Category Archives: 05. PLANETA IMAXE

EVOLUCIÓN

Seis millóns de anos de evolución condensados nunha foto.

© Rafael Quintía

RECICLAXE CASTREXA

Galicia é tan rica en restos arqueolóxicos que ata os muíños de man castrexos se utilizan para facer muros.

Foto tomada polo autor en Outeiro de Rei (Lugo)

INSPIRACIÓN NA NATUREZA?

A natureza é fonte de inspiración da creatividade humana dende a noite dos tempos. Moito se ten falado sobre o significado simbólico dos petroglifos galegos. Ata o día de hoxe non se atopou ningunha explicación concluínte, máis cómpre seguir no empeño. Quen pasee pola natureza con ollos curiosos descubrirá que ela, na súa infinita creatividade, xa deseñaba antes que nós os misteriosos glifos que agora admiramos.

Formación natural de líquen sobre a fachada da capela da Nosa Señora da Lanzada

Petróglifos na parroquia de San Martiño de Salcedo (Pontevedra)

Arañeira

Petroglífos no Monte Pornedo (Marín)

UNHA OLLADA SURREALISTA Ó CAMIÑO PORTUGUÉS DE SANTIAGO 2ª PARTE

O prometido é débeda. Así que velaí teñen a segunda entrega do post “Unha mirada surrealista ó camiño portugués de Santiago”. Se na primeira entrega (véxase o post: https://asombradebouzapanda.wordpress.com/2010/03/28/unha-ollada-surrealista-o-camino-portugues-de-santiago/) ilustraba o tramo de Valença do Minho a Pontevedra, nesta segunda parte retratarei os tramos dende Pontevedra ata Santiago de Compostela. Comecemos pois…

Non leves moita roupa, no camiño sobran sitios onde proverse.

Se tes dúbida sobre que levar, sigue as indicacións que atopes no teu camiñar.

No camiño tamén hai perigos. Estaté alerta.

Mantente afastado dos perigos da carne e da luxuria.


Ten coidado con algúns dos lugares por onde pasas.

E pase o que pase nunca pérda-lo control.

Non sucumbas á soidade. No camiño sempre atopas alguén con quen falar.

E fales o que fales no camiño enténdese todo o mundo.

No camiño hai que morrer primeiro para despois renacer.

Nunca te deixes vencer polo desánimo.

Bótalle un par e sigue camiñando.

Sinte a enerxía do camiño.


Goza coa arquitectura tradicional.


Da armonía e antigüidade das súas capelas.

A precia a fermosura dos seus cruceiros.

Coa natureza virxe das súas corredoiras.

E coa paz e o silencio do camiño.

Ás veces terás dúbidas de que camiño tomar.

Outras, as indicacións son tan só “aproximadas.

Se aínda así tes dúbidas, consulta en internet. O camiño avanza cos novos tempos.

Tóme-la dirección que tomes, tódolos camiños conducen a Compostela.

E cando ó final do camiño chegues fronte á catedral de Santiago, descubrirás que a partir de aquí a túa vida cambiará de rumbo. Ultreya!!

Tódalas fotografías son propiedade do autor do blog.

NOVOS TEMPOS PARA A PEDRA DOS NAMORADOS

Son moitas en Galicia as pedras ás que se lle atribúen propiedades favorecedoras da fertilidade. As xentes acudían ó abeiro destes penedos co ánimo de acada-lo ansiado embarazo, cura-los seus problemas de fecundidade ou calquera outra disfunción relacionada coa reproducción, pois dalgún sitio ven o dito de “pasar pola pedra”. Incluso hai pedras ás que se acode na procura de muller ou marido. Hainas famosas como o Berce da Santa, ó pe da ermida da Nosa Señora da Lanzada (Sanxenxo); a Cama da San Guillerme, en Fisterra ou a Pedra de abalar de Muxía, á que algúns investigadores lle atribúen a existencia de ritos desta índole na antigüidade. Outras son menos coñecidas como a Pedra Cadeira, en Cotobade; o Outeiro da Cama, no alto do Monte do Seixo (Terra de Montes) ou o miliario de Vilar de Enfesta.

Sen dúbida algunha unha das pedras asociadas á temas de fertilidade máis espectaculares do noso país é a Pedra dos Namorados, en Ponteareas. A súa monumentalidade e a súa feitura, que lembra á estructura dun xigantesco dolmen, fan deste refuxio natural un dos “megálitos” máis fermosos de cantos se atopan na nosa xeografía máxica.

Esta semana achegueime ó lugar co aquel de sacarlle unhas fotografías. Conta a tradición que as parellas de mozos acoden a esta Pena dos Namorados para saber cal será o seu futuro amoroso, aínda que posiblemente en tempos remotos se acudirá con algunha outra intención máis carnal. O rito a celebrar nesta pedra oracular consiste en pórse de costas á pena e lanzar tres pedriñas por riba do ombreiro coa intención de que queden no alto da pedra. Se quedan as tres pedriñas no alto da pena iso quere dicir que a parella casará nun ano, se quedan dúas o casamento terá lugar en dous anos, se soamente quedará unha aínda se adiaría máis tempo o casamento e se non fica ningunha pedriña no alto da pena entón a parella non ten futuro xuntos. Como adoita acontecer neste tipo de lugares —lembremos a fonte de Santo André de Teixido—imaxino que o mesmo método servirá para outro tipo de preguntas ou requirimentos, sobre todo aqueles relacionados coa fecundidade.

Hoxe en día as parellas seguen acudindo a este lugar, así o testemuñan os centos de pedriñas que se amorean no alto da pena, as vándalas pintadas que lixan a pedra e mostran o amor mutuo dos mozos e, como non, os numerosos papeis, botellas e latas esparexidas pola contorna.

Estaba alí, como dixen, sacando fotos cando me decatei que baixo a grande lousa que fai de cuberta da Pena dos Namorados destacaba un anaco de cartón.

Achegueime e cal sería a miña sorpresa ó descubrir que se trataba da caixa dun test de embarazo.

Como cambian os tempos pensei. A xente segue vindo ó lugar en busca da resposta da pedra, xa se sabe estas cousas son como as meigas que habelas haianas, pero por si acaso a tradición falla ou a pedra —e a puntería— non da a resposta querida non hai nada como botar man da ciencia. Así que xa saben, agora cando se vai á Pedra dos Namorados vaise con tres pedriñas nunha man e o predictor na outra. Non cambiamos, o galego éche así de prudente, unha vela a Deus e outra ó diaño…

Tódalas fotografías son propiedade do autor do blog.

A %d blogueros les gusta esto: