. Eu apénome de non poder ir a Pontevedra, que é unha fonte de xuventude, onde se curan os alifaces da vellez. Volver a Pontevedra sería mesmo que recobrara a mocedade perdida. E así como anteo revivía ao caer ao chan e soio morreu por non poder tocar terra, así eu me libraría da vellez con soio pisar terra pontevedresa. Penso que si morrese no desterro, os meus osos non se deixarían consumir até que algún anaquiño d-eles chegase a Pontevedra. Entón a miña alma cantaría gozosa este cantar. Xa morrín, xa me enterrei, e agora xa estou eiquí. Nin a terra me comíasen despedirme de ti

Todo, todo, pode acabarse en min, menos o amor que sinto por Pontevedra. Vivo ou morto, alá irei como se di que van os romeiros a San Andrés de Teixido, que “alá van de mortos se non van de vivos”. Pero eu espero chegar vivo parra curarme das inxurias do tempo. E non entanto vou coa imaxinación …

Para ensoñar mundos de absoluta felicidade, Libre de carne mortal que afoga a vida dos Vellos, eu séntome á beira do Lérez. Pouso os meus pensamentos nas beiras das augas, como as ponlas caidas dos albres que dan sombra. Estou alí horas e horas, ensumido en min mesmo. Deste xeito participo da ledicia de San Amaro, cando estivo trescentos anos asexando o paradiso a través dun buratiño dunha porta. Ou como Don Ero, o fundador de Armenteira, que tamén estivo trescentos anos escoitando a un paxariño.

Para sentir o orgullo de ser fillo da terra máis fermosa do mundo, eu rubo ao pinal de Matalobos, que está enriba da eirexa de Salcedo. Séntome nas pedras do valado, e chanto os ollos na ría que durme antre veigas e florestas. Asisto a transformación d-un día de Sol en noite de luar. Alí sinto como en ningures a necesidade cósmica da patria e sei que son un anaquiño de eternidade galega. ¡Meu Pontevedra!

7

                    Antigo caserón da familia De la Sota no piñeiral de Matalobos

Vemos neste fermoso fragmento o amor que sentiu Castelao pola Boa Vila e os momentos de paz e emoción que pasou na parroquia de Salcedo, contemplando o solpor dende o alto do monte de Matalobos, sentado no vello valado de pedra que hoxe discorre pola croa do que antano foi un castro, o castro dos Penedos.

3

Muro de pedra no monte dos Penedos onde posiblemente sentaba Castelao

Durante o traballo de campo que realicei para escribir o meu libro Patrimonio Inmaterial de San Martiño de Salcedo tiven a sorte de recoller algunhas lembranzas aínda vivas, e transmitidas oralmente durante décadas, daqueles paseos de Castelao pola parroquia de San Martiño. Así, din os veciños de Matalobos, e aquí é onde empeza a verdadeira crónica histórica e popular da relación de Castelao e esta parroquia de Salcedo, que cando o insigne artista e político subía polo vello camiño de Matalobos, a encosta do camiño e o esforzo físico realizado facía necesario, ou cando menos aconsellable, rehidrata-lo corpo trala camiñada. Así que Castelao acostumaba parar a coller folgos e refrescarse na Fonte de Pamouro, fonte estreitamente vencellada a unha fermosa lenda de mouras da que falarei noutro momento. Recobradas as forzas continuaba cara ó seu lugar predilecto da parroquia: o piñeiral de Matalobos, onde sentado nas pedras do muro contemplaba o solpor do día e a máxica morte do Sol sobre o antigo e indomable Atlántico.

OLYMPUS DIGITAL CAMERA

Fonte de Pamouro

E eu pregúntome, se san Ero da Armenteira albiscou o paraíso tras o seu encontro con aquel misterioso paxariño de trino embriagador, é posible que Castelao atopase á Moura, que un día foi por auga a esta fonte, e do seu máxico encontro nacese o seu amor por esta terra e esta vila? É posible que fose o feitizo dunha fermosa e poderosa Moura o que outorgou a Castelao o don da creación e a lucidez do seu pensamento e da súa obra? Quen sabe, cousas máis raras se teñen visto. Eu por se acaso, de cando en vez, dou un paseo pola zona non vaia ser que se me pegue algo do feitizo.

8

A Moura. Debuxo de Miryam Quintía

Tamén se conta, esa é a memoria colectiva desta parroquia pontevedresa, que o ilustre Castelao, nos seus paseos pola parroquia de Salcedo, adoitaba sentar a descansar baixo a sombra do colosal eucalipto de Matalobos, un dos exemplares de eucalipto máis antigos de Galicia e, quizais, dos poucos que habería que conservar.

OLYMPUS DIGITAL CAMERA

Eucalipto de Matalobos

Así que cando estean de paseo por Matalobos e pasen baixo a sombra do magno eucalipto, beban na Fonte de Pamouro ou senten a descansar no muro de pedra e brión do monte dos Penedos quizais podan sentir ao seu carón a alma inmorrente dun dos grandes e xenerosos. Un eterno Castelao que hai 100 anos tivo a ben pasear por estes lares e soñar cunha terra renacida mentres contemplando o devalo do Sol no horizonte neste confín dos verdes castros.

DSC_6420

Solpor dende o piñeiral de Matalobos (monte dos Penedos)

 

BIBLIOGRAFÍA:

Textos extraídos do meu libro: Patrimonio Inmaterial de San Martiño de Salcedo.

 

A %d blogueros les gusta esto: