Daily Archives: 28 Xaneiro 2017

O CABO PEREIRA

DOC090723-001

O cabo Pereira tiña 18 anos cumpridos cando unha guerra xenocida tronzou a súa vida.

O cabo Pereira soñaba con acariñar a nobre madeira e tallar filigranas fermosas como só un ebanista coma el sabía facer.

O cabo Pereira agardaba casar con aquela moza de Salcedo filla dun canteiro acordeonista.

O cabo Pereira cría na xustiza, na liberdade, na igualdade das xentes e nos dereitos dos homes e mulleres pero foi obrigado a loitar nun bando que non era o seu, porque así foron as cousas.

O cabo Pereira marchou para a guerra o mesmo día que enterrou á súa nai e recibiu en pago polo servizo á patria unha cicatriz de bala na fronte de Teruel, un pé de trincheira co que cargar toda a vida e unha xordeira permanente lembranza dun obús traizoeiro na batalla do  Ebro.

O cabo Pereira salvou a vida pero roubáronlle dez anos servindo a unha patria que non o merecía, unha patria que aquí, máis que nai, sempre é Saturno devorando os seu fillos.

O cabo Pereira tivo que marchar a América na procura dun futuro que un país escravo e devastado pola guerra, o odio e a senrazón non lle quixo dar.

O cabo Pereira volveu á súa terra cando morreu aquel fillo de puta con bigote que saía nas moedas coas que miña nai pagaba os cropáns que me mercaba na tenda de Teresa.

O cabo Pereira percorreu medio mundo, cruzou bastos mares, viu e viviu o mellor e o peor do xénero humano pero cando lle preguntabas onde quería ir el só añoraba poder subir ao alto do monte Castrobe e contemplar dende alí o infinito Océano Atlántico, o horizonte celeste onde morre o Sol e morarán as almas de todos nós.

O cabo Pereira chamábase José Pereira Piay pero os seus veciños chamábanlle Sr. Pepe porque era un home bo e honrado. Máis bo e honrado do que eu, o seu neto, chegarei a ser na miña vida. Hoxe, se estivese vivo, cumpriría 99 anos e eu nunca o levei ao alto do Castrobe.

A %d blogueros les gusta esto: