Monthly Archives: Decembro 2010

Un libro para percorrer a GALICIA INVISIBLE

Galicia é un país máxico, unha terra de xeografías misteriosas, lendas e mitos. Un lugar onde o invisible e o visible conxúganse dun xeito extraordinario. Pese ós tempos que corren e ós que non consiguen ver máis aló da cor do diñeiro Galicia sigue a ser un lugar máxico capaz de conter no mesmo espazo xeográfico dúas realidades paralelas: a que vemos cada día e a outra, a Galicia invisible que nos agarda mergullada na néboa, agochada no fundo da terra, oculta baixo o mar dende a noite dos tempos, e Antonio Reigosa é o noso guía nese mundo, o porteiro que garda as chaves dese mundo, o Caronte que nos levará máis alá da realidade visible e tanxible. Así que xa saben, se queren percorrer este Nadal esa outra Galicia merquen a súa última obra Guía ilustrada da Galicia invisible , descubrirán que hai outro mundo máis aló do ladrillo, dos eucaliptos, do asfalto e dos muíños de vento, outro mundo que está neste.

Aquí vos deixo os datos da obra:

Antonio Reigosa (Autor/a), Noemí López Vázquez (Ilustrador/a)
Colección: INFANTIL E XUVENIL>EDICIÓNS SINGULARES
24 x 26 cm. / 104 Páxinas / Cartonado / I.S.B.N.: 978-84-9914-162-6
__________

Contido
Hai unha Galicia visible e hai outra que non se ve inzada de reinos, cidades, vilas, illas, covas, camiños, montes e outros moitos lugares onde disque fan vida xentes anfibias e outros seres capaces de circular entrambos os mundos, o tanxible e o intanxible, o que vemos e o que temos que imaxinar. Neste libro, unha guía práctica para viaxar por un cento destes lugares, abrimos as galerías, franqueamos e iluminamos os pasos soterrados para chegar a eses mundos escuros, sepultados baixo a terra ou a area, navegamos polas canles que conducen aos lugares mergullados baixo as arrebatadas augas dun pozo ou dunha lagoa, do mar ou do ceo, a guiámosvos polos carreiros que agabean ou descenden ata os segredos do misterio. Unha guía que fai visible o invisible.

Dende o Monte Pituco tamén se ve o Monte do Seixo

O libro Deuses, Mitos e Ritos do Monte do Seixo comentado no blog do Monte Pituco.

Véxase:
http://montepituco.wordpress.com/2010/12/22/un-libro-polo-nadal/

PUBLÍCASE “DEUSES, MITOS E RITOS DO MONTE DO SEIXO. Unha proposta interpretativa en clave céltica”

Hoxe edítase o meu libro Deuses, Mitos e Ritos do Monte do Seixo. Unha proposta interpretativa en clave céltica (Ed. Serpe Bichoca).

Deuses, Mitos e Ritos do Monte do Seixo é un modesto intento de interpretar e dotar dunha coherencia e cohesión todo o enxoval mítico, simbólico e relixioso que atesoura este monte, así como de encadralo nun contexto histórico-cultural concordante co substrato simbólico atopado nesta montaña, isto é, a cultura céltica do Atlántico europeo. Contémplase o libro, pois, como unha guía para coñece-lo significado que se agocha tras cada lenda e cada pedra do Monte do Seixo.

O libro é froito dos catro anos de investigación que, ó abeiro do Grupo de Estudos Etnográficos Serpe Bichoca, fun levando a cabo no Monte do Seixo. Con esta obra complétase a triloxía adicada a esta importante e descoñecida montaña sagrada da nosa xeografía galega (véxanse as obras: Monte do Seixo. Reivindicación da Montaña Máxica e Monte do Seixo. O santuario perdido dos celtas, do compañeiro Calros Solla) e dáse por finalizado o traballo que o G.E.E. Serpe Bichoca realizou no proxecto de investigación e divulgación da Montaña Máxica. Novas aventuras nos agardan coa entrada do novo ano.

Se algún de vós está interesado en adquirilo pódese pór en contacto comigo a través deste blog ou no email: serpebichoca@yahoo.es . Lembrade que, como ocorre con tódolos traballos da Serpe Bichoca, os ingresos da súa venda irán destinados a novos proxectos de investigación.

Quero aproveita-la ocasión para dárlle-las grazas ós meus compañeiros Calros Solla, por descubrirme a máxica mitoloxía desta montaña e prologa-lo libro, e a João Bieites, polo seu apoio incondicional e o seu traballo de maquetación.

So me queda agardar que gustedes da súa lectura, dárvolas grazas polo apoio e desexarvos a todos un Bo Nadal!

OS CANTARES DE REIS E A SÚA RECUPERACIÓN

Chega o Nadal e con el o tempo das panxoliñas e dos cantos de Reis.

Esta fermosa tradición, tan propia antano do Nadal en Galicia, consistente en i-la noite do 5 de xaneiro de casa en casa cantando os Reis e pedindo o aguinaldo, mantense viva hoxe en día nas parroquias de Tomeza, Bértola e Figueirido grazas ó labor dos Chichisos, que recuperaron esta tradición, hai xa unha década, despois de 20 anos de esmorecemento.

Se ben esta era unha tradición propia do ámbito rural, para complementa-lo seu traballo de recuperación e achegarlles ás xentes da cidade este ancestral costume do Nadal, os Chichisos decidiron levar estes cantos á cidade. Deste xeito, os sete últimos anos veñen cantando os Reis polas rúas e prazas de Pontevedra, converténdose hoxe en día nunha das estampas típicas do Nadal nesta cidade.

Cada ano son máis os nenos que se apuntan a esta actividade que comeza o día 26 de decembro cos ensaios dos cantos e remata a noite do 5 cantando polas parroquias de casa en casa e levando ós seus habitantes a ledicia e noraboa do nacemento de Cristo.

Nestes anos os Chichisos acompañados de todos estes cativos levaron os Cantos de Reis polas rúas e prazas de Pontevedra e de Vigo, polas parroquias de Tomeza e Salcedo no concellos de Pontevedra, por Bértola e Figueirido no concello de Vilaboa e no festival de cantos de Reis que cada ano se celebra en Boimorto.

No 2008 deuse un paso máis neste labor divulgativo e de recuperación ó incluír no seu programa de actividades do Nadal un obradoiro Obradoiro de cantos de reis celebrado no CEIP de Cabanas, Salcedo. Pontevedra. Decembro 2008. Este obradoiro de Cantos de Reis volveuse realizar novamente este ano 2010 con grande éxito de asistencia por parte de nenos e pais o que reflicte, pese ós tempos que corren, un interese vivo pola nosa cultura tradicional.

Pero que son os Cantos de Reis?

OS CANTOS DE REIS

Unha tradición habitual nas nosas festas de Nadal era ir cantar polas casas. Grupos de mozas e de mozos percorrían a aldea ou parroquia cantando estas pezas de literatura popular e transmitidas oralmente ó longo dos séculos. A cambio do seu cantar, a mocidade solicitaba o aguinaldo, xeralmente en especie (viño, chourizos, touciño, doces, lambetadas, etc.), que despois consumían todos xuntos facendo unha festa ou foliada.

Aínda que o tipo de composición mudase para cada data, a tradición de reunírense os mozos da aldea para ir cantar de casa en casa estas pezas tradicionais era a mesma por todo o país e o obxectivo tamén: conseguir algo de xantar e algunhas lambetadas para monta-la festa. En Nadal cantábanse panxoliñas ou nadais, en Fin de Ano as Xaneiras, Manueis ou Aninovos e a véspera de Reis os cantares de reis ou aguinaldos.

Normalmente os temas das cancións estaban relacionadas co Nadal. No caso dos cantos de Reis a temática adoita xirar arredor da visita e adoración dos Reis Magos a Cristo, a fuxida da Sagrada Familia a Exipto, a viaxe de Nazaret a Belén de Xosé e de María e a procura dun lugar onde parir.

Case a totalidade dos cantos de Reis relatan unha viaxe ou falan dun camiño o cal tampouco é casual se temos en conta que o Nadal coincide co período de mínima potencia solar e co intre no que o Sol comeza o seu renacemento cíclico a partir do solsticio de inverno. O Sol viaxa constantemente e o camiño representa a búsqueda dunha nova vida.

Estes cantos de Reis soían comezar cunhas estrofas de presentación dos “Reiseiros” na que se pedía permiso ou licencia para cantar na casa. A continuación viña o propio relato ou canto de Reis e adoitaban finalizar cunha de loubanza ós da casa onde cantaban, en caso de obte-lo aguinaldo desexado, pero tamén podía rematar dun xeito ferinte, e mesmo insultante, no caso contrario, facendo saber ós veciños quen estaba menos disposto a comparti-los seus alimentos. De seguido tocábase unha xota ou muiñeira e convidaban a danzar ós da casa.

Estes tipos de cantos son melodías longas e lentas, cantadas case sen respirar, con multitude de mordentes e adornos propiciados pola gaita. Conforman un estilo propio de canto, guturais, pisando os finais de estrofa cos comezos. Polas letras e melodías destes cantos percíbese que son de corte culto. Moitos deles teñen que ver con cantos gregorianos e cantares relixiosos dos séculos XV e XVI que foron adaptados e transformados polo pobo.

A meirande parte deles son en castelán ou castrapo, debido a súa orixe nos textos bíblicos ou eucarísticos, que eran sempre nesta lingua. Outras veces se a casa onde se cantaba era de “señoritos” entón trocábase nos cantos o galego polo castelán, para agrada-los anfitrións.

Os cantos de Reis eran interpretados por cuadrillas ou xugadas de homes, mozos e nenos que recorren as casas dando a boa nova cantando. Estes grupos de Reiceiros compóñense dun gaiteiro e dun ou varios cantores e incorporan, ocasionalmente, percusión e instrumentos varios, sobre todo instrumentos denominados humildes (botella de anís, cunchas, paos, piñas, etc.) que eran os que se podían atopar facilmente nas aldeas.

Pola zona sur da provincia de Pontevedra, conservan a súa propia tradición de cantos de Nadal, as rondallas. A orixe da tradición vén xa de lonxe, existindo rexistros dende 1920. Os vellos din que logo de ir á leira collían os instrumentos que había na casa, moitas veces feitos a man, e ían de pasarrúas polos barrios.

Exemplos de cantos de Reis interpretados polos Chichisos

Presentación e solicitude de licencia:

De lonxe viñemos os que aquí chegamos
se nos dan licencia os reises cantamos
os reises cantamos, os reises cantamos
se nos dan licencia os que aquí chegamos

Canto tradicional

Relato:

Cara a Belén camiña
unha nena ocupada
fermosa en canto a ela
San Xosé a acompaña

Chegaron a Belén
e pediron pousada
responderon de dentro
con voz alborotada

¿Quén chama á miña porta?
¿Quén a porta me chama?
somos Xosé e María
que pedimos pousada

Se traen cartos que entren
e se non que se vaian
cartos non traerei
máis que un real de prata

Eses son poucos cartos
pídano noutra parte
San Xosé se apenaba
María o consolaba

Non te apenes Xosé
non te apenes por nada
qué máis cartos que queres
que isto que me acompaña
Canto tradicional de Luíntra, Ourense

Despedida e petición de aguinaldo:

Cantámosche ós reises do kikiriki
se non nos dás nada cagámosche aquí
cagámosche aquí, cagámosche aquí
se non nos dás nada do kikiriki

Os reises cantamos pedindo aguinaldo
chourizas, touciño, pra facelo caldo
pra facelo caldo, pra facelo caldo
chourizas, touciño pedindo o aguinaldo

Canto tradicional

Relato:

A esta puerta llama un niño más hermoso que el sol bello
Parece que tiene frío y el pobrecito está en cueros

Anda dile que entre y se calentará
Porque en esta tierra ya no hay caridad
Y nunca la ha habido y nunca la habrá.
Entra el niño y se calienta y mientras se calentaba
Le pregunta la patrona de que tierra y de que patria

Y responde el niño yo soy de Belén
Mi padre es del cielo mi madre también

Estando todos cenando las lágrimas le caen
Por qué lloras niño hermoso por la cena que me dais

Mi madre de pena no podrá comer
Y aunque ganas tenga no tendrá de qué.

Mucho quieres a tu madre si señora que la quiero
Tres días que no la veo tres mil años se me han hecho

Si usted me dijera donde ella estaba
De rodillas fuera hasta que la hallara

Hazle la cama a este niño con premura y con amor
Señora no quiero cama que mi cama es un rincón

Mi cama es el suelo desde que nací
Y hasta que en cruz muera ha de ser así.

A eso de la media noche el niño se levantó
Y le dijo a la patrona señora quede con Dios
Si acaso mi madre por mi preguntara
Yo me voy al templo que allí es mi morada

Vete con Dios hijo mío de ti quedo enamorada
Ojalá que encuentres pronto a tu madre soberana

Y si no la hayas vuélvete a mi casa
Volveré señora a darle las gracias

Los padres lo están buscando por los valles y montañas
Y a todos cuantos encuentras por su hijo preguntaban

Decid si habéis visto al sol de los soles
Al que nos alumbra con sus resplandores

Aquí estuvo un niño hermoso por las señas que nos dais
Al templo se encaminó id allí por si lo halláis.

Canto de Reis tradicional, recollido a Paulina Justo Amor,
O Pombal, Tomeza, Pontevedra (nadal do 2002)

Cantos de reis de Rinlo

La Virgen María
A más San Ghosese
Se fueron a Belén
Montados en una burra, aié!!

Chegharon, petaron
Posada no les dieron
Volvieron a petar
En otro portale, aié!!

E digho Melchore
A Baltasare
Quen ta vaina eres tú como io,
E io como tú, e somos los dose.

E digho Melchore
A Baltasare
Sighan, sighan los instrumentillos que
Aleghran la vida, que ha nacido nuestro señore.

Canto de Reis tradicional de Ribadeo

Outros exemplos de cantos de Reis

Cantámosche os Reices
perniñas de cabra,
cantámosche os Reices
non nos deches nada.

Déanos, señora,
aunque sea pouco
un touciño enteiro
e o anaco doutro.

Moito anos viva
la dueña de casa
que en dar aghinaldo
nunca foi escasa.

Muchos años viva
el dueño también
todo el mundo dice
que es hombre de bien.

Ay devina estrella
ay devina luz-e
vamos a la casa
del Niño Jesús-e.

El Niño Jesús-e
más claro que on sol-e
lo parió su madre
sin tener dolor-e.

Xanceda, Mesía –A Coruña


O telexornal da TVG recolle a actividade dos Chichisos sobre a recuperación dos Cantos de Reis. Ano 2008.

UNHA OLLADA SURREALISTA Ó CAMIÑO PORTUGUÉS DE SANTIAGO 2ª PARTE

O prometido é débeda. Así que velaí teñen a segunda entrega do post “Unha mirada surrealista ó camiño portugués de Santiago”. Se na primeira entrega (véxase o post: https://asombradebouzapanda.wordpress.com/2010/03/28/unha-ollada-surrealista-o-camino-portugues-de-santiago/) ilustraba o tramo de Valença do Minho a Pontevedra, nesta segunda parte retratarei os tramos dende Pontevedra ata Santiago de Compostela. Comecemos pois…

Non leves moita roupa, no camiño sobran sitios onde proverse.

Se tes dúbida sobre que levar, sigue as indicacións que atopes no teu camiñar.

No camiño tamén hai perigos. Estaté alerta.

Mantente afastado dos perigos da carne e da luxuria.


Ten coidado con algúns dos lugares por onde pasas.

E pase o que pase nunca pérda-lo control.

Non sucumbas á soidade. No camiño sempre atopas alguén con quen falar.

E fales o que fales no camiño enténdese todo o mundo.

No camiño hai que morrer primeiro para despois renacer.

Nunca te deixes vencer polo desánimo.

Bótalle un par e sigue camiñando.

Sinte a enerxía do camiño.


Goza coa arquitectura tradicional.


Da armonía e antigüidade das súas capelas.

A precia a fermosura dos seus cruceiros.

Coa natureza virxe das súas corredoiras.

E coa paz e o silencio do camiño.

Ás veces terás dúbidas de que camiño tomar.

Outras, as indicacións son tan só “aproximadas.

Se aínda así tes dúbidas, consulta en internet. O camiño avanza cos novos tempos.

Tóme-la dirección que tomes, tódolos camiños conducen a Compostela.

E cando ó final do camiño chegues fronte á catedral de Santiago, descubrirás que a partir de aquí a túa vida cambiará de rumbo. Ultreya!!

Tódalas fotografías son propiedade do autor do blog.