Monthly Archives: Abril 2020

PREMIO DE INVESTIGACIÓN “XERMADE NA HISTORIA”

Veño de recibir a notificación de que fun galardoado co primeiro premio do Premio de Investigación “Xermade na Historia”.  O xurado tivo a ben considerar que o meu traballo “A ABOREADA DAS MÁZCARAS. Estudo histórico e antropolóxico dos Entroidos tradicionais de Xermade” era merecedor de tal premio, o cal agradezo enormente aos membros e ás membros do xurado.

Nestes tempos difíciles que estamos a vivir, unha alegría deste tipo agradécese máis ca nunca e dá un pouco de normalidade ás nosas vidas.  Así que non podo estar máis contento e agrdecido. Primeiro polo galardón en si, e despois pola relación afectiva que teño dende hai anos coas boas xentes de Xermade, onde atopei un pobo xeneroso, hospitalario e cariñosos que fan que, para min, Xermade, sexa coma unha segunda casa, onde como aínda mellor ca na miña,  todo sexa dito. Así que síntome especialmente feliz e honrado por recibir este premio.

Quero agradecer á organización do premio por manter vivas inciativas coma esta,  tan importantes e necesarias para o fomento da investigación histórica e antropolóxica da nosa terra, e anímoos a seguir traballando así de ben.

Agradezo por último, pero non por iso con menos intensidade e débede, a todos os veciños e as veciñas que me axudaron e tiveron a ben facerme depositario dos seus saberes nestes últimos seis anos de traballo de campo. Moitas grazas.