Monthly Archives: Xaneiro 2014

“AS LENDAS QUE FALAN DE NÓS”. Artigo en La Voz de Galicia

Este domingo 26 publicouse en La Voz de Galicia unha reportaxe sobre lendas da ría de Pontevedra que incluía o meu artigo “As lendas que falan de nós”, unha reflexión sobre o significado e a importancia destes relatos míticos.

artigo lendas la voz 2

artigo lendas la voz de galicia

artigo lendas la voz de galicia - copia

“As lendas que falan de nós”

Rafael Quintía Pereira (Antropólogo)

Os galegos, como calquera ser humano, vivimos nun mundo culturalmente construído. A cultura, xa que logo, é a nosa ferramenta para ser e para estar polo que me atrevería a dicir que para o homo sapiens non hai vida fóra da cultura. A cultura é, sobre todo, unha armazón simbólica e as lendas e os mitos están feitos de símbolos; de aí a súa importancia, porque nos contan como somos e como estamos no mundo.

Galicia é unha terra xenerosa en mitos e lendas, en montes sacros, en pedras máxicas, fontes milagreiras, furnas misteriosas, en encantos e tesouros. Un país habitado tamén por seres míticos e cheo de lugares onde se produce a comuñón entre o mundo real e o fantástico, entre o terreal e o espiritual, entre o Aquén e o Alén. Son xeografías especiais que atesouran a nosa riqueza material e, sobre todo, inmaterial. Unha cultura inmaterial de relatos tecidos ao redor da paisaxe, que falan das nosas crenzas e de como os galegos vemos o mundo. En definitiva, son un máxico espello onde reflectir a nosa cultura como pobo.

Os cumios das montañas, as fonduras do mar, a escuridade dunha cova, a espesura dun bosque, os abismos dun cantil, as rochas peculiares ou as ruínas aqueolóxicas atribuídas popularmente a uns misteriosos pobadores —os mouros— son dende a antigüidade lugares que exercen no home un poder de mitificación e, ás veces, de transformación, pois nos fan ver o mundo e interactuar con el dun xeito distinto ao habitual. Por iso buscamos nos mitos un xeito de explicalos e de interpretalos. Uns foron vistos como lugares onde deuses, virxes ou santos facían acto de presenza; outros son dominio dos defuntos; nalgúns habitan seres feéricos e outras criaturas e moitos foron inspiración das máis creativas historias.

As lendas de mouros e mouras, os tesouros encantados, as cidades asolagadas, as criaturas fantásticas que moran nas covas, os enigmáticos túneles subterráneos e todo o universo mitolóxico alicerzado sobre o noso patrimonio arqueolóxico e natural constitúen unha moi valiosa herdanza cultural que nos informa acerca da sociedade que os creou e que os transmitiu, de xeito oral, xeración tras xeración. Estas historias —a nosa primixenia literatura— falan nunha linguaxe simbólica pero, nalgúns casos, tamén poden conter lembranzas de feitos pasados. A paisaxe convértese, así, nun complexo sistema de crenzas culturais e espirituais interrelacionadas nunha trama que une o home coa natureza, o sagrado co profano, o humano co sobrenatural e o mítico co cotián. Velaí a maxia e o valor deste patrimonio que herdamos e que temos a obriga de conservar e transmitir.

“O MUNDO DA MORTE, AS ÁNIMAS E OS DEFUNTOS NA CULTURA GALEGA”. VIDEO DA MIÑA CONFERENCIA NA UNIVERSIDADE D DEUSTO.

Achego o video correspondente á conferencia que din o paso novembro na Universidade de Deusto, en Bilbao. O video está dispoñible no canal youtube da Universidade de Deusto  ou a través do blogue dos lectorados de Lingua e Literatura galega no País Vasco (http://galegoeneuskalherria.wordpress.com/2014/01/20/video-da-palestra-de-rafael-quintia-na-universidade-de-deusto/).

Reitero o meu agardecemento a Paulo O´Lema e a Rho Dourado por terme convidado a este acto e pola súa hospitalidade e atencións recibidas.

Transcribo a continuación a información de presentación que acompaña ao video:

Palestra a cargo de Rafael Quintía, presidente e membro fundador da Sociedade Antropolóxica Galega, enmarcada dentro da celebración do Samaín (27 de novembro de 2013). A súa intervención foi precedida da proxección do documentario Em companhia da morte (João Aveledo, Eduardo Sanches e Vanessa Vila Verde, 2011).
Gravación e edición por cortesía de Raúl Río, da A. C. “Rosalía de Castro” de Barakaldo.

Rafael Quintíak, Sociedade Antropolóxica Galega erakundeko sortzaile eta lehendakariak, hitzaldia eman zuen “Samain” ospakizunen barruan (2013ko azaroaren 27an). Hitzaldia baino lehen, Em companhia da morte (João Aveledo, Eduardo Sanches eta Vanessa Vila Verde, 2011) izeneko dokumentala eman egin zen.
Raúl Río-ren eskaintza gisa grabazioa.

Conferencia a cargo de Rafael Quintía, presidente y miembro fundador de la Sociedade Antropolóxica Galega, enmarcada dentro de la celebración del “Samaín” (27 de noviembre de 2013). Su intervención fue precedida de la proyección del documental Em companhia da morte (João Aveledo, Eduardo Sanches e Vanessa Vila Verde, 2011).


Grabación y edición por cortesía de Raúl Río, de la A. C. “Rosalía de Castro” de Barakaldo.

O LIBRO “ALICORNIO” NA WEB GALICIA ENCANTADA

O ben querido e admirado Antonio Reigosa agasállame na súa magnífica web Galicia Encantada con este artigo sobre o meu libro “Alicornio. O poder do corno de unicornio na medicina tradicional galega”. Dende aquí a miña gratitude.

http://www.galiciaencantada.com/dentro.asp?c=0&id=2344

 

REIGOSA, Antonio:O poder do Alicornio

O meu amigo, o antropólogo Rafael Quintía Pereira, acaba de publicar un fermosísimo libro que responde ao título “Alicornio. O poder do corno de Unicornio na medicina tradicional galega”. Rafa Quintía é un home inquedo e sabio, e, como ten feito con outras moitas das súas publicacións e investigacións, responde aquí, unha por unha, a numerosas interrogantes que a todos os demais mortais nos poden parecer irresolubles. Existen os Unicornios? Como e de onde son? Cando chegaron os Unicornios a Galicia? Teñen realmente poder os cornos de Unicornio? E aínda unha cuestión non menor nestes tempos tan falsarios: Existe fraude no comercio de cornos de Unicornio?Respostas que o noso amigo vai debullando, capítulo a capítulo, unha tras outra, coa serea convicción de quen amosa o seu saber unha vez contrastadas e interpretadas con criterio as fontes documentais.

Lendo este libro descubrimos que sempre tivemos necesidade de crer nestes seres que no noso país soemos chamar Alicornios ou Licornes, coas súas variantes, e que a confianza nos seus efectos beneficiosos para a saúde vennos de moi antigo. O Unicornio xa se menciona nos libros sagrados e científicos dos primeiros séculos desta era, e desde entón ata agora mesmo chegaron ata nós inxentes cantidades, en pezas, anacos ou en po, da parte nobre e máis útil do animal, o seu marabilloso corno.

O éxito deste exótico remedio foi por moitos séculos incuestionable. Boticarios e cregos, sabias e curandeiros, fixeron del obxecto de culto e de negocio. Entre a xente do común posuír ou poder dispoñer deste amuleto equivalía a ter a man un seguro de vida; como se houbese SERGAS durante case toda a nosa historia.

O Unicornio máis fermoso é o que se describe con figura de cabalo branco, con un só corno na fronte, ás veces con zancas de antílope e perilla de chivo. Para darlle caza debemos pedir a axuda dunha moza virxe que lle ofrece botar un sono na almofada do seu colo. O Unicornio cede ao engano, agacha a testa, réndese e, por fin, adormece.O autor do libro di ter escoitado falar de unicornios negros, incluso azuis, e aínda doutros ben diferentes. Mais, oi iso cremos nós, o Unicornio verdadeiro só pode ser este, tan fermoso e tan incauto, con figura de cabalo branco inmaculado.

Usos do Alicornio
Desde reis ou raíñas ata os máis humildes humanos, fixeron uso dos poderes do corno de Alicornio. Para picadas e velenos, para mordeduras e feridas, contra o mal de ollo, epilepsia, lepra, gangrena, para rexuvenecer e ata para cambiar de sexo. Como amuleto contra conxuros e apócemas, para os males da cabeza, contra “soños de vulto” (cando ademais de ver, apalpas o que soñas) …, en fin contra case todos os males e a favor de case todo, tanto para persoas como para animais.

A fe na existencia real deste animal forzou a morte certa dun innúmero de seres cornados (rinocerontes, narvais, cabalos, cervos, …) que foron sacrificados para que o mito do Unicornio sobrevivise ata os nosos días. Todas estas criaturas inocentes, vítimas dese devezo enfermizo que temos os humanos por acadar a ilusión de ser inmortais. Sabémolo ben en Lugo, pois na Xoiería Refojo confeccionan desde quen sabe cando un anel con prata de sete marías (que pertencese a sete mulleres chamadas María) cun estoxo onde se metía po de corno de Alicornio ou da Gran Besta; en caso de escasearen esta materia prima tamén valían as raspaduras de vacaloura. Usábase contra a epilepsia.

San Genadio e o Unicornio do Bierzo
Un dos últimos apartados do libro dedícao o autor ás lendas arredor dos Unicornios ou Alicornios. Son relatos que nos axudan a descubrir bestas unicornias galegas, bercianas, zamoranas, navarras, estremeñas, manchegas, europeas … que nos amosan a convicción dunha longa tradición cultural arredor dun fenómeno absolutamente imaxinario.

Entre as lendas que nos trae Rafa Quintía, a min gústame especialmente a de San Genadio, un home santo que andou de eremita polo Bierzo aló polo século X na compaña dun Unicornio; un Unicornio humilde, tal canciño que en compaña do anacoreta andaba polos arredores de Penalba de Santiago. Parece que aquel Unicornio entendía a fala daqueles nosos devanceiros pero que, sobre todo, era moi despistado.

Un día descarreirouse e foi dar a San Pedro de Montes de Valdueza. E alí quedou, a vivir entre os veciños ata que morreu. E cando isto sucedeu, as xentes daquelas fermosas espenucas entenderon con asisado criterio que se trataba dun corpo santo, e que como tal merecía veneración. Claro que daquel corpo, por moi santo que fose, o que máis lles interesaba era o seu corno pois sabían que botando algunhas raspaduras nas augas, ora turbas e infectadas, volvíanse milagrosas.

Mais a verdadeira razón pola que Rafa Quintía se puxo a investigar as orixes e usos deste poderoso amuleto foi ver na súa propia casa un Alicornio herdado xeración tras xeración pola súa familia materna. Un lindo corno de Alicornio que con só miralo estarrece os sentidos e fai traballar a imaxinación.
Cando un ten, como Rafa Quintía, a posibilidade de ter nas súas propias mans un destes obxectos, ten que sentirse meigo e se a ocasión o pide, eu non o dubidaría, atreverse a usar o seu poder para enmeigar. 

Só así poderemos saber se o Unicornio existe ou se é produto exclusivo dunha fantasía secular.

alicornio en galicia encantada_Página_1alicornio en galicia encantada_Página_2

UN ANO DE IMAXES DA SAGA 2013

Para quen non o vira no blog da SAGA, aquí deixo o video que resume en imaxes o traballo da Sociedade Antropolóxica Galega (SAGA) neste ano 2013 que vimos de rematar. Moitas grazas a todos os nosos colaboradores, a todos os que estades aí apoiando o noso labor,  a todos eses amigos que estamos atopando na nosa romaxe iniciática por este país milenario de cultura inmensa e fascinante.

CADERNO DE CAMPO Nº7. Decembro 2013

Velaquí o novo número do boletín informativo da SAGA: “Caderno de campo” Nº7. Decembro 2013. Un número especial, de case 50 páxinas  cargadas de artigos, novas, descubrimentos e moitas cousas máis. Aquí o tendes para consulta on line ou descarga en pdf.

LIGAZÓN

http://issuu.com/cadernodecampo/docs/caderno_de_campo_n__7._decembro_201