Monthly Archives: Xullo 2012

O ETNOMUSEO DOS POBOS DE SIBERIA E O LABOR DA ANTROPÓLOGA CARMEN ARNAU MURO

A semana pasada tiven a sorte de coñecer en persoa á antropóloga Carmen Arnau Muro xa que viaxei ata Toledo para entrevistarse con ela, coñecer de primeira man o seu traballo de investigación e visita-lo seu museo etnográfico e o seu  etnomuseo sobre os pobos indíxenas siberianos.

Carmen Arnau Muro (Polán, 1949) é licenciada en Xeografía e Historia e licenciada en Antropoloxía. O seu traballo de investigación antropolóxica centrouse no estudo dos pobos indíxenas de Siberia. Con 18 expedicións a Siberia realizadas dende o ano 1997, hoxe en día está considerada unha das maiores especialista nestas etnias, no chamanismo siberiano e a primeira antropóloga occidental que conviviu longas tempadas cos pobos da taiga siberiana, sobre todo cos chorses, nas montañas de Choria.

Carmen Arnau, cuxo admirable traballo sempre realizou en solitario e sen ningún tipo de axuda ou finanzamento das administracións ou das institucións académicas é, asemade, a fundadora do ETNOMUSEO DE LOS PUEBLOS INDÍGENAS DE SIBERIA, na localidade toledana de Las Ventas con Peña Aguilera,  e do MUSEO ETNOGRÁFICO de Polán. Estes proxectos, realizados ó amparo da súa fundación  (Fundación Carmen Arnau Muro) e do seu Centro de Investigación de los Pueblos Indígenas Siberianos.

 

O Etnomuseo dos pobos siberianos amosa, a parte dunha interesante colección de obxectos etnográficos destes pobos,  varios exemplos dos distintos tipos de construcións tradicionais das etnias destas rexións siberianas.

Por agora, o visitante pode ver, entre outras construcións,  unha yurta de madeira, un establo para o gando, unha sauna ou bania de troncos, varias chum de coido e paus e  un balagan, vivenda típica de Yakutia.

 

Yurta

Bania

Chum

Balagan

En canto ó museo etnográfico, o visitante poderá gozar dunha importante mostra de traxes tradicionais siberianos, de instrumentos musicais, artesanía indíxena, obxectos de uso doméstico, adobíos persoais e amuletos,  obxectos usados polos chamáns, así como dunha interesante exposición fotográfica,  material audiovisual e bibliografía especializada nestas comunidades indíxenas.

Como se pode ver, o traballo desinteresado (e totalmente autofinanciado) de Carmen Arnau na súa teima por coñecer e dar a coñecer estes pobos para así garanti-la supervivencia e respecto das súas culturas tradicionais é un claro exemplo de cómo a iniciativa e o traballo individual pode deixar en evidencia a pasividade, inoperancia, falla de sensibilidade e deixamento de funcións de moitas das nosas administracións públicas e institucións académicas e culturais cuxo motivo de existir é precisamente o fomento e a divulgación da investigación histórica e cultural.

Por suposto, as institucións rusas tampouco teñen o máis mínimo interese en que se coñezan estes pobos e se conserven e respecten as súas linguas, culturas e tradicións, máis ben o contrario, e o proceso de colonización cultural e perda de identidade e lingua avanza inexorablemente. Por desgraza, todo indica que os pobos indíxenas non teñen cabida no novo mundo global e capitalista.

 

Dende aquí, quero agradecerlle a Carmen e ó seu marido a súa amabilidade e hospitalidade amosada conmigo, que só pode nacer de quen ama e cre no seu traballo. Tamén quero  felicitala públicamente polo seu tenaz labor a prol da investigación e divulgación da cultura dos pobos indíxenas de Siberia e animar a todo aquel que lle interese a antropoloxía e a cultura dos pobos indíxenas a que visite o seu etnomuseo e o seu museo etnográfico, certo estou de que ben lles merecerá a pena a viaxe. Por suposto, tamén recomendo a lectura de calqueira dos moitos traballos publicados por Carmen, entre eles os libros “Los chorses: un pueblo de la taiga de Siberia” ou “Chamanismo entre los chorses de Siberia”.  MOITAS GRAZAS, CARMEN.

MÁIS INFORMACIÓN:

PÁXINA WEB DE CARMEN ARNAU MURO:

http://www.carmenarnaumuro.com

PÁXINA WEB DO ETNOMUSEO DOS POBOS INDÍXENAS DE SIBERIA:

http://www.etnomuseosiberia.org/

PÁXINA WEB DA FUNDACIÓN CARMEN ARNAU MURO:

www.fundacioncarmenarnau.org

 

VIDEO SOBRE O TRABALLO DE CARMEN ARNAU MURO:

AUDIO DA ENTREVISTA EN RADIO VOZ SOBRE AS ORIXES E TRADICIÓNS DO CAMIÑO DE SANTIAGO

Audio do especial  sobre as orixes e tradicións do Camiño de Santiago. Emitido no programa “Encuentros en la medianoche” de Radio Voz.  Participan: o antroplólogo Rafael Quintía, o etnógrafo Rodolfo Dacuña, o historiador Álvaro Bermejo e o arqueólogo Pablo Novoa. Data de emisión:09/06/2012       

ESCOITA-LO AUDIO:

DESCARGA-LO AUDIO:   

http://www.ivoox.com/orignes-tradiciones-del-camino-santiago-audios-mp3_rf_1317399_1.html

           

ENTREVISTA NO XORNAL “ATLÁNTICO”

NOTA ACLARATORIA:

Na transcripción da entrevista cometeron un par de erros de interpretación que quero corrixir. 1º) O bispo que construiu o castelo da Lanzada chamábase Sisnando II (non Xisnando). Era o bispo de Iria Flavia e fixo esta fortaleza no século X (non no século XII). Foi o arcebispo de Compostela Don Diego Xelmirez quen a reconstruiría no século XII.  2º) O segundo erro fai referencia ó lugar onde se realizaban ritos de fertilidade que se chama o “Berce da Santa” non o “Berce das Antas”.

PRESENTACIÓN DO LIBRO “A NOSA SEÑORA DA LANZADA” NA FEIRA DO LIBRO DE VIGO

O vindeiro venres 6 de xullo ás 19h, e co gallo da Feira do libro de Vigo, presentarémo-lo traballo “A Nosa Señora da Lanzada. Estudio antropológico de un santuario costero”.

Lugar: Praza de Compostela. Vigo

Día: 06/07/2012

Hora: 19h

Faro de Vigo 06/07/2012 

O MUNDO DOS SANTUARIOS GALEGOS. AUDIO DA ENTREVISTA EN RADIO VOZ

Audio da entrevista realizada no programa “Encuentros en la medianoche” de Radio Voz. Data de emisión: 06 de maio de 2012

ESCOITA-LO AUDIO:

DESCARGA-LO AUDIO:

http://www.ivoox.com/mundo-santuarios-galicia-audios-mp3_rf_1316161_1.html