• BENVIDOS Ó BLOG DE RAFA QUINTÍA

  • SOBRE O AUTOR

  • © Fotografías blog: Rafa Quintía

  • A LINGUAXE DAS CAMPÁS. ETNOGRAFÍA DOS SINOS

  • MARIÑA: DE DEUSA A SANTA

  • MONTE DAS CROAS: ANTROPOLOXÍA DUN CASTRO

  • ANÁLISE ESTRUTURAL E SIMBÓLICA DO MITO DA MOURA

  • LA HISTORIA DE GALICIA EN 50 LUGARES

  • USO SIMBÓLICO DO CUARZO NA CULTURA GALEGA. Aspectos etnográficos e arqueolóxicos

  • PATRIMONIO INMATERIAL DE SAN MARTIÑO DE SALCEDO

  • ALICORNIO. O PODER DO CORNO DE UNICORNIO NA MEDICINA TRADICIONAL GALEGA

  • A NOSA SEÑORA DA LANZADA. Estudio antropológico de un santuario costero.

  • PARA CANTAR VEÑO EU! Unha viaxe pola cultura musical galega da man dos Chichisos

  • DE VELLO, GAITEIRO! Biografía do grupo de música tradicional Os Chichisos

  • DEUSES, MITOS E RITOS DO MONTE DO SEIXO. Unha proposta interpretativa en clave céltica.

  • Á SOMBRA DE BOUZA PANDA. Poemario de trincheira e maldizer

  • MADAMAS E GALÁNS. HISTORIA DO ENTROIDO DE COBRES

  • MUÍÑOS, A MEMORIA DA AUGA.

  • Documental “SETE CAMIÑOS. ENCRUCILLADA DO TEMPO”

  • Documental “COMUNEIROS. Cen anos de vida e loita polo monte de Salcedo”

  • Documental “Monte do Seixo. A Montaña Máxica”.

  • Curtametraxe documental “NOITE DE REIS COS CHICHISOS”

  • A PEDRA DO FUNDAMENTO

  • “FEITO NA CASA”

  • “FOL DE VELENO. Anuario de Antropoloxía e Historia de Galiza”. Nº6

  • “FOL DE VELENO. Anuario de Antropoloxía e Historia de Galiza”. Nº5

  • “FOL DE VELENO. Anuario de Antropoloxía e Historia de Galiza”. Nº4

  • “FOL DE VELENO. Anuario de Antropoloxía e Historia de Galiza”. Nº3

  • “FOL DE VELENO. Anuario de Antropoloxía e Historia de Galiza”. Nº2

  • “FOL DE VELENO. Revista de Etnografía e Historia de Galiza”. Nº1

  • ALBIÓN GALAICA

  • “GALICIA ENCANTADA: O país das mil e unha marabillas”

  • “OS MOUROS E AS MOURAS: MÁXICOS ENIGMÁTICOS DA MITOLOXÍA POPULAR”. Actas das V Xornadas de literartura de tradición oral.

  • POEMARIO DOS GAFOS. Obra colectiva.

  • CATÁLOGO-GUÍA do Espazo Natural e Arqueolóxico dos Sete Camiños

  • AS PONTES DE PONTEVEDRA. Libro da exposición do mesmo nome. (Obra colectiva)

  • ATAS DAS JORNADAS DA LITERATURA GALAICO-PORTUGUESA 2012-2014

  • ACTAS DAS II XORNADAS SOBRE O ENTROIDO DE GALIZA

  • ACTAS DAS I XORNADAS SOBRE O ENTROIDO DE GALIZA

  • ENTRADAS POR ORDE CRONOLÓXICA

  • CONTADOR

    • 117,303 hits
  • Follow Á Sombra de Bouza Panda on WordPress.com

DEFENDENDO A NOSA CULTURA E PATRIMONIO NO PARLAMENTO EUROPEO

img-20161207-wa0011Esta semana tiven a oportunidade de viaxar ao Parlamento Europeo convidado pola europarlamentaria galega Lidia Senra de AGEe para participar nas xornadas de debate e reivindicación “A situación da cultura galega”. Acudín a Bruxelas na miña calidade de presidente da Sociedade Antropolóxica Galega (SAGA) para falar da nosa cultura e do traballo que dende a SAGA levamos anos facendo a prol da súa investigación e divulgación. Acudín tamén como un dos promotores e portavoz da iniciativa “SOS Arte Rupestre Galega” para denunciar o lamentable estado de abandono que sofre o noso patrimonio cultural e, concretamente, a nosa arte rupestre e para transmitir a necesidade de que a Xunta de Galicia, como organismo competente, inicie xa o proceso para a declaración dos petróglifos galegos como Patrimonio da Humanidade. Acompañáronme nestas xornadas os compañeiros da SAGA Miguel Losada e Miguel Alonso e como colega na iniciativa SOS Arte Rupestre Galega contei co apoio do arqueólogo Xurxo Constela.

6

Foron dúas xornadas de intenso traballo no Parlamento Europeo, nas cales compartimos ponencias e debates con diferentes entidades do denominado sector cultural galego e con moitos compañeiros de diferentes colectivos socioculturais que constitúen o auténtico tecido asociativo de base dun país.

img-20161206-wa0031

A noite do martes 6 de decembro, tras a nosa chegada a Bruxelas, comezou este encontro cun acto de visibilización de diferentes eidos da artes que se fan no país. Poesía, música, danza e cine documental déronse cita en La Tentation, a Casa de Galicia de Bruxelas .

15384584_985733044865361_8488741574724574151_o

Na mañá do mércores 7 comezaron as xornadas de traballo. Tivemos a oportunidade de presentar as nosas demandas a representantes da Comisión Europea con competencias culturais, en concreto aos representantes da Comisión Europea Maciej Hoffman (Conselleiro Político na Unidade D1, Diversidade Cultural e Innovación, da DX Educación e Cultura. Responsable para o papel da cultura no desenvolvemento local e regional) e Nicola Robinson (Conselleira Política na Unidade D1, Diversidade Cultural e Innovación, da DX Educación e Cultura. Responsable para a diversidade das expresións culturais e o diálogo intercultura).

img_20161207_122414

img-20161208-wa0006

A primeira hora da tarde tiveron lugar as primeiras ponencias e mesas de traballo e debate que levaron por título “Comunidade e cultura na Galiza”. Foi neste marco onde presentei a ponencia O traballo da Sociedade Antropolóxica Galega (SAGA) dentro do tecido sociocultural galego e a iniciativa “SOS Arte Rupestre Galega” como exemplo de iniciativa popular a prol da nosa cultura e patrimonio. Falaron tamén  Esmeralda López Castro (Presidenta da Asociación Cultural Senunpeso, de Vedra) e Alexandra Cabana Outeiro  (Presidenta do centro social A Chave das Noces, de Castroverde).

1

A continuación celebramos a sesión de traballo “Creación e distribución cultural versus dereito da cidadanía ao acceso á cultura”, onde interviñeron como poñentes Ania González. (Avogada e crítica cultural), Carlos Ares (Presidente da Academia Galega do Audiovisual) e Manuel Antonio Alonso Iglesias (Xerente da asociación Músicos ao Vivo). A seguinte sesión do día foi “Experiencias culturais en diferentes nacións sen Estado de Europa como é Galiza”, coas palestras de Gotzon Barandiaran (Escritor vasco, activista cultural, membro da editorial SUSA e fundador de Dijitalidadea), dun escritor norirlandés e de Teresa Moure (Escritora e doutora en Lingüística).

15391477_985733108198688_8791650107778341485_o

A xornada rematou coa presentación e proxección do documental “Os días afogados” e o posterior debate cos seus directores, Luís Avilés e César Souto.

img_20161207_201443

O xoves 8 de mañá a xornada de traballo xirou en torno á “Produción cultural e lingua galega na Unión Europea”, coas intervencións de Roberto Pascual (Dramaturgo, profesor e director da Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia), María Yáñez (Profesional da comunicación dixital) e Henrique Alvarellos (Vicepresidente da Asociación Galega de Editoras).

img_20161207_172624

Durante estas xornadas tanto eu como os meus compañeiros da SAGA e de SOS Arte Rupestre Galega tivemos a oportunidade de debater sobre a importancia da conservación e divulgación da nosa cultura e do noso patrimonio. Denunciamos, entre outros moitos temas, a falta de apoios á investigación antropolóxica da cultura galega, a ausencia dun grado universitario de antropoloxía en Galicia, os procesos de aculturación que estamos a sufrir como pobo, a desvalorización do noso patrimonio oral, a destrución do noso patrimonio material e inmaterial. Reivindicamos o excepcional traballo das asociación e o potencial do tecido asociativo galego.

