Monthly Archives: Novembro 2017

PUBLÍCASE “A LINGUAXE DAS CAMPÁS. ETNOGRAFÍA DOS SINOS”

portadas imaxe

O 15 de setembro do 2007 celebrábanse na parroquia pontevedresa de Tomeza as I Xonadas sobre Campás e Campaneiros. A partir dese ano, dende a asociación cultural Os Chichisos vimos traballando coa intención de dar a coñecer a ancestral linguaxe das campás e de pór o noso gran de area na difusión e conservación deste valioso xeito de comunicación —auténtico tesouro do noso patrimonio cultural— e do oficio de campaneiro, hoxe, por desgraza, en serio perigo de desaparición. Con estas xornadas, cuxa celebración varía de lugar de ano en ano, tamén tratamos de recoller a riqueza dos diferentes toques, así como as súas variacións locais entre unhas parroquias a outras.

16-09-2007

Agas contadas escepcións, como as obras de referencia  Campás e campaneiros  de Xerardo Dasairas (Ir Indo edicións. Vigo, 2004)  ou o de Celso García Alonso  As campás galegas. Fundicións (Deputación de Pontevedra Editorial. Pontevedra, 2012), sufrimos na nosa terra a ausencia de materiais divulgativos e investigacións en torno ao patrimonio dos sinos. Así que, movidos polo noso interese en preservar e dar a coñecer este legado cultural naceu a idea de escribir este libro que, ademais dos textos que contén, achega un interesante arquivo sonoro e visual, en forma de DVD, sobre os diferentes toques das campás e unha escolma de videos testemuñais destas xornadas. Os videos son de Rosa Lede e os audios de Xoán Gil, do colectivo desgraciadamente hoxe desaperceido Escoitar.org

O presente libro, froito destes anos de traballo, supón un breve achegamento ao mundo dos sinos, á súa orixe, tipoloxías, aos seus usos e funcións. Pero, ademais, contén os resultados da recollida de campo levada a cabo polos membros dos Chichisos neste últimos dez anos, destanacando neste eido da recollida o traballo da compañeira Rosalía Rodríguez e do compañeiro Xosé Feijoó. Xa que logo, este libro combina os resultados dun traballo de investigación bibliográfico levado a cabo polo que aquí escribe e de traballo de campo para ofrecer unha obra divulgativa e rigorosa a prol da valorización e coñecemento da linguaxe das campás e de todo o mundo inmaterial que envolve aos sinos na nosa cultura galega.

Agardamos que libros como este axuden a coñecer mellor o mundo dos sinos e a valorar a súa importancia dentro do tesouro do noso patrimonio cultural. Só coñecendo o seu valor e dignificando o uso das campás e o oficio de campaneiro poderemos facer algo para frear o triste esmorecer desta vella linguaxe sonora. De nós depende, pois, que os sinos sigan soando e a xente siga a entender a súa voz e o seu canto.

portada_campaneiros

Datos técnicos:
Autor: Rafael Quintía Pereira e Rosalía Rodríguez
Editorial: A.C. os Chichisos
Impresión: branco e negro
Tamaño: 23×16
150 páxinas
Ano: 2017
I.S.B.N. 978-84-947748-0-5

Conten DVD con audio e vídeo

PVP: 20 €

 

A %d blogueros les gusta esto: