O VALOR INMATERIAL E IDENTITARIO DA ARTE RUPESTRE GALEGA

dsc_7135

O patrimonio galego en xeral e a arte rupestre en particular é un catalizador de ideoloxía cultural de primeira magnitude. Ao redor dos nosos petróglifos o pobo foi construíndo ao longo do tempo un discurso popular e propio que reflicte non só parte da súa cosmovisión e da súa forma de estar no mundo senón tamén toda unha forma de artellar o seu territorio dende unha clave simbólica e mítica e, en definitiva, unha valiosa mostra de construción cultural da paisaxe e de discurso “histórico” para dar sentido a un pasado descoñecido. A interpretación que o pobo —dende unha perspectiva tradicional— fai destes restos patrimoniais do pasado constitúe a nosa verdadeira mirada autóctona do patrimonio, a nosa visión popular do noso propio pasado e como tal está cargada dun valor incalculable á hora de entender e de estudar unha parte substancial da nosa cultura.

dsc_3563

Os petróglifos galegos son xeradores de contidos simbólicos e inmateriais que, sustentados nun proceso dinámico de creación de patrimonio oral de base mítica e lendaria, construíron toda unha dialéctica cultural entre a comunidade humana do lugar e o seu legado arqueolóxico. Ademais, o discurso popular dos mouros e das mouras tan vencellado a estes enclaves rupestres serviu para definir a propia identidade do pobo a través dun proceso de alteridade que xira en torno á idea da mítica mourindade.

dsc_7130

Xa que logo, os petroglifos galegos, como acontece con outro tipo de xacementos, son lenzos sobre os que se construíron crenzas, historias e relatos transmitidos oralmente de xeración en xeración. Son o soporte sobre o que pivota parte da identidade do pobo, ben como referentes históricos e míticos dun pasado impreciso e escuro, ben como espello no que se reflicte a personalidade do pobo a través, como dixemos,  dun proceso de construcción identitaria por alteridade e onde os mouros —habitantes e construtores destes espazos— xogan un papel principal.

dsc_0083

Esta paisaxe rupestre e insculturada pola man do home prehistórico foi co paso dos séculos reinterpretada simbolicamente dando lugar a unha rica e marabillosa literatura oral. A protección do noso patrimonio inmaterial non se entende se non vai parella á protección do patrimonio inmaterial e viceversa. Unha lenda, un rito, unha tradición sen a existencia da pedra, do monte, da fonte, do río ou do elemento natural ou material ao que vai asociada perdería todo o seu sentido e significación cultural dentro da comunidade social na que se produce. A perda do soporte tanxible —neste caso os petróglifos— ao abeiro do cal se desplega toda a nosa riqueza inmaterial supón a desaparición irreversible dese patrimonio inmaterial.

dsc_7304

Pero a arte rupestre non só atesoura un rico e valioso patrimonio inmaterial e constitúe unha valiosa mostra de construción cultural da paisaxe, senón que os petroglifos galegos convertéronse, porque así o quixemos como pobo, nun dos sinais de identidade galega máis senlleiros e poderosos cultural e iconograficamente falando. O repertorio de insculturas xeométricas e figurativas galegas —sen ningunha dúbida, dos máis representativos de Europa— son utilizados dende hai case un século como elemento identificativo dos galegos, empregados reiterativamente como anagramas de empresas, asociacións, partidos, institucións… como elementos decorativos, como amuletos, en tatuaxes, como forma de comunicar o que somos, restablecéndose, deste xeito, un novo nexo de unión entre ese pasado simbólico descoñecido e un presente que o dota de novos significados e usos. Hoxe en día, os galegos como hai 4.000 anos, seguimos emocionalmente conectados á nosa arte rupestre, ela represéntanos e ela fal de como fumos e de como somos. Velía o poder e o valor cultural da nosa arte rupestre.

dsc_2677

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

%d bloggers like this: