Daily Archives: 2 Febreiro 2018

A ESTATUA DE BALIKLIGÖL E A FORZA HIPNÓTICA DA MÁSCARA DO VOLANTE

DSC_4312

Na miña humilde opinión e sen desmerecer a ningunha das marabillosa máscaras galega (un día falaremos delas), unha das máscaras máis potentes e impactantes do Entroido é a dos Volantes. O seu rostro hierático, apenas os mínimos trazos para representar unha face humana labrada a lume sobre capas de liño e vellas follas de xornal ou papel de estraza. A súa tona de verniz dourado feito a base de xema de ovo e a súa mirada baleira, case intimidatoria fan desta carauta unha das máscaras máis  hipnótica e fascinantes do noso rico e valioso Entroido.

Pero hai algo máis nesta careta que fai remexerse en nós algo por dentro, unha forza autenticamente atávica, unha enerxía nacida do máis fondo do subconsciente e que nos conecta con algo moi antigo, case numinosos diría eu. A mesma forza que posúen as primeiras representacións humanas daqueles ou daquelo que demos en chamar deuses.

DSC_5818

Por iso, non podo evitar cando vexo unha máscara de Volante lémbrame da Estatua Balıklıgöl, aparecida perto de Gobekli Tepe, o primeiro templo da humanidade, e considerada a estatua máis antiga coñecida, cunha datación de 13.500 anos de antigüidade.  Unha estatua, cuxo rostro apenas bosquexado, fálanos do camiño que percorremos dende o paleolítico ao neolítico, a face espida e impasible quizais dunha deidade, quizais dun espírito, dun morto ou dalgún deses seres estraños e fronteirizos entre o Alén e o Aquén, entre o humano e o animal, entre o home a muller e que, onte coma hoxe, fan acto de presenza en determinados momentos do ano para interactuar con nós, humildes mortais, nunha danza ou coreografía cuxos símbolos e intencións aínda non somos quen de desvelar na súa totalidade. Como tampouco somos quen de desvelar que se oculta tras a máscara do Volante, de onde nace a súa forza e que quere de nós.

Estatua Balıklıgöl.

A semana pasada tiven a sorte de poder gravar e fotografar todo o proceso de elaboración dunha destas máscaras grazas á xenerosidade dos queridos Juan Carlos González e Marisé Rey, sempre dispostos a dalo todo polo seu Entroido ribeirao de Santiago de Arriba e auténticos salvagardas desta súa e nosa festa. Quero agradecerlle a súa colaboración tamén a Iván, digno herdeiro da vocación e entrega do seu pai e da súa nai.

DSC_4315

Ao seu debido tempo publicaremos o vídeo, mentres tanto deixo aquí a secuencia fotografada de todo o proceso, esperando que sirva para divulgar, salientar e darlle o valor que se merece o enorme traballo de organizar un Entroido como este e á nobre e sagrada arte de facer que cada ano a vida volva a abrollar coa forza telúrica e celeste do Entroido.

11

1. Vanse superpoñendo capas de papel de xornal e liño pegadas con engrudo (auga e fariña). Tres capas de papel, unha de liño e dúas de papel.

12

13

2. Adáptase o papel ao molde (a forma) de madeira suxeitándoo con cordeis para que adopte a forma do molde. Póñense uns anacos de carozo ou rolla no lugar onde irán os ollos e boca, para que a carauta adopte a forma correcta.

14

15

3. Métese no forno durante 20-30 minutos

16

4. Sácase do forno, unha vez cocida e quítaselle a corda e os carozos

17

17.1

18

5. Despréndese a carauta da forma con axuda dun coitelo

20

21

21.1

19.1

6. Fánselle os buratos do nariz, ollos e boca cun ferro quente. Así como o burato para colocar a goma.

23

DSC_5805

7. Vernízase a máscara con xema de ovo

24

8. Cóselle o borde con cordel para darlle máis consistencia

25

9. Colócaselle a goma para suxeitala na cara

DSC_4445 - copia

10. úsese a máscara no Entroido ribeirao

Hai anos que colecciono máscaras. Sempre me sentín atraído pola forza deses rostros liminais. Teño máscaras de África, América, Asía e incluso de Europa. Agora, grazas a Juan Carlos e Marisé,  podo presumir tamén do grande privilexio de engrosar a miña colección coa fascinante máscara de Volante, aquela que nos mira á cara dende o fondo da tradición máis ancestral, tan antiga e fonda como a mirada daqueles primeiros deuses da Humanidade.

27

Advertisements
%d bloggers like this: