Monthly Archives: Xuño 2010

Petróglifos con lendas en San Martiño de Salcedo


Existen na parroquia de San Martiño de Salcedo (concello de Pontevedra) un conxunto de petróglifos —o catalogado como Grupo Nº 5 dos petróglifos de Outeiro da Mina— coñecidos como Pedra do Fundamento ou Pedra da Moura. Estas pedras gravadas teñen unha lenda de mouros asociada que poiden recoller dun veciño de Salcedo unha mañá que casualmente paseabamos polo lugar. A lenda recollida di así:
“A xente conta que na Pedra da Moura habitan dúas mouras moi fermosas que se convertían en serpes. Din que estas damas belidas gustaban de ir á festa, como o común dos mortais, e cando regresaban para o monte acompañadas dalgún mozo, pois a súa fermosura era engado para acompañantes, ó chegar un pouco antes da devandita pedra parábanse e non deixaban que os mozos as acompañaran máis aló. Un día un destes pretendentes non fixo caso e seguiunas ata a pedra e cal foi a súa sorpresa cando viu que as mouras que acompañara esa noite se transformaban en serpes arrepiantes e desaparecían na peneda. Tamén contan que outra vez unha destas mouras díxolle ó seu pretendente que era víctima dun feitizo e que debía axudala a romper co pesado encantamento. A moura díxolle ó rapaz que a seguise ata a pedra e que pasase o que pasase non se asustara. Así fixo o mozo, pero tan pronto chegaron á pedra, a moura transformouse en serpe e amosouse ante el con tal repugnante fasquía e un caravel nos beizos. O rapaz asustado saíu correndo sen cumpri-la súa promesa de axuda-la a se desencantar”.

Pero estes máxicos penoucos tamén gardan outra lenda. É a que fai referencia o conxunto rupestre de Regato do Buratos, en concreto sobre o grupo rupestre Nº 2 formado por unha grande lousa de granito a ras de chan con abundantes cazoletas aliñadas que se sitúa sobre a calzada dun antigo camiño Contan os veciños da zona que cando se ía co carro ó monte en busca de toxo, ó pasar por riba da pedra, sentían un estrondo tremendo baixo os seus pés, como se a pedra que pisaban estíbese oca por dentro. Este insólito fenómeno asociábase ó feito de que nese mesmo lugar se aparecesen as mouras, o que axudaba a reforza-la crenza de que se trataba dun lugar especial.

Tódalas fotografías son propiedade do autor do blog.