Monthly Archives: Febreiro 2011

O PENEDO DAS VERRUGAS

Na aldea de Ardeseade (provincia de Ourense) e na faldra do outeiro coñecido como o Piñeiro atópase unha desas pedras milagreiras e sandatorias que, a pouco que se busque polas parroquias, aparecen a centos na nosa xeografía. Por desgraza, todos estes lugares, verdadeiras supervivencias de ancestrais ritos litolátricos ou asociados ás augas, vanse esquecendo pouco a pouco e cada vez é máis difícil localizalos ou dar con algún veciño que aínda saiba onde están ou sexa quen de guiarnos xunto eles.

Como dicía, na aldea de Ardeseade temos un destes fermosos exemplos e hoxe, grazas ás referencias que sobre a súa existencia me deron os compañeiros Rosalía e Xosé e a inestimable axuda dun veciño da aldea, tivemos a sorte dar con el.

O Penedo das Verrugas, que así se chama esta máxica rocha, é un penedo figurativo que presenta na súa superficie varias pías naturais. Estas pías arremedan a pouta dun lobo e, segundo di a tradición, a auga que conteñen non seca nunca.

A xente que padece de espullas (verrugas) achégase a este penedo coa esperanza de sanda-lo seu mal. Cómpre botar unha area de sal e unha moeda por cada verruga que se teña, despois ha de lava-la parte afectada mentres recita-lo seguinte ensalmo:

Verrugiñas traio,
Verruguiñas vendo,
déixoas aquí
e saio correndo

Rematada a letanía non queda máis que saír correndo do lugar e nunca mirar cara atrás.

Un veciño da zona contounos que de rapaz, cando andaban coas vacas a pastar pola zona, adoitaban ir xunto ó Penedo das Verrugas para remexer cun pau na auga da pía na procura das moedas que botara a xente. Seica sempre se atopaba algún patacón.

Pola alta vexetación coa que tivemos que loitar e a ausencia de carreiros ou camiños que conduzan ó lugar, podemos deducir que hai tempo que ninguén bota man deste antigo remedio.

Pero a sorpresa veu cando sondámola poza para ve-la súa profundidade (máis de medio metro) e metémo-las mans dentro para verifica-la autenticidade do rito e as ofrendas das moedas. Alá, no fundo da pía e baixo unha boa capa de terra, follas, paus e outros materiais orgánicas en descomposición apareceu o tesouro que foron deixando as ducias de doentes que ata aquí se achegaron no transcorrer dos anos.

Máis dunha trintena de moedas, entre elas algunhas pesetas de franco, duros do mundial do 82 e algunha que outra moeda de 10 céntimos de euro saíron á superficie como por arte de maxia.

Sobra dicir que as volvemos botar dentro da pía e, o que aquí escribe, aínda se animou a deixa-la súa ofrenda monetaria e face-lo ritual para curar unha espulla rabuda que non se deixa curar. Da efectividade do remedio falareilles cando pasen uns días.

Fotografías propiedade do autor do blog.