Daily Archives: 9 Xuño 2018

“ACHEGAS AO PATRIMONIO INMATERIAL GALEGO”

A Sociedade Antropolóxica Galega acaba de publicar un novo traballo que tiven o gusto de coordinar: “Achegas ao Patrimonio Inmaterial galego”. A presente obra conforma un libro coral que compendia nove traballos de diferente autoría, diversos en canto a temática, estilo e enfoque pero que comparten todos eles o denominador común de tratar temas do noso Patrimonio Inmaterial. Áreas de coñecemento que van dende a mitoloxía, ata a relixiosidade popular pasando polas festas tradicionais, as crenzas ou os ritos aínda vivos na cultura tradicional.

Este libro nace ao abeiro do curso “Mitoloxía, crenzas, rituais e manifestacións festivas da cultura tradicional galega. Un achegamento antropolóxico ao patrimonio inmaterial de Galicia“, curso de extensión universitaria que deseñei e inmpartín na UNED neste curso académico. Xa que logo o libro que contén unha escolma de traballos de investigación ao redor do Patrimonio Inmaterial galego feitos por un entusiasta grupo de alumnos e alumnas que aceptaron a miña proposta de facer unha investigación antropolóxica e despois reflectir os resultados nun traballo de divulgación.

Dende aquí transmito os meus parabéns a Sara Alonso Mallo, Lina Álvarez Iglesias, Carlos X. Ares Pérez, Víctor Caride Abalde, Ana Durán Penabad, Pilar López Vilas,  Lidia Mariño Ventoso, Natividad Rey Ordóñez e Cruz Vázquez Torres polo traballo feito e pola entrega neste proxecto.

portada api

Características técnicas:

Coordinador: Rafael Quintía Pereira
Autores/as: Sara Alonso Mallo, Lina Álvarez Iglesias, Carlos X. Ares Pérez, Víctor Caride Abalde, Ana Durán Penabad, Pilar López Vilas,  Lidia Mariño Ventoso, Natividad Rey Ordóñez e Cruz Vázquez Torres.
Editorial: Sociedade Antropolóxica Galega
Impresión: Branco e negro
Tamaño:23×16
202 páxinas
Ano: 2018
I.S.B.N.: 978- 84-948682-1-4
PVP: 15€

A %d blogueros les gusta esto: