Monthly Archives: Marzo 2018

RITOS PROTECTORES DA SEMANA SANTA NA CULTURA GALEGA

Como acontece coas festas importantes do ciclo do ano, a Semana Santa tamén está impregnada de vellas ritualidades protectoras, favorecedoras e esconxuradoras nas que se mestura a tradición cristiá con crenzas precristiás, e onde o valor simbólico das augas e de determinadas plantas cobra especial protagonismo.

Son ritos valedores, mecanismos culturais protectores propios e necesarios en toda sociedade agraria na que a subsistencia da xente dependía de moitos factores non controlables pola man humana, como podían ser o tempo meteorolóxico, a fertilidade dos campos e do gando, as enfermidades ou as pragas que podían estragar as colleitas das que dependía a economía doméstica desta terra ata ben entrado o pasado século XX.

A Semana Santa é unha das festas máis importantes do calendario cristián e nela conmemóranse tres feitos fundamentais da vida de Xesús Cristo: a súa entrada en Xerusalén, a súa morte na cruz e a súa resurrección.

A data de celebración da Semana Santa depende do calendario lunar, porque non ten unha data prefixada no calendario senón que cada ano pode mudar, aínda que sempre cae na primavera, nunca antes do 22 de marzo e nunca despois do 25 de abril. Deste xeito fíxase a Pascua de Resurrección no domingo inmediatamente posterior á primeira Lúa chea tralo equinoccio de marzo e débese calcular empregando a Lúa chea astronómica.

O ciclo da Semana Santa abrangue as datas comprendidas entre o Domingo de Ramos e o Domingo de Pascua, sendo as festividades deste ciclo as seguintes:

Domingo de Ramos

Luns Santo

Martes Santo

Mércores Santo

Xoves Santo

Venres Santo

Sábado de Gloria

Domingo de Resurrección (Domingo de Pascua)

Luns de Pascua.

Deste ciclo hai tres datas de maior importancia e que son as que constitúen o denominado Triduo pascual. Estas datas son: Xoves Santo —que conmemora a Última Cea—  e Venres Santo, nas que se conmemora a morte de Cristo; Sábado Santo, na que se conmemora a Cristo no sepulcro, e Domingo de Pascua, no que se conmemora a Resurrección.

No Domingo de Ramos conmemórase a entrada triunfal de Xesús en Xerusalén e dá comezo á Semana Santa que remata o Domingo de Resurrección. Durante todo este tempo a figura de Cristo permanecía tapada na igrexa ata o domingo que resucitaba.

Durante este período da Semana Santa, na cultura galega, realízanse tres ritos fundamentais relacionados coa protección e que teñen a súa expresión na práctica profiláctica das candeas de Xoves Santo, do ramo do Domingo de Ramos e da auga bieita do Sábado de Gloria.

 

Velas do Xoves Santo:

A vela do Xoves Santo é unha vela que se acende na igrexa o día de Xoves Santo e que despois, unha vez bendicida,  se leva para casa o Sábado de Gloria para ser gardada como un amuleto valedor contra as tormentas. Colócase acesa na fiestra cando ameaza trono. Estas velas antigamente gardábanse tamén para iluminar o viático.

OLYMPUS DIGITAL CAMERA

Ramo do Domingo de Ramos:

O Ramo do Domingo de Ramos pode estar composto polas seguintes plantas, variando a súa composición segundo os lugares: loureiro, oliveira, mirra, ruda, romeu, malva rosa, freixo e acivro. Este ramo, no que sempre está presente polo menos a oliveira e o loureiro, bendícese na misa parroquial do Domingo de Ramos e gárdase como un poderoso amuleto para empregar con fins protectores. O ramo do Domingo de Ramos úsase para queimar nos días de tormenta e así ficar protexido. Coa oliveira deste ramo bendícese a extrema unción. O loureiro queimábase, con fin protectores cando había tormenta. Cunha poliña do ramo do Domingo de Ramos mollada en auga bendita do Sábado Santo bendícese nesas datas a casa para deixala protexida de todo mal. Segundo o etnógrafo Antonio Fraguas , os días seguintes á Pascua de Resurrección as xentes percorrían as fincas facendo nelas asperxes con auga bendita e un ramalliño de oliveira do Domingo de Ramos. Ao mesmo tempo que esparexen a auga en todas direccións din:

 Sapos e ratos,

bruxas e meigas,

fóra das miñas veigas

Tamén se usaba nalgúns lugares de Galicia para facer o Maio. En zonas como Mesía con este ramo fanse pequenas cruces o día da Santa Cruz —en maio— póñense espetadas na terra nas fincas para protexer as colleitas.

CRUZ

Tamén é habitual plantar no medio das leiras a traballar o ramo de loureiro que polo Domingo de Ramos se leva á igrexa a bendicir, xa que este loureiro de Domingo de Ramos ten propiedades especiais pois esconxura a tormenta e outorga fertilidade e protección á terra.

Igual que acontece co loureiro do ramo do Domingo de ramos, a oliveira que forma parte deste ramo, do que se fai o Luns de Pascua ou a oliveira benta do día San Pedro Mártir ten propiedades extraordinarias.

OLIVEIRA

O ramo do Domingo de Ramos gárdase tamén baixo o colchón  ou colgábase nas adegas para consérvalo e úsalo cando fose necesario. Ademais de contra as tormentas, o ramo do Domingo de Ramos protexen contra as enfermidades,  o mal de ollo e os malos espíritos.

RAMOS

 

Ramo de San Cibrán:

No santuario de San Cibrán de Tomeza (Pontevedra) bendicen o Luns de Pascua os chamados Ramos de San Cibrán. Estes ramos están compostos por herba Luísa, ruda, romeu, malva rosa, oliveira e loureiro. O ramo de San Cibrán, unha vez bendicido na misa, lévase para casa para protexer contra o mal de ollo e o meigallo. Segundo a información que puiden recoller nesta parroquia, o ramo ten que ter sempre ruda e oliveira, senón non quita o mal de ollo nin serve contra o meigallo. Cólgase na porta da casa para que non entren as bruxas. Se había tormenta queimábase a oliveira do ramo.

SAN CIBRAN

 

Palma da Pascua:

A palma bendicida do Domingo de Ramos gárdase en casa como amuleto protector. Esta palma ou a póla de oliveira bendita era colocada no balcón da casa como amuleto de protección ao igual que se facía con outros ramos con virtudes protectoras contra as enfermidades, tormentas e malos espíritos. Na Idade Media utilizábanse as palmas como amuleto contra as tormentas e a sarabia, xa que pensaban que os mártires que as levaban e que estaban no ceo retirarían as nubes que traían a tormenta.

palma

 

Auga bieita do Sábado de Gloria:    

No Sábado de Gloria vaise á igrexa a coller auga bendita que se leva para a casa para bendicila. A auga bendita do día de Sábado Santo é especialmente poderosa para arremedar o demo e para curar o aire, o mal de ollo e outras doenzas do corpo e do espírito. Así o recolle o seguinte ensalmo:

Mal de ollo vaite de aquí

Que a auga do Sábado Santo

Vai detrás de ti.

Esta auga sacra emprégase para bendicir a casa, o leito, os campos, os froitos e os animais domésticos. Nalgunhas zonas do país púñanse no cumio do tellado da casa botellas con auga bendita do Sábado Santo. Estas botellas apotropaicas protexen a casa da acción maligna do raio.

 auga

 

Xa que logo, chegado este tempo de xaxún, abstinencia e recollemento para os cristiáns, sexan vostedes practicantes (ou crentes) ou non, vendo como están as cousas e a tormenta que se aveciña, nunca está de máis coñecer algún vello rito protector por se algún día hai que botar man deles.

 

Texto de Rafael Quintía Pereira.

 

 

A PROHIBICIÓN DA SÁTIRA NO ENTROIDO COMO DELITO DE DESTRUCIÓN DO PATRIMONIO CULTURAL

ARTIGO PUBLICADO NO DIARIO DIXITAL “SERMOS GALIZA” O PASADO 17 DE MARZO DE 2018.

LIGAZÓN: 

http://www.sermosgaliza.gal/opinion/rafael-quintia-pereira/prohibicion-da-satira-entroido-delito-patrimonio/20180316175259067068.html

 

A PROHIBICIÓN DA SÁTIRA NO ENTROIDO COMO DELITO DE DESTRUCIÓN DO PATRIMONIO CULTURAL

Rafael Quintía Pereira (antropólogo)

Cada vez que chega o Entroido hai problemas co tema da sátira pero, ultimamente, estes ataques ás licenzas do Entroido estanse radicalizando e levando a xente, incluso, aos tribunais. O debate está na rúa, ou nos medios, que non sempre é o mesmo. Mais penso que se erra na formulación do problema. Aquí non estamos ante un problema de liberdade de expresión ou de opinión, estamos directamente ante un delito de atentado contra o patrimonio cultural. E refírome, por suposto, a aqueles particulares, colectivos e entidades que denuncian os ritos parodísticos e satíricos propios do Entroido.

O Entroido tradicional galego é algo moi serio. Unha festa ritual que marca o fin do ciclo da invernía e que, como festa antiga e complexa, ten moitos planos, moitas capas e unha rica simboloxía e ritualidade, ademais de cumprir unha serie de funcións sociais fundamentais para a renovación anual do ciclo natural e da vida social. Unha das compoñentes do Entroido, non a máis significativa pero si moi importante, é a da realización do que se denominan ritos parodísticos, é dicir, momentos e actuacións dedicadas á sátira, á mofa, á crítica e ao escarnio, á parodia ou ao teatro humorístico. Precisamente, o trazo máis significativo do que son os actuais carnavais urbanos.

Lembremos que, en contra do que vulgarmente se di, o Entroido non é o tempo do caos, nin do mundo ao revés, nin do todo vale, como se pode escoitar a miúdo ou incluso ler en folletos editados con cartos públicos e por administracións ás que se lle presupón un pouco de rigor informativo. O Entroido é un fenómeno cultura estritamante regrado, con moitas dinámicas perfectamente establecidas, cuns ritos e uns usos sociais claramente marcados. O que define o Entroido é que é un tempo especial, diferente do que acontece no resto do ano. Un tempo liminal, no temporal e no simbólico, xanela entre a invernía e a primavera onde poden acontecer cousas que non poden suceder noutro espazo temporal do ano. Un momento cunha normatividade diferente e na que se permiten cousas que noutras datas non serían consentidas e, incluso, serían consideradas disruptivas da orde social e moral establecida nunha comunidade. O momento no que os oficiantes do Entroido poden traspasar os límites da propiedade privada, da construción de xénero, da humanidade e da animalidade, das fronteiras da súa comunidade ou dos valores morais e éticos desa colectividade.

É neste contexto onde temos que entender o papel da crítica como mecanismo de catarse colectiva e de rito de renovación para que a vida -natural e social- poda continuar. Un rito que funciona como válvula de escape das tensións propias da vida en comunidade, un xeito satírico e parodístico de ritualizar as rivalidades, os enfrontamentos, as situacións de submisión e dependencia xerárquica que acontecen ao longo do ano nas sociedades humanas. A sátira, a crítica e a burla ao veciño, ás autoridades e aos poderosos, á Igrexa , á aldea do lado ou entre homes e mulleres ou novos e vellos foron e son un elemento fundamental do noso Entroido tradicional. Os teatrillos populares, as representacións dos “oficios”, as fuliadas, os sermóns do Pradicadores, os testamentos do galo ou do burro, as letras das murgas, os versos nos atranques dos Xenerais da Ulla, a confección de lardeiros e lardeiras para mofarse entre mozos e mozas, os mecos esperpénticos, os monecos con versos satíricos que se lle deixaban na aldea do veciño ou, hoxe en día, os pregóns e os cartaces anunciadores da festa son só algúns exemplos destes ritos parodísticos propios do Entroido.

Precisamente, esta é a clave: o contexto. A análise dun feito ou fenómeno sen ter en conta o seu contexto é un exercicio absurdo pois impide a comprensión do significado último dese fenómeno. Se eu me poño a torturar con lanzas e espadas publicamente unha becerra na praza do Obradoiro cometerei un delito de maltrato animal. Se o fago no contexto dunha tourada, guste ou non, nese caso non só non será un delito senón que estará incluso protexido pola lei como mostra do patrimonio cultural. Velaí a importancia do contexto. De aí que determinadas sátiras que noutro contexto podan ser obxecto de delito de ofensa, sexa iso o que sexa, teñan que ser necesariamente permitidas e especialmente protexidas no Entroido en aras da salvagarda do noso patrimonio cultural.

Denunciar que no Entroido exista a crítica ou que alguén se poda sentir ofendido por unha parodia é un sensentido tan obvio como se alguén intenta prohibir que na Semana Santa se saque un paso cun Ecce Homo alegando apoloxía da tortura ou da violencia. Algo tan absurdo e sacrílego como prohibir o consumo de viño no sacramento da Primeira Comuñón argumentando que incita ao alcoholismo aos cativos. Xa que logo, intentar coartar a normatividade especial que rexe no Entroido supón atentar directamente contra o noso patrimonio cultural como pobo, pois lembremos que o Entroido é patrimonio inmaterial e o patrimonio inmaterial está protexido legalmente, do mesmo xeito que o está o patrimonio material. Prohibir ou intentar prohibir a sátira no Entroido a través de ameazas, denuncias ou do mal uso da lei non só é un atentando contra o noso patrimonio senón que ademais é un delito tipificado que debería ser perseguido e penado.

Así que non estamos a falar de liberdade de expresión, falamos simplemente de cumprir a lei. De cumprir a Constitución Española cando di que entre os seus obxectivos está “garantir a protección dos pobos de España no exercicio da súa cultura e promover o seu progreso; facilitar a participación da cidadanía na vida cultural e o seu acceso; e nas obrigas dos poderes públicos está de garantir a conservación e promover o enriquecemento do seu patrimonio cultural”. Falamos de cumprir o Plan Nacional de Salvaguarda del Patrimonio Cultural Inmaterial que ten por obxecto, entre outros, afondar na importancia de valorizar o protagonismo das comunidades, grupos e individuos na promoción, transmisión, formación e difusión das manifestacións inmateriais da cultura. Trátase de que a Xunta de Galicia exerza as súas competencias exclusivas en materia de fomento da cultura e na defensa e promoción dos valores culturais do pobo galego, que o Estatuto de Autonomía de Galicia define nos seus artigos 27.19 e 32. Falamos, en definitiva, de que se cumpra a Lei 5/2016 de 4 de maio, do Patrimonio Cultural de Galicia que no seu artigo 1.2 di claramente que o “patrimonio cultural de Galicia está constituído polos bens mobles, inmobles ou manifestacións inmateriais que, polo seu valor artístico, histórico, arquitectónico, arqueolóxico, paleontolóxico, etnolóxico, antropolóxico, industrial, científico e técnico, documental ou bibliográfico, deban ser considerados como de interese para a permanencia, recoñecemento e identidade da cultura galega a través do tempo, e tamén por aqueles bens ou manifestacións inmateriais de interese para Galicia nos que concorra algún dos valores citados e que se atopen en Galicia, con independencia do lugar no que se crearan”. Unha lei que no seu artigo 9.3 di que se consideran bens do patrimonio cultural inmaterial, entre outros, os usos, representacións, expresións, coñecementos e técnicas que as comunidades, os grupos e, nalgúns casos, os individuos recoñezan como parte integrante do seu patrimonio cultural. Citándose, especialmente, as tradicións e expresións orais, os usos sociais, rituais, cerimonias e actos festivos e tamén a artes do espectáculo, as representacións, xogos e deportes. En definitiva, falamos da protección do Entroido como elemento fundamental do noso patrimonio cultural e da nosa identidade como pobo.

Polo tanto, con respectar e facer respectar as leis que protexen o noso patrimonio cultural acabaríase o problema. Así que dende aquí insto ás autoridades autonómicas en materia de patrimonio e ás forzas da orde pública con competencias na materia para que actúen contra estes atentados continuos ao noso patrimonio inmaterial, do mesmo xeito que actuarían se se destruíse a catedral de Santiago ou a Torre de Hércules, pois en ambos os caos -o Entroido e o patrimonio histórico- o que está en xogo e a salvagarda da nosa cultura. Basta xa de barbarie e que viva o Entroido!

O DOCUMENTAL “LUPA. NA PROCURA DO MITO DA RAÍÑA LOBA” NA PRENSA

Nun Teatro Principal de Pontevedra ateigado de xente, tivemos o pracer o pasado venres 16 de marzo de estrear o noso documental “Lupa, na procura do mito da raíña Loba”.  O noso agradecemento a todo o público asistente e todas aquelas persoas, entidades e empresas que apoiaron este proxecto.

A prensa fíxose amplo eco da estrea do documental.

Diario de Pontevedra Lupa

escanear0001

LUPA PRENSA DIARIO

 

ESTREA DO DOCUMENTAL “LUPA. NA PROCURA DO MITO DA RAÍÑA LOBA”

O vindeiro venres 16 de marzo ás 21h estrearemos no Teatro Principal de Pontevedra o noso documental “Lupa. Na procura do mito da Raíña Loba”. Un audiovisual de AB ORIGINE con dirección e guión de Rafael Quintía, narración e presentación de Rodrigo Cota e realización e montaxe de Miguel Alonso. Neste novo traballo percorremos a xeografía galega na procura da pegada da Raíña Lupa, dende os relatos contidos no Codex Calixtinus ata as lendas de tradición oral que aínda permanecen vivas en moitos recunchos do país. Unha aventura que nos gustaría compartir con todos vós.

Estrea-Lupa-2018-Pontevedra

Trailer