Monthly Archives: Xullo 2009

A VIAXE DO SOL

O Sol sube, declina, e retorna polo outro lado. O Sol nace e morre no transcurso dun día e nace e morre tamén no transcurso dun ano. As doce horas do día e da noite correspóndense tamén cos doce meses do ano. A súa enorme potencia, o seu poder e a súa forza creadora de vida fixo que o Sol fose considerado un deus dende a noite dos tempos. No primeiro paso abarcaría e tomaría posesión do ceo, no segundo paso percorrería e tomaría posesión do mar e, viaxando ó Hades, ó Sidh ou ó Alén, penetraría e posuiría as profundidades da terra no seu terceiro paso. Estes son os tres pasos do Sol, un do ceo, outro do mar e outro da terra, a través da súa circunambulatoria viaxe polo Orbe Tripartito.

28 solpor en Portalén

A Porta do Alén do monte do Seixo permite o paso ó reino dos mortos, á terra dos defuntos. É por iso que sempre se debe cruzar de leste a oeste, seguindo o camiño do Sol, e regresar ó noso mundo desandando os pasos, pois do contrario a alma da persoa quedaría irremediablemente atrapada no outro lado, o dos defuntos.

No mes de Santos, coincidindo coa festividade cristiá de Tódolos Santos —antiga festividade céltica do Samaín— na noite na que os dous mundos atópanse máis perto ca nunca, e na cal as portas do Máis Aló ábrense de par en par, aquel que procure o consello dos mortos deberá achegarse a Portalén e, tras pasa-lo portelo, deposita-la correspondente ofrenda en forma de pan, viño ou dunha candea. Feito isto non tardará en obter das ánimas doutro lado a resposta ansiada á súa pregunta. O que aquí se revela polas almas é segredo e aquel que viole a regra verá tornárselle rouca a voz.

P1010090

O Sol morre fronte á fisterra atlántica, no mar de Muxía atopará o seu leito. Alá onde as almas embarcan rumbo ó paraíso. Na costa das barcas de pedra.

P1010152

Cada mañá, o Sol nace no oriente, medra ata o zenit, e envellece cara a occidente para desaparecer na Duat, o reino dos mortos. O deus sol Ra efectúa esta viaxe a bordo da súa barca Mandyet. Outro baco, Mesektet, levarao na súa viaxe subterránea, dende que o solpor ata o novo amencer.

O defunto cruzará o río Nilo nunha barca solar rumbo ó reino dos mortos. Anubis pesará o seu corazón permitindo ou non que prosiga a súa viaxe ó Máis Aló, onde a alma, coa beizón do deus Sol Ra, alcanzará a inmortalidade.

49 SOLPOR NA STA MARIÑA
Solpor na santa Mariña do Seixo

Décimo Bruto, percorrida toda a costa do Océano como vencedor, un pouco máis aló dos célticos e lusitanos e os pobos de toda Callaecia e o río do esquecemento, pánico dos soldados, non retirou os seus estandartes antes de descubrir, non sen certo medo e horror de sacrilexio, o sol que cae no mar e o lume xurdindo da auga. Floro

Tódalas fotografías son propiedade do autor do blog.

REMEMORANDO A HISTORIA

Non é difícil nestes tempos revoltos asomarse a un xornal ou ó televexo e comprobar como a moitos dos nosos políticos se lles enche a boca falando de nación (cada un da súa), de estatutos, de financiación e de facer país. É curioso, no de país están todos de acordo, algo avanzamos. Pero poucos lembran que para facer país primeiro hai que coñece-la súa historia, aínda que ás veces non nos guste o que vexamos. Sen o referente da nosa historia estamos condenados a repeti-los mesmos erros do pasado.

Os pobos necesitan lembra-los seus erros e fracasos pero tamén rememora-las súas fazañas históricas, os seus momentos de gloria, os seus heroes e os seu mártires. A aqueles que loitaron por faceren deste país unha terra mellor ou simplemente loitaron por mante-lo que tiñan, por sentimento de responsabilidade e deber, por crenzas, por honor ou porque lles tocou a eles facer de carne de canón. Sen eses referentes históricos e culturais andariamos perdidos polo mundo. E quizais iso sexa o que queren algúns, porque un pobo inculto e analfabeto sempre é máis dócil, manexable e manipulable. Gústenos ou non a historia da humanidade está escrita a sangue e lume. O home é así de cabrón, por moito que queiramos pintar un mundo idílico de cor de rosa. A maldade e a violencia forman parte da nosa natureza, o igual que o amor, a bondade ou a compaixón. Non esquezamos que a guerra e a economía —moitas veces matrimonio de conveniencia— foron, e aínda son, grandes protagonistas da nosa historia.

En todo isto pensaba o outro día cando pasei por Arcade e vin a pancarta de conmemoración da batalla de Pontesampaio ou cando lin como os veciños do concello de Barro lembraban a súa honrosa batalla de 1809 contra os franceses.

Por iso non entendín no seu día as voces en contra que algúns colectivos e veciños alzaban perante o feito de rememorar cunha representación a batalla de Pontesampaio, fito histórico do noso pobo e transcendental na Guerra da Independencia. E tampouco entendo como se pode ser tan energúmeno como para esnaquiza-las placas que conmemoran a batalla de Elviña, acto vandálico que ven de acontecer na Coruña uns meses atrás, ou como pode haber alguén tan fillo de puta como para arrinca-la placa que lembra os asasinados polo fascismo franquista en Pedre, Cerdedo.

Identificar este tipo de representacións conmemorativas con actos militaristas que incitan á violencia e atentan contra a cultura da paz é tan simple e demagóxico coma dicir que a Cabalgata de Reis é un acto machista de reivindicación da monarquía absolutista e patriarcal. Non creo que os que pretenden facer este tipo de representacións, grupos e asociacións ás cales nin pertenzo nin coñezo, queiran facer un acto de apoloxía da guerra e da violencia, senón máis ben o contrario: lembrar ese feito, honrar os mortos que loitaron polo que consideraban xusto, e darllo a coñecer á nosa mocidade para que non se volvan repetir feitos coma estes. E todo isto malia que eses nosos paisanos e heroes morreran para garanti-los privilexios dunha clase dominante miserable e caciquil e dun clero integrista e represor que moito tiña que perder coa invasión napoleónica.

Pero o que máis me asombrou daquelas declaracións foi que se dixese que tales actos poden abrir vellas feridas e ofende-los nosos veciños franceses, que posiblemente non saiban onde carallo está Pontesampaio, e peor para eles, dito sexa de paso. Iso das vellas feridas é o mesmo que di a dereita máis rancia cada vez que se celebra un acto de xustiza e memoria histórica para honra-los represaliados polo ilegal réxime franquista. O que nunca se di é que as feridas das familias dos asasinados, das víctimas da represión e dos exiliados aínda non se pecharon por mor do silenzo, ninguneo e inxustiza gobernamentais de todos estes anos.

Pero volvendo ó tema, a historia é como é, e deberiamos estar orgullosos dunha terra de galegos valentes que non compartían as aspiracións imperialistas de Napoleón e que estiveron dispostos a loitar e non deixarse invadir polos “nosos veciños franchutes”, pese a que mellor nos tería ido co Pepe “botella” que co miserable Fernando VII. Pero esa é outra historia e aquí sempre nos gustou ter dictadores da casa, ou do país coma o viño. E tendo en conta que os nosos veciños non teñen medo de ofende-los alemáns cando celebraban a súa liberación do réxime nazi, nin os portugueses, venezolanos, cubanos, mexicanos e demais teñen problemas en celebra-la súa independencia de España, porque imos ter que andar nós con babecadas politicamente correctas?

Así que eu digo, postos a non ofender deixemos de celebra-lo día da Arribada da Santa María a Baiona, para non ofende-los nosos irmáns americanos vilmente masacrados polos conquistadores españois grazas o descubrimento do navegante de Poio. Seica o verbo holocaustear aínda non se inventara daquela. Eliminémo-la Romaría Vikinga de Catoira, festa bárbara e violenta que pode ofender ós ben queridos escandinavos pola inxustificada imaxe embrutecida que damos deses bos homes do norte que so viñan roubar, violar e saquea-las nosas terras, agradecidos deberiamos estar polo aporte xenético e multicultural. Acabemos co día da Reconquista en Vigo, grave ofensa ós franceses, outro tanto coa conmemoración da batalla de Elviña na Coruña. Por suposto a recreación da batalla de Ferrol onde os nosos labregos se opuxeron á invasión británica queda erradicada para non faltarlles ós amigos ingleses, tan dispostos sempre eles a devolve-lo seu peñón de piratas e bucaneiros con garabata. Ó lixo coa Feira Franca de Pontevedra, apoloxía do mercantilismo, a evasión de impostos e precursora do consumismo salvaxe e do laissez faire do capitalismo. Que ofensa para o proletariado!! A Rapa das Bestas, maltrato animal sen dúbida. Eliminémola tamén. O Entroido reminiscencia pagana e insulto para os católicos e para o clero tan respectuoso sempre cos que non pensan como eles. E que me din dos Maios, esa festa lasciva do renacer da natureza e a fertilidade da nai terra, de aí á luxuria, ó pecado e a andar pola herba a trebellar uns ós outros só hai un paso. Vade retro Satanás!!

Os milleiros de romarías que no verán se celebran na nosa terra non deixan de se-la cristianización dos nosos antigos ritos pagáns imposta coa forza do lume, da cruz e da espada. Como podemos celebrar ese vandalismo cristián e esa destrucción do noso panteísmo céltico? Cómpre a súa inmediata prohibición, co permiso, claro está, da virxe da Barca, da Franqueira e dos Miragres de Amil. Os fascistas sentiranse ofendidos co día da Galiza Mártir, como se nos ocorre honrar un político e intelectual galego e de esquerdas fusilado por defender un réxime legal, a liberdade e a súa terra, fóra tamén!! E por último acabouse a festa do 25 de xullo, día da patria pechada por derribo e día de Santiago Matamoros, non corren tempos de ofender ós talibáns musulmáns nin os talibáns do nacional catolicismo centralista. Que queren que lles diga, a este ritmo a nosa memoria histórica reducirase ó día da voda do Príncipe e Letizia, e nin iso se debería celebrar porque ofendería os republicanos…coma min.

Aquela tenda

Pechou a tenda de Carmucha
e abriron un deses Carrefours.
Pero alí xa non venden Cropáns,
nin sobres de azafrán en caixiñas feitas de cortiza.

Alí non botan serraduras no chan os días de choiva
Nin fan as contas en anacos de cartón e de papel de estraza.
Eles apúntanche todo en tarxetas de plástico
e déixanche carros grandes coma mundos
para enche-lo noso mundo baleiro.

Eles son rápidos, modernos e listos.
Eles van cos novos tempos que corren.
Disque teñen de todo
e saben o que lle gusta á xente.

Pero iso non é certo
Porque o que non saben
é que naquela tenda se vendía tempo,
tempo para falar e tempo para vivir.

 

Rafael Quintía

Extraído do poemario “Á sombra de Bouza Panda. Poemas de trincheira e maldizer”

www.nonafranxa.tk, Unha web en prol da libre información

A páxina web NON Á FRANXA http://www.nonafranxa.tk/ é un exemplo de cómo usar ben Internet, de cómo aproveita-las novas tecnoloxías nunha causa xusta e cun fin informativo. A creatividade do seu autor para pór en marcha o proxecto de PostemirónTV é unha xenialidade que cómpre saudar. Por certo, nesta televisión virtual poderán ver un interesante vídeo sobre a Marcha veciñal polo monte de Salcedo que se levou a cabo o pasado 28 de xuño. Tamén no youtube:

Nestes tempos nos que os medios de comunicación masivos manipulan e amosan a realidade que lles convén, tras pasa-lo todo polo filtro dos seus propios intereses políticos e económicos, contar con páxinas como a do compañeiro de Postemirón David é garantía de que a liberdade de expresión e información aínda segue viva neste país de tahures del Mississipi, ou do río que pase pola leira do cacique que toque.

Calquera que queira informarse do que está a acontecer realmente na titánica loita que manteñen os veciños de Salcedo, Postemirón e Figueirido contra a base militar da Brilat pola ocupación ilegal do seu monte comunal e pola imposición das dúas franxas de seguridade -que abranguen grande parte dos concellos de Pontevedra, Vilaboa e Marín- debe achegarse inevitablemente a esta web. Alí atopará á súa disposición un amplo abano de vídeos, fotografías, opinións, artigos e notas de prensa sobre o conflicto, o que lle permitirá ter unha visión fidedigna do que está a acontecer, para que así despois, libremente, poda crea-la súa propia opinión ó respecto.

O dito, visite NON Á FRANXA http://www.nonafranxa.tk/
infórmese e opine.

E dende aquí os meus maiores parabéns para o seu creador David.

E xa saben, o monte é noso, NON Á FRANXA!!

GLOBALIZACIÓN

P1010075
Un Carrefour á senegalesa

P1010074
Un Alcampo á senegalesa

P1010124

E un Loewe á galega