Monthly Archives: Xullo 2017

PREMIO DE INVESTIGACIÓN FERRO COUSELO 2017. DAQUELES ALICORNIOS ESTE PREMIO

IMG-20170730-WA0002

No ano 2005 comecei unha investigación que durante oito anos me levou a buscar por todo o país un amuleto sandador coñecido como alicornio, o famoso corno de unicornio. Aquela investigación plasmouse nunha monografía publicada no ano 2013 que levaba por título “Alicornio. O poder do corno de unicornio na medicina tradicional galega”. Froito daquel traballo foise abrindo ante min un marabilloso mundo de ritos curativos e protectores, de obxectos curativos, de plantas milagreiras, pedras talismánicas e outros moitos amuletos e obxectos de poder. O meu interese polo mundo da etnomedicina galega e das crezas máxico relixiosas levoume tamén a estudar diversos santuarios da nosa xeografía, múltiples lugares ancestrais asociados á sanación e tamén o noso santoral policlínico e a diversa e polisémica ritualidade asociada á protección e á curación na nosa cultura tradicional.

miniatura portada alicornio - copia

Algúns resultados desa investigación foron vendo a luz en forma de libros e de artigos. No libro “A Nosa Señora da Lanzada. Antropología de un santuario costero” (2011) afondaba sobre as ritualidades protectoras, favorecedora e sanadadoras vecenlladas a este coñecido santuario galego. No recente “Mariña: de deusa a santa” (2017) volvía achegarme a moitos santuarios galegos e ás súas fontes curativas e ritos esconxuradores, neste caso baixo a advocación de Santa Mariña.

Na monografía “Uso simbólico do cuarzo na cultura galega. Aspectos etnográficos e arqueolóxicos” (2015) mergullábame no estudo do mineral máis poderoso da nosa cultura: o seixo.

No meu libro “Patrinonio Inmaterial de San Martiño de Salcedo. Lendas, historias e crenzas” (2014) falaba longamente de remedios curativos e protectores recollidos, neste caso, na parroquia pontevedresa de San Martiño de Salcedo. Nesta mesma liña, colaboraría coa xornalista Ana Lois no seu documental “Terra das marabillas”, sobre o mundo da ritualidades na parroquia de Salcedo. Froito desta colaboración, organicei e comisariei a exposición “Terra das marabillas”, realizada no ano 2015 no Centro de Interpretación das Torres Arcebispais de Pontevedra (CITA) e na que se amosaban obxectos curativos, talismáns, ritos e demais elementos relacionados coa saúde e a protección nesta parroquia.

1622756_691043224337566_5369788516012619894_n (1)

Tamén na exposición “As pontes de Pontevedra” (2013), organizada polo concello de Pontevedra, acheguei os textos sobre o carácter simbólico das pontes e da súa vinculación aos ritos protectores e curativos.

Por último, en numerosos artigos escritos ao longo deste anos fun dando conta das miñas investigación sobre diversos aspectos da nosa ritualística protectora e curativa. Cítense:

-Na terra dos Imazighen. Crónica dunha viaxe de investigación ao Atlas e ao Sahara.  Fol de Veleno. Anuario de Antropoloxía e Historia de Galiza, Nº6, ano 2016

-Geografias Míticas da Galiza e Espaços Hierofânicos. Mitos, Rito e Crença. Atas das Jornadas das Letras Galego-Portuguesas. Anos 2012-2014. Ano 2015

-Remedios tradicionais contra a “cicloxénese”. Diario de Pontevedra. Suplemento Revista. Ano 2014.

-San Brais, avogoso dos males da gorxa. Suplemento Revista. Diario de Pontevedra. 2/febreiro/2014

-A xoia como obxecto protector. Revista ALENTO Nº4. Ano 2013.

-O mundo das ánimas, os defuntos e a Noite de Defuntos na tradición galega. Boletín de AEDAR Nº14. Nov. 2013. Publicación da Asociación de Profesionales de la narración Oral de España.

As xoias que nos fixeron humanos. Revista ALENTO Nº3. Ano 2013.

-Remedios tradicionais para curar as espullas. Fol de Veleno. Anuario de Antropoloxía e Historia de Galiza, Nº2, ano 2012

-O Cristo da Boa Viaxe e os Lares Viais. Diario de Pontevedra. Suplemento Revista. Ano 2012.

-Cornos, cairos, pezuños e outros amuletos de orixe animal. Revista electrónica Galicia Encantada. Ano 2010.
-Aplicacións curativas do alicornio na medicina tradicional galega. Revista electrónica Galicia Encantada. Ano 2009.
-A pedra da pezoña e outras pedras sandadoras da cultura popular galega. Revista electrónica Galicia Encantada. Ano 2009.

Estes anos, a parte de documentarme todo o posible, de percorrer miles de quilómetros polo país e de facer ducias e ducias de entrevistas, tamén me serviron para viaxar a diferentes lugares co aquel de achegarme ao mundo da protección noutras terras veciñas como Portugal, Euskadi o Pireneo aragonés, as terras de Salamanca e as Batuecas ou mesmo no Atlas marroquí ou Senegal. Isto serviume non só para facer comparacións e ampliar o meu coñecemento sobre este mundo máxico relixioso senón tamén para confirmar o feito de que os temores humanos fundamentais son os mesmos en todas as culturas e, ás veces, as solución simbólicas e, xa que logo, culturais son fascinantemente similares.

Chegados a este punto cumpría xa ordenar todos so datos, contrastar informacións e sentarse a escribir para dar saída a todo o material acumulado dende aquel 2005 en que se me deu por saír a cazar unicornios. Non é que remate aquí o traballo. Calquera que se dedique á investigación no campo da antropoloxía sabe que unha investigación nunca se esgota e sempre quedan cousas por recoller, por estudar, por interpretar e ideas que  corrixir e reelaborar. Pero tamén é certo que chega un momento en que un debe pór branco sobre negro todo ese traballo, expor o feito por se pode ser de utilidade para alguén e dicir: ata aquí cheguei eu, cando menos por agora.

Foi así como saíu o traballo “Vade retro. Ritualística protectora, obxectos curativos e uso de amuletos na cultura popular galega”. As causalidades temporais fixeron que coincidirá o remate do meu traballo co prazo de presentación de investigacións para o premio Ferro Couselo 2017. A boa sorte, boa fada ou a colaboración de mouras, santas e desusas fixeron que o xurado deste premio tivese a ben considerar que o meu traballo era merecedor do Premio de Investigación Ferro Couselo 2017. Debo recoñecer que foi unha enorme alegría e unha sorpresa inesperada, pois a sorte non adoita presentarse tantas veces seguidas pero o caso é que así foi. Así que non me queda máis que amosar o meu enorme agradecemento aos membros do xurado e ao concello de Valga por organizar este premio. Tan só me queda desexar que o traballo poida ver a luz en forma de libro para que todos aqueles interesados na nosa antropoloxía poidan achegarse ao noso mundo da protección, que nos tempos que corren coido que boa falta nos fai.

10149352_647138942014414_320013663_n

Foto cortesía de Sue Rainbow

PUBLÍCASE “MARIÑA: DE DEUSA A SANTA”

A editorial Galaxia vén de publicar a miña obra “Mariña: de deusa a santa”, coa que gañei o Premio Ramón Piñeiro de Ensaio 2016.

Páginas desdeCuberta-Mariña de deusa a santa

Páginas desdeCuberta-Mariña de deusa a santa2

Toda a información sobre o libro na seguinte ligazón do catálogo de Galaxia:

http://editorialgalaxia.gal/produto/marina-de-deusa-santa/

PREMIO LINGUA DE OURO 2017

19601035_1370697466333193_1729838937838057540_n

Esta semana déronse a coñecer os galardoados co Premio Lingua de Ouro 2017, que cada ano organiza Queremos Galego Marín. Quero amosar o meu agradecemento público a este colectivo por ter considerado que un servidor era merecedor do premio Lingua de Ouro 2017 na categoría individual. Foi tamén para min unha grande alegría saber que o galardonado na categoría de colectivos era a asociación Monte Pituco, que tanto loitou e loita pola conservación do patrimonio cultural e natural do monte Pornedo.

19466520_10209481010799082_611641832410561063_o

Onte sábado día 1 de xullos, na arboreda do Pornedo, tivo lugar o acto de entrega dos premios. Foi un auténtico pracer e privilexio compartir eses emotivos momentos con tan bos e xenerosos amigos e amigas.

19488915_1677037228991282_5680979806023775986_o

IMG_20170701_211456

19554357_1677037112324627_1598020975029464925_n

Coa amiga Paz, da asociación Monte Pituco

Moitas grazas a todos os que ao longo destes anos e traballo estiveron ao meu carón. O voso apoio dá novos folgos para seguir o noso labor e grazas de novo a Queremos Galego Marín.

19693497_1677038102324528_3078457040661679104_o

Fotografías cortesía de Antonio Costas.