Category Archives: 06. OPINIÓN, DEBATE E DENUNCIA

ENTREVISTA EN NÓS DIARIO

En Nós Diario fixéronme un “selfie”.

FALANDO DAS MÁZCARAS DE MANZANEDA NO DIARIO “GALICIA CONFIDENCIAL”

A continuación deixo a ligazón e a transcrición da entrevista que me fixeron no Galicia Confidencial co gallo deste entroido 2019. Nela falo das Mázcaras das terras de Manzaneda, do seu fulión e da súa danza xiróvaga, entre outras cousas. Algo absolutamente fascinante e único nas mascaradas europeas.

https://www.galiciaconfidencial.com/noticia/87487-fulions-terras-manzaneda-mormentelos-vilarmeao-tenen-fai-unicos-europa

TRANSCRICIÓN DA ENTREVISTA:

“Os fulións das terras de Manzaneda, Mormentelos e Vilarmeao “teñen algo que os fai únicos en Europa”

Todos os entroidos teñen similitudes por corresponder a un mesmo esquema ideolóxico, mais o feito diferencial do entroido de Manzaneda, “fulión”, está no ritual das mázcaras e as súas danzas xiratorias. Así o entende o antropólogo galego Rafael Quintía.

Por X.M. Fernández | Manzaneda | 02/03/2019 | Actualizada ás 10:00

Dende o día 20 de xaneiro xa “anda o Fulión” polas Terras de Manzaneda e veñen sucedéndose diferentes rondas de visitas dos “fulións” polas parroquias da zona e algunha que outra “Fuliada”, preferentemente en fins de semana.

De cara a estes días que temos por diante, e tirando do programa que publica o Concello de Manzaneda, aínda podemos unirnos a algún fulión e vivir en directo algunha fuliada. O sábado 2 de marzo temos “Fuliada” da Mourela pra acá’ en Bidueira a partir das 11:00 h., visita do “Fulión de Borruga/Cubeiros” a Langullo ás 18:00 h. e visita do “Fulión de Requeixo” a Bidueira ás 21:00 h. Para o domingo 3, ‘Domingo Gordo’, haberá “Fuliada” en San Martiño a partir das 15:00 h. e xa o 5 de marzo, ‘Martes de Entroido’, ás 11:30 h. desfile de Fulións pola Vila de Manzaneda e despois ‘Xantar popular’ de confraternización para os participantes, veciños/as e visitantes.

O ‘fulión’ é unha representación de veciños e veciñas equipados con bombos, cornas, aixadas e gadañas que, acompañados das Mázcaras, figura central do ‘entrudio’ de Manzaneda, visitan as parroquias da contorna. Na maioría das ocasións están organizados de forma espontánea pola xente das aldeas e non se anuncian. As ‘fuliadas’ son pezas teatrais satíricas e coplas sobre temas de actualidade referidos aos parroquianos/as: anécdotas, conflitos de fincas, problemas de parella, defectos dos veciños/as, etc.

O Fulión foi declarado “Festa de Interese Turístico de Galicia” no ano 2008 e aínda que teño contrastado aspectos desta celebración tan ancestral con xente do lugar, devotos deste entroido e incluso ‘Mázcaras’, este ano decidín preguntarlle a un dos antropólogos galegos que o coñecen ben. Trátase de Rafael Quintía.

2019_3_1_56941s740x

Que se coñece das orixes ou posible xermolo do que hoxe é o “Fulión” das Terras de Manzaneda?

Como acontece con moitos aspectos do entroido, ao ser unha festa tan complexa e de tan longo percorrido, descoñecemos as orixes histórica exactas deste tipo de expresións. En todo caso, para poder entender a súa orixe e significado hai que ter unha visión de conxunto e saber enmarcar esta celebración no seu contexto temporal -a última das festas da invernía- e xeográfico, toda Europa. Calquera explicación localista, alén dalgún aspecto concreto ou particularidade local, que non contemple o fenómeno na súa globalidade é absurda e non conduce máis que a crear falsos mitos que non soportan unha mínima análise seria. Por desgraza, temos moitos exemplos desas ocorrencias explicativas e localistas no noso país, que se repiten coma mantras sen ningún sentido, incluso impresos en folletos oficiais.

 

Que semellanzas ten con outras manifestacións tradicionais do Entroido de Galicia e que trazos diferenciais ten?

Malia ás particularidades locais, froito da necesidade da construción dunha identidade propia e diferente, todos os entroidos de Galicia, e tamén de toda Europa, teñen moitas similitudes pois corresponden a un mesmo esquema ideolóxico. Tanto entre eles como coas mascaradas da invernía, das que son unha continuidade. As representacións teatrais e satíricas, como as da fuliada, son comúns a moitos entroidos. De feito son un dos elementos característicos do entroido. Os ritos de comensalidade, os banquetes veciñais, os petitorios polas casas son cousas recorrentes no entroido. As fariñadas ou as loitas ritualizadas entre sexos tamén son habituais. Así como a presenza de determinadas máscaras como o touro, o oso e o domador, a presenza de personaxes de branco con mestura de roupas de home e muller ou os folións, típicos tamén de Vilariño de Conso ou de Viana do Bolo, por exemplo. Pero os fulións das terras de Manzaneda, ás que hai que engadir Mormentelos (Vilariño de Conso) e Vilarmeao (Viana do Bolo), teñen algo que os fai únicos en Europa é iso é a danza rotacional das que eu chamo Mázcaras xiróvagas. É o rito que fan e como o fan o que diferenza este entroido.

GRUPO

Que representa logo a ‘mázcara’ e a súa característica danza xiratoria?

Tense dito que a orixe da danza das Mázcaras está en antigas danzas pastorís pero iso non nos di nada acerca do porque desa danza, do seu sentido e da súa función. Para entender esta danza hai que penetrar no sentido primixenio do Entroido, na súa esencia orixinaria, isto é, no seu sentido de rito de rexeneración, de expulsión da invernía e de favorecemento da chegada da primavera. É neste contexto simbólico onde podemos intentar albiscar o sentido da danza das Mázcaras e a súa absoluta coherencia como un auténtico rito destinado a favorecer a renovación anual da natureza e do seu poder vital. Ao longo da historia as danzas rituais constituíron unha das partes máis importantes nas grandes festas da fertilidade. O movemento é o prototipo das forzas vitais e o que non se move está morto. Sabemos que as danzas circulares adoitan ter un fin de rexeneración. Algo que podemos rastrexar en moitas danzas de diferentes culturas. A existencia de danzas circulares propiciatorias ou asociadas á rexeneración ou á fertilidade, xa que logo, é algo común en pobos e culturas de economía agrario gandeira, como era a galega. Por iso, eu creo que a danza rotacional das Mázcaras xiróvagas de Manzaneda (e Mormentelos e Vilarmeao) é unha danza de renovación, de reactivación do ciclo anual da natureza e da vida. Eles e elas son os que fan xirar o noso mundo para que todo volva a empezar. Repito, algo único e fascinante e témonolos nós, en Galicia. Grazas aos veciños e ás veciñas destas montañas, que souberon preservar e manter vivo este auténtico tesouro da cultura europea.

Por certo, creo que tes escrito que debe ser a única figura do entroido galego que xira sobre o seu eixe. É certo?

Polo coñecemento que eu teño, podo equivocarme, pero coido que non existe ningunha máscara nos entroidos ou mascaradas invernais de toda Europa que faga o que fan as Mázcaras destas terras de Manzaneda.

DSC_2536

En canto á vestimenta da mázcara e os motivos da ‘mitra ou pucho’ na maioría pódense adiviñar como coroas con diferente creatividade pero nalgunha teño visto como construcións, casas… a que pode responder isto?

Unha característica definitoria de moitos destes oficiantes das mascaradas invernais de toda Europa é a presenza de roupas brancas, da combinación nun mesmo traxe de elementos de home e de muller, a proliferación de fitas de cores como adobío do traxe, o uso de mantóns floridos e de gorros cónicos con adornos de estilo floral, vexetal ou de fitas multicolor. As Mázcaras levan un pucho típico destas personaxes invernais, apuntado cara ao eo, con certa feitura cónica ou de coroa e adobiado con papel de colores ou similar. Podemos atopar paralelos por toda Europa, dende os gorros dos Biddy Boys de Irlanda ata os das máscaras do Masopust de Chequia. A feitura do pucho das Mázcaras é moi similar ás coroas dos Maios, e eu penso que ten que ver con esa idea de rito de rexeneración da natureza que está latente no entroido. Ambos os dous evocan ao mesmo principio rexenerador: a chegada da primavera e a súa forza revivificadora da natureza. Os puchos figurativos, estilo barco ou casa penso que son unha evolución das formas orixinais e máis coherentes co significado do entroido.

DSC_2398

Polos teus coñecementos e por telo vivido en directo, este mesmo domingo pasado en Bidueira, que emocións transmite o “Fulión”?

É algo difícil de expresar con palabras, algo máxico que remove a alma e que só lembralo fai que un se emocione. O permiso é o momento máis solemne da ronda do fulión. Un momento sagrado en todo o seu sentido, pois é o intre en que a comitiva veciña pide o permiso para traspasar os límites da comunidade de acollida e facer a ronda do fulión. É un momento reverencial no que se fai o silencio absoluto. O fulión visitante procede entón a pedir o permiso para entrar na aldea, e faino en verso, con palabras de loubanza cara a aldea que os acolle pero tamén con algunha brincadeira, coa rexouba e a sátira que ten que estar sempre presente porque o humor é o mellor bálsamo par suavizar as tensións sociais. Rematada a súa intervención, responden os anfitrións, tamén en verso, e nunha clave similar para, finalmente, conceder o permiso de entrar na aldea e de percorrela tocando e danzando. É neste momento onde se produce o clímax do encontro, as cornas comezan a soar, os bombos a atronar, os chocallos a tremer, o ferro a bater, rómpese o silencio cerimonial, hai bágoas de emoción e as Mázcaras realizan un movemento de translación cara o centro da escena e comezan a xirar na súa danza hipnótica ao ritmo do toque. Arranca o fulión e o mundo empeza a xirar. Visitantes e anfitrións xúntanse nunha soa comitiva, nunha soa voz, que é o toque do folión, e avanzan pola aldea impulsada polo son e o ritmo extático, abrindo a comitiva as Mázcaras, que van executando a súa danza xiróvaga cunha mestría e elegancia asombrosa. É un rito solemne, de trance e irmandade colectiva. Non é un “cachondeo”, é algo moi serio onde todos son un e o fulión avanza parando nas casas onde son agasallados con comida e bebida para despois continuar nesa sorte de procesión arrastrada polos xiros das Mázcaras. Ás veces, os que tocan no fulión incrementan a potencia do toque, rodean as Mázcaras e comezan a oulear, incitándoas a xirar e xirar nun in crescendo de intensidade e enerxía que estremece. É algo único para vivir e sentir. Para min é un rito sagrado que me remove por dentro.

DSC_2460

Tes vivido tamén algunha “Fuliada”? Que destacarías delas?

A fuliada representa o aspecto satírico, burlesco e teatral do entroido. A válvula e escape anual ás convencións e rixideces sociais. Algo necesario para a catarse colectiva e a renovación do ciclo. Un momento onde opera unha normatividade diferente á do resto do ano e onde é posible facer e dicir cousas que noutros contextos temporais non o serían. Por iso eu sempre digo que prohibir ou intentar controlar o dereito á critica e á sátira no entroido é un atentado contra o noso patrimonio inmaterial e debería estar penado por lei, de igual xeito que está penado facer pintadas no Pórtico da Gloria. Na fuliada vese a capacidade creativa do pobo, a retranca galega, as dotes de improvisación, o enxeño da xente. Son a expresión máis pura do humor do pobo.

MEDICO

Fotografías: Rafa Quintía

FALANDO DE ENDEMONIADOS E EXORCISMOS

Entrevista publicada o pasado 9 de xuño no suplemento “Revista” do Diario de Pontevedra dentro dun número especial sobre endemoniados e e exorismos.

EXORCI 1

EXORCISMO

 

A PROHIBICIÓN DA SÁTIRA NO ENTROIDO COMO DELITO DE DESTRUCIÓN DO PATRIMONIO CULTURAL

ARTIGO PUBLICADO NO DIARIO DIXITAL “SERMOS GALIZA” O PASADO 17 DE MARZO DE 2018.

LIGAZÓN: 

http://www.sermosgaliza.gal/opinion/rafael-quintia-pereira/prohibicion-da-satira-entroido-delito-patrimonio/20180316175259067068.html

 

A PROHIBICIÓN DA SÁTIRA NO ENTROIDO COMO DELITO DE DESTRUCIÓN DO PATRIMONIO CULTURAL

Rafael Quintía Pereira (antropólogo)

Cada vez que chega o Entroido hai problemas co tema da sátira pero, ultimamente, estes ataques ás licenzas do Entroido estanse radicalizando e levando a xente, incluso, aos tribunais. O debate está na rúa, ou nos medios, que non sempre é o mesmo. Mais penso que se erra na formulación do problema. Aquí non estamos ante un problema de liberdade de expresión ou de opinión, estamos directamente ante un delito de atentado contra o patrimonio cultural. E refírome, por suposto, a aqueles particulares, colectivos e entidades que denuncian os ritos parodísticos e satíricos propios do Entroido.

O Entroido tradicional galego é algo moi serio. Unha festa ritual que marca o fin do ciclo da invernía e que, como festa antiga e complexa, ten moitos planos, moitas capas e unha rica simboloxía e ritualidade, ademais de cumprir unha serie de funcións sociais fundamentais para a renovación anual do ciclo natural e da vida social. Unha das compoñentes do Entroido, non a máis significativa pero si moi importante, é a da realización do que se denominan ritos parodísticos, é dicir, momentos e actuacións dedicadas á sátira, á mofa, á crítica e ao escarnio, á parodia ou ao teatro humorístico. Precisamente, o trazo máis significativo do que son os actuais carnavais urbanos.

Lembremos que, en contra do que vulgarmente se di, o Entroido non é o tempo do caos, nin do mundo ao revés, nin do todo vale, como se pode escoitar a miúdo ou incluso ler en folletos editados con cartos públicos e por administracións ás que se lle presupón un pouco de rigor informativo. O Entroido é un fenómeno cultura estritamante regrado, con moitas dinámicas perfectamente establecidas, cuns ritos e uns usos sociais claramente marcados. O que define o Entroido é que é un tempo especial, diferente do que acontece no resto do ano. Un tempo liminal, no temporal e no simbólico, xanela entre a invernía e a primavera onde poden acontecer cousas que non poden suceder noutro espazo temporal do ano. Un momento cunha normatividade diferente e na que se permiten cousas que noutras datas non serían consentidas e, incluso, serían consideradas disruptivas da orde social e moral establecida nunha comunidade. O momento no que os oficiantes do Entroido poden traspasar os límites da propiedade privada, da construción de xénero, da humanidade e da animalidade, das fronteiras da súa comunidade ou dos valores morais e éticos desa colectividade.

É neste contexto onde temos que entender o papel da crítica como mecanismo de catarse colectiva e de rito de renovación para que a vida -natural e social- poda continuar. Un rito que funciona como válvula de escape das tensións propias da vida en comunidade, un xeito satírico e parodístico de ritualizar as rivalidades, os enfrontamentos, as situacións de submisión e dependencia xerárquica que acontecen ao longo do ano nas sociedades humanas. A sátira, a crítica e a burla ao veciño, ás autoridades e aos poderosos, á Igrexa , á aldea do lado ou entre homes e mulleres ou novos e vellos foron e son un elemento fundamental do noso Entroido tradicional. Os teatrillos populares, as representacións dos “oficios”, as fuliadas, os sermóns do Pradicadores, os testamentos do galo ou do burro, as letras das murgas, os versos nos atranques dos Xenerais da Ulla, a confección de lardeiros e lardeiras para mofarse entre mozos e mozas, os mecos esperpénticos, os monecos con versos satíricos que se lle deixaban na aldea do veciño ou, hoxe en día, os pregóns e os cartaces anunciadores da festa son só algúns exemplos destes ritos parodísticos propios do Entroido.

Precisamente, esta é a clave: o contexto. A análise dun feito ou fenómeno sen ter en conta o seu contexto é un exercicio absurdo pois impide a comprensión do significado último dese fenómeno. Se eu me poño a torturar con lanzas e espadas publicamente unha becerra na praza do Obradoiro cometerei un delito de maltrato animal. Se o fago no contexto dunha tourada, guste ou non, nese caso non só non será un delito senón que estará incluso protexido pola lei como mostra do patrimonio cultural. Velaí a importancia do contexto. De aí que determinadas sátiras que noutro contexto podan ser obxecto de delito de ofensa, sexa iso o que sexa, teñan que ser necesariamente permitidas e especialmente protexidas no Entroido en aras da salvagarda do noso patrimonio cultural.

Denunciar que no Entroido exista a crítica ou que alguén se poda sentir ofendido por unha parodia é un sensentido tan obvio como se alguén intenta prohibir que na Semana Santa se saque un paso cun Ecce Homo alegando apoloxía da tortura ou da violencia. Algo tan absurdo e sacrílego como prohibir o consumo de viño no sacramento da Primeira Comuñón argumentando que incita ao alcoholismo aos cativos. Xa que logo, intentar coartar a normatividade especial que rexe no Entroido supón atentar directamente contra o noso patrimonio cultural como pobo, pois lembremos que o Entroido é patrimonio inmaterial e o patrimonio inmaterial está protexido legalmente, do mesmo xeito que o está o patrimonio material. Prohibir ou intentar prohibir a sátira no Entroido a través de ameazas, denuncias ou do mal uso da lei non só é un atentando contra o noso patrimonio senón que ademais é un delito tipificado que debería ser perseguido e penado.

Así que non estamos a falar de liberdade de expresión, falamos simplemente de cumprir a lei. De cumprir a Constitución Española cando di que entre os seus obxectivos está “garantir a protección dos pobos de España no exercicio da súa cultura e promover o seu progreso; facilitar a participación da cidadanía na vida cultural e o seu acceso; e nas obrigas dos poderes públicos está de garantir a conservación e promover o enriquecemento do seu patrimonio cultural”. Falamos de cumprir o Plan Nacional de Salvaguarda del Patrimonio Cultural Inmaterial que ten por obxecto, entre outros, afondar na importancia de valorizar o protagonismo das comunidades, grupos e individuos na promoción, transmisión, formación e difusión das manifestacións inmateriais da cultura. Trátase de que a Xunta de Galicia exerza as súas competencias exclusivas en materia de fomento da cultura e na defensa e promoción dos valores culturais do pobo galego, que o Estatuto de Autonomía de Galicia define nos seus artigos 27.19 e 32. Falamos, en definitiva, de que se cumpra a Lei 5/2016 de 4 de maio, do Patrimonio Cultural de Galicia que no seu artigo 1.2 di claramente que o “patrimonio cultural de Galicia está constituído polos bens mobles, inmobles ou manifestacións inmateriais que, polo seu valor artístico, histórico, arquitectónico, arqueolóxico, paleontolóxico, etnolóxico, antropolóxico, industrial, científico e técnico, documental ou bibliográfico, deban ser considerados como de interese para a permanencia, recoñecemento e identidade da cultura galega a través do tempo, e tamén por aqueles bens ou manifestacións inmateriais de interese para Galicia nos que concorra algún dos valores citados e que se atopen en Galicia, con independencia do lugar no que se crearan”. Unha lei que no seu artigo 9.3 di que se consideran bens do patrimonio cultural inmaterial, entre outros, os usos, representacións, expresións, coñecementos e técnicas que as comunidades, os grupos e, nalgúns casos, os individuos recoñezan como parte integrante do seu patrimonio cultural. Citándose, especialmente, as tradicións e expresións orais, os usos sociais, rituais, cerimonias e actos festivos e tamén a artes do espectáculo, as representacións, xogos e deportes. En definitiva, falamos da protección do Entroido como elemento fundamental do noso patrimonio cultural e da nosa identidade como pobo.

Polo tanto, con respectar e facer respectar as leis que protexen o noso patrimonio cultural acabaríase o problema. Así que dende aquí insto ás autoridades autonómicas en materia de patrimonio e ás forzas da orde pública con competencias na materia para que actúen contra estes atentados continuos ao noso patrimonio inmaterial, do mesmo xeito que actuarían se se destruíse a catedral de Santiago ou a Torre de Hércules, pois en ambos os caos -o Entroido e o patrimonio histórico- o que está en xogo e a salvagarda da nosa cultura. Basta xa de barbarie e que viva o Entroido!

IV XORNADAS SOBRE MONTES COMUNAIS

Esta fin de semana temos unha cita en Salcedo (Pontevedra) para falar de patrimonio, medioambiente, deportes na natureza  e novos modelos de xestión e usos do monte comunal no século XXI. O venres ciclo de conferencias co historiador Buenaventura Aparicio Casado, o arqueólogo Israel Picón (Xurxo Constela tivo un imprevisto) e un servidor. O sábado viaxe de coñecemento e domingo andaina polo monte.

02_cartel_salcedo_iv

triptico_salcedo_atras

triptico_salcedo_portada