Monthly Archives: Xaneiro 2010

AS MONTAÑAS SAGRADAS


Galicia é unha terra xenerosa en montañas sagradas, en montes máxicos, en lugares onde se produce a comuñón entre o mundo físico e o mundo espiritual, entre o real e o irreal, entre o noso mundo e o Máis Alá. Son xeografías especiais que atesouran a nosa riqueza material e inmaterial, lugares dotados dun valor simbólico que os fai transcender do seu simple carácter paisaxístico.

Enrique Couceiro cita a Gow cando afirma que os vellos, ó relacionar detalles ou acontecementos con lugares particulares nas narrativas que transmiten ós parentes máis novos, permiten que a paisaxe involucre máis adiante tales relacións, e teñan un papel decisivo na creación de identidades, grazas a esa implicación mutua de parentesco e terras. Por iso, sinala a antropóloga Margaret Rodman, os lugares —e aínda máis as paisaxes— son multivocais coma os símbolos, no senso de que significan cousas diferentes para persoas diferentes ou en diferentes situacións. Di Enrique Couceiro que a paisaxe tradicional, fundamentalmente o montesío, era movida a atesourar e expresar plantexamentos sobre o ben e o mal, sobre a cosmoxénese, as xerarquías sociais, os valores, as virtudes e as debilidades prototípicas do home, e tamén é expresión dos arcaicos e decisivos cambios acontecidos no proceso histórico dende a perspectiva local. As xentes das aldeas da montaña lograron imaxinar —ou ver— dende a vivida experiencia do sensorial, da plena inmersión corporal participativa, o sorprendente releve multidimensional.

Estas tradicións orais referidas á paisaxe montesía non se limitan so ós prodixios e ás obras dos mouros e das mouras, senón que tamén transmiten relatos acerca de santos e santas cuxas capelas érguense no alto dos montes, converténdose en focos de ascensión e romaxe. Feito, este, que incide, ou engade, un matiz de sacralidade a estas elevacións orográficas, e así, os santos, compartirán a mesma localización na esfera do mistérico, o numinoso e o prodixioso que posúen os outros seres míticos da montaña, a mourería. Deste xeito, as narrativas tradicionais perfilan o monte como un espazo marcadamente distinto, poboado por mouros, santos, seres míticos e animais salvaxes, pero non polos humanos. Son narrativas que emprazan nas alturas o remoto pasado.

Posiblemente, o que vimos de dicir, estea relacionado co carácter sagrado que tiveron estas montañas no noso pasado. Lugares de difícil acceso, agrestes, duros, montañas castigadas polos ventos, as chuvias e as neves, que parecían orixinadas polas forzas que habitaban estes cumios. Lugares misteriosos que foron, e aínda son, chan sacro, morada dos antigos deuses.

Desgrazadamente, cada vez é menos a xente nova que coñece estas narracións asociadas á paisaxe, xa polo despoboamento dos núcleos rurais da montaña, xa pola perda da relevancia cultural das súas referencias e mensaxes, co que día a día a montaña vai perdendo o seu carácter de espazo máxico e mítico para converterse nun simple espazo forestal sen máis.

CORNOS, CAIROS, PEZUÑOS E OUTROS AMULETOS DE ORIXE ANIMAL


TÍTULO: Cornos, cairos, pezuños e outros amuletos de orixe animal.
AUTOR: Rafael Quintía Pereira.
Grupo de Estudos Etnográficos Serpe Bichoca.
Revista electrónica Galicia Encantada, ano 2010.
ISSN 1887-2859
__________
Resume:
Terceira entrega da serie da autoría deste especialistas sobre o uso, aplicacións e rituais asociados aos amuletos de orixe animal.
__________
Véxase texto completo na ligazón que se adxunta:

http://www.galiciaencantada.com/archivos/docs/1662_QUINTÍA_Cornos_cairos…_outros_%20amuletos_orixe_%20animal.pdf