Category Archives: 05. PLANETA IMAXE
UNHA XOIA NA ESPESURA
Sempre sentín debilidade polas ruínas, imaxino que por iso o meu pintor preferido é o alemán Friedrich, coas súas paisaxes románticas, as súas escuridades, tormentas e natureza salvaxe. Por desgraza para o noso patrimonio, os amantes deste tipo de xeografías dignas dun relato de Becquer temos en Galicia un paraíso.
Xa teño falado neste blog dalgúns deses lugares esquecidos de Deus, dos seus propietarios e das Administracións pero hoxe quero falarlles dun que me toca de perto, pois está na miña parroquia e incluso teño xogado de mozo entre os seus muros cubertos de brión e hedras.
Entre as árbores de monte de Matalobos, na parroquia de Salcedo (Pontevedra), agóchase xa comesto pola implacable vexetación as ruínas dun antigo pazo. Unha fermosa mostra de casa solariega galega da que hoxe tan so podemos apreciar unha mínima parte do seu pasado esplendor. Outra xoia da nosa arquitectura tradicional condenada ó esquecemento e á ruína máis absoluta. Requiescat in pace.
O TRONO DO TERROR
Hai obras de arte que calan, que non din nada; hai outras que falan, que contan historias, e hai algunhas obras que berran.
O “Trono de armas” do artista mozanbiqueño Cristóvão Canhavato é unha desas obras que berran e remexen a nosa conciencia. Unha obra poderosa e dura que non só fai pensar no que somos e no que podemos chegar a convertérmonos senón que tamén conta unha historia: unha historia de terror, de horror, de odio e de barbarie, unha historia de guerra e de ansias de poder. A historia, en definitiva, do ser humano e da súa escura e insondable alma.
Este inquedante trono —confeccionado con vellos kalashnikov AK47— foi feito en Maputo no ano 2001 por Cristóvão Canhavato coas armas decomisadas no 1992 tralo final da guerra civil que sufriu Mozambique entre os anos 1977 e 1992, no que cesaron os combates. Unha longa e cruel guerra que custou a vida a máis de 900.000 persoas, na que se usaron miles de nenos como soldados e se cometeron as maiores atrocidades que nos poidamos imaxinar, unha guerra na que se importaron 6 millóns de armas, moitas delas fabricadas en países occidentais e supostamente democráticos e defensores da liberdade e da razón pero que non tiveron reparos éticos e morais en participar nese lucrativo e xenocida tráfico de armas para alimenta-la sanguenta contenda civil mozambiqueña.
Dende o 1995 moitas destas armas foron reconvertidas en maquinaria agrícola, ferramentas e utensilio domésticos, demostrando unha vez máis a capacidade de superación e adaptación que teñen os pobos africanos. Moitos artistas locais botaron man das miles de armas confiscadas para face-las súas creacións escultóricas. Toda unha mostra de arte feita coas ferramentas da arte de matar, se é que se lle pode chamar arte ó feito de quitar unha vida. Un canto á esperanza, a reconciliación e a paz.
Desgraciadamente, coñecendo o mundo en que vivimos e o percal das bestas que o habitan, estou seguro de que no futuro haberá material de abondo para fabricar moitos máis tronos feitos con armas, malia que os que as fabrican e as venden pousen os seus capitalistas cus en cadeiras de coiro e paseen por moquetas de ministerios e parlamentos.
Quen queira coñecer estas esculturas con armas recicladas pode facelo no British Museum de Londres, onde se atopan actualmente expostas.
VIDEO DE AGRADECEMENTO Ó EQUIPO DA SAGA. TRAS UN ANO DE TRABALLO.
Un pequeno video de agradecemento a tódolos colaboradores da SAGA que neste ano de traballo conxunto demostráronno-la súa xenerosidade e o seu bo facer. Moitas grazas a todos e os meus mellores desexos para este novo ano que comeza!