Monthly Archives: Agosto 2013

SAN RAMÓN E A SÚA DEVOCIÓN. AUDIO DA ENTREVISTA NO PROGRAMA “A VIVIR GALICIA” DA CADENA SER

Audio da entrevista para o programa “A vivir Galicia” da cadena Ser, con motivo da festividade de San Ramón.

http://www.avivirgalicia.info/

LIGAZÓN:
¿Por qué tanta devoción a San Ramón Nonato? RAFAEL QUINTÍA antropólogo.
RAFAEL QUINTÍA, audio.

http://www.divshare.com/download/24449039-e1f

s_ramon_nonato_1Fonte imaxe: http://www.devocionario.com

CADERNO DE CAMPO Nº6. AGOSTO 2013

Acabamos de publica-lo novo número do boletín informativo da SAGA: “Caderno de campo” Nº6. Agosto 2013. Aquí o tendes para consulta on line ou descarga.

LIGAZÓN:

O TRABALLO ANTROPOLÓXICO NO PROXECTO DO CASTRO DE MALLOU

o castro dende Mallou

O castro visto dende a aldea de Mallou

A Sociedade Antropolóxica Galega (SAGA) participou como entidade colaboradora na marabilloso aventura do castro de Mallou. Un proxecto de arqueoloxía social promovido polo concello de Carnota, dirixido polo arqueólogo Antón Malde e coordinado a nivel de comunicación e produción por Manuel Gago.

excavacion

A parte de colaborar nos labores de escavación, tanto eu como o compañeiro Miguel Losada levamos a cabo unha investigación antropolóxica na aldea de Mallou e un  traballo de recollida de tradición oral xunto con Sole Felloza. En próximas datas publicaremos un informe ó respecto pero quero aproveitar este posta para adiantar algúns dos temas estudados.

SAM_1667

Como broche de ouro deste proxecto organizamos tamén dúas actividades:

1º) Unha mostra de escultura en directo, onde o escultor e canteiro Marcos Escudero realizou no propio castro de Mallou e durante toda a xornada do sábado 27 a escultura da cabeza de porco que, segundo a tradición veciñal, foi baixada do castro e que luciu na aldea, no muro dun veciño, ata que foi roubada hai uns anos. A cabeza do porco foi entregada como agasallo ós veciños de Mallou nun acto simbólico de agradecemento e de restitución daquela vella cabeza de porco castrexa roubada no pasado.

marcos

Na web e no blog de Marcos Escudero poderedes descubrir algunha das marabillas que saen das mans deste artista de Mos, entre elas a reprodución do deus Xano.

 Web de Marcos Escudero:

http://www.m-arte.eu/

 Blog de Marcos Escudero:

http://aspedrasquefalan.blogspot.com.es/

2º) Un recital de zanfona, violín e nyckelharpa que correu a cargo dos músicos Carmen Gallego e Cesar Loureiro. O fantástico recital fíxose na croa do propio castro o sábado 27 á tardiña e supuxo unha auténtica viaxe polo tempo e polo espazo a través da zanfona e da nyckelharpa, unindo coas súas notas o mundo atlántico galego co mundo atlántico escandinavo, unha viaxe por Jacobsland dende o castro de Mallou ata a Torre dos Mouros, un percorrido musical pola nosa historia dende os célticos supertamáricos que habitaron estas terras á sombra do sagrado Monte Pindo ata os homes do dragón que chegados dende as incógnitas terras do norte asolaron estas costas cabalgando o indómito mar de Fisterra cos seus temibles drakkars viquingos.

concerto

A SAGA, e eu persoalmente, queremos agradecer expresamente ós amigos Marcos Escudero, Cesar Loureiro e Carmen Gallego a súa desinteresada colaboración nestas actividades e a súa xenerosidade para con nós ó non dubidar en apuntarse a este proxecto cando así llelo propuxemos. Moitas grazas compañeiros, por bos e xenerosos.

DSC_3440

A campaña do castro de Mallou durou 10 días divididos en dous períodos de traballo: do 17 ó 21 e do 24 ó 28 de xullo. Tendes toda a información sobre este proxecto na web: http://castrodemallou.net/

Comprender o castro desde a antropoloxía


A aldea de Mallou vista desde o castro. Fotos do post: SAGA

Texto: Sociedade Antropolóxica Galega (SAGA)

Publicado en: http://castrodemallou.net/index.php/comprender-o-castro-desde-a-antropoloxia/

A investigación antropolóxica realizada pola Sociedade Antropolóxica Galega (SAGA) na aldea de Mallou revelou interesantes datos sobre distintos aspectos da vida, organización e economía local desta comunidade carnotá durante os dous últimos séculos. O traballo realizado polos compañeiros Rafael Quintía e Miguel Losada achegou a este proxecto, entre outros datos, información acerca do uso e explotación agrogandeira do territorio e sobre o aproveitamento do litoral.

DSC_3387

A organización do solo, os xeitos de propiedade ou a distribución das distintas vías de comunicación tradicional entre esta comunidade e as poboacións veciñas —tanto do interior como da costa— tamén foron obxecto de estudo. A economía local e o comercio, a xestión do excedente agrícola ou pesqueiro, a riqueza en recursos naturais, o número de colleitas segundo a calidade do solo e a climatoloxía local foron aspectos básicos que tampouco escaparon a este traballo, así como o estudo da paisaxe da contorna e o seu cambio ao longo das últimas décadas.

indicando o camiño ó castroRafa Quintía indicando o antigo camiño de acceso ó castro

Aspectos máis vinculados á vida social, como o matrimonio ou a mocidade, entre outros, permitiron albiscar determinadas regras de parentesco que, a falla dun traballo máis intenso, fannos sospeitar a existencia dunha pauta patrilocal no matrimonio. A análise das festas e das celebracións locais revelaron tamén interesantes lugares de agregación e relación social entre as distintas comunidades desta contorna, destacando San Mamede sobre todos eles.

San Mamede e o Bico do santo

San Mamede e o Bico do santo

Os datos recollidos neste traballo de campo abranguen, como se dixo, un horizonte temporal que podemos acoutar en 150 anos, unhas tres xeracións, que é ao que se remonta a memoria viva dos veciños e que en terminoloxía emic (punto de vista do nativo) podemos denominar o que foi “de toda a vida”.

horreo mallouHorreo de Mallou e pía reutilizada no muro

Malia que, obviamente, estes datos non poden ser directamente extrapolables a un contexto temporal e cultural máis amplo ou distinto, si que poden ofrecernos datos de interese acerca de como vivía e se organizaba no ámbito territorial e económico, unha sociedade tradicional e rural baseada nunha economía primaria de subsistencia e autárquica, alicerzada na explotación dos recursos locais, tanto marítimos como terrestres.

muiñoMuíño de man atopado no castro

Algo de suma importancia para estudar as posibilidades de viabilidade e subsistencia das comunidades galaicas da Idade do Ferro como é o caso dos célticos supertamáricos que habitaron o castro de Mallou.

zonas de pastoreo dende o castro

Zonas de pastoreo vistas dende o castro

Estes datos cremos que poden ser de moita axuda, por exemplo, para o estudo dos camiños que comunicaban o castro coas comunidades do interior e do litoral, para a localización dos caladoiros litorais de uso habitual e os posibles emprazamentos de portos ou zonas de interese loxístico, e tamén para a determinación e acoutamento das posibles zonas de pastoreo e praderío, as zonas de uso intensivo do monte ou as mellores zonas para plantío e uso agrario.

facendo recollidaFacendo recollida en Mallou con Sole Felloza

Por último, en colaboración con Soledad Felloza, traballouse asemade no campo da recollida da literatura oral, das lendas e das crenzas locais, descubrindo un mundo mítico fascinante habitado por mouros, romanos, “ceutas”, buscadores de sangue, terribles criaturas aladas como a Rampoña ou fermosas soberanas como a raíña Lupa. Grazas a este traballo de recollida oral puidemos redescubrir unha das xeografías míticas que rodea ao castro de Mallou e que ficaba no esquecemento comesta pola vexetación.

Os Mouchos, abrigo inmediato ao castro localizado grazas á colaboración veciñal e ás lendas de mouros

Un lugar que presenta un grande potencial arqueolóxico a estudar no futuro, referímonos ós penedos coñecidos como Os Mouchos, no Outeiro da Xesta. Unha marabillosa pala, ou abrigo natural, conformada por penedos e outras formacións rochosas suxestivas que, segundo tradición local, foron acubillo dos mouros, de igual xeito que o fora o castro de Mallou.

Miguel Losada explicando lendas sobre o castro

Neste ámbito de cousas cómpre sinalar que o nome local co que se refiren as xentes de Mallou a este castro é A Raíña Lupa, pois neste xacemento posuía a famosa soberana o seu castelo e o seu trono, cadeira pétrea que aínda se pode contemplar sobre o Outeiro da Campá, verdadeiro amplificador natural usado polos nenos do lugar debido as capacidades sonoras e de produción de eco que posúe esta espenuca granítica.

trono da raíña LupaO trono da raíña Lupa

Indagando nos xogos dos nenos descubríronse posibles usos das pías naturais que adobían os penedos do castro e tamén outros interesantes microtopónimos que poden facer relación a estruturas adxacentes á muralla do castro de Mallou, como as Casiñas do raposo, baixo o outeiro das Sete Cabezas.

DSCF8679Outeiro das Sete Cabezas

A participación da SAGA neste proxecto ten vocación de continuidade e pretensión de calidade. Precisa, xa que logo, dun traballo de campo prolongado que deberá ser desenvolvido no tempo e que terá como albo o locus antropolóxico con epicentro en Mallou. A relación entre a comunidade e a cultura ven condicionada pola dialéctica entre os condicionantes externos e as pulsións internas. Por elo a SAGA comezou o estudo da interpretación do medio físico como resultado do rexistro histórico. A casa, a aldea, a parroquia e a comarca son as unidades de agregación tomadas en conta polo de agora, o seu estudo deberá permitir o mellor coñecemento da cosmovisión que sustenta a relación dinámica entre a xente de Mallou e o seu pasado.

DSC_3356Pombal en Mallou

teitoEstrutura do tellado dun pombal. Exemplo de solución arquitectónica para cubrir unha construción circular

Unha das liñas de investigación neste contexto, e que queremos salientar pola potencia da cultura inmaterial que a sustenta, será a da exploración do proceso de construción da idea dos “ Mouros” como un proceso de establecemento dunha alteridade sobre a que construir a propia identidade colectiva.

DSC_3329

O director da excavación Antón Malde falando con Miguel Losada

Esta imaxe, estendida por toda Galicia, está tamén presente neste lugar e, segundo a xente de Mallou, eles terían edificado o castro que se erixe omnipresente por riba da aldea. Non se lles atribúe, pois, aos devanceiros esta obra, se non aos membros “doutra” sociedade, relacionados dun xeito simbiótico co seu entorno, do que amosan un gran coñecemento, e que adoita ser eminentemente gandeiro e montañés. A construción da idea de alteridade —os outros, eles/nós, os mouros e axente do pobo— esixe o desenvolvemento dun proceso de conflitividade, redución, illamento, marxinación, afondamento no xeito de vida dos tales “outros” baseado no seu coñecemento do entorno; endogamia e estrañeza. Con esta hipótese de traballo, na SAGA vaise tentar aportar traballo neto ao esforzo multidisciplinar realizado no castro de Mallou de xeito exemplar por parte de todos os voluntarios e colaboradores desta iniciativa.

 currando

Tan só nos queda agardar que o traballo de campo realizado polos compañeiros Rafael Quintía e Miguel Losada dentro deste proxecto de arqueoloxía social sexa de utilidade na marabillosa aventura de achegar luz ao noso pasado. Dende a Sociedade Antropolóxica Galega queremos aproveitar esta ocasión para felicitármonos todos por iniciativas culturais como esta e agradecerlles, en primeiro lugar, aos promotores e directores do proxecto que confiaran en nós para este traballo e, en segundo lugar pero non por elo menos relevante, a todos os colaboradores e voluntarios polo cariño e trato recibido no tempo que pasamos xuntos. Rematamos por agora pero volveremos ao castelo da raíña Lupa…se a rampoña nolo permite.

“AS XOIAS QUE NOS FIXERON HUMANOS”. ARTIGO PUBLICADO NA REVISTA ALENTO

“AS XOIAS QUE NOS FIXERON HUMANOS”. Artigo publicado no nº3 (agosto 2013)  da revista ALENTO.

Alento3-version-ok 1

Alento3-version-ok 8

Alento3-version-ok 9

DESCARGA-LO ARTIGO EN PDF:

AS XOIAS QUE NOS FIXERON HUMANOS

“AS XOIAS QUE NOS FIXERON HUMANOS”

 Rafael Quintía Pereira

Nunha visión simplificadora e puramente materialista, defínese a xoiería como a arte do traballo dos metais nobres e das pedras preciosas con finalidade ornamental. Pero as xoias son algo máis ca mero ornamento e a súa orixe poderiamos buscala incluso antes do nacemento da Idade dos Metais no 3500 a.C. O sentido da estética, da harmonía, da beleza con todo o subxectivo e cultural que iso implica forma parte da visión do ser humano dende a noite dos tempos. As propias mostras escultóricas do paleolítico superior xa amosan un sentido da estética, da harmonía da forma e, posiblemente, un canon de beleza que nos está a falar dun home que xa pensa coma nós, dun home simbólico. É precisamente neste contexto onde nacen os primeiros elementos que poderiamos denominar xoias ou, se se prefire, protoxoias. Pero a idea da creación da xoia, o motor desencadeante dese proceso “artístico” que deu lugar ás primeiras xoias, vai máis aló do puramente estético e ornamental, desbordaba o mero adobío para penetrar no mundo do simbólico, da maxia e da relixión.

 colar de cairos

As primeiras mostras que temos destas “primitivas” xoias veñen dese contexto arqueolóxico do paleolítico e eran alfaias feitas con cunchas de moluscos, cairos, dentes, garras, marfil, ósos, fósiles, madeira, pedras (como o acibeche, a limonita ou o ámbar) e, incluso, arxila. Eran todos eles elementos da natureza, de orixe animal, vexetal ou mineral, polo que moitas delas eran xoias vivas que conservaban parte da esencia do ser do que proviñan. Precisamente por iso, probablemente estas primitivas xoias eran tamén amuletos protectores e obxectos sandadores. Atraídos pola aparencia destes soportes naturais, aqueles primeiros artesáns elaboraron tamén representacións de dentes e cunchas, e incluso de pequenos animais como os coleópteros, traballando materiais como o marfil, a pedra ou as hastas dos cérvidos. Unhas xoias que adornaban con diversas marcas e deseños xeométricos labrados sobre os propios obxectos ornamentais e que despois engarzaban en colares, colgantes, pulseiras e mesmo aneis.

 colar de cunchas e pedras

Ademais de como elementos ornamentais e amuletos, todos estes adornos primitivos posiblemente serviron tamén para expresar simbolicamente a propia identidade do individuo que as portaba ou, quizais, do grupo social ó que pertencía. Polo que cumprían unha dobre función: por unha banda individualizadora, ó servir para diferenciarse dentro do grupo, e por outra banda integradora, ó servir como símbolos de pertenza a unha comunidade da que sentirse parte integrante.

 OLYMPUS DIGITAL CAMERA

Pero por que son tan importantes estas protoxoias? A resposta é ben clara. Porque nos transmiten o pensamento do home, porque expresan os seus anhelos, medos, esperanzas e desexos, porque nos falan dunha linguaxe simbólica que naceu con nós nas cavernas, á luz das fogueiras, dos relatos ancestrais e dos primeiros grupos sociais. Elas contan historias sobre un tempo que xa pasou pero no que aínda nos podemos recoñecer porque a nosa mente pouco ou nada cambiou dende que camiñabamos pola terra cubertos con peles de animais e adornados con colgantes de ósos e pedras. Naquel máxico intre, xa perdido na escuridade do tempo, en que un ser humano decidiu engarzar un dente de lobo nunha corda de coiro, aquel sagrado instante en que unha muller pendurou do seu pescozo unha colar feito con cunchas e caracois de mar, o día en que un pai agasallou o seu fillo cunha figuriña tallada nun garabullo de madeira, ese día fixémonos humanos, espertamos como seres simbólicos cunha capacidade cognitiva ilimitada e un cerebro capaz de crear as maiores marabillas pero tamén de comete-las maiores barbaries. Diso nos falan as xoias, do que fomos e do que somos. Son o espello da nosa alma e da nosa condición humana, aquilo que nos separou dos animais, que nos vinculou ós deuses, ás forzas da natureza e ó Máis Alá. En definitiva, o fío de Ariadna que nos sacou da escuridade da cova para levarnos á luz dunha nova existencia como seres humanos, como o que hoxe somos todos nós.

 colar de colmillos e contas

Iso foi o que ocorreu na xa afastada noite do paleolítico. Coa chegada do neolítico o home fíxose sedentario, naceu a agricultura e a domesticación dos animais e con este cambio unha nova forma de organización social e de estar no mundo. O espertar da Idade dos Metais traería consigo o nacemento da xoia tal e como hoxe a coñecemos, pero iso xa é outra historia.