Monthly Archives: Xaneiro 2013

O TRONO DO TERROR

DSC_0073

Hai obras de arte que calan, que non din nada; hai outras que falan, que contan historias, e hai algunhas obras que berran.

O “Trono de armas” do artista mozanbiqueño Cristóvão Canhavato é unha desas obras que berran e remexen a nosa conciencia. Unha obra poderosa e dura que non só fai pensar no que somos e no que podemos chegar a convertérmonos senón que tamén conta unha historia: unha historia de terror, de horror, de odio e de barbarie, unha historia de guerra e de ansias de poder. A historia, en definitiva, do ser humano e da súa escura e insondable alma.

 DSC_0075

Este inquedante trono —confeccionado con vellos kalashnikov AK47— foi feito en Maputo no ano 2001 por Cristóvão Canhavato coas armas decomisadas no 1992 tralo final da guerra civil que sufriu Mozambique entre os anos 1977 e 1992, no que cesaron os combates. Unha longa e cruel guerra que custou a vida a   máis de 900.000 persoas, na que se usaron miles de nenos como soldados e se cometeron as maiores atrocidades que nos poidamos imaxinar, unha guerra na que se importaron 6 millóns de armas, moitas delas fabricadas en países occidentais e supostamente democráticos e defensores da liberdade e da razón pero que non tiveron reparos éticos e morais en participar nese lucrativo e xenocida tráfico de armas para alimenta-la sanguenta contenda civil mozambiqueña.

 DSC_0085

Dende o 1995 moitas destas armas foron reconvertidas en maquinaria agrícola, ferramentas e utensilio domésticos, demostrando unha vez máis a capacidade de superación e adaptación que teñen os pobos africanos. Moitos artistas locais botaron man das miles de armas confiscadas para face-las súas creacións escultóricas. Toda unha mostra de arte feita coas ferramentas da arte de matar, se é que se lle pode chamar arte ó feito de quitar unha vida. Un canto á esperanza, a  reconciliación e a paz.

 DSC_0092


DSC_0087

Desgraciadamente, coñecendo o mundo en que vivimos e o percal das bestas que o habitan, estou seguro de que no futuro haberá material de abondo para fabricar moitos máis tronos feitos con armas, malia que os que as fabrican e as venden pousen os seus capitalistas cus en cadeiras de coiro e paseen por moquetas de ministerios e parlamentos.

DSC_0086

Quen queira coñecer estas esculturas con armas recicladas pode facelo no British Museum de Londres, onde se atopan actualmente expostas.

DSC_0088

ENTREVISTA NO PROGRAMA “O SOMBREIRO DE MERLÍN”

Falamos dos proxectos da Sociedade Antropolóxica Galega e do anuario “Fol de Veleno¨” no programa “O Sombreiro de Merlín” de Radio Obradoiro.  Data de emisión: 10/011/2012

ESCOITA-LO AUDIO:

http://www.ivoox.com/falando-do-anuario-fol-veleno-e-dos_md_1610209_1.mp3″

DESCARGA-LO AUDIO:

http://www.ivoox.com/falando-do-anuario-fol-veleno-e-dos_md_1610209_1.mp3

lona

VIDEO DE AGRADECEMENTO Ó EQUIPO DA SAGA. TRAS UN ANO DE TRABALLO.

Un pequeno video de agradecemento a tódolos colaboradores da SAGA  que neste ano de traballo conxunto demostráronno-la súa xenerosidade e o seu bo facer. Moitas grazas a todos e   os meus mellores desexos para este novo ano que comeza!

“PARA CANTAR VEÑO EU” NO DIARIO DE PONTEVEDRA

Publicado o domingo 6 de xaneiro na sección  Anaquel dos Libros do suplemento Revista do Diario de Pontevedra

para cantar veño eu

OS REIS MAGOS EXISTEN

DSC_3915

Nestes tempos escuros nos que os cabalos da apocalipse cabalgan por ministerios, parlamentos, despachos de banqueiros e mercados financeiros é bo lembrar que tódolos grandes logros da humanidade se deberon ó seu espírito de loita e á súa capacidade de soñar e de crer nos seus soños. Por iso, nestes tempos onde o mal campa ó seu libre albedrío, algúns aínda queremos seguir crendo e imaxinando. Imaxinando un mundo en paz, mellor e máis xusto e crendo que aínda existen cousas que non son susceptibles de mercadeo nin de intercambio económico. Cousas como o sorriso dun neno ante a fascinante imaxe duns reis magos, dos únicos reis con dereito a ter ese status e a única causa monárquica que merece a pena neste mundo incerto. Así que postos a crer nuns reis que mellor que facelo nuns que realmente eran sabios, e astrónomos, e magos, e bos e xenerosos. Uns reis que viñeron do Oriente, onde nace o sol que cada día morre na nosa costa atlántica, uns reis vidos das terras onde naceu a civilización e que agora os etnocéntricos occidentais queremos “democratizar” a golpe de bombas.

 DSC_3919

Por todo isto, hoxe, cando apenas hai un par de horas que rematamos de canta-los Reis polas rúas e prazas de Pontevedra e cando a noite máxica está a piques de chegar, quero compartir con todos vostedes este vídeo inédito, unha gravación secreta que realicei hai untempo e a que só podían accede-los nenos da miña familia, unha exclusiva mundial e unha proba irrefutable de que os Reis Magos existen, de que na noite do 5 de xaneiro visitan as nosas casas para deixarnos agasallos e de que len as nosas cartas para cumpri-los nosos soños.

 DSC_3897

Así que, nestes tempos da barbarie, nunca está de máis manter unha chama acesa para a esperanza e un pouco de ilusión para soñar, para loitar e para vivir. Desexo que os Reis Magos lles cumpran tódolos seus soños a toda a xente boa e xenerosa e que lles traian moito carbón, ata afogarse nel, a todos aqueles malvados que queren facer deste mundo un lugar negro e escuro.

DSC_8402

 

Bo Nadal amigos e Feliz Ano 2013.