Monthly Archives: Maio 2011

ALTAR DE PENA MIRANDA E A PEDRA FURADA


Sobre a ría de Vigo érguese a Pena Miranda, inigualable atalaia natural para asomarse a fermosura da enseada de San Simón, á Cuncha de Rande e Redondela, como lle chamou o Padre Sarmiento. Unha xeografía costeira que foi testemuña muda da nosa historia, dende os ataques dos piratas berberiscos, e séculos despois ingleses, á invasión napoleónica, co seu desembarco nas salinas de Paredes e a famosa batalla de Pontesampaio.

Alá no alto dos montes da parroquia de Paredes, no concello de Vilaboa, e xa lindeiro coa parroquia pontevedresa da Canicouva atópase a Pena Furada. Un espectacular abrigo natural que polos gravados que presenta e as lendas a ela asociadas fannos pensar en que este auténtico hipoxeo pétreo foi algo máis ca un simple capricho da natureza.


Un inmenso bolo granítico totalmente furado pola súa cara interior e que descansa apoiado no chan —na súa parte inferior— e sobre outra grande rocha —na súa parte superior— dan forma a este interesante acubillo.

No interior do abrigo, e sobre unha pedra na que posteriormente se labraron uns chanzos para acceder á parte superior da covacha, atopamos varios gravados de épocas históricas diferentes. O máis salientable, e posiblemente o máis antigo, é o motivo serpentiforme. O esquemático ofidio aparece custodiado por varios cruceiros e cruces, posiblemente de época medieval. Por último, aprécianse tres letras —a xeito de inicial de nome e dos apelidos— acompañadas da data de 1954. Na parte superior da rocha, e xa no seu exterior, aparecen labrada unha cruz de termo.


O lugar foi utilizado polos mozos da zona para facer magostos e outras xuntanzas festivas. Os numerosos lumes prendidos dentro das cavidades da pedra causaron importantes desperfectos nos incontables alvéolos desta peculiar mostra de erosión natural.



Un día, coincidindo cunha visita ó lugar, atopamos un paisano paseando pola zona que nos contou que existía a crenza de que na Pena Furada vivira antigamente unha vella cos seus animais, e seica acompañada tamén dun vello. Volvemos atopar nesta historia o bosquexo da lenda galega da Vella, esa moura que habita en megálitos, penedos figurativos e outro misteriosos enclaves da nosa xeografía e que, como xa comentamos noutros posts deste blog, posiblemente sexa o recordo mitificado dunha antiga deidade da natureza.

No Catastro do Marqués de la Ensenada podemos atopar algunha pista do que puido ser ou existir no alto deste outeiro. No Libro del Real de Legos referido á freguesía de Santo André de Figueirido, na descrición dos propietarios do barrio de Gandarela aparece consignado o “altar de Piedra Miranda”. Así mesmo, no libro que trae o Ynterrogatorio y Listas Generales de las Frâs de San Martin de Vilaboa, San Adrian de los Cobres y Santa Christina de los Cobres, na Lista General da parroquia de San Martiño de Vila Boa, cita o Altar de Pedra Miranda ó enumera-los Montes Altos. Vemos pois que a toponimia antiga fai referencia a existencia dun altar nestes cimos. Altar, do latín alatarium que por deformación popular da fala daría lugar ó topónimo outeiro. No seu día o ilustre Luís Monteagudo rastrexou a pegada destes antigos altares rupestres que se agochan baixo moitos dos nosos actuais outeiros.
Son interesantes tamén os topónimo Marco da Lapa, na faldra de poñente da Pena Miranda, e Alto da Lapa, no outeiro que se ergue fronte a Pena Miranda e ós pes da capela de San Amaro.


Toda esta zona foi lugar de extracción de pedra durante moitos anos polo que os outeiros e rochedos atópanse moi alterados. Se existía algún elemento arqueolóxico, algún altar rupestre ou calquera outro elemento ritual seguramente desapareceron con motivo dos labores de cantería. Non sería de estrañar que, como ocorre habitualmente na nosa terras, algún día se atopen os restos dalgún destes elementos arqueolóxicos reutilizados entre a cachotería das casas que se fixeron coa pedra extraída de Pena Miranda ou reutilizados como comedeiro, chanzo de escaleira, mesa de xardín ou columna dunha parra. Moitas son as aplicacións que lle teñen dado os nosos paisanos a estes restos, lembremos, por exemplo, o aparecido recentemente en Armea.

Mentres tanto, e á espera de que algún día poidamos chegar a saber algo máis daquel misterioso altar de Pena Miranda e das funcións que puido te-la Pena Furada, tan so nos queda gozar da aventura de redescubrir estes máxicos enclaves da nosa xeografía mítica e rezar pola súa protección e conservación.

© Fotografías propiedade do autor do blog.

A PENA DOS MOUROS (CASTROVERDE)

Recentemente tiven a oportunidade de visita-los concellos lucenses de Castroverde e da Fonsagrada. A visita foi breve pero intensa e frutífera. Grazas ó amigo David Outeiro puiden coñecer algúns dos tesouros etnográficos e arqueolóxicos que agochan estas terras montesías.

Un deses máxicos lugares é a Pena dos Mouros, na Fraga de Marrondo (Castroverde). Trátase dun abrigadoiro rochosa que por capricho da natureza arremeda a fasquía dun monumental dolmen. Estes penoucos adoitaban ser refuxio dos rapaces que levaban o gando a pastar pola zona pero tamén están relacionados cunha fermosa lenda que conta que a Pena dos Mouros foi feita por unha moura fiadora que pasaba un día pola fraga.

Seica a moura, que ía fiando na roca, cansada de camiñar e de cargar sobre a súa cabeza cunha grande laxe, parou a carón duns penedos a descansar e sobre eles deixou a pedra que levaba, de xeito que esa grande laxe acabaría formando o teito que cubre a casoupa dos mouros.

Como se pode comprobar nas fotos que adxunto, o interior da Pena dos Mouros ten unha altura considerable (máis de tres metros) e un longo corredor que desemboca nunha pequena cámara.

Entre a laxe que cubre a formación e un dos penedos sobre os que descansa observei unha importante acumulación de pequenas pedras que claramente foron postas, ou lanzadas, alí intencionadamente. Dalgún xeito lembroume ás numerosas pedras que hai sobre a Pena dos Namorados de Ponteareas. Non puiden descubrir se as pedras chegaron alí por algún tipo de entretemento dos rapaces que buscaban acubillo nos penedos ou, pola contra, corresponden a algunha tradición esquecida. Sería interesante poder profundizar neste feito, así que si alguén ten algunha nova ó respecto agradécese a información.

O maxestoso dos penedos, a fermosura da contorna na que se atopa, as lendas asociadas e a rareza “arquitectónica” desta espenuca fan deste lugar un dos abrigos naturais máis interesantes e espectaculares de Galicia. Un lugar a coñecer, conservar e respectar.

©Fotografías propiedade do autor.

NOTA:
Para saber máis sobre o patrimonio de Castroverde recomendo a lectura do libro: Itinerarios polo concello de Castroverde, escrito por Manuel Muñíz Besteiro e editado pola asociación Amigos do patrimonio de Castroverde que están a facer un labor marabilloso en prol da conservación e divulgación do seu patrimonio que é o de todos. Dende aquí doulle as grazas ó seu presidente Manuel Muñíz Besteiro polo seu traballo e pola guía.

Máis información:
http://amigosdopatrimoniodecastroverde.blogspot.com/

FALANDO DE CAMPÁS E CAMPANEIROS NO PROGRAMA “A REVISTA” DA TVG

http://agalegainfo.crtvg.es/videos/?emi=12219&corte=2011-05-09&hora=12:42:13&canle=tvg1

A TRADICIÓN ORAL E O TERRITORIO

Aquí vos deixo un breve texto de presentación do noso traballo, que elaborei para as Xornadas de CULTURA E TERRITORIO organizadas por ADEGA en Lugo.

A TRADICIÓN ORAL E O TERRITORIO
Rafael Quintía (Antropólogo e economista), João Bieites (Mestre de Artes plásticas). Membros do Grupo de Estudos Etnográficos Serpe Bichoca

Outeiriños, penedos, bosques, covas, formacións naturais caprichosas…. a man do home e da natureza se confunden nunha paisaxe natural que foi ó longo dos séculos utilizada, transformada, construída e reinterpretada simbolicamente dando lugar a unha rica e marabillosa literatura oral. A protección do noso patrimonio material e inmaterial non se entende se non vai parella á protección da súa contorna natural. Isto é aínda máis claro no tocante ó noso patrimonio inmaterial. Unha lenda, un rito, unha tradición sen a existencia da pedra, do monte, da fonte, do río ou do elemento natural ou material ó que vai asociada perdería todo o seu sentido e significación cultural dentro da comunidade social na que se produce. A perda do soporte tanxible ó abeiro do cal se desprega toda a nosa riqueza inmaterial supón a desaparición irreversible dese patrimonio inmaterial. Por iso a conservación de todo patrimonio cultural ten que ir obrigatoriamente da man da protección e conservación do patrimonio natural. Nos últimos tempos o Grupo de Estudos Etnográficos Serpe Bichoca orientou os seus esforzos a prol de dous proxectos de posta en valor do noso patrimonio material, inmaterial e natural.

O “Proxecto Montaña Máxica” arela divulgar o atractivo cultural do Monte do Seixo —verdadeiro parque temático da nosa mitoloxía popular—, ofrecéndoo como unha novidosa e dinamizadora alternativa cultural para a bisbarra de Terra de Montes. As actividades desenvolvidas polo Grupo de Estudos Etnográficos Serpe Bichoca neste senso foron moitas e variadas. Delas podemos cita-la posta en marcha do Roteiro da Montaña Máxica, en colaboración coa asociación Verbo Xido, a realización de charlas e presentacións do proxecto e o intenso labor de investigación e divulgación que concluíu coa publicacións de tres libros e a elaboración dun documental de longa duración.

O proxecto para a creación do Espazo Natural e Arqueolóxico dos Sete Camiños é unha proposta, avalada por máis dunha vintena de colectivos, que pretende pór en valor o importante e rico patrimonio natural e arqueolóxico do contorno de Couto do Pornedo e dos Sete Camiños. É un espazo que conforma unha unidade natural e que actualmente abrangue parte do monte comunal das parroquias de Salcedo e Lourizán, en Pontevedra; Postemirón e Figueirido, en Vilaboa e San Xulián, en Marín. A proposta representa unha alternativa viable para converter este espazo natural e arqueolóxico nun referente identitario para a comunidade local ademais de constituír un recurso social e economicamente rendible; destacando a necesidade de conservar, estudar e difundir este espazo pola súa importancia patrimonial, polo valor didáctico e polo poder identitario das pegadas deixadas na paisaxe polos nosos devanceiros.

Resulta, pois, prioritario proceder a protexer estas áreas de gran valor natural e cultural das posibles agresións. Para a posta en marcha deste tipo de proxectos é necesario unha acción conxunta das comunidades de montes, dos colectivos sociais e das administracións. Unha cooperación que supere anticuadas visións localistas ou partidistas. Unha nova estratexia colectiva que aposte por unha xestión e explotación sostible dos nosos recursos e do noso territorio, pola conservación e posta en valor do noso patrimonio material e inmaterial e por unha visión a longo prazo para garantir un unha digna herdanza cultural e natural para as xeracións futuras.

Dous momentos da mesa redonda sobre “A tradición oral e o territorio”:

De esquerda a dereita: Branca Villares (moderadora), Xerardo Feijoo Rapela, Antonio Reigosa, Rafael Quintía e João Bieites
De esquerda a dereita: Antonio Reigosa, Rafael Quintía e João Bieites

MÁIS INFORMACIÓN EN:
http://adega.info/info/090121joomla/novas-adega-lugo/508-as-claves-para-construir-o-territorio-son-conecelo-en-profundidade-valoralo-e-protexelo