4

Fixemos especial fincapé no grave erro de confundir cultura con creación ou produto cultural. A cultura non a fan determinadas persoas, a cultura é unha sorte de discurso ideolóxico, de molde mental compartido por unha colectividade, a interface simbólica a través da que un pobo interpreta e se posiciona no seu mundo. Iso é a cultura. Identificar cultura con se tipo de creación penso que é ter unha visión sesgada e, se se me permite, elitista e burguesa do que é a cultura, ou mal chamada por algún “alta cultura”, en contraste coa tamén mal chamada cultura popular. Contrapor popular a cultura, como se fosen cousas diferentes tamén é un erro. A cultura dun pobo se algo é é popular e se non é popular non é cultura.

img_20161207_121107

Defendemos pois o noso dereito a existir como pobo, a manter a nosa fala e a nosa forma de estar no mundo, e defendemos tamén o dereito a coñecer a nosa historia e a nosa cultura, o dereito a preservar o noso patrimonio e tamén o dereito a ter a nosa creación artística.

7

A continuación transcribo o texto íntegro da ponencia que alí demos.

COMUNIDADE E CULTURA NA GALIZA

O traballo da Sociedade Antropolóxica Galega (SAGA) dentro do tecido sociocultural galego e a iniciativa “SOS Arte Rupestre Galega” como exemplo de iniciativa popular a prol da nosa cultura e patrimonio.

Por Rafael Quintía Pereira

 Galiza é unha terra enormemente rica en patrimonio cultural, sexa este material ou inmaterial. O legado arqueolóxico deixado por milleiros de anos de poboamento ten poucos paralelos en Europa en canto a número e densidade. Podemos falar sen temor a equivocarnos, e estimando á baixa, duns 7.000 megálitos rexistrados, duns 1.500 petróglifos, 5.000 castros, medio millar de fortalezas medievais ou máis de 400 mosteiros e conventos, entre outras mostras do noso patrimonio histórico-artístico. Como curiosidade podemos dicir que temos no Monte Tetón o petróglifo de círculos concéntricos máis grande de Europa, na Coruña o faro en funcionamento máis antigo do mundo (A Torre de Hércules), en Lugo a única muralla romana do mundo que se conserva enteira, temos unha das tres cidades santas da Cristiandade (Compostela), a ruta de peregrinación máis importante e antiga de Europa e na Ribeira Sacra a maior concentración de construcións relixiosas de estilo románico do vello continente. A este tesouro cultural habería que engadir miles de bens etnográficos (muíños, fontes, pontes, albarizas, cruceiros, petos de ánimas, foxos de lobo, batáns, levadas de rega…) que nin sequera están oficialmente inventariados.

A nivel natural as xoias son tamén innumerables, serras, complexos dunares, bosques milenarios, illas, 1.000 km de costa, ríos, etc, etc. Como exemplo a Serra da Capelada, onde se atopan uns dos cantís máis altos de Europa, o Teixedal de Casaio que é  un dos poucos bosques naturais de teixos existentes en Europa.

Pois se o patrimonio material e natural é inconmensurable en cantidade e en valor, o patrimonio inmaterial —moitas veces tecido sobre estes elementos da paisaxe natural ou cultural— é xa inabarcable. A potencia cultural deste país que foi o primeiro reino de Europa e no que se rexistran poboacións humanas dende o paleolítico medio requiriría de exércitos de antropólogos para poder documentalo, estudalo e pólo en valor.

Pois ben, toda esta riqueza cultural —auténtica cerna e piar da nosa identidade como pobo— está maioritariamente ou ben nun lamentable estado de abandono ou ben directamente sumido no maior dos esquecementos e desleixos, sufrindo constantemente atentados que acaban coa súa en numerosas ocasións coa súa destrución. No caso do patrimonio inmaterial —o máis significativo da nosa cultura como pobo— é aínda máis grave, pois a estas ameazas hai que engadir os procesos de globalización económica e a imparable aculturación.

A pasividade das administracións que teñen que velar pola conservación, investigación e posta en valor do noso patrimonio é alarmante. Pero fronte a este feito de pasividade e violación reiterada da propia normativa vixente, en Galiza agroma nos últimos anos un tecido asociativo e sociocultural en defensa do noso patrimonio (natural e cultural) que é un exemplo a nivel Europeo e un azo de esperanza para a conservación da nosa cultura como pobo.

Fronte a unha administración inoperante, a miúdo ausente e moitas veces actor activo na destrución do propio patrimonio galego, a sociedade organízase para salvar o legado herdado dos noso devanceiros. Centos de iniciativas, unhas a nivel local e outras de todo o país, loitan cada día para a posta en valor e divulgación da nosa cultura, historia e patrimonio e para manter viva a nosa cultura. Son moitos os exemplos que podemos pór, citarei só algúns deles como mostra dos diferentes eidos de acción colectiva:

Os compañeiros de Mariña Patrimonio aquí presentes, loitando dende a costa lucense pola catalogación e posta en valor do patrimonio arqueolóxico e pelexando contra a praga do eucalipto que non só destrúe ecosistemas naturais senón tamén miles de xacementos en todo o país. O Sorriso do Daniel, asociación creada para promover e defender o románico galego e estimular e apoiar a súa conservación. O Colectivo A Rula, dedicado loitando pola protección e divulgación da arte rupestre na contorna de Santiago. A Plataforma Queremos Galego para a defensa e afirmación dos usos públicos e dereitos lingüísticos do noso idioma. Ou na mesma fronte de defensa da lingua pero dende unha perspectiva reintegracionista a Associaçom galega da Lingua (AGAL). A Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA) que traballa en defensa do medio ambiente galego e global. O Instituto de Estudos Miñoranos (IEG) cun dilatado labor de divulgación e investigación do patrimonio natural, histórico, artístico, arquitectónico, etnográfico, lingüístico, etc dos tres concellos do Val Miñor. Ou a Sociedade Antropolóxica Galega (SAGA) a quen represento e da que vou falar máis polo miúdo a continuación.

Rematarei a intervención comentando a iniciativa SOS Arte Rupestre Galego como exemplo de iniciativa social a prol da defensa do noso patrimonio, neste caso, da arte rupestre galega.

Antes de abordar o traballo da SAGA cómpre, primeiramente, facer unha aclaración sobre cal é o noso obxecto de estudo e traballo: a CULTURA. Xeralmente, enténdese por cultura o xeito, máis ou menos formalizado, de pensar, de actuar e de sentir compartido por unha pluralidade de persoas, e que serve para constituír a esas persoas nunha colectividade particular e distinta. Debemos entender que a cultura é especialmente unha cuestión de ideas e de valores. Un molde mental colectivo, compartido por unha colectividade, cítese: normas, valores, ideas, estruturas cognitivas, crenzas, cosmogonías, teoloxías, etc. A cultura é un sistema simbólico posto que as ideas e os valores, a cosmoloxía, a moralidade e a estética exprésanse mediante símbolos.

A cultura non se herda bioloxicamente, senón intelectualmente. Non se leva non xenes. Cultura é, xa que logo, o comportamento conforme a determinados modelos que aprende cada individuo dende que nace e a medida que é educado (socializado e enculturando) para chegar a ser membro do grupo particular no que naceu ou ao que se uniu.

A cultura tamén está estreitamente ligada ó concepto de identidade. Dicía Chaney que a cultura é sempre ponte entre os individuos e a súa identidade. A IDENTIDADE realízase mediante a participación na cultura. Os conceptos de construción identitaria e cultura nacen xuntos di Zygmunt Bauman. Xa que logo, a IDENTIDADE CULTURAL é o conxunto de trazos que permiten a un grupo recoñecerse como propio e distinto aos demais, o cal produce un sentido de pertenza. E ese é o obxecto de estudo da SAGA, fundamentalmente os seguintes eidos ou trazos definitorios da nosa cultura e identidade:

    • O Mito estrutura as nosas crenzas e a nosa forma de ver o mundo. Explica o noso pasado e o noso mundo en base a un relato simbólico.

    • Os Ritos son mecanismos sociais e simbólicos para estar e transitar ese mundo cultural e social. Son mecanismos que axudan a cohesionar o grupo social e a reafirmar a súa identidade cultural.

    •  As Crenzas, coma os valores, son os fíos cos que se tece a nosa cultura.

    •  A Historia é o relato do noso pasado. A historia pode ser feita por nós ou pode ser xerada de xeito exóxeno á propia sociedade e cultura.

    • A Lingua é a ferramenta que utilizamos para culturizarnos, é o vehículo no que se transmiten os mitos, os ritos e as crenzas… en definitiva, a cultura.

    • O Patrimonio, como legado material da nosa cultura e historia

 img_20161207_104621

Sociedade Antropolóxica Galega (SAGA)

 QUEN SOMOS:

A Sociedade Antropolóxica Galega (SAGA) constitúese no ano 2011 como unha asociación cultural sen ánimo de lucro cuxos obxectivos son a investigación e a divulgación da etnografía, da prehistoria e da historia de Galicia, da súa cultura tradicional —tanto material como inmaterial— e de todos os aspectos enmarcados dentro do campo da antropoloxía social e cultural; así como a promoción de todas aquelas actividades, publicacións, traballos e accións que vaian en beneficio da conservación, divulgación e investigación do noso patrimonio cultural. Xa que logo, o noso traballo vertébrase en tres eixos fundamentais: a investigación, a divulgación e a posta en valor.

Para levar a cabo todo este labor, a sociedade conta coa colaboración dun amplo número de profesionais das distintas áreas que abrangue o proxecto. Ao abeiro da SAGA reúnense antropólogos, etnógrafos, arqueólogos, historiadores, filólogos, artistas plásticos, restauradores de arte, técnicos en audiovisuais, músicos e moitos outros colaboradores comprometidos coa nosa aventura cultural e social a prol do noso patrimonio cultural como pobo.

QUE FACEMOS:

Entre os proxectos de divulgación que ten en marcha a Sociedade Antropolóxica Galega cabe salientar o seu labor editorial: Publicación cuadrimestral do boletín informativo Caderno de Campo (10 números publicados), Publicación de Revista dixital de investigación,edición do anuario Fol de Veleno. Anuario de Antropoloxía e Historia de Galiza (5 números publicados), a publicación da colección Monografías da Sociedade Antropolóxica Galega, conformada por traballos de investigación monográficos sobre temática antropolóxica, arqueolóxica ou histórica. A día e hoxe levamos 5 libros publicados dentro desta colección.Publicación da colección Cadernos da Sociedade Antropolóxica Galega ou Publicación de libros: 4 libros publicados ata o 2016.

Tamén é de destacar a realización de documentais e doutros traballos audiovisuais no eido da divulgación do patrimonio material e inmaterial da cultura galega. Cítense a creación do Arquivo Audiovisual de Antropoloxía Galega (dispoñible na súa súa web) ou os seis documentais realizados.

Outro aspecto importante do traballo da SAGA é a organización de presentacións, xornadas e conferencias sobre os temas obxecto do noso labor, así como a participación e colaboración en diferentes congresos, conferencias e xornadas. A SAGA organiza cada ano en Pontevedra as Xornadas sobre o Entroido en Galiza así como as Xornadas de Antropoloxía. Durante dous anos organizou tamén as Xornadas sobre música tradicional.

Ten impartido conferencias en múltiples asociación culturais do país, así como en escolas, institutos ou en universidades como a Universidade Nova de Lisboa ou a Universidade do País Vasco. Ademais colaboramos na organización de diferentes xornadas e congresos.

A SAGA aportou parte dos seus fondos documentais para a exposición Le Monde à l´envers do MuCEM (Museo das civilizacións de Europa, en Marsella) e para o Binche Musee International du Carnaval et du Masque(Bélxica).

No eido da investigación temos en marcha proxectos de investigación antropolóxica sobre o patrimonio inmaterial galego, fundamentalmente nos campos da medicina tradicional, a mitoloxía, a relixiosidade galega e o mundo do Entroido. Asemade temos realizado viaxes de investigación a Portugal, Inglaterra, Gales e Marrocos.

Por último, cómpre lembrar o traballo da SAGA en diferentes programas de posta en valor do patrimonio galego, entre eles:

  • A posta en marcha e divulgación do proxecto para a creación do Espazo Natural e Arqueolóxico dos Sete Camiños.

  • O traballo antropolóxico no proxecto de arqueoloxía social do Castro de Mallou.

  • A participación, xunto coa Universidade de Vigo, no proxecto Alto Támega, accións na paisaxe patrimonial.

Máis información:

Web:http://www.antropoloxiagalega.org

Blog:https://sociedadeantropoloxicagalega.wordpress.com

infosaga@antropoloxiagalega.org

2

En canto á iniciativa “SOS ARTE RUPESTRE GALEGA”:  PLATAFORMA POLA DECLARACIÓN DE PATRIMONIO DA HUMANIDADE PARA OS PETRÓGLIFOS GALEGOS

O patrimonio arqueolóxico galego ten no conxunto de petróglifos prehistóricos ao aire libre –petróglifos— unha das manifestacións culturais máis importantes e representativas.

