Monthly Archives: Abril 2012

O MISTERIO DOS CRANIOS DE SAN XOÁN DOS VAOS

Fará por estas datas un ano que andaba eu pola Fonsagrada e arredores descubrindo algún dos moitos tesouros etnográficos que garda este microcosmos da nosa terra cando o amigo David Outeiro—o meu guía aborixe nesta aventura— me descubriu un lugar único e enigmático. Refírome á igrexa de San Xoán dos Vaos, xa na Ribeira de Piquín.

San Xoán dos Vaos é unha pequena aldea situada no fondo dun canón e cabaleirada nunha encosta rochosa rodeada dunha frondosa fraga, desas que aínda sobreviven no interior do país. Pero o que fai interesante esta pequena aldea, a parte da fabulosa paisaxe, é que esta colorida e fermosa igrexa rural agocha un segredo: o misterios dos cinco cranios de San Xoán dos Vaos.

Cinco caveiras humanas incrustadas na parede do pórtico da igrexa, sobre a ventá da esquerda que dá ó nacente, cinco misteriosos rostros descarnados que miran cara á porta do templo como vixiantes a quen entra ou quen sae. Non se sabe moi ven como chegaron eses cranios alí, nin de quen eran. Algúns veciños da zona, segundo me contou David, din que as cinco caveiras pertencían ós membros dunha familia. Seica un día ían todos xuntos dispostos a cruza-lo río e a forte corrente levounos arrastro facendo que pereceran afogados. A raíz do accidente, a xente da aldea decidiu pó-los cinco cranios na parede da igrexa.

Se esta é a verdadeira orixe deses cranios é algo que non podo asegurar, pois pola zona tamén circulan outras versións como que o cranio de arriba pertencía o primeiro cura do lugar, pero o ds familia afogada non deixa de ser unha boa historia.

Non vou falar agora do valor simbólico das cabezas cortadas, tema que daría para máis dunha tese e do que xa falei aquí cando relacionaba a haxiografía da Santa Mariña co significado das cabezas cortadas no mundo celta. (Véxase: https://asombradebouzapanda.wordpress.com/2011/12/26/a-santa-marina-e-as-cabezas-decapitadas-do-mundo-celta/) Pero si quero lembra-la idea de que estas cabezas decapitadas tiñan un significado máxico na tradición celta, pois nela residía a vida e a alma. Podían incluso te-la capacidade de seguir con vida e de falar unha vez morto o seu dono ou mesmo de facer profecías. Existe, así mesmo, unha relación entre as cabezas decapitadas e os mananciais, pois estas adquirían aínda máis poderes se se colocaban nunha fonte sagrada. Debido a este significativo valor das cabezas era práctica habitual na guerra secciona-las cabezas dos inimigos xa que coa posesión da cabeza obtíñase parte da forza do inimigo caído, ademais de supor un xeito de vinganza pois atentaba contra a idea da integridade humana, fundamental na orde de crenzas espirituais dos celtas. A posesión das cabezas dos inimigos asemade supuña un elemento de prestixio e de lembranza das fazañas do guerreiro, feito fundamental neste tipo de sociedades e, por último, a cabeza tamén constituía un elemento protector, unha especie de amuleto fronte ó mal.

É posible que eses cranios dos Vaos fosen postos alí para lembrárno-la fraxilidade da vida e a idea de que a morte sempre está presente, e tarde ou cedo acabaremos todos pasando por tal transo, polo que cómpre ser bo cristián. Iso explicaría a súa localización na entrada do templo, para ser vistas sempre que se entra e, sobre todo, cando se sae, facendo presente cada día perante o fregués esa idea da morte. É esa mesma idea e lóxica a que fixo que moitas capelas e igrexas de España e de Portugal se encheran de ósos en tempos da grande peste e fosen macabramente decoradas cos restos de milleiros de mortos, avisando ó mortal pecador de que a morte a todos alcanza e de que “como me ves te verás”. Seica, ata o último cuarto do século pasado, na igrexa dos Vaos tamén se puña un cranio sobre unha mesa situada no centro da nave maior durante a novena de Defuntos, indubidablemente con eses significado conmemorador.

Pero tamén é posible que esas caveiras teñan un valor apotropaico, como amuleto protector, de igual xeito que decoraban os dinteis das portas do templo galo de Roquepertuse. Quen sabe, ás veces as pervivencias culturais son máis reais do que podamos pensar.

Pórtico de Roquepertuse. Museo Borély Marseille. (Fonte: http://artprehistoire.skyrock.com)

Ou simplemente poden ser esa lembranza dalgún suceso acontecido na aldea que marcou o seu tempo ata o punto de ser rememorado colocando os cranios no edificio máis senlleiro da aldea. Quen sabe cal será a posible orixe, é aí o misterio e a maxia do lugar. Uns cranios branqueados polo tempo que nos fan especular e bota-la menta a voar

Sexa como fose, e sexa cal sexa o motivo de que hoxe estean alí, a súa existencia non é algo habitual na nosa xeografía. A súa presenza inquietante e hierática, fonda mirada sen luz fainos te-la sensación de que entramos nun templo pagán mais que na casa do deus cristián, evocan a un tempo pasado, escuro e xa case esquecido. Cando un se detén fronte a elas, perfectamente situadas nunha xeométrica orde que non chegamos a entender, vixiantes alí arriba dende a súa tumba eterna na parede caleada da igrexa, é imposible non lembrarse deses templos celtas de Entremont e Roquepertuse e o seu culto ás cabezas, aínda que isto poida non ter nada que ver coa verdadeira orixe das nosas cinco caveiras. Pero eses cinco cranios aliñados sobre a cruz conéctannos cun arquetipo universal, e cun misterio aínda máis fondo que as súas órbitas baleiras, conéctannos co misterio da vida e da morte, co misterio do poder da mirada e cos milagres das cabezas cortadas, e só por iso xa merece a pena facerlles unha visita.

Así que quedan, pois, todos vostedes convidados a desvela-lo misterio dos cinco cranios da igrexa de San Xoán dos Vaos, pola nosa banda seguiremos indagando para contárllelo…se antes non falan elas


Cemiterio de Taramundi

AS ORIXES DE GALICIA E OS SEUS PRIMEIROS POBOADORES. AUDIO DA TERTULIA EN RADIO VOZ

Tertulia sobre as oríxes de Galicia e os seus primeiros poboadores, no programa “Encuentros en la medianoche” de Radio Voz. Participan: o antroplólogo Rafael Quintía, o etnógrafo Rodolfo Dacuña e o arqueólogo Pablo Novoa. Data de emisión:07/04/2012

http://www.ivoox.com/tertulia-origenes-galicia-sus-primeros-pobladores_md_1191488_1.mp3″ Ir a descargar

EXPOSICIÓN DE FOTOGRAFÍAS ANTIGAS EN SALCEDO

Hoxe inaugurámo-la exposición de fotografía antiga da parroquia da San Martiño de Salcedo, un dos proxectos enmarcados no programa de actividades da I Xeira do Patrimonio do Rural que promove o Concello de Pontevedra e organiza o Consello da Parroquia de Salcedo.

Os que teñades oportunidade non vos perdades a posibilidade de visitar esta ampla mostra fotográfica (máis de 300 fotografías) que estará aberta ata o día 28 de abril no Local Social de Cabanas, e que percorre a vida e a paisaxe humana é xeográfica dunha das parroquias pontevedresas con maior historia e riqueza patrimonial.

Déixovos aquí o texto que preparei para presentar esta exposición que tiven o privilexio de coordinar. Tamén quero aproveita-la ocasión para agradecérlle-la súa colaboración a tódolos veciños que achegaron as súas fotografías para esta mostra. Sen eles non tería sido posible levala a cabo. Moitas grazas.

SALCEDO, A TERRA DOS SALGUEIROS

A parroquia foi no mundo rural galego o núcleo básico de ordenamento territorial, a auténtica unidade social asentada nun territorio perfectamente delimitado, identificado e recoñecido polos seus veciños. Ó longo dos séculos este peculiar microcosmos galaico foi testemuño de moitos cambios políticos, económicos e sociais pero para os galegos a parroquia seguiu sendo a súa referencia identitaria, a súa patria chica.

San Martiño de Salcedo, a terra dos salgueiros, é unha parroquia con forte personalidade propia que afunde as súas orixes no pasado máis remoto. Unha terra de labregos, gandeiros, canteiros, músicos…xente honrada. Unha terra de homes e mulleres que loitaron ó longo dos séculos polos seus dereitos e pola súa dignidade. Un rueiro de vida habitado por xentes orgullosas do seu pasado. Mámoas, petróglifos, castros, pazos, igrexas, cruceiros, hórreos, casas….un mundo de pedra e brión, século a século construído nunha paisaxe que, como a vida, non deixa de fluír e de mudar.

San Martiño de Salcedo —a cabalo, como o seu patrón, entre as terras do Morrazo e Pontevedra—, testemuño privilexiado dos máis importantes episodios que marcaron a nosa historia. Os seus penedos agochan en silenzo a milenaria linguaxe que gravaron os nosos devanceiros. Os seus cumios gardan a semente da nosa cultura. Unha terra que viu chegar exércitos estranxeiros, que sufriu as inxustizas dos foros, o horror dunha guerra homicida, as cicatrices do progreso e o asfalto, o roubo dos seu prezado monte…

Salcedo, pequena Mesopotamia entre a ría de Pontevedra e o río Tomeza, universo mítico sobre o que se teceron historias, contos e lendas construídas polas xeracións que habitaron, traballaron e transitaron estas fértiles terras.

Salcedo, a miña casiña, hoxe espímo-la túa alma anterga a través das imaxes xa gastadas polo tempo, miramos no teu nobre pasado para saber de onde vimos, para saber quen somos e descubrir onde iremos.

Rafael Quintía Pereira


DESCUBRIMOS NOVOS PETRÓGLIFOS NOS SETE CAMIÑOS

O espazo dos Sete Camiños síguenos a dar agradables sorpresas que incrementan aínda máis o seu valor arqueolóxico. O pasado mes de marzo, e no transcurso dun paseo rutinario polo monte de San Martiño de Salcedo, localicei unha nova estación de petroglífos non catalogados na contorna dos Sete Camiños.

A laxe onde apareceron as inéditas gravuras localízase entre os lindes das parroquias pontevedresas de Salcedo e Lourizán, e moi perto do penedo denominado Pedra Escorregadoira, antigo lugar de xogo dos nenos que subían o gando á montaña.


A Pedra Escorregadoira

A zona atópase actualmente poboada por eucaliptos, piñeiros e monte baixo. Os petróglifos están realizados sobre un afloramento granítico de gran fino de dúas micas, o cal presentaba evidentes signos de traballo de cantería que puido facer desaprecer parte dos gravados rupestres orixinais. O motivo das gravuras é un fermoso aliñamento dobre de coviñas. Unha tipografía similar á que se atopa nos pretóglifos próximos de Outeiro da Mina, sobre todo moi similar ós gravados da coñecida como Pedra do Fundamento.

O feliz descubrimento foi posto en coñecemento do Servizo Provincial de Patrimonio Cultural e ven de ser publicado en Caderno de campo, o boletín informativo da Sociedade Antropolóxica Galega. Agardamos que a información deste achádego, que incrementa a riqueza arqueolóxica do noso concello, sexa considerada no valor que ten e se tomen as medidas pertinentes para a catalogación, recuperación e conservación destes petróglifos.

CONFERENCIA NO IES DE VILALONGA: “A antropoloxía e a investigación de campo”.

O pasado martes 17 tiven o privilexio de ser convidado polo IES Vilalonga para darlles unha conferencia ós rapaces sobre o traballo de investigación en antropoloxía e sobre o meu estudo do santuario da Lanzada.

Nos tempos actuais de barbarie, nos que o terrorismo capitalista dos mercados e os seus verdugos e cómplices teiman en destruír toda a estrutura social do Estado e os dereitos civís e humanos conseguidos durante séculos de loita, actividades culturais como esta, a prol de achegarlles ós rapaces o mundo da antropoloxía, do coñecemento, da razón e do pensamento libre son unha luz de esperanza para aqueles que aínda cremos na necesidade dun ensino público de calidade ó alcance de todos, e non só dunha elite privilexiada.


Diario de Pontevedra

Quero agradecerlles dende aquí a súa presenza no acto e a acollida recibida ós máis de 150 rapaces de 4º da ESO e 1º de Bacharelato, así como ós profesores do centro, especialmente a Fernando López , mestre de filosofía, que tivo a ben organizar esta conferencia.