Daily Archives: 20 Marzo 2018

A PROHIBICIÓN DA SÁTIRA NO ENTROIDO COMO DELITO DE DESTRUCIÓN DO PATRIMONIO CULTURAL

ARTIGO PUBLICADO NO DIARIO DIXITAL “SERMOS GALIZA” O PASADO 17 DE MARZO DE 2018.

LIGAZÓN: 

http://www.sermosgaliza.gal/opinion/rafael-quintia-pereira/prohibicion-da-satira-entroido-delito-patrimonio/20180316175259067068.html

 

A PROHIBICIÓN DA SÁTIRA NO ENTROIDO COMO DELITO DE DESTRUCIÓN DO PATRIMONIO CULTURAL

Rafael Quintía Pereira (antropólogo)

Cada vez que chega o Entroido hai problemas co tema da sátira pero, ultimamente, estes ataques ás licenzas do Entroido estanse radicalizando e levando a xente, incluso, aos tribunais. O debate está na rúa, ou nos medios, que non sempre é o mesmo. Mais penso que se erra na formulación do problema. Aquí non estamos ante un problema de liberdade de expresión ou de opinión, estamos directamente ante un delito de atentado contra o patrimonio cultural. E refírome, por suposto, a aqueles particulares, colectivos e entidades que denuncian os ritos parodísticos e satíricos propios do Entroido.

O Entroido tradicional galego é algo moi serio. Unha festa ritual que marca o fin do ciclo da invernía e que, como festa antiga e complexa, ten moitos planos, moitas capas e unha rica simboloxía e ritualidade, ademais de cumprir unha serie de funcións sociais fundamentais para a renovación anual do ciclo natural e da vida social. Unha das compoñentes do Entroido, non a máis significativa pero si moi importante, é a da realización do que se denominan ritos parodísticos, é dicir, momentos e actuacións dedicadas á sátira, á mofa, á crítica e ao escarnio, á parodia ou ao teatro humorístico. Precisamente, o trazo máis significativo do que son os actuais carnavais urbanos.

Lembremos que, en contra do que vulgarmente se di, o Entroido non é o tempo do caos, nin do mundo ao revés, nin do todo vale, como se pode escoitar a miúdo ou incluso ler en folletos editados con cartos públicos e por administracións ás que se lle presupón un pouco de rigor informativo. O Entroido é un fenómeno cultura estritamante regrado, con moitas dinámicas perfectamente establecidas, cuns ritos e uns usos sociais claramente marcados. O que define o Entroido é que é un tempo especial, diferente do que acontece no resto do ano. Un tempo liminal, no temporal e no simbólico, xanela entre a invernía e a primavera onde poden acontecer cousas que non poden suceder noutro espazo temporal do ano. Un momento cunha normatividade diferente e na que se permiten cousas que noutras datas non serían consentidas e, incluso, serían consideradas disruptivas da orde social e moral establecida nunha comunidade. O momento no que os oficiantes do Entroido poden traspasar os límites da propiedade privada, da construción de xénero, da humanidade e da animalidade, das fronteiras da súa comunidade ou dos valores morais e éticos desa colectividade.

É neste contexto onde temos que entender o papel da crítica como mecanismo de catarse colectiva e de rito de renovación para que a vida -natural e social- poda continuar. Un rito que funciona como válvula de escape das tensións propias da vida en comunidade, un xeito satírico e parodístico de ritualizar as rivalidades, os enfrontamentos, as situacións de submisión e dependencia xerárquica que acontecen ao longo do ano nas sociedades humanas. A sátira, a crítica e a burla ao veciño, ás autoridades e aos poderosos, á Igrexa , á aldea do lado ou entre homes e mulleres ou novos e vellos foron e son un elemento fundamental do noso Entroido tradicional. Os teatrillos populares, as representacións dos “oficios”, as fuliadas, os sermóns do Pradicadores, os testamentos do galo ou do burro, as letras das murgas, os versos nos atranques dos Xenerais da Ulla, a confección de lardeiros e lardeiras para mofarse entre mozos e mozas, os mecos esperpénticos, os monecos con versos satíricos que se lle deixaban na aldea do veciño ou, hoxe en día, os pregóns e os cartaces anunciadores da festa son só algúns exemplos destes ritos parodísticos propios do Entroido.

Precisamente, esta é a clave: o contexto. A análise dun feito ou fenómeno sen ter en conta o seu contexto é un exercicio absurdo pois impide a comprensión do significado último dese fenómeno. Se eu me poño a torturar con lanzas e espadas publicamente unha becerra na praza do Obradoiro cometerei un delito de maltrato animal. Se o fago no contexto dunha tourada, guste ou non, nese caso non só non será un delito senón que estará incluso protexido pola lei como mostra do patrimonio cultural. Velaí a importancia do contexto. De aí que determinadas sátiras que noutro contexto podan ser obxecto de delito de ofensa, sexa iso o que sexa, teñan que ser necesariamente permitidas e especialmente protexidas no Entroido en aras da salvagarda do noso patrimonio cultural.

Denunciar que no Entroido exista a crítica ou que alguén se poda sentir ofendido por unha parodia é un sensentido tan obvio como se alguén intenta prohibir que na Semana Santa se saque un paso cun Ecce Homo alegando apoloxía da tortura ou da violencia. Algo tan absurdo e sacrílego como prohibir o consumo de viño no sacramento da Primeira Comuñón argumentando que incita ao alcoholismo aos cativos. Xa que logo, intentar coartar a normatividade especial que rexe no Entroido supón atentar directamente contra o noso patrimonio cultural como pobo, pois lembremos que o Entroido é patrimonio inmaterial e o patrimonio inmaterial está protexido legalmente, do mesmo xeito que o está o patrimonio material. Prohibir ou intentar prohibir a sátira no Entroido a través de ameazas, denuncias ou do mal uso da lei non só é un atentando contra o noso patrimonio senón que ademais é un delito tipificado que debería ser perseguido e penado.

Así que non estamos a falar de liberdade de expresión, falamos simplemente de cumprir a lei. De cumprir a Constitución Española cando di que entre os seus obxectivos está “garantir a protección dos pobos de España no exercicio da súa cultura e promover o seu progreso; facilitar a participación da cidadanía na vida cultural e o seu acceso; e nas obrigas dos poderes públicos está de garantir a conservación e promover o enriquecemento do seu patrimonio cultural”. Falamos de cumprir o Plan Nacional de Salvaguarda del Patrimonio Cultural Inmaterial que ten por obxecto, entre outros, afondar na importancia de valorizar o protagonismo das comunidades, grupos e individuos na promoción, transmisión, formación e difusión das manifestacións inmateriais da cultura. Trátase de que a Xunta de Galicia exerza as súas competencias exclusivas en materia de fomento da cultura e na defensa e promoción dos valores culturais do pobo galego, que o Estatuto de Autonomía de Galicia define nos seus artigos 27.19 e 32. Falamos, en definitiva, de que se cumpra a Lei 5/2016 de 4 de maio, do Patrimonio Cultural de Galicia que no seu artigo 1.2 di claramente que o “patrimonio cultural de Galicia está constituído polos bens mobles, inmobles ou manifestacións inmateriais que, polo seu valor artístico, histórico, arquitectónico, arqueolóxico, paleontolóxico, etnolóxico, antropolóxico, industrial, científico e técnico, documental ou bibliográfico, deban ser considerados como de interese para a permanencia, recoñecemento e identidade da cultura galega a través do tempo, e tamén por aqueles bens ou manifestacións inmateriais de interese para Galicia nos que concorra algún dos valores citados e que se atopen en Galicia, con independencia do lugar no que se crearan”. Unha lei que no seu artigo 9.3 di que se consideran bens do patrimonio cultural inmaterial, entre outros, os usos, representacións, expresións, coñecementos e técnicas que as comunidades, os grupos e, nalgúns casos, os individuos recoñezan como parte integrante do seu patrimonio cultural. Citándose, especialmente, as tradicións e expresións orais, os usos sociais, rituais, cerimonias e actos festivos e tamén a artes do espectáculo, as representacións, xogos e deportes. En definitiva, falamos da protección do Entroido como elemento fundamental do noso patrimonio cultural e da nosa identidade como pobo.

Polo tanto, con respectar e facer respectar as leis que protexen o noso patrimonio cultural acabaríase o problema. Así que dende aquí insto ás autoridades autonómicas en materia de patrimonio e ás forzas da orde pública con competencias na materia para que actúen contra estes atentados continuos ao noso patrimonio inmaterial, do mesmo xeito que actuarían se se destruíse a catedral de Santiago ou a Torre de Hércules, pois en ambos os caos -o Entroido e o patrimonio histórico- o que está en xogo e a salvagarda da nosa cultura. Basta xa de barbarie e que viva o Entroido!

A %d blogueros les gusta esto: