A CLAVE “LATÉNICA” DO MOSTEIRO DE OIA

Os que seguides o meu blog ou os meus artigos xa saberedes do meu gusto pola comparación transcultural e non por unha teima por extrapolar conclusións dunha cultura a outra —algo, ás veces, realmente difícil e arriscado— senón mais ben por aquelo e facernos reflexionar sobre a diversidade das culturas humanas e, á vez, sobre as enromes similitudes que compartimos todos como membros dunha única especie.

En todo caso, cómpre aclarar que a comparación supón unha selección dirixida por suposicións teóricas, e moitas veces baseada en evidencias físicas. Segundo os antropólogos Kaplan e Manners, a comparación proporciónanos un método para suxerir formulacións xenerais sobre un fenómeno cultural. Pero para garantir a comparación cómpre asegurarse primeiro de que os fenómenos que se van comparar son o suficientemente próximos en forma, estrutura ou proceso. É neste marco acoutado no que a comparación resultará útil aínda que, cando menos, como recoñeceu Leach, o método comparativo sempre servirá para crear discernimento e xerar ideas.

DSC_3748

Pois ben, volvendo ao noso asunto, hai xa uns anos e por motivos que non veñen ao caso, andaba eu polo mosteiro de Oia (provincia de Pontevedra) cando reparei nunha das claves que unían os nervios das bóvedas empedradas do teito das naves do mosteiro. Aquela decoración requintada e sinuosa lembroume inmediatamente a unha outra pedra que coñecía ben, así que procedín a fotografala para, chegado a casa, poder facer as comparacións pertinentes. O tempo foi pasando e aquilo ficou pendente ate hoxe, momento no que me decidín a compartir con quen isto lea esta curiosidade decorativa.

DSC_3678

E é que aquela antiga clave que sostiña os nervios da bóveda estaba decorada cunha serie de deseños curvilineos e espirais que lembraba e forma clara as típicas decoracións célticas da cultura centroeuropea de La Téne. En consecuencia, aquela pedra semiesférica que como se dun ónfalo ou ovo cósmico penduraba do teito do mosteiro resultaba unha sorte e imaxe inversa da famosa pedra irlandesa de Turoe ou a Turoe stone.

A pedra de Turoe é un monólito granítico dun metro de alto aproximadamente que na actualidade —pois foi desprazado da súa localización orixinal— se atopa perto de Bullaun, no condado irlandés de Galway. Este monumento está datado entre os séculos III e II a.c. e foi atopada nun castro da Idade do Ferro. A parte superior da pedra está labrada e decorada cun deseño céltico continuo e curvilíneo pertenencente á cultura de La Tène. A parte media está decorada con franxas.

turoestone

Fonte da imaxe: http://www.handofhistory.com

Non é a única pedra deste estilo que existe en Irlanda. A Castlestrange stone é outro exemplo significativo, Neste caso, a pedra de Castlestrange, situada perto de Athleague no condado de Roscommon, presenta unha decoración de espirais concéntricas de estilo La Tène e está datada na Idade do Ferro, entre o 300 a.C. e o 100 a.C.

IMG_CastlestrangeStone2771

Fonte da imaxe: Wikipedia

Cal era a función e o uso destas pedras é unha cuestión que os arqueólogos non teñen aínda dilucidado. En calquera caso, todo parece indicar que teñen que ver co universo relixioso ou ideolóxico destas comunidades. Quizais poderían constituír marcadores de espazos sagrados ou asemblearios, como onfalos ou pedras da tribo (Trebopalas, denominas o arqueólogo André Pena) ou como marcas sagradas de territorialidade.

Vaia por diante que o contexto histórico e ideolóxico  nada ten que ver. As pedras irlandesas remóntase á Idade do Ferro e a un contexto céltico precristián e a nosa clave “laténica” corresponde a un templo cristián da Idade Media pero as similitudes estilísticas están aí. Precisamente iso é o interesante do asunto e as preguntas que eu me fago son: pode ser a decoración da clave do mosteiro de Santa María de Oia unha reminiscencia estilística laténica? É simple casualidade? Hai algunha conexión simbólica entre ambos os dous elementos? Perduran nos templos cristiáns motivos e símbolos pagáns e se é así por qué?

DSC_3678 - copia

Non vou responder a estas preguntas, eu teño a miña opinión ao repecto pero coido máis interesante que cada quen saque as súas propias conclusións, pois para iso era o artigo: para facernos reflexionar. Despois que cada un opine libremente como debe ser e se alguén quere atoparse cara a cara co misterio desta “clave laténica” tan só ten que achegarse ao fermoso e esgrevio concello de Oia e alí, fronte ao duro e salvaxe Océano Atlántico adentarse na penumbra do vello mosteiro de Santa María e mirar cara ao ceo. Entre os nervios da bóveda da nave lateral da dereita, sobresaindo dos perpiaños perfectamente labrados polos nobres canteiros e como se dun gardian durminte se tratase, vixía o ollo cósmico das espirais e pedra, a clave onfálica que sostén os mosteiro e, quen sabe, se tamén o mundo.

DSC_3663

 

 

 

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

%d bloggers like this: