Monthly Archives: Xaneiro 2017

O CABO PEREIRA

DOC090723-001

O cabo Pereira tiña 18 anos cumpridos cando unha guerra xenocida tronzou a súa vida.

O cabo Pereira soñaba con acariñar a nobre madeira e tallar filigranas fermosas como só un ebanista coma el sabía facer.

O cabo Pereira agardaba casar con aquela moza de Salcedo filla dun canteiro acordeonista.

O cabo Pereira cría na xustiza, na liberdade, na igualdade das xentes e nos dereitos dos homes e mulleres pero foi obrigado a loitar nun bando que non era o seu, porque así foron as cousas.

O cabo Pereira marchou para a guerra o mesmo día que enterrou á súa nai e recibiu en pago polo servizo á patria unha cicatriz de bala na fronte de Teruel, un pé de trincheira co que cargar toda a vida e unha xordeira permanente lembranza dun obús traizoeiro na batalla do  Ebro.

O cabo Pereira salvou a vida pero roubáronlle dez anos servindo a unha patria que non o merecía, unha patria que aquí, máis que nai, sempre é Saturno devorando os seu fillos.

O cabo Pereira tivo que marchar a América na procura dun futuro que un país escravo e devastado pola guerra, o odio e a senrazón non lle quixo dar.

O cabo Pereira volveu á súa terra cando morreu aquel fillo de puta con bigote que saía nas moedas coas que miña nai pagaba os cropáns que me mercaba na tenda de Teresa.

O cabo Pereira percorreu medio mundo, cruzou bastos mares, viu e viviu o mellor e o peor do xénero humano pero cando lle preguntabas onde quería ir el só añoraba poder subir ao alto do monte Castrobe e contemplar dende alí o infinito Océano Atlántico, o horizonte celeste onde morre o Sol e morarán as almas de todos nós.

O cabo Pereira chamábase José Pereira Piay pero os seus veciños chamábanlle Sr. Pepe porque era un home bo e honrado. Máis bo e honrado do que eu, o seu neto, chegarei a ser na miña vida. Hoxe, se estivese vivo, cumpriría 99 anos e eu nunca o levei ao alto do Castrobe.

III MASCARADA IBÉRICA

Dende o día 1 de xaneiro xa empezan a saír as máscaras do Entroido en moitas partes da Península Ibérica e de Europa.  Así que, que mellor data que agora para facer a III Mascarada Ibérica na que, como cada ano, a Sociedade Antropolóxica Galega temos a sorte e o privilexio de colaborar.

Cómpre recoñecer publicamente o impagable labor dos organizadores e de todos os colaboradores neste evento polo grande traballo que están a facer para dignificar, conservar e divulgar a nosa celebración ritual máis senlleira e fascinante. Enormemente agradecidos á Comisión do Entroido 2017 de Viana do Bolo e á Asociación Xuntos polo Folión de Vilariño de Conso. Quero dar as grazas especialmente a Jorge Minas polo seu esforzo, dedicación, bo facer e colosal traballo deorganización. E por suposto, a todos aqueles que manteñen vivo o Entroido galego e que o sinten como o que é, unha auténtica relixión que afunde a súa raices na noite dos tempos e medra co sentimento dos noso corazóns.

Hoxe por hoxe a Mascarada Ibérica é o evento máis importante que se está a facer en Galicia para a posta en valor do Entroido. Quen queira coñecer a riqueza e diversidade  do Entroido galego e de toda a Península Ibérica ten esta fin de semana unha cita ineludible en Viana do Bolo e en Vilariño de Conso: na III Mascarada Ibérica. Vémonos o 28 e o 29 en Vilariño de Conso e en Viana do Bolo. Que viva o Entroido!!

16105725_1220508831360461_4140279856741524780_n

UN LIMIAR PARA “PETRÓGLIFOS DO ALTO TÁMEGA” DE BRUNO RÚA

img_20170106_163049

Acaba de publicarse o libro “Pétróglifos do Alto Támega”, de Bruno Rúa. Unha estupenda guía sobre a arte rupestre desta comarca ourensá que tiven o gusto de prologar e que recomendo a todo aquel interesado no noso patrimonio e, en concreto, nos petróglifos galegos. Aquí deixo o limiar do libro para quen estea interesado en afondar algo máis sobre os contidos da obra.

 

LIMIAR

Coñecín a Bruno Rúa hai uns anos por mor dos traballos que dende a Sociedade Antropolóxica Galega (SAGA) desenvolvemos por terras do Támega, entre eles o proxecto “Alto Támega: accións na paisaxe patrimonial” no que colaboramos co departamento de Historia, Arte e Xeografía da Universidade de Vigo. Foi o meu colega e secretario da SAGA Miguel Losada —que por aquelas datas (2011) viña de descubrir o fabuloso petróglifo das Covas ou Ferradas, en Vences—  quen me amosou a Guía Arqueolóxica do Alto Támega de Bruno e quen un tempo despois nos presentaría persoalmente. Lembro que, xa por entón, o seu traballo me pareceu digno de eloxio, tanto polo seu rigor técnico como pola dedicación posta na elaboración daquela obra. Hoxe en día, podo comprobar con ledicia como esa dedicación e rigor non só non decreceu senón que se viu incrementada como resultado dos anos de estudo e de entrega a prol da divulgación do noso patrimonio cultural.

É por iso que é para min unha honra facer o limiar deste novo traballo seu, onde realiza un magnífico inventario de perto de 240 petróglifos da comarca do Támega, a meirande parte deles descoñecidos non só para a cidadanía en xeral senón para o mundo académico en particular, e co plus de que un grande número destes “novos” gravados foron descubertos polo propio Bruno durante os últimos doce anos de incansable traballo de campo.

Os petróglifos prehistóricos de Galicia son unha das manifestacións culturais máis importantes e representativas do noso patrimonio arqueolóxico. Estes gravados, malia seren BIC —Ben de Interese Cultural— e contaren en teoría coa maior das proteccións legais, atópanse seriamente ameazados e nun estado xeral de abandono. Pero o valor da nosa arte rupestre vai máis alá do seu carácter histórico pois os petróglifos galegos son xeradores de contidos simbólicos e inmateriais que, sustentados nun proceso dinámico de creación de patrimonio oral de base mítica e lendaria, serviron para construír toda unha dialéctica cultural entre a comunidade humana do lugar e o seu legado arqueolóxico. Os petroglifos galegos convertéronse ademais nun dos sinais de identidade galega máis senlleiros e poderosos cultural e iconograficamente falando. Velaí o valor da nosa arte rupestre e o interese de traballos coma o de Bruno que supoñen un paso máis na dignificación e coñecemento donoso patrimonio cultural.

As terras do Támega, malia ser un dos lugares máis ricos e interesantes de Galicia en canto á súa diversidade de restos arqueolóxicos, son unha gran descoñecida para moitos investigadores do país. Campos como o da arte rupestre, que se cría que escaseaba no interior de Galicia, apenas foron tocados. Por iso, traballos como o de Bruno cobran aínda máis valor, pois non só axudan a abrir novos temas de estudo senón que achegan unha valiosa información e soporte para futuros traballos nestas comarcas.

Algúns destes gravados xa os coñecía por visitas á zona, por referencias da  guía de Bruno anteriormente citada ou polos sempre interesantes traballos do meu amigo Miguel Losada[1], pero a maior parte deles eran descoñecidos para min, de aí o meu agradecemento ao autor desta obra que estamos a presentar por telos dado a coñecer.

Pero o traballo de Bruno Rúa ten aínda un valor maior: dá a coñecer novos motivos que enriquecen a panoplia simbólica da nosa arte rupestre. Os petróglifos do Támega que Bruno compendia na súa nova guía ofrecen novas modalidades estilísticas que fan, se cabe, aínda máis valioso o mundo dos petróglifos galegos obrigando, necesariamente, a  abrir a óptica de estudo e, por suposto, a incrementar as áreas de prospección e investigación cara ao interior de Galicia.

En conclusión, o libro que nos ofrece o investigador Bruno Rúa é unha completa e minuciosa guía sobre os petróglifos do Támega que satisfará todas as expectativas de calquera amante da nosa arte rupestre. Nela atopará unha interesante introdución ás tipoloxías dos gravados e aos  diferentes soportes, así como achegas a posibles interpretacións desta milenaria linguaxe labrada na pedra. Ademais inclúe unhas excelentes reproducións dos deseños de cada un dos petróglifos, froito dun detallado e laborioso traballo, e tamén a súa descrición, localización e cordeadas xeográficas para facilitar a súa visita e estudo a todo aquel que estea interesado.

Sen lugar a dúbidas un traballo destinado a converterse nunha obra de referencia para coñecer o patrimonio arqueolóxico —neste caso a arte rupestre— destas comarcas bañadas polo río Támega que tan rico pasado atesouran. Gocen, pois, da súa lectura e descubran estas xoias do noso patrimonio da man de quen mellor as coñece: Bruno Rúa.

 

Rafael Quintía Pereira

Antropólogo

[1] Losada, M. (2013). “O Petróglifo das Cuncas ou as Ferradas: the Yorkshire connection”. Caderno de campo, nº7. Sociedade Antropolóxica Galega.

Losada, M. (2014).“Os petróglifos de Sandín e o camiño do sol ou o porqué dos cadelos que corren atrás dos carros”. Caderno de campo, nº10. Sociedade Antropolóxica Galega.

 

16 ANOS CANTANDO OS REIS

Dende a asociación cultural e grupo de música tradicional Os Chichisos levamos 16 anos cantando os Reis polas rúas e prazas de Pontevedra co noso bando de nenos e nenas reiseiros. O que empezou como un intento de recuperación dos cantos de Reis nas parroquias de Bértola e Figueirido hoxe en día é xa unha tradición máissdo Nadal en Pontevedra. O interese por divulgar esta tradición e por recuperala e a necesidade de adapatarse á crecente desrruralización do espazo periurbán de P0ntevedra levounos a reconfigurar o rito de ir cantar os Reis polas casas da aldea para achegalo ás rúas e prazas de Pontevedra.  O tempo, o interese despertado e afluenza de nenos para manter cada ano viva a tradición coido que nos demostrou que a opción tomada no seu momento deu resultados positivos. En todo caso, de lonxe viñemos os que aquí chegamos, se nos dan licenza os Reises cantamos!! Feliz Ano.

img-20170103-wa0001

 

UNHA VIRXE, UNHA MOURA E UNHA SANTA.

En abril de 1997, facendo o Camiño de Santiago e cando cruzaba as montañas do Cebreiro  aconteceu un suceso na miña vida —un causalidade fascinante— que me levaría a iniciar unha busca na que levo inmerso xa 20 anos. Aquel foi o meu particular milagre do Cebreiro, que por cuestións de espazo e de intimidade non vén a conto explicar. Durante todo este tempo o tema das antigas deidades femininas foi uns dos meus maiores intereses dende un punto de vista antropolóxico e histórico.

VLUU L100, M100 / Samsung L100, M100

Dez anos despois, no 2007, estabamos a voltas co Grupo Etnográfico Serpe Bichoca e o amigo Calros Solla andaba artellando o libro “Monte do Seixo. Reivindicación da montaña máxica” e pediume se podía escribir un artigo ao respecto do patrimonio esta montaña de Terra de Montes. Foi así como naceu aquel traballiño que levaba por título “Monte Seixo, reflexo sagrado da deusa nai”. Naquelas 17 páxinas publicada no libro do meu amigo avanzaba —ás veces cun exceso de paixón, debo recoñecer— algúns dos temas que despois, con máis tempo, maior rigor e coñecementos, formarían uns dos eixos fundamentais do meu labor investigador no eido da antropoloxía galega. Malia ás limitacións daquel traballo, por aqueles parágrafos xa desfilaban mouras, santas, virxes e ancestrais ritos e lugares de culto.

dsc_2815-copia

Esa busca da que falo, esa liña e investigación que me apaixona dende entón non é outra máis que a procura da pegada das antigas deidades femininas no folclore, na mitoloxía e na relixiosidade galega. Ese interese foi o que me levou no ano 2010 a realizar o traballo ”A Nosa Señora da Lanzada. Estudio antropológico de un santuario costero”, que sería galardoado co Premio de Investigación Luis Cuadrado 2010 e publicado como libro no 2011. Nese traballo estudaba a conxugación dos ancestrais ritos precristiáns co culto á Virxe, a divina intervención da Nosa Señora da Area cos poderes das augas, os astros e as pedras ou os aspectos simbólicos que vencellaban este santuario co mundo do Máis Alá, coas ánimas en pena e coas bestas fantasmagóricas que habitan as nosas rías e as nosas illas. Foi o comezo do que co tempo sería unha triloxía non premeditada pero que hoxe, felizmente, se consuma.

54956 SeÑora Lanzada PORT - copia

 

As miñas investigacións continuaron afondando no mito da Moura, no seu simbolismo e estrutura, no que hai detrás desta figura e no que nos legou o que, sen lugar a dúbidas, é o mito galego máis importante. Todo ese traballo plasmouse no 2015 na obra “Análise estrutural e simbólica do mito da Moura”, que sería premiada co Premio Vicente Risco de Ciencias Sociais 2015 e publicada no 2016.

portada a moura

A estas alturas tiña pescudado e dado a coñecer as miñas investigacións sobre unha Virxe —a Virxe da Lanzada— e sobre a Moura pero quedábame un elemento fundamental desa trindade que levaba estudando todos estes anos: unha santa. A elixida non podía ser outra que aquela á que xa lle botara o ollo había dez anos e á que viña estudando dende entón xunto coas Moura e as virxes: a santa Mariña. Todo esa investigación condensouse no traballo “Mariña, de deusa a santa. A advocación de Santa Mariña na cristianización da Gallaecia” que cousas do destino —ou da deusa— acaba de recibir o Premio Ramón Piñeiro de Ensaio 2016.

????????????????????????????????????

Nunca puiden imaxinar cando comecei esta aventura na procura das deusas que ía contar con tanta sorte e beizóns. Tres obras, tres galardóns e tres facianas nas que se agocha a vella idea daquelas antigas deidades femininas da vida, a morte, a terra e a fertilidade cuxo recordo aínda perdura na nosa mitoloxía e nas nosas crenzas.

Vai pois o meu agradecemento eterno para elas ou para ela na súa trinitaria presenza de Virxe, Moura e Santa.