As insculturas son BIC (Bens de Interese Cultural) e, en consecuencia, gozan do máximo grado de protección. En teoría o marco normativo –Lei de Patrimonio Histórico Español de 1985, Lei 8/1995, do 30 de outubro, do patrimonio cultural, e Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia— debería ser suficiente para asegurar o seu coidado e preservación. Sen embargo a realidade que nos atopamos é que unha parte considerable dos nosos gravados rupestres corren un grave risco, non só de deterioro, senón de desaparición, diante do incumprimento da normativa por parte da Xunta e de moitos concellos. No tocante á Xunta nin tan sequera ten elaborado un inventario cunha carta de riscos, despreocupándose igualmente da divulgación deste patrimonio, labor que están a facer –con poucos medios e moita vontade- diversos colectivos de afeccionados Este abandono e desleixo pode privar non só ao pobo galego, senón a toda cidadanía en xeral do disfrute dunha das manifestacións artísticas máis valiosas polo seu valor intrínseco de patrimonio cultural da humanidade.

As pinturas e gravados prehistóricos da cornisa cantábrica e máis os da zona levantina gozan deste recoñecemento. O conxunto de gravados rupestres prehistóricos ao aire libre galego —con valor e entidade semellantes— atópase sen esa salvagarda, desprotexido.

A arte rupestre é a materia identitaria que mellor nos define. O repertorio de insculturas xeométricas e figurativas galegas é, sen ningunha dúbida, dos máis representativos de Europa. Esta manifestación cultural atesoura, ademais, un rico patrimonio inmaterial, de xeito que ao redor destes xacementos arqueolóxicos o pobo foi construíndo ao longo do tempo un discurso popular xenuíno que reflicte non só parte da súa cosmovisión senón tamén toda unha valiosa mostra de construción cultural da paisaxe.

Durante as últimas décadas moitas voces se alzaron para denunciar esta situación pero os resultados efectivos desta denuncia non logran callar nas esferas que teñen a potestade de solucionar a situación dunha das nosas formas de expresión cultural máis antigas e senlleiras.

Ante esta alarmante situación o historiador Buenaventura Aparicio Casado, o arqueólogo Antonio de la Peña Santos e o antropólogo Rafael Quintía Pereira deciden crear en setembro do 2016 a plataforma SOS Arte Rupestre Galega co obxectivo de denunciar o lamentable estado deste patrimonio cultural, reivindicar o seu estudo, conservación e posta en valor e motivar á Xunta de Galicia para inicie xa os trámites para que a arte rupestre galega acade a declaración de Patrimonio da Humanidade. Estas reivindicacións concrétanse nun MANIFESTO conxunto.

Para levar a cabo estes obxectivos a plataforma pretende aglutinar vontades de particulares, colectivos, administración e outras entidades que queiran traballar a prol da defensa e promoción do noso patrimonio cultural, neste caso da arte rupestre. E, sobre todo, traballa para obter os apoios necesarios para demandar que a Xunta de Galicia inicie xa os trámites para acadar a súa declaración como Patrimonio da Humanidade, a medida máis eficaz para garantir a súa supervivencia.

  • As accións levadas a cabo nestes meses foron as seguintes:

– 19 de setembro de 2016:  enviouse aos partidos con posibilidades de representación no parlamento galego o informe a prol da Arte Rupestre Galega. Estes partidos foron PP, PSOE, BNG, Mareas, CxG e Ciudadanos. A día de hoxe As Mareas (en voz de Juan Fajardo) amosaron o seu interese por reunirse con nós e coñecer a iniciativa e AGE convidounos ao Parlamento Europeo a expor o caso nas xornadas “A situación da cultura galega”. Estamos á espera de reunirnos con aqueles grupos políticos con representación no parlamento galego que teñan interese no estado da nosa arte rupestre e do noso patrimonio en xeral

6 de outubro de 2016: impuxemos unha queixa ante a Valedora do Pobo e remitímoslle o manifesto. Xa se cumpriron sobradamentre os 15 días que tiña de prazo a Consellería de Cultura para informar a esta entidade sobre os motivos que orixinaron a nosa queixa ante a Valedora do Pobo. Ante a falta de resposta a Valedora volveuse pór en contracto coa Xunta para demandar unha resposta.Ficamos á espera.

– 7 de outubro de 2016: o historiador Buenaventura Aparicio Casado, o arqueólogo Antonio de la Peña Santos e o antropólogo Rafael Quintía Pereira comparecen nunha rolda de prensa celebrada ás 12:30 horas na Casa da Luz (Pontevedra) para informar á opinión pública sobre a lamentable situación da arte rupestre galega e da solicitude cursada para que a Xunta inicie xa os trámites para que a arte rupestre galega acade a declaración de Patrimonio da Humanidade. Dase lectura ao manifestó SOS Arte Rupestre Galega.

– 7 de outubro de 2016: creamos en Facebook o a páxina SOS Arte Rupestre Galega como medio de comunicación das iniciativas da plataforma. https://www.facebook.com/SOS-Arte-Rupestre-Galega-877792378989242/

O mesmo día creamos o grupo SOS Arte Rupestre Galega como escaparate de denuncia colectivo para visibilizar o lamentable estado no que se atopan os petróglifos galegos. https://www.facebook.com/groups/1780333848873419/

19 de outubro de 2016 enviamos o informe sobre o estado da arte rupestre galega ao Servicio de Arqueología do Instituto del Patrimonio Cultural de España.

– O mesmo día 19 de outubro tamén llo mandamos á Subdirección General de Protección de Patrimonio Histórico do Ministerio de Cultura. Respecto ao Servicio de Arqueología do Instituto del Patrimonio Cultural de España e á Subdirección General de Protección de Patrimonio Histórico do Ministerio de Cultura, cos que contactamos o pasado 19 de outubro, estamos á espera dunha resposta.

– 25 de outubro de 2016: solicitiude de reunión co Consello da Cultura Galega.

4 de novembro de 2016: solicitamos unha reunión coa Subdirección Xeral de Conservación e Restauración de Bens Culturais da Xunta de Galicia pero aínda estamos á espera dunha resposta.

– 14 de novembro de 2016: reunión con Consello da Cultura Galega: neste encontro comprometéronse a facer un informe para a Consellería de Cultura, previa aprobación do plenario do Consello, así como a expor o tema nas reunión mensuais que fan entorno ao patrimonio galego. Aínda non sabemos se a o plenario do Concello aprobou a proposta de emitir un informe. Cando teñas novas ao respecto informaremos.

– 14 de novembro de 2016: Creación da iniciativa de recollida de sinaturas en change.org. Pola declaración de Patrimonio da Humanidade para a Arte Rupestre Galega, por favor asinade. A día de hoxe, e malia a difusión da campaña, tan só se recolleron 673 sinaturas.

– 14 de novembro de 2016: solicitamos unha entrevista co Conselleiro de Cultura e estamos á espera da súa resposta.

-24 de novembro de 2016: recibimos copia do escrito realizado pola Valedora do Pobo no que lle lembra á Xunta o seu deber de cumprir a lei e colaborar coa citada institución de defensa da cidadanía, xa que transcorridos os 15 días legalmente establecidos para dar unha resposta á queixa, este organismo —Xunta de Galicia— fixo caso omiso ás súas obrigas legais para con a Valedora do Pobo.

-Hoxe, 7 de decembro expuxemos as nosas demandas ante os representantes da Comisión Europea e damos copia do noso informe aos parlamentrarios aquí presentes e a todo aquel colectivo, empresa cultural ou particular que aquera apoiar esta iniciativa pola defensa do noso patrimonio. .

3

Advertisements

Unha resposta

  1. Caros, que práticas linguísticas tivestes os galegos em Bruxelas? Estou a me referir, no hemiciclo onde fizestes os trabalho e que aparece nas fotos, não privadamente, claro. Digo-o porque tendes tradutores nos ouvidos e com certeza trabalhastes com várias línguas, mas interessa-me a prática da delegação galega. Haverá algum vídeo do evento?

    Abraço grande

    ________________________________ De: Á Sombra de Bouza Panda Enviado: domingo, 11 de dezembro de 2016 19:04 Para: barbosa_gz@hotmail.com Assunto: [Artigo novo] DEFENDENDO A NOSA CULTURA E PATRIMONIO NO PARLAMENTO EUROPEO

    asombradebouzapanda posted: “Esta semana tiven a oportunidade de viaxar ao Parlamento Europeo convidado pola europarlamentaria galega Lidia Senra de AGEe para participar nas xornadas de debate e reivindicación “A situación da cultura galega”. Acudín a Bruxelas na miña calidade de pre”

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

%d bloggers like